Sección: Outras axudas e subvencións

  • CONVOCATORIA DE AXUDAS PARA A TRANSFORMACIÓN DE FROTAS DE TRANSPORTE DE VIAXEIROS/AS E MERCADORIAS DE EMPRESAS PRIVADAS PRESTADORAS DE SERVIZOS DE TRANSPORTE POR ESTRADA, ASÍ COMO DE EMPRESAS QUE REALICEN TRANSPORTE PRIVADO COMPLEMENTARIO (FONDOS NEXTGENE

    Consellería de Infraestruturas e Mobilidade

    ORDE do 30 de marzo de 2022 pola que se convocan subvencións para a transformación de frotas de transporte de viaxeiros e mercadorías de empresas privadas prestadoras de servizos de transporte por estrada, así como de empresas que realicen transporte privado complementario, no marco do compoñente 1 do Plan de recuperación, transformación e resiliencia financiado pola Unión EuropeaNextGenerationEU, xestionado polo Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana para os anos 2022, 2023 e 2024 (códigos de procedemento IF318B, IF318C, IF318D, IF318E e IF318F).

    Beneficiarias 

    De acordo co disposto no artigo 14 do Real decreto 983/2021, do 16 de novembro, serán destinatarias últimas das subvencións convocadas por esta orde, sempre que teñan a súa residencia fiscal na Comunidade Autónoma de Galicia, as persoas físicas ou xurídicas que sexan titulares dalgunha das seguintes autorizacións en vigor na data de solicitude das axudas:

    a) Unha autorización de transporte público de mercadorías habilitante para facer transporte con vehículos ou conxuntos de vehículos de máis de 3,5 t de masa máxima, identificada coa clave MDPE.

    b) Unha autorización de transporte público discrecional de viaxeiros en autobús, identificada coa clave VDE.

    c) Unha autorización de transporte privado complementario de mercadorías habilitante para facer transporte con vehículos ou conxuntos de vehículos de máis de 3,5 t de masa máxima, identificada coa clave MPCE.

    d) Unha autorización de transporte privado complementario de viaxeiros en autobús coa clave VPCE.

    e) Unha autorización autonómica de transporte público de mercadorías con clave MDLE, sempre que teñan adscritos á devandita autorización vehículos de máis de 3,5 t de masa máxima na data de aprobación do presente real decreto.

    As destinatarias últimas definidas no punto anterior poderán recibir axudas unicamente en relación coa categoría e clase de vehículos asociada á habilitación que lles outorgue a autorización de que son titulares.

    Serán igualmente destinatarias últimas das subvencións convocadas mediante esta orde, sempre que teñan a súa residencia fiscal en Galicia, as persoas xurídicas privadas que na data de solicitude da axuda presten o servizo público de transporte urbano en autobús e estivesen exentas da obtención dalgunha das autorizacións incluídas no número 1 do artigo 14 do Real decreto 983/2021, do 16 de novembro.

    No marco do plan, dentro deste investimento inclúense como actuacións subvencionables:

    a) O achatarramento de vehículos.

    b) A adquisición de vehículos de enerxías alternativas baixas en carbono.

    c) O retrofit ou modificación da forma de propulsión de vehículos.

    d) A implantación de infraestrutura de recarga de vehículos eléctricos.

    e) A adquisición de semirremolques para autoestradas ferroviarias

    O prazo para a presentación de solicitudes comezará o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia e rematará o 30 de abril de 2024

    https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2022/20220401/AnuncioG0533-280322-0004_gl.pdf

  • DIRECCIÓN XERAL DE CONSUMO CONVOCA OS PREMIOS DE ARTESANIA DE GALICIA 2022

    Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación

    RESOLUCIÓN do 24 de marzo de 2022, da Dirección Xeral de Comercio e Consumo, pola que se acorda publicar as bases reguladoras dos premios de Artesanía de Galicia e a súa convocatoria para o ano 2022 (código de procedemento IN200A).

    Os premios de Artesanía de Galicia constan das seguintes modalidades:

    a) Premio Artesanía de Galicia 2022.

    b) Premio Traxectoria 2022.

    c) Premio Bolsa Eloy Gesto 2022.

    O prazo de presentación de candidaturas iníciase a partir das 8.00 horas do 17 de outubro de 2022 e remata ás 14.30 horas do 28 de outubro de 2022.

    https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2022/20220401/AnuncioG0596-180322-0003_gl.pdf

  • AXENCIA INSTITUTO ENERXÉTICO DE GALICIA CONVOCA O PROGRAMA DE INCENTIVOS PARA A IMPLANTACIÓN DE INSTALACIÓNS DE ENERXÍAS RENOVABLES TÉRMICAS EN DIFERENTES SECTORES DA ECONOMÍA (FONDOS NEXTGENERATION)

    Axencia Instituto Enerxético de Galicia

    Resolución do 21 de marzo de 2022 pola que se aproba a convocatoria do procedemento de concesión de axudas correspondentes ao Programa de incentivos para a implantación de instalacións de enerxías renovables térmicas en diferentes sectores da economía, no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia financiado pola Unión EuropeaNextGenerationEU (código de procedemento IN422N).

    Serán destinatarias últimas das axudas os suxeitos que se enumeran nos seguintes puntos, sempre que realicen unha actividade económica pola que ofrezan bens ou servizos no mercado:

    a) Persoas físicas que deberán estar dadas de alta no Censo de empresarios, profesionais e retedores da Axencia Estatal de Administración Tributaria.

    b) Persoas xurídicas.

    c) Calquera entidade do sector público institucional de calquera administración pública a que se refire o artigo 2.2 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, así como as entidades de dereito privado ou organizacións privadas sen ánimo de lucro.

    d) Agrupacións, asociacións, consorcios ou calquera outra forma de colaboración de calquera das figuras dos tres puntos anteriores, con ou sen personalidade xurídica.

    A presente resolución ten por obxecto a aprobación da convocatoria de axudas correspondente ás anualidades 2022-2023 para o programa de incentivos para a implantación de instalacións de enerxías renovables térmicas en diferentes sectores da economía de acordo coas bases reguladoras previstas no Real decreto 1124/2021, do 21 de decembro (publicado no BOE núm. 305, do 22 de decembro) código de procedemento IN422N. 

    Pola presente resolución convócanse axudas para as seguintes actuacións:

    Programa de incentivos 1: realización de instalacións de enerxías renovables térmicas nos sectores industrial, agropecuario, servizos e outros sectores da economía incluíndo o sector residencial.

    Dado o carácter incentivador do programa de incentivos 1, só se admitiran os proxectos iniciados con posterioridade á data de presentación da solicitude de axuda, en aplicación do efecto incentivador previsto no artigo 6 do Regulamento (UE) nº 651/2014.

    O prazo de presentación de solicitudes comezará as 9.00 horas do día 20 de abril de 2022 e rematará o 31 de decembro de 2023, ao ser inhábil, prorrógase ata o 2 de xaneiro de 2024.

    O prazo máximo de execución e xustificación das actuacións será de 18 meses contados desde a data de notificación da resolución de concesión.

    https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2022/20220331/AnuncioG0474-180322-0003_gl.pdf

  • CONSELLERÍA DE MEDIO RURAL CONVOCA AXUDAS Á REESTRUCTURACIÓN E RECONVERSIÓN DA VIÑA EN GALICIA

    CONSELLERÍA DO MEDIO RURAL

    ORDE do 29 de marzo de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas á reestruturación e reconversión da viña en Galicia e se convocan para o ano 2022 (código de procedemento MR446A).

    Poderán ser beneficiarias destas axudas as persoas viticultoras e futuros viticultores cuxos viñedos se destinen á produción de uva para vinificación.

    Poderá subvencionarse unha ou varias das seguintes actuacións:

    a) Reimplantación de viñas.

    b) Reconversión varietal.

    c) Mellora das técnicas de xestión de viñas.

    As axudas poderán ser de:

    a) Compensación pola perda de ingresos (2.226 euros/ha e campaña, de ser o caso).

    b) Custos de reestruturación e reconversión da viña (50 % dos custos subvencionables).

    O prazo para presentar as solicitudes será dun mes, que se contará desde o día seguinte ao de publicación da orde no Diario Oficial de Galicia.

    https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2022/20220330/AnuncioG0426-280322-0006_gl.pdf

  • AXENCIA GALEGA DA CALIDADE ALIMENTARIA CONVOCA AXUDAS Á NOVA PARTICIPACIÓN DE AGRICULTORES/AS EN RÉXIMES DE CALIDADE

    Axencia Galega da Calidade Alimentaria

    RESOLUCIÓN do 17 de marzo de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas á nova participación de agricultores en réximes de calidade, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020, e se convocan para o ano 2022 (código de procedemento MR362A)

    Poderán ser beneficiarias destas axudas as persoas físicas ou xurídicas, titulares de explotacións agrarias que cumpran a condición de agricultor activo conforme o establecido no artigo 9 do Regulamento (UE) núm. 1307/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, e no capítulo I do título II do Real decreto 1075/2014, do 19 de decembro, e que participen por primeira vez nalgún dos réximes de calidade dos produtos agroalimentarios definidos na letra b) do artigo 2 e recollidos no PDR de Galicia 2014-2020. En todo caso, a data da alta no réxime de calidade ten que ser posterior ao 18 de novembro de 2015, data de aprobación do PDR de Galicia 2014-2020 e anterior á data límite do período subvencionable que se defina en cada convocatoria.

    No caso do programa de calidade relativo á produción ecolóxica, tamén terá a consideración de nova participación aquela que se refira a agricultores/as que, tendo previamente actividade no dito programa, inicien a actividade de produción ecolóxica con destino ao mercado en relación con algunha nova orientación produtiva. En todo caso, esta nova orientación produtiva debe ter unha dimensión económica suficiente para superar a consideración de actividade de autoconsumo. Para estes efectos, no anexo III recóllense, para distintas orientacións produtivas, os valores que se deben superar para considerar que a actividade ten vocación comercial e, polo tanto, está por riba dos valores do mero autoconsumo.

    Gastos subvencionables e contía das axudas

    1. Serán subvencionables os custos fixos ocasionados pola inscrición nun réxime de calidade e a cota anual de participación no dito réxime, incluídos, de ser o caso, os custos dos controis necesarios para comprobar o cumprimento do prego de condicións do réxime.

    Non se considerarán subvencionables os custos internos ou de autocontrol. No caso das persoas beneficiarias por comezaren nunha nova orientación produtiva dentro da produción ecolóxica, os gastos deberán estar relacionados con esa nova orientación produtiva.

    2. A contía da axuda será do 100 % dos gastos subvencionables realizados, sen superar os 3.000 euros anuais por explotación, durante un período máximo de cinco anos.

    3. Non se tramitarán expedientes cuxa contía non supere os 50 €

    O prazo para a presentación de solicitudes comezará a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia e rematará o 18 de maio de 2022.

    https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2022/20220329/AnuncioG0528-180322-0001_gl.pdf

  • SECRETARIA XERAL DE EMIGRACIÓN CONVOCA AXUDAS EXTRAORDINARIAS A PERSOAS EMIGRANTES RETORNADAS

    Vicepresidencia primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo

    RESOLUCIÓN do 15 de marzo de 2022, da Secretaría Xeral da Emigración, pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión das axudas extraordinarias a persoas emigrantes galegas retornadas e se procede á súa convocatoria para o ano 2022 (código de procedemento PR905A).

    Esta resolución ten por obxecto aprobar as bases que regularán o procedemento de concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, de subvencións da Secretaría Xeral da Emigración que teñen por finalidade a concesión de axudas extraordinarias e non periódicas dirixidas a persoas emigrantes galegas retornadas que carezan dos recursos suficientes para axudar a facer fronte aos gastos extraordinarios da unidade familiar derivados do seu retorno á Comunidade Autónoma de Galicia (código de procedemento PR905A).

    Poderán ser beneficiarias destas axudas as seguintes persoas que, residindo fóra de España con nacionalidade española, establezan a súa residencia na Comunidade Autónoma galega:

    a) As persoas galegas e nacidas en Galicia.

    b) Os/as cónxuxes ou persoas con unión análoga á conxugal das persoas galegas e nacidas en Galicia.

    c) Os/as descendentes por consanguinidade das persoas galegas e nacidas en Galicia.

    As axudas de carácter xenérico para facer fronte á situación derivada do retorno da unidade familiar previstas nesta resolución aboaranse por unha soa vez e o seu importe establécese en función do número de puntos que se obteña segundo os criterios recollidos no artigo 5. Fíxase, para estes efectos, un valor de 300 euros por unidade de puntuación, o que determinará a contía da axuda.

    As contías destas axudas outorgaranse por cada fillo/a menor de 18 anos e terán os seguintes importes:

    – 1.000 euros polo primeiro e segundo fillo/a menor de 18 anos.

    – 1.500 euros a partir do terceiro fillo/a menor de 18 anos.

    O prazo de presentación das solicitudes será desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia ata o 30 de setembro de 2022, incluído.

    https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2022/20220329/AnuncioG0595-210322-0002_gl.pdf

  • IGAPE PUBLICA AS BASES REGULADORAS DOS PRÉSTAMOS PREVISTOS NO INSTRUMENTO FINANCEIRO PRÉSTAMOS PEMES GALICIA 2014-2020

    Instituto Galego de Promoción Económica

    RESOLUCIÓN do 14 de marzo de 2022 pola que se dá publicidade do Acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras dos préstamos previstos no Instrumento financeiro préstamos pemes Galicia-programa operativo Feder Galicia 2014-2020, e se procede á súa convocatoria para o ano 2022 en réxime de concorrencia non competitiva (código de procedemento IG534C).

    As axudas concédense en réxime de concorrencia non competitiva e teñen por obxecto poñer á disposición das pemes liñas de financiamento directo que melloren o seu acceso ao crédito, e faciliten a execución de proxectos de investimento na Comunidade Autónoma de Galicia.

    Poderán ser beneficiarias as pequenas, medianas ou microempresas conforme a definición establecida pola Comisión Europea no anexo I do Regulamento (UE) nº 651/2014 (DOUE L 187, do 26 de xuño), que cumpran os seguintes requisitos:

    a) Realizar unha iniciativa empresarial nun centro de traballo, obxecto do proxecto de investimento, localizado na Comunidade Autónoma de Galicia.

    b) Cumprir as condicións establecidas especificamente para a correspondente modalidade de produto financeiro, conforme os requisitos que se detallan no anexo I das bases reguladoras.

    c) Achegar para o proxecto de investimento unha contribución financeira mínima do 25 % do proxecto, exenta de calquera tipo de apoio público.

    Para as modalidades de préstamo especificamente indicadas no anexo I das bases reguladoras, poderán ser tamén beneficiarias as persoas físicas e as sociedades civís e comunidades de bens que cumpran os requisitos do punto 1 anterior.

    O prazo de presentación de solicitudes comezará o día seguinte ao da publicación da resolución de convocatoria no Diario Oficial de Galicia e rematará cando se produza a primeira das seguintes circunstancias:

    a) Que conforme as solicitudes recibidas, se esgote o crédito orzamentario, o que será obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia e na páxina web do Igape, co fin de pechar anticipadamente o prazo de presentación de solicitudes, de conformidade co disposto no artigo 32 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

    b) O 30 de setembro de 2022.

    https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2022/20220328/AnuncioO92-140322-0001_gl.pdf

  • AXENCIA PARA A MODERNIZACIÓN TECNOLÓXICA DE GALICIA CONVOCA AXUDAS A EMPRESAS ILLADAS EN ZONAS RURAIS PARA A CONTRATACIÓN DE SERVIZOS DE BANDA LARGA ULTRARRÁPIDA (FONDOS DE FEDER)

    AXENCIA PARA A MODERNIZACIÓN TECNOLÓXICA DE GALICIA

    RESOLUCIÓN do 9 de marzo de 2022 pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, a empresas illadas en zonas rurais para a contratación de servizos de banda larga ultrarrápida, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020, e se procede á súa convocatoria para o ano 2022 (código de procedemento PR604A).

    As empresas privadas, xa sexan persoas físicas que realicen actividade económica ou persoas xurídicas legalmente constituídas, que acrediten, coa solicitude de subvención, o cumprimento dos seguintes requisitos:

    – Ter domicilio fiscal ou polo menos un centro de traballo en Galicia.

    – Non ter contratado nin poder contratar en condicións de mercado, na localización obxecto de solicitude, servizos de banda larga ultrarrápida, con trinta (30) ou máis megabits por segundo de descarga (fluxo de datos no sentido da rede ao usuario), estando polo tanto illada das redes que prestan estes servizos.

    – Non estar no marco de actuación de plans de despregamento en curso de redes de banda larga ultrarrápida, e estar polo tanto a empresa illada destas redes.

    O ámbito temporal de vixencia das presentes bases será desde o día seguinte á súa publicación no Diario Oficial de Galicia, ata o 31 de decembro de 2025.

    As subvencións están destinadas á contratación de servizos de banda larga ultrarrápida que cumpran os seguintes parámetros de nivel de servizo:

    a) Permitir unha taxa de transferencia nominal por usuario final no sentido da rede cara ao usuario de, polo menos, 100 Mbps medidos na saída do equipamento da rede do operador máis próximo ao usuario final (velocidade de baixada ou descarga), cunha garantía de caudal do 80 % (o 95 % do tempo).

    b) Permitir unha taxa de transferencia nominal por usuario final no sentido do usuario cara á rede de, polo menos, 100 Mbps medidos na saída do equipamento da rede do operador máis próximo ao usuario final (velocidade de subida ou carga), cunha garantía de caudal do 80 % (o 95 % do tempo).

    c) Permitir, mantendo todas as características do servizo inalteradas, a transferencia ilimitada de datos en ambos os sentidos (da rede ao usuario e do usuario á rede).

    d) Asegurar unha dispoñibilidade do servizo, nos termos de calidade de servizo mencionados de, polo menos, o 98 % medida en intervalos de meses naturais por usuario final.

    e) Asegurar que os parámetros de calidade de servizo (QoS) de transmisión de datos proporcionado (jitter, retardamento e taxa de perda de paquetes) son compatibles coa realización de comunicacións de voz e vídeo en tempo real.

    f) Resolver, polo menos, o 95 % das incidencias que supoñan un corte de servizo en vinte e catro (24) horas ou menos.

    O prazo para a presentación das solicitudes é de 45 días naturais contados desde o día seguinte ao da publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Se o último día fose inhábil, entenderase prorrogado ao seguinte día hábil.

    https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2022/20220323/AnuncioG0177-100322-0001_gl.pdf

     

  • CONSELLERÍA DE CULTURA, EDUCACIÓN E UNIVERSIDADE CONVOCA OS PREMIOS EXTRAORDINARIOS DE FORMACIÓN PROFESIONAL DE GRAO SUPERIOR EN GALICIA

    CONSELLERÍA DE CULTURA, EDUCACIÓN E UNIVERSIDADE

    ORDE do 8 de marzo de 2022 pola que se convocan os premios extraordinarios de formación profesional de grao superior da Comunidade Autónoma de Galicia correspondentes ao curso 2020/21 (código de procedemento ED311B)

    Poderanse conceder ata vinte e tres premios extraordinarios, un por cada familia de formación profesional de grao superior implantada na Comunidade Autónoma de Galicia.

    Poderá optar aos premios extraordinarios de formación profesional de grao superior o alumnado que cumpra os seguintes requisitos:

    a) Ter cursado estudos de formación profesional de grao superior durante o curso 2020/21 nalgún centro educativo da Comunidade Autónoma de Galicia, ben na modalidade presencial ben na modalidade a distancia, e ter rematado os seus estudos no ano 2021.

    b) Ter obtido unha cualificación final do ciclo formativo igual ou superior a 8,50, nos termos establecidos no artigo 50 do Decreto 114/2010, do 1 de xullo, polo que se establece a ordenación xeral da formación profesional do sistema educativo de Galicia. Esta cualificación expresarase con dúas cifras decimais, redondeada á centésima máis próxima e, en caso de equidistancia, á superior.

    c) Non ter a condición de persoal docente que desenvolva ou desenvolvese a súa actividade laboral na Consellería de Cultura, Educación e Universidade nos tres anos anteriores a esta convocatoria.

    O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado desde o día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia

    https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2022/20220321/AnuncioG0598-090322-0001_gl.pdf

  • INEGA CONVOCA AXUDAS A PROXECTOS DE BIOMASA DESTINADA A PARTICULARES, ASÍ COMO LA SELECCIÓN DE LAS ENTIDADES COLABORADORAS

    Axencia Instituto Enerxético de Galicia

    RESOLUCIÓN do 27 de decembro de 2021 pola que se aproban as bases reguladoras das subvencións para proxectos de biomasa destinadas a particulares, así como a selección das entidades colaboradoras que participarán na súa xestión, e se convocan estas subvencións para o ano 2022 (códigos de procedemento IN421N e IN421P).

    O obxecto destas subvencións é apoiar proxectos promovidos polos particulares e as súas agrupacións e asociacións con fins de aforro enerxético e fomento do uso das enerxías renovables. Os proxectos limitaranse a instalacións para a xeración de enerxía térmica mediante equipamentos que utilicen biomasa como combustible.

    En concreto, os proxectos de biomasa que se subvencionaran son os do grupo:

    A1 Estufas de aire, cociñas calefactoras, A2 Cambio de queimadores existentes que non sexan de biomasa,

    B1 Equipamentos térmicos que utilicen leña, hidroestufas ou insert/cheminea de auga, B2 Caldeiras de pélets con volume de acumulación de combustible inferior a 1000 l, e B3 Caldeiras de pélets con volume de acumulación de combustible maior o igual a 1000 l.

    Actuacións que se subvencionan

    Poderán ter dereito a subvención todas aquelas actuacións descritas nos artigos 1 e 5 destas bases reguladoras, que se executen dentro do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia e o prazo de execución dos proxectos subvencionables iniciarase unha vez se efectuase a solicitude de axuda ante esta entidade e rematará o 30 de setembro de 2022. 

    Conceptos subvencionables

    1. Serán subvencionables:

    a) O equipamento principal de xeración enerxética.

    b) O custo do equipamento térmico e os seus accesorios principais (sistema de regulación e control, sistemas de limpeza, depuración de fumes, extracción de cinzas).

    c) Resto de accesorios da instalación para o correcto funcionamento do sistema.

    d) O custo do sistema de almacenamento do combustible.

    e) O custo do sistema de alimentación do combustible.

    f) O custo de montaxe e conexión.

    A contía da axuda será do 50 % do investimento elixible da instalación. A contía máxima por proxecto será de 60.000 €.

    Forma e prazo para presentar as solicitudes

    1. As solicitudes de adhesión serán presentadas pola entidade colaboradora interesada segundo o formulario normalizado anexo II desta resolución, xunto coa documentación que se indica nas bases reguladoras.

    2. As solicitudes de axudas serán presentadas polas entidades colaboradoras segundo o formulario normalizado anexo IV desta resolución, xunto coa documentación que se indica nas bases reguladoras.

    O prazo de presentación de solicitudes de adhesión das entidades colaboradoras comezará a partir do primeiro día hábil seguinte ao da publicación no DOG da presente resolución e rematará o 1 de xuño de 2022. 

    O prazo de presentación de solicitudes de axuda comezará o 1 de marzo de 2022 ás 9.00 horas e rematará o 1 de xullo de 2022 ou cando se esgoten os fondos.

    Adhesión de entidades colaboradoras.

    a) Adhesión simplificada.

    1º. Esta forma de adhesión está unicamente dirixida ás entidades colaboradoras adheridas ao convenio de xestión das axudas para a xestión de subvencións para proxectos de enerxías renovables para uso térmico, destinadas a particulares, reguladas na Resolución do 28 de decembro de 2020 (DOG núm. 10, do 18 de xaneiro de 2021) e que desexen adherirse aos procedementos de xestión das axudas para proxectos de biomasa, destinadas a particulares, para á anualidade 2022.

    2º. A entidade colaboradora deberá acceder á aplicación informática dispoñible na páxina web do Inega (http://www.inega.gal) ou accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia (http://sede.xunta.gal) para cubrir a solicitude de adhesión (anexo II) e o convenio de colaboración (anexo III), xerarase un documento en formato pdf con estes dous anexos.

    Por defecto, a aplicación informática cubrirá os anexos cos datos dispoñibles da convocatoria de adhesión de entidades colaboradoras que participasen no procedemento de xestión das axudas para proxectos de enerxías renovables para uso térmico, destinados a particulares, da anualidade 2021.

    Para acceder á aplicación informática e solicitar a adhesión simplificada utilizará o usuario e o contrasinal outorgados polo Inega na convocatoria 2021.

    Unha vez xerada a solicitude normalizada (anexo II) e o convenio de colaboración (anexo III), deberá presentalos por vía electrónica de conformidade co establecido. 3º. Se houbese cambio na representación da entidade colaboradora deberá volverse achegar a documentación solicitada con carácter xeral.

    Para todas as solicitudes simplificadas, o Inega poderá proceder comprobar os datos recollidos na adhesión común que se regula a continuación. Se, como consecuencia destas comprobacións, procede solicitar a emenda de documentación realizarase nos termos recollidos no citado procedemento de adhesión común.

    b) Adhesión común (alta novas entidades colaboradoras).

    1º. A primeira vez que a entidade colaboradora acceda á aplicación asignarase un usuario e un contrasinal.

    Este usuario e contrasinal serán os válidos para consultar o estado da solicitude de adhesión, para cubrir as solicitudes de axuda e para ver o seu estado.

    2º. A entidade colaboradora deberá acceder á aplicación informática dispoñible na páxina web do Inega (http://www.inega.gal) ou accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia (http://sede.xunta.gal) para cubrir a solicitude de adhesión (anexo II) e o convenio de colaboración (anexo III), xerarase un documento en formato pdf con estes dous anexos. Unha vez xerada a solicitude normalizada (anexo II), deberá presentala por vía electrónica de conformidade co establecido. As copias dos documentos dixitalizados gozarán da mesma validez e eficacia que os orixinais, sempre que exista constancia de que sexan auténticas.

    Toda a información: https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2022/20220118/AnuncioG0474-271221-0002_gl.pdf