Sección: Outras axudas e subvencións

  • XUNTA DE GALICIA CONVOCA AS SUBVENCIÓNS DO PROGRAMA DE AXUDAS ECONÓMICAS INDIVIDUAIS PARA PERSOAS RESIDENTES NO EXTERIOR

    Vicepresidencia primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo

    RESOLUCIÓN do 28 de xaneiro de 2022, da Secretaría Xeral da Emigración, pola que se regulan e se convocan as subvencións do Programa de axudas económicas individuais para persoas residentes no exterior para o ano 2022 (código de procedemento PR925A).

    O obxecto desta resolución é establecer un programa de axudas económicas individuais e de carácter extraordinario, non periódico e social, para o ano 2022, en réxime de concorrencia non competitiva, dirixido ás persoas emigrantes de nacionalidade española e de orixe galega, e a determinados familiares, residentes nos países do estranxeiro en que o Estado español teña fixada unha base de cálculo para a prestación por razón de necesidade no ano anterior ao da convocatoria e que se encontren en situación de precariedade económica. Estas axudas están destinadas a cubrir as necesidades básicas de subsistencia e atención sociosanitaria.

    Poderán ser persoas beneficiarias destas axudas:

    1. As persoas emigrantes galegas e os/as seus/súas fillos/as con dezaoito (18) anos feitos que posúan a condición de persoas galegas residentes no exterior, de acordo co establecido no parágrafo seguinte deste punto, e que o acrediten segundo o establecido no artigo 14.

    Para os efectos da presente convocatoria terán a condición de persoas galegas residentes no exterior aquelas persoas emigrantes que nacesen en Galicia ou ben acrediten ter residido en Galicia de forma continuada durante dez anos con nacionalidade española, así como tamén os/as seus/súas fillos/as con dezaoito (18) anos feitos que teñan nacionalidade española e que se encontren vinculados/as a calquera concello galego no Padrón de españois residentes no estranxeiro (PERE).

    2. Os/as netos/as de persoas emigrantes galegas, con dezaoito (18) anos feitos, que teñan a condición de persoas galegas residentes no exterior, con nacionalidade española, que se encontren vinculados/as a calquera concello galego no PERE e que acrediten un ano de residencia continuada en Galicia.

    3. No caso de falecemento das persoas indicadas nos números 1 e 2, poderán ser, por unha vez, persoas beneficiarias das axudas previstas no artigo 5 o/a seu/súa cónxuxe viúvo/a ou parella de feito ou relación análoga de afectividade ou os/as fillos/as da persoa falecida, sempre e cando non transcorresen máis de quince meses desde o pasamento e a persoa falecida fose beneficiaria nalgunha das dúas últimas convocatorias deste programa.

    4. Os/as fillos/as e netos/as de persoas emigrantes galegas deberán ter a nacionalidade española, cando menos, cun ano de antigüidade na data de remate do prazo de presentación de solicitudes.

    O prazo de presentación das solicitudes será de trinta (30) días hábiles contados a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

    https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2022/20220215/AnuncioG0595-280122-0001_gl.pdf

  • XUNTA DE GALICIA CONVOCA AXUDAS A EMPRESAS PRIVADAS PARA O FOMENTO DA SUSTENTABILIDADE NO DESENVOLVEMENTO DA ACTIVIDADE INDUSTRIAL DO SECTOR DOS RECURSOS NATURAIS EN GALICIA

    VICEPRESIDENCIA SEGUNDA E CONSELLERÍA DE ECONOMÍA, EMPRESA E INNOVACIÓN

    ORDE do 25 de xaneiro de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións a empresas privadas, en réxime de concorrencia non competitiva, para o fomento da sustentabilidade no desenvolvemento da actividade industrial do sector dos recursos naturais en Galicia, e se convocan para o ano 2022 (código de procedemento IN308D).

    https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2022/20220211/AnuncioG0596-260122-0001_gl.pdf

  • CONSELLERÍA DE MEDIO RURAL AO ABEIRO DOS FONDOS DE RECUPERACIÓN EUROPEOS CONVOCA AXUDAS PARA A CREACIÓN DE EMPRESAS PARA AS PERSOAS AGRICULTORAS MOZAS, PARA O APOIO AOS INVESTIMENTOS NAS EXPLOTACIÓNS AGRÍCOLAS E PARA A CREACIÓN DE EMPRESAS PARA O DESENVOL

    Consellería do Medio Rural

    ORDE do 30 de decembro de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para a creación de empresas para as persoas agricultoras mozas, financiadas co instrumento de recuperación da Unión Europea (EURI), para o apoio aos investimentos nas explotacións agrícolas e para a creación de empresas para o desenvolvemento de pequenas explotacións, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020, e se convocan para o ano 2022 (códigos de procedemento MR404A, MR405A e MR405B).

    Esta orde ten por obxecto convocar para o ano 2022 as seguintes liñas de axuda incluídas no Programa de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020, en réxime de concorrencia competitiva:

    a) Medida 4. Investimentos en activos físicos.

    – Submedida 4.1. Apoio aos investimentos nas explotacións agrícolas.

    b) Medida 6. Desenvolvemento de explotacións agrícolas e empresariais.

    – Submedida 6.1. Creación de empresas para as persoas agricultoras mozas.

    – Submedida 6.3. Creación de empresas para o desenvolvemento de pequenas explotacións.

    Estas axudas teñen como finalidade:

    a) Incrementar a competitividade e o rendemento global das explotacións mediante a súa modernización.

    b) Asegurar a competitividade e a continuidade do tecido agrario.

    En función do tipo de axuda solicitada, poderán ser beneficiarias as seguintes persoas:

    a) Medida 4. Investimentos en activos físicos.

    a) Submedida 4.1. Apoio aos investimentos nas explotacións agrícolas (plans de mellora nas explotacións agrarias, código de procedemento MR405A).

    a. Persoas físicas ou xurídicas titulares de explotacións agrarias.

    b. Persoas agricultoras mozas que se instalan nunha explotación de nova creación.

    b) Medida 6. Desenvolvemento de explotacións agrícolas e empresariais.

    a) Submedida 6.1. Creación de empresas para as persoas agricultoras mozas (código de procedemento MR404A).

    a. Calquera persoa física que, no momento de presentar a solicitude, non teña máis de corenta anos, conte coa capacidade e competencias profesionais adecuadas e se instale nunha explotación agraria por vez primeira como xefe da dita explotación.

    b) Submedida 6.3. Creación de empresas para o desenvolvemento de pequenas explotacións (código de procedemento MR405B).

    a. Persoas físicas ou xurídicas titulares de explotacións agrarias

    O prazo de presentación de solicitudes será de 1 mes, que se contará desde o día seguinte ao da publicación da orde no Diario Oficial de Galicia.

    https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2022/20220209/AnuncioG0426-190122-0019_gl.pdf

  • AXENCIA TURISMO DE GALICIA CONVOCA SUBVECIÓNS PARA ACTUACIÓNS DE MELLORA DAS INFRAESTRUCTURAS DOS ESTABLECEMENTOS TURÍSTICOS DE ALOXAMENTO E RESTAURACIÓN DE GALICIA

    Axencia Turismo de Galicia

    RESOLUCIÓN do 17 de xaneiro de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións para actuacións de mellora das infraestruturas dos establecementos turísticos de aloxamento e de restauración da Comunidade Autónoma de Galicia, e se establece a súa convocatoria para o ano 2022 (código de procedemento TU503A).

    As subvencións reguladas por estas bases teñen por obxecto a mellora da infraestrutura turística da Comunidade Autónoma de Galicia mediante a incentivación para a mellora das infraestruturas dos establecementos de aloxamento turístico e de restauración da Comunidade Autónoma de Galicia (TU503A).

    En concreto, son actuacións subvencionables as que se realicen en calquera dos seguintes tipos de establecementos turísticos:

    a) Os establecementos hoteleiros, campamentos de turismo, establecementos de turismo rural, apartamentos turísticos e albergues turísticos, de acordo co artigo 55.1 da Lei 7/2011, do 27 de outubro.

    b) As empresas de restauración que se enmarquen dentro do grupo I do artigo 77 da Lei 7/2011, do 27 de outubro.

    Consideraranse actuacións subvencionables todas aquelas que se inicien a partir do 1 de xaneiro de 2022. En ningún caso se admitirán nin facturas nin xustificantes de pagamento anteriores á dita data.

    En concreto, poderán ser obxecto de subvención, de conformidade co que se establece nesta resolución, os seguintes investimentos:

    3.1. Actuacións destinadas a mellorar as condicións de accesibilidade e supresión de barreiras arquitectónicas.

    3.2. Obras destinadas á mellora das instalacións coa finalidade de obter certificacións de calidade, en especial o Q de Calidade Turística.

    3.3. Actuacións destinadas á adaptación ás modificacións normativas e á mellora da clasificación do establecemento que supoñan un incremento de categoría.

    3.4. Actuacións de renovación e modernización das instalacións e embelecemento do contorno da instalación.

    3.5. Equipamentos mobles necesarios para o funcionamento.

    3.6. Actuacións de mellora da climatización que favorezan a sustentabilidade coa implementación de medidas de aforro enerxético, así como a instalación ou mellora de sistemas de extracción e renovación do aire.

    Actuacións de dixitalización dos sistemas de xestión e comercialización do establecemento.

    Adaptación dos sistemas de seguridade e saúde na prestación de servizos.

    O investimento neto admitido será de ata 100.000 €.

    No caso de que o orzamento de execución do proxecto presentado coa solicitude de subvención sexa superior ao dito límite, requirirase o solicitante para que reaxuste o proxecto que se vai executar ao citado límite.

    O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

    https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2022/20220207/AnuncioG0256-180122-0001_gl.pdf

  • CONSELLERIA DE MEDIO RURAL CONVOCA AO ABEIRO DOS FONDOS FEDER AXUDAS PARA OS INVESTIMENTOS EN TRANSFORMACIÓN E COMERCIALIZACIÓN DE PRODUTOS AGRARIOS

    Consellería do Medio Rural

    ORDE do 30 de decembro de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para os investimentos en transformación e comercialización de produtos agrarios do período 2014-2020 cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), e se convocan para o exercicio orzamentario de 2022 (código de procedemento MR340A).

    Poderán acollerse a estas axudas os empresarios individuais ou sociedades que sexan ou vaian ser titulares de instalacións obxecto da axuda dedicadas á transformación e/ou comercialización de produtos do anexo I do Tratado constitutivo da Comunidade Europea e sobre as cales recaia a carga financeira dos investimentos e gastos que se consideren subvencionables.

    Considéranse incentivables, con carácter xeral, os investimentos en activos fixos materiais para a creación, ampliación e modernización das instalacións situadas en Galicia destinadas á transformación e/ou comercialización de produtos agrarios, considerando como tales os produtos enumerados no anexo I do Tratado constitutivo da Comunidade Europea, excepto os produtos da pesca.

    Así mesmo, poderán subvencionarse investimentos relativos a procesos de transformación en que interveñan produtos non incluídos no anexo I do Tratado, se estes son un compoñente menor do produto final. Considerarase que son un compoñente menor cando a cantidade ou valor económico total deles non supere o 25 % do peso ou valor económico total do produto final. 2. Os produtos resultantes dos procesos de transformación e/ou comercialización poderán ser produtos agrarios (incluídos no anexo I do Tratado) ou non agrarios (non incluídos no anexo I do Tratado).

    Para estes efectos considerarase que os produtos resultantes dos procesos de transformación e/ou comercialización son produtos agrarios cando a totalidade deles estean incluídos no anexo I do Tratado.

    Os tipos de gasto incentivables son os seguintes:

    a) Construción, adquisición e mellora de bens inmobles. A compra de terreos ata un valor inferior ao 10 % do total dos gastos subvencionables.

    b) Compra de maquinaria e equipamentos novos, ata o seu valor de mercado.

    c) Os seguintes investimentos intanxibles: adquisición ou desenvolvemento de programas informáticos, así como adquisicións de patentes, licenzas, dereitos de autor e marcas rexistradas relacionadas cos procesos produtivos.

    d) Os custos xerais vinculados ás alíneas a) e b) anteriores consistentes en honorarios de proxecto e dirección de obra, así como en estudos de viabilidade. En todo caso, o importe admisible nestes custos non poderá superar o 12 % do importe total dos investimentos subvencionables das alíneas a), b) e c) anteriores

    O prazo de presentación de solicitudes para subvencións desta convocatoria será dun mes contado a partir do día seguinte ao de publicación desta orde. O prazo de presentación de solicitudes de préstamos garantidos desta convocatoria finalizará o día 30 de marzo de 2022.

    https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2022/20220207/AnuncioG0426-190122-0014_gl.pdf

  • CONSELLERÍA DE POLÍTICA SOCIAL CONVOCA AXUDAS ECONÓMICAS ÁS FAMILIAS CON PERSOAS EN SITUACIÓN DE DEPENDENCIA OU DISCAPACIDADE A TRAVÉS DO PROGRAMA RESPIRO FAMILIAR PARA PERSOAS COIDADORAS

    Consellería de Política Social

    ORDE do 31 de decembro de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras da concesión de axudas económicas ás familias con persoas en situación de dependencia ou con discapacidade a través do programa Respiro familiar para persoas coidadoras, e se procede á súa convocatoria para o ano 2022 (código de procedemento BS614B).

    Para facilitar a conciliación da vida persoal, familiar e laboral das persoas coidadoras, defínense as actuacións subvencionables a través das seguintes modalidades do citado programa:

    a) Modalidade de Respiro no fogar, nas condicións detalladas no artigo 5.1, para financiar a atención puntual, integral e directa no propio fogar da persoa dependente ou con discapacidade ou en situación de necesidade de terceiros para as actividades da vida diaria, acreditada mediante informe médico e social.

    b) Modalidade de Respiro en residencia, nas condicións detalladas no artigo 5.2, para financiar estadías temporais en centros residenciais da Comunidade Autónoma de Galicia.

    Poderán ser beneficiarias das axudas deste programa aquelas persoas coidadoras habituais non profesionais que atendan de forma continuada unha ou máis persoas dependentes ou con discapacidade ou en situación de necesidade de terceiros para as actividades da vida diaria, acreditada mediante informe médico e social.

    Para que a persoa coidadora sexa beneficiaria da subvención é necesario que concorran os seguintes requisitos:

    a) Que a persoa coidadora solicitante da subvención ou a persoa ou persoas que vaia atender, sexan residentes na Comunidade Autónoma de Galicia.

    b) Que a persoa que se vai atender se encontre nalgunha das seguintes situacións:

    1º. Discapacidade física, psíquica ou mental con necesidade de axuda de terceiras persoas para as actividades da vida diaria, e ter recoñecida polo organismo competente unha discapacidade en grao igual ou superior ao 75 %.

    2º. Ter recoñecida a situación de dependencia polo organismo competente no grao II ou III.

    3º. Que a persoa que se vai atender, no caso de non encontrarse nas situacións enumeradas nos ordinais anteriores, presente unha situación de necesidade de terceiros para as actividades da vida diaria, acreditada mediante informe médico e social.

    2. Ademais, as persoas coidadoras, para seren beneficiarias da subvención, teñen que cumprir os requisitos establecidos no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

    Tipo de axuda e contía

    1. Modalidade Respiro no fogar. A axuda consistirá nunha achega para contribuír ao pagamento do servizo de atención a domicilio para atender necesidades puntuais nos supostos convenientemente acreditados.

    A través desta modalidade, prevista para dar resposta ás demandas concretas das familias e das persoas coidadoras, por espazos de tempo definidos e non moi longos, contribuirase á prestación dunha atención integral e directa no propio fogar da persoa dependente, con discapacidade ou necesidades de terceiros para as actividades da vida diaria, co obxectivo de manter estas persoas no seu domicilio e ofertarlle ao seu coidador habitual a posibilidade de dispoñer dunhas horas para o seu descanso persoal ou ben para cubrir as súas necesidades puntuais derivadas da conciliación das obrigas laborais e persoais e as responsabilidades familiares que se produzan.

    A axuda consistirá nunha achega que pode acadar ata o 100 % do custo das actuacións subvencionables, cun máximo de 1.000 euros por beneficiario/ano.

    2. Modalidade de Respiro en residencia. A axuda consistirá nunha achega para contribuír ao pagamento da residencia ante unha necesidade puntual nos supostos convenientemente acreditados. Para dar resposta á necesidade de descanso da persoa coidadora, esta modalidade prevé a posibilidade de que a persoa en situación de dependencia ou con discapacidade poida acceder temporalmente a un centro residencial dotado dos recursos necesarios para prestarlle unha atención integral.

    A axuda consistirá nunha achega que pode acadar ata o 100 % do custo das actuacións subvencionables, cun máximo de 1.500 euros por beneficiario/ano. Serán as persoas coidadoras solicitantes as que aboen o importe total da estadía que hai que pagar.

    O prazo para a presentación de solicitude comezará a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia e finalizará o 30 de outubro de 2022.

    https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2022/20220207/AnuncioG0425-200122-0001_gl.pdf

  • CONSELLERÍA DEEMPREGO E IGUALDADE CONVOCA O PROGRAMA DE AXUDAS PARA IMPLANTAR A IGUALDADE LABORAL, A CONCILIACIÓN E A RESPONSABILIDADE SOCIAL EMPRESARIAL

    Consellería de Emprego e Igualdade

    ORDE do 29 de decembro de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras do Programa de axudas para implantar a igualdade laboral, a conciliación e a responsabilidade social empresarial (RSE), e se procede á súa convocatoria para o ano 2022 (códigos de procedemento TR357B, TR357C e TR357D).

    Poderán ser subvencionables as accións para as que se concede a axuda ou incentivo que se realicen entre o día 1 de xaneiro de 2022 e ata a data de final do prazo de xustificación das actividades establecido no artigo 35.

    Esta orde de convocatoria estrutúrase en tres liñas de axudas:

    Liña I: elaboración e implantación de plans de igualdade (TR357C) nos termos definidos no capítulo III do Real decreto 901/2020, do 13 de outubro, polo que se regulan os plans de igualdade e o seu rexistro, e se modifica o Real decreto 713/2010, do 28 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios e acordos colectivos de traballo.

    Liña II: conciliación (TR357D) que, á súa vez, comprende tres subliñas: Subliña II.1. Incentivos para fomento do teletraballo: incentivarase a adopción de acordos laborais de teletraballo. Subliña II.2. Incentivos para o fomento da flexibilidade horaria. Incentivarase a adopción de acordos laborais de flexibilidade horaria. Subliña II.3. Subvencións para a adquisición de elementos tecnolóxicos que posibiliten o teletraballo. Liña III: certificacións de RSE (TR357B). Subvencionarase a obtención dunha certificación ou informe de verificación ou validación de códigos de conduta, normas ou estándares en materia de responsabilidade social empresarial.

    Poderán ser as que se relacionan ou equivalentes: empresa familiarmente responsable-EFR (conciliación), Global Reporting Initiative (GRI); United Nations Globlal Compact (pacto mundial); ISO 19600, SGE 21, Global Accountability 1000 (AA 1000); EMAS, ISO 14000 (ambiente), SA 8000, IQNet SR10, BEQUAL (discapacidade), ISO 45001 (seguridade e saúde laboral), certificación empresa saudable, así mesmo selo horarios racionais (SHR).

    As empresas solicitantes poderán ser pemes ou persoas traballadoras autónomas, que teñan subscritos contratos con persoas traballadoras por conta allea con domicilio social e centro de traballo en Galicia, calquera que sexa a súa forma xurídica, e que estean validamente constituídas no momento de presentar a solicitude de axudas.

    O prazo para a presentación de solicitudes será de un mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

    https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2022/20220204/AnuncioG0599-030122-0005_gl.pdf

     

  • CONSELLERÍA DE EMPREGO E IGUALDADE CONVOCA AXUDAS PARA A CONCILIACIÓN DAS PERSOAS TRABALLADORAS AUTÓNOMAS

    Consellería de Emprego e Igualdade

    ORDE do 12 de xaneiro de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras que rexerán as axudas para a conciliación da persoa traballadora autónoma, e se procede á súa convocatoria para o ano 2022 (código de procedemento TR341R).

    Mediante as axudas reguladas nesta orde permitirase que a persoa traballadora por conta propia obteña unha compensación para a contratación dunha persoa durante un período máximo dun ano, para favorecer a conciliación da súa vida persoal e laboral e facilitar a continuidade e a consolidación do seu proxecto empresarial, contribuíndo a mitigar os graves prexuízos que nos traballadores e traballadoras autónomas provocou o brote da COVID-19 en Galicia.

    As axudas irán dirixidas á contratación dunha persoa traballadora para apoiar a persoa autónoma no seu negocio, nos casos de maternidade ou paternidade unha vez finalizado o seu período de descanso por nacemento, adopción ou acollemento (bono autónomo concilia I).

    Tamén se dirixen as axudas á contratación dunha persoa traballadora para apoiar a persoa autónoma no coidado de menores e/ou maiores e dependentes (graos I, II e III) ao seu cargo, independentemente de que existiran ou non situacións de maternidade ou paternidade ou asimiladas (bono autónomo concilia II). 

    Igualmente, apoiaranse os gastos dos servizos de coidado de menores e/ou maiores e dependentes (graos I, II e III) ao seu cargo, realizados no período subvencionable, que comprende do 1 de outubro de 2021 ao 30 de setembro de 2022 (bono autónomo para o servizo do coidado de menores e bono autónomo para o servizo do coidado de persoas maiores ou dependentes).

    Accións subvencionables e importe da subvención

    1. Bono autónomo concilia I.

    a) Será subvencionable a contratación realizada por unha persoa traballadora autónoma durante un período máximo dun ano unha vez rematada a súa baixa por maternidade, paternidade, adopción ou acollemento, sempre que a persoa beneficiaria cumpra os requisitos establecidos na presente orde.

    b) Serán subvencionables as contratacións que se realicen para apoiar a persoa autónoma no seu negocio cunha duración mínima de seis meses que, cumprindo cos requisitos enumerados no parágrafo anterior, se inicien entre o 1 de outubro de 2021 e o 30 de setembro de 2022.

    c) O importe da subvención para compensar a dita contratación será de 500 € por mes completo, segundo a duración indicada na comunicación da contratación, cun máximo de doce meses de contratación. Nos casos de duración incerta, a subvención será polos meses indicados no anexo I, que serán os que se comprometa a persoa autónoma a ter a contratación vixente. Polo tanto, o importe máximo que se pode percibir será de 6.000 €.

    d) Canto se trate de contratacións cunha xornada a tempo parcial, a contía será proporcional ao tempo efectivo de traballo en función da xornada a tempo completo establecida no convenio colectivo de aplicación ou, na súa falta, na xornada máxima legal.

    2. Bono autónomo concilia II.

    a) Será subvencionable a contratación realizada por unha persoa traballadora autónoma durante un período máximo dun ano, para o coidado de menores, maiores ou dependentes, sempre que a persoa beneficiaria cumpra os requisitos establecidos na presente orde.

    b) Serán subvencionables as contratacións que se realicen para apoiar a persoa autónoma no coidado de menores e/ou maiores ou dependentes cunha duración mínima de seis meses que, cumprindo cos requisitos enumerados no parágrafo anterior, se inicien entre o 1 de outubro de 2021 e o 30 de setembro de 2022.

    c) O importe da subvención para compensar a dita contratación será de 500 € por mes completo, segundo a duración indicada na comunicación da contratación, cun máximo de doce meses de contratación. Nos casos de duración incerta, a subvención será polos meses indicados no anexo I, que serán os que se comprometa a persoa autónoma a ter a contratación vixente. Polo tanto, o importe máximo que se pode percibir será de 6.000 €.

    d) Canto se trate de contratacións cunha xornada a tempo parcial, a contía será proporcional ao tempo efectivo de traballo en función da xornada a tempo completo establecida no convenio colectivo de aplicación ou, na súa falta, na xornada máxima legal.

    3. Bono autónomo para o servizo de coidado de menores.

    a) Co obxecto de favorecer a conciliación da vida persoal, laboral e familiar das persoas emprendedoras, concederase unha subvención do 75 % do custo do centro ou do servizo de coidado de menores, ata un máximo de 3.000 €, para aquelas persoas autónomas que obteñan a subvención polo bono autónomo concilia I ou II nesta convocatoria.

    b) No caso de que a persoa beneficiaria do bono autónomo concilia for unha sociedade ou comunidade de bens, a solicitude deste bono debe realizala a persoa autónoma societaria pola cal tivo dereito á axuda, indicando no anexo da solicitude a sociedade ou comunidade de bens que foi beneficiaria.

    c) Serán subvencionables os gastos dos servizos de coidado de menores realizados no período subvencionable, que comprende do 1 de outubro de 2021 ao 30 de setembro de 2022.

    A contía máxima será a indicada no anexo I pola persoa solicitante.

    4. Bono autónomo para o servizo do coidado de persoas maiores ou dependentes.

    a) Co mesmo obxecto de favorecer a conciliación da vida persoal, laboral e familiar das persoas emprendedoras, concederase unha subvención do 75 % do custo do centro ou do servizo de coidado de persoas maiores e/ou dependentes das cales acredite a súa relación de parentesco ata o segundo grao de consanguinidade ou afinidade ou, de ser o caso, a acreditación da convivencia no mesmo domicilio, ata un máximo de 3.000 €, para aquelas persoas autónomas que obteñan a subvención polo bono autónomo concilia I ou II nesta convocatoria.

    b) No caso de que a persoa beneficiaria do bono autónomo concilia for unha sociedade ou comunidade de bens, a solicitude deste bono debe realizala a persoa autónoma societaria pola cal tivo dereito á axuda, que indicará no anexo da solicitude a sociedade ou comunidade de bens que foi beneficiaria.

    c) Serán subvencionables os gastos dos servizos de coidado de persoas maiores ou dependentes polos que obtivo o bono autónomo concilia I ou II, realizados no período subvencionable, que comprende do 1 de outubro de 2021 ao 30 de setembro de 2022. A contía máxima será a indicada no anexo I pola persoa solicitante.

    As axudas do bono autónomo para o servizo do coidado de menores e do bono autónomo para o servizo do coidado de persoas maiores ou dependentes serán compatibles entre si.

    Poderán ser beneficiarias destas subvencións as persoas traballadoras que estean dadas de alta no réxime especial da Seguridade Social de persoas traballadoras por conta propia ou autónomas, que segundo o anexo I teña o seu centro de traballo (ou domicilio social, no caso de carecer deste) na Comunidade Autónoma de Galicia, e que cumpran os requisitos establecidos no artigo 6 da presente orde.

    Tamén serán beneficiarias as sociedades e as comunidades de bens que realicen unha contratación nas mesmas condicións que no parágrafo anterior con respecto ás persoas autónomas societarias.

    As solicitudes de axudas polas contratacións subvencionables presentaranse desde o día seguinte ao da data de publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia ata o 30 de setembro de 2022.

    https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2022/20220202/AnuncioG0599-130122-0001_gl.pdf