Sección: Axudas e subvencións

  • AXENCIA INSTITUTO ENERXÉTICO DE GALICIA ABRE PRAZO PARA A SELECCIÓN DE ENTIDADES COLABORADORAS PARA A XESTIÓN DAS SUBVENCIÓNS PARA PROXECTOS DE ENERXÍA RENOVABLE PARA USO TÉRMICO E PARA PROXECTOS DE ENERXÍA FOTOVOLTÁICA

    Axencia Instituto Enerxético de Galicia
    RESOLUCIÓN do 28 de decembro de 2020 pola que se convoca o procedemento de selección das entidades colaboradoras que participarán na xestión das subvencións para proxectos de enerxías renovables para uso térmico e para proxectos de enerxía fotovoltaica, destinadas a particulares, para o ano 2021 (código de procedemento IN421N).

    Poderán ser entidades colaboradoras as entidades privadas con personalidade xurídica, validamente constituídas, así como os empresarios individuais sempre que, en ambos os casos, teñan o seu domicilio social ou algún centro de traballo na Comunidade Autónoma de Galicia e que acrediten as condicións de eficacia e solvencia técnica e económica que se establecen neste artigo.

    Na súa relación co Inega, as entidades colaboradoras realizarán as seguintes funcións:
    a) Realización ante o Inega dos trámites para solicitar a axuda.
    b) Desenvolvemento das accións vinculadas á convocatoria.
    c) Xustificación da axuda ante o Inega

    O prazo de presentación de solicitudes de adhesión das entidades colaboradoras será de cinco (5) días hábiles, a partir 25 de xaneiro de 2021 incluído, desde as 9.00 horas, e para solicitar a súa adhesión terán que cubrir e presentar o formulario de adhesión (anexo I).

    https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2021/20210118/AnuncioG0474-281220-0004_gl.pdf

  • INSTITUTO GALEGO DE PROMOCIÓN ECONÓMICA CONVOCA AXUDAS A NOVOS/AS EMPRENDEDORES/AS

    Instituto Galego de Promoción Económica
    RESOLUCIÓN do 17 de decembro de 2020 pola que se dá publicidade do Acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras das axudas para novos emprendedores, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, e se procede á súa convocatoria para 2021 en réxime de concorrencia competitiva (Galicia emprende) (código de procedemento IG406F).

    Serán subvencionables os proxectos emprendedores de creación ou ampliación de
    pequenas empresas galegas ou cun centro de traballo en Galicia que na data de presentación da solicitude de axuda non teñan máis de 42 meses de antigüidade desde a data de inicio da súa actividade (primeira alta no IAE). Serán subvencionables tamén os proxectos
    de reemprendemento, entendendo como tal exclusivamente os autónomos que estivesen de baixa continuada de toda actividade económica por conta propia durante un período igual ou superior a 3 anos; nestes casos, os 42 meses contaranse respecto da primeira alta en actividade económica por conta propia inmediatamente posterior á dita baixa.

    Os proxectos deberán cumprir os seguintes requisitos:
    a) Ser técnica, económica e financeiramente viables.
    b) Ser proxectos completos, é dicir, a realización dos gastos e investimentos subvencionables debe dar como resultado a posta en marcha da actividade ou a súa ampliación.
    Non serán subvencionables as fases de proxectos que non sexan completas nestes termos.

    c) Deben desenvolverse en Galicia.

    d) A axuda solicitada debe supor un efecto incentivador para o proxecto presentado: de acordo co artigo 6 do Regulamento (UE) 651/2014, considerarase que as axudas teñen un efecto incentivador se a solicitude de axuda se presentou antes do comezo do proxecto.
    Ningún dos custos incluídos na solicitude de axuda poderá estar realizado nin comprometido antes da presentación da solicitude de axuda no Igape. De ser así, o proxecto considerarase non subvencionable na súa totalidade. Non se poderá incorrer en ningún dos custos alegados sobre os cales se solicita subvención con carácter previo á solicitude; de ser así, a totalidade do proxecto será considerado non subvencionable, de acordo coa exixencia
    de efecto incentivador previsto no artigo 6 do Regulamento (UE) 651/2014 da Comisión.

    Considérase que o proxecto xa foi iniciado cando exista un primeiro compromiso en firme para a execución das obras ou para a adquisición dalgún dos elementos integrantes do proxecto, entendéndose por proxecto calquera dos investimentos comprendidos na solicitude da axuda. Neste sentido, considérase que existe compromiso en firme no caso da existencia dun contrato ou oferta asinados entre as partes, ou da existencia dun pedido,
    para calquera dos elementos subvencionables.
    Para estes efectos, a compra dos terreos e determinados traballos preparatorios, como
    a obtención de permisos ou a realización de estudos previos de viabilidade, non se consideran inicio dos traballos.

    Persoas beneficiarias

    Poderán ser beneficiarios destas axudas os/as autónomos/as e as pequenas empresas segundo a definición establecida pola Comisión Europea no anexo I do Regulamento (UE) 651/2014 que realicen unha actividade económica e teñan menos de 42 meses de antigüidade de alta na actividade na data da solicitude da axuda, segundo se establece no artigo 1 das bases reguladoras.
    Enténdense incluídas as sociedades mercantís, cooperativas, asociacións e outras entidades con personalidade xurídica propia e as sociedades civís, comunidades de bens e outras entidades sen personalidade xurídica propia, sempre que conten con NIF e a súa constitución estea documentada e presentada a autoliquidación do imposto de actos xurídicos documentados.

    No caso de entidades, con ou sen personalidade xurídica, a maioría do capital social ou das participacións ten que ser propiedade de persoas emprendedoras, é dicir, que non tivesen actividade económica previa ou esta sexa inferior a 42 meses na data da solicitude, agás os supostos de reemprendemento.

    No caso de que a entidade que vai desenvolver o proxecto emprendedor non estea aínda constituída, a solicitude de axuda poderá presentarse a nome dunha persoa física.

    Serán subvencionables os investimentos e gastos que correspondan de xeito indubidable ao proxecto de creación ou ampliación da pequena empresa e que cumpran os requisitos establecidos pola Orde HFP/1979/2016, do 29 de decembro, pola que se aproban as normas sobre os gastos subvencionables dos programas operativos do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional para o período 2014-2020, en particular:

    a) Obra civil para construción, reforma ou habilitación de instalacións, suxeitos aos módulos máximos que se achegan como anexo IV, levadas a cabo en instalacións ou terreos propiedade do solicitante ou sobre os cales teña un dereito de uso e gozo que permita a realización de obras irrevogable durante 5 anos contados desde a data de finalización do prazo de execución do proxecto. No caso de que o acordo ou contrato que confire ese dereito sexa oneroso, só poderá formalizarse con entidades non vinculadas ao solicitante.
    b) Bens de equipamento: maquinaria de proceso, instalacións específicas para a actividade subvencionable, equipamentos e medios de transporte interno, vehículos especiais de transporte externo, medios de protección do ambiente e outros bens de equipamento.
    c) Outros investimentos en activos fixos materiais, incluído mobiliario. En ningún caso se subvencionarán os vehículos de transporte externo que non teñan a consideración de vehículo especial.
    d) Activos inmateriais: activos que non teñen unha materialización física ou financeira, como patentes, licenzas, coñecementos técnicos ou outros dereitos de propiedade intelectual e páxinas web.
    e) A adquisición de activos pertencentes a un establecemento ou de bens de equipamento de segunda man serán subvencionables sempre que cumpran os seguintes requisitos:
    – Que os activos sexan adquiridos a un terceiro non relacionado co comprador
    – Que conste unha declaración do vendedor sobre a orixe dos bens e sobre que estes non foron obxecto de ningunha subvención nacional ou comunitaria, e
    – Que o prezo non sexa superior ao valor de mercado de referencia nin ao custo dos bens novos similares, aspectos que se acreditarán mediante certificación de taxador independente.
    Cando se adquiran bens de segunda man nestas condicións, non será preciso achegar as tres ofertas exixidas no número 7 deste mesmo artigo.
    Cando a persoa emprendedora sexa membro da familia do/da propietario/a inicial ou un/unha empregado/a e se faga cargo da pequena empresa para continuar coa actividade, non se aplicará a condición de que os activos deban ser adquiridos a terceiros non relacionados co comprador. A mera adquisición das accións dunha empresa non constituirá un investimento.
    f) Gastos de persoal de nova contratación.
    g) Gastos de alugueiro de locais. Non poderán imputarse custos por este concepto no caso de que a actividade se desenvolva na vivenda da persoa emprendedora.
    h) Gastos de contratacións externas de servizos específicos: software de pagamento por uso, deseño gráfico, identidade corporativa, servizos de asesoramento para a posta en marcha do proxecto empresarial.
    i) Os custos do informe de auditor de contas inscrito no ROAC requirido no artigo 17.4.b).2º, ata un máximo de 1.000 €.

    A subvención a fondo perdido será do 80 % dos custos subvencionables, ata un máximo de 400.000 €.

    O prazo de presentación de solicitudes comezará o día seguinte á publicación da resolución de convocatoria no Diario Oficial de Galicia e finalizará transcorridos 45 días naturais.

    https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2021/20210108/AnuncioO92-171220-0001_gl.pdf

  • CONVOCATORIA DAS AXUDAS DO EMEGA AO EMPRENDEMENTO FEMININO

    convaxudasemega

     

    VICEPRESIDENCIA E CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA
    RESOLUCIÓN do 17 de xuño de 2020, da Secretaría Xeral da Igualdade, pola que se establecen as bases reguladoras das axudas do programa Emega para o fomento do emprendemento feminino en Galicia, cofinanciadas polo Fondo Social Europeo (FSE) no marco do programa operativo Fondo Social Europeo (FSE) Galicia 2014-2020, e se procede á súa convocatoria no ano 2020 (procedemento SI429A).

    Esta resolución ten por obxecto fixar as bases reguladoras das axudas do programa Emega para fomentar o emprendemento feminino en Galicia e proceder á súa convocatoria no ano 2020 (procedemento SI429A).

    O programa Emega comprende un conxunto de axudas dirixidas a apoiar a posta en marcha, a mellora e a reactivación de iniciativas empresariais constituídas por mulleres, xunto con medidas complementarias para favorecer a conciliación da vida persoal, familiar e laboral, así como o acceso a servizos específicos de información, asesoramento e orientación empresarial co obxecto de facilitar a implantación e consolidación dos proxectos empresariais promovidos por mulleres.

    Co dito fin, o programa Emega comprende as seguintes liñas de axuda:
    a) Liña Emprende: liña de axudas económicas mediante incentivos para promover a posta en marcha de novas iniciativas empresariais e a creación de emprego feminino estable por conta propia e allea.

    b) Liña Innova: liña de axudas económicas mediante incentivos para promover a implantación de medidas innovadoras para a mellora da competitividade en empresas constituídas por mulleres, e que impliquen a creación de emprego feminino vinculado ao proxecto
    de mellora.

    c) Liña Activa: liña de axudas económicas mediante incentivos para favorecer a reactivación e consolidación de empresas constituídas por mulleres, a través de medidas de renovación, implantación, ampliación ou cambio de localización da actividade dirixidas a paliar unha situación económica adversa, e que resulten necesarias para o mantemento do emprego por conta propia e por conta allea, así como para acadar o necesario equilibrio
    empresarial e asegurar a súa pervivencia e consolidación no actual contexto económico, contexto que se viu agravado pola situación da pandemia polo COVID-19. As ditas medidas non poderán supor, en ningún caso, destrución do emprego existente por conta propia e allea.

    d) Liña ITEF: liña de axudas económicas mediante incentivos para impulsar a implantación de iniciativas empresariais de carácter innovador, con contido científico ou con base tecnolóxica, promovidas por mulleres e que supoñan a creación de emprego feminino estable por conta propia e allea.

    e) Concilia: axuda complementaria das liñas Emprende, Innova, Activa e ITEF para promover a conciliación da vida persoal, familiar e laboral, nas súas dúas modalidades: Concilia-promotoras e Concilia-persoas traballadoras por conta allea.

    Poderán ser beneficiarias das axudas do programa Emega as empresas privadas formadas por mulleres que inicien a súa actividade económica ou formalicen os seus plans Innova ou Activa no período comprendido entre o 1 de agosto de 2019 e a data da fin do
    prazo de presentación de solicitudes ao abeiro desta convocatoria, sempre que cumpran todas as condicións e requisitos comúns e os específicos da correspondente liña ou tipo de axuda previstos nesta resolución, así como na normativa xeral de subvencións, en particular, as exixencias establecidas na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no seu regulamento.

    Cando se trate de empresarias individuais, a solicitude deberá ser presentada pola traballadora autónoma.

    Cando a actividade empresarial sexa realizada por unha sociedade civil, comunidade de bens, sociedade mercantil, cooperativa ou sociedade laboral, a solicitude de subvención deberá ser presentada por esta, non sendo válidas nin admisibles as solicitudes presentadas polas socias ou comuneiras a título persoal; de ser o caso, efectuarase o oportuno requirimento para que emenden a solicitude.

    A contía das axudas establécese en función da liña solicitada e do número de postos de traballo xerados para mulleres, por conta propia e por conta allea, de acordo co seguinte:

    • Liña Emprende: incentivos desde 8.000 € ata 20.000 €.
    • Liña Innova: incentivos desde 12.000 € ata 20.000 €.
    • Liña Activa: incentivos desde 6.000 € ata 15.000 €.
    • Liña ITEF: incentivos desde 16.000 € ata 40.000 €.

    Axuda complementaria Concilia:

    • Concilia-promotoras: incentivo de 3.000 €.
    • Concilia-persoas traballadoras por conta allea: incentivos desde 1.000 € a 5.000 €.

    O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

    Bases: https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2020/20200706/AnuncioG0244-230620-0001_gl.pdf

  • IGAPE CONVOCA AXUDAS AO PROGRAMA RE-ACCIONA

    INSTITUTO GALEGO DE PROMOCIÓN ECONÓMICA
    RESOLUCIÓN conxunta do 18 de maio de 2020 pola que se dá publicidade ao Acordo da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) e do Consello de Dirección do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape)  que aproba as bases reguladoras das axudas aos servizos de desenvolvemento estratéxico, profesionalización, innovación e adopción de solucións de dixitalización para a súa realización en empresas galegas (programa Re-acciona), cofinanciados polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional con cargo ao programa operativo Feder Galicia 2014-2020, e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia competitiva (código de procedemento IG401A).

    Poderán ser beneficiarias as pequenas e medianas empresas (pemes), incluíndo os autónomos, comunidades de bens, asociacións, fundacións ou calquera outro tipo de unidade económica ou patrimonio separado que, aínda carecendo de personalidade xurídica, leven
    a cabo actividade empresarial. En calquera caso, deberán ter radicado algún centro de traballo en Galicia e cumprir a definición de peme establecida pola Comisión Europea no anexo I do Regulamento (UE) nº 651/2014 (DOUE L 187, do 26 de xuño de 2014), polo que
    se declaran determinadas categorías de axuda compatibles co mercado común en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado (Regulamento xeral de exención por categorías)

    Prazo de presentación de solicitudes
    Convocatoria 2020.1: comeza o día seguinte ao da publicación da resolución de convocatoria no Diario Oficial de Galicia e remata o 2.7.2020.
    Convocatoria 2020.2: comeza o 6.7.2020 e remata o 17.9.2020.
    Convocatoria 2020.3: comeza o 21.9.2020 e remata o 5.11.2020.
    Convocatoria 2020.4: comeza o 9.11.2020 e remata o 28.12.2020.

    https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2020/20200602/AnuncioO92-220520-0003_gl.pdf