
Coñece as historias das empresas que forman parte do Viveiro. Presentacións, experiencias e colaboracións entre os viveiristas.
Central Científica Galega (CCG) ten como obxetivo proporcionar servizos de carácter científico-técnico para o control ambiental. Para isto ofrece solucións tecnolóxicas integrais, innovadoras e accesibles para a detección e monitorización de contaminación ambiental e asesoramento para o control da mesma, tanto no ámbito residencial como no empresarial. Dita análise e control será de obrigado cumprimento a partir do próximo ano 2018, para adecuarse ás normativas nacionais e internacionais de seguridade e saúde no hogar e no traballo.
A empresa, con sede en A Estrada, é froito da fusión da iniciativa empresarial e científica privada galega, e xurde co obxetivo de prestar servizos de asesoría, consultoría, deseño, avaliación e execución experimental de proxectos de carácter científico-técnico. Actualmente, atópase en fase de negociación con varias empresas multinacionais coa finalidade de aplicar en exclusiva os últimos avances en control ambiental en toda España.
Iván Cristobo, Xerente e Responsable Científico da empresa, é Doutor en Bioloxía pola Universidade de Santiago de Compostela e posúe unha dilatada carreira no mundo da investigación sanitaria (enfermidades vasculares, cáncer e novas estratexias terapéuticas) e na valorización dos seus resultados coa empresa. Traballou como investigador e gestor en máis de 20 proxectos en prestixiosas institucións e consorcios nacionais e internacionais como a Universidade e o Hospital Clínico de Santiago de Compostela, o Consello Superior de Investigacións Científicas ou a Universidade de Alabama.
A emrpesa estará instalada no viveiro de empresas da Estrada a partires do 1 de xaneiro de 2018.
Para calquera consulta podedes contactar con eles no 698 179 640.
Centro Wellness Absolute é un proxecto asociado ao Viveiro de Empresas do Concello da Estrada e dirixido por Guillermo Martínez, diplomado en Maxisterio en Educación Física e técnico superior de Actividades Físicas e Deportivas. Guillermo conta coa colaboración de Sofía Mosteiro, graduada en Ciencias do Deporte.
Por que escollestes o Viveiro de Empresas do Concello da Estrada?
Guillermo: Consideramos que necesitabamos dar a coñecer o noso proxecto e o viveiro é un centro empresarial importante que nos pode axudar a cumprir ese obxectivo. Agora aínda somos poucas persoas, mais cremos que máis adiante imos ser máis, o que repercutirá positivamente no noso proxecto.
Vós xa tedes un centro. A xente que queira comprar o voso produto, do que falaremos agora, pode vir tanto aquí coma ao centro?
Guillermo: Claro, mais a nosa dirección dentro do viveiro de empresas ten connotacións diferentes ás do centro: non se trata só de promover Centro Wellness Absolute, senón de promover o programa Mens sana in corpore sano:Traballo ben feito. Segue unha liña parecida á do centro, mais está máis dirixido cara á empresa.
Sofía: Levamos traballando co centro 16 anos, mais xa levamos 22 anos traballando neste ámbito. Trátase dunha experiencia que avala o proxecto que agora propoñemos.
Pódesnos explicar en que consiste o programa Mens sana in corpore sano: Traballo ben feito?
Guillermo: É un programa que se dirixe ás empresas e ás persoas traballadoras que as compoñen. O obxectivo é fomentar a saúde mediante a actividade física, coa finalidade de loitar contra o absentismo laboral producido por doenzas músculo-esqueléticas, entre outras causas. Consideramos que pode ser moi interesante, xa que tamén conseguimos algo favorable para empresa ao diminuírmos as baixas laborais, o que afecta positivamente á súa economía.
É un programa novo, é utilizar a actividade física como algo útil, para o que buscamos ir alén da actividade física concibida como “culto ao corpo”. O noso obxectivo é que, cun tempo de actividade física mínimo, poidamos conseguir que as persoas obteñan os máximos beneficios posibles, porque tamén hai que ter en conta que é necesario que a actividade física non lles quite tempo en exceso, xa que deben ter espazo para outras cuestións (familia, lecer etc.) para teren unha saúde óptima.
Sofía: Cómpre indicar que se trata dun programa orientado á prevención, mais tamén a aquelas persoas que xa sofren algún tipo de doenza.
Guillermo: Ademais, é un tipo de actividade para o que non hai iniciativa pública, todas as iniciativas son privadas. Isto é algo moi desenvolvido nos Estados Unidos, onde o goberno si está implicado neste tipo de proxectos.
Sofía: Nós decidimos apostar por un tipo de proxecto que noutros países é moi común e aquí non, xa que hai países nos que é habitual que as empresas teñan os seus propios ximnasios para mellorar a saúde laboral das persoas traballadoras.
Durante décadas, a actividade física entendeuse só como o culto ao corpo, cando realmente é algo que vai alén diso, xa que se trata dunha cuestión básica de saúde. A principal achega da actividade física é o benestar e a saúde que se acada. Como beneficio adicional, obtemos tamén unha mellora estética, mais isto último non debería se o fin principal. As persoas que só buscan unha mellora estética adoitan ser menos constantes ca as que buscan saúde.
Guillermo: É unha cuestión complicada, porque a sociedade aínda está afeita a que se lle venda a idea do culto ao corpo, cando hai valores moito máis importantes, como é o feito de que unha persoa estea sa para que funcione ben como cidadá.
Entendemos, por tanto, que é un programa dirixido máis a empresas ca a particulares, é así?
Guillermo: Si, é así. De feito, somos nós quen nos diriximos ás empresas a través dun comercial que temos contratado, Joaquín. Isto non quita que as empresas poidan dirixirse a nós para solicitar os nosos servizos.
E xa traballades con algunha empresa da Estrada?
Guillermo: Aínda non, mais xa temos cinco interesadas. Con todo, só levamos unha semana explotando este programa, aínda que levamos meses organizándoo.
Sofía: Está tendo unha boa recepción, xa que se trata dunha cuestión de saúde que é accesible para as empresas. As empresas que xa aceptaron van comenzar co programa en febreiro e están moi entusiasmadas, xa que está deseñado especificamente para cada profesión. Nós partimos do tipo de actividade de cada persoa (por exemplo, un/unha modisto/a, unha persoa que traballa na madeira, unha persoa que traballa en carga e descarga etc.) e, en función diso, aplicámoslle un tipo de programa. É dicir, non todas as persoas van ter o mesmo programa, senón que o adecuamos á súa actividade profesional.
Só traballades con empresas privadas ou tamén coas administracións?
Sofía: As administracións son unha empresa máis e sería moi bo que tivesen en consideración as cuestións incluídas no noso programa. De feito, hai moita xente que ten moitos problemas polo seu traballo nas administracións, xa que o feito de estar todo o día fronte a un ordenador tamén xera unha serie de problemas de saúde, físicos e de estrés.
Guillermo: Queremos traballar primeiro con empresas máis pequenas, para detectarmos as cuestións que podemos mellorar, mais as administracións tamén están entre os nosos obxectivos. O noso programa tamén melloraría o aspecto psicolóxico das persoas que traballan nas administracións públicas, xa que se a administración en que traballan se preocupapor elas, van estar máis contentas, vanse mellorar as relacións cos compañeiros e compañeiras e van facer mellor o seu traballo.
E poden achegarse a vós outro tipo de entidades, como pode ser o caso dunha asociación?
Guillermo: Xa traballamos para asociacións da Estrada noutras ocasións.
Sofía: Tamén poderiamos seguir traballando con elas dentro deste proxecto, mais cómpre termos en conta a diversidade (de idade etc.) que podemos atopar dentro das persoas que forman parte dunha asociación.
A aplicación do programa realizaríase fóra do horario laboral das persoas traballadoras a que vai dirixido?
Guillermo: En principio, a nosa proposta é que o programa se desenvolva fóra do horario laboral nas instalacións do Centro Wellness Absolute, mais é unha cuestión que as persoas traballadoras e a empresa terán que negociar.
Sofía: Nós ímonos adecuar ás necesidades de tempo libre que teñan as persoas participantes, xa que o tempo de lecer tamén é un dos recursos positivos para as persoas traballadoras.
Guillermo: Todo é negociable, polo que se poden modificar as condicións da nosa proposta inicial. Así, por exemplo, pode que a unha determinada empresa lle interese desenvolver o programa nas súas propias instalacións, condición á que nós nos poderiamos adaptar sen ningún problema.
No programa traballaríase tanto a parte física coma psicolóxica?
Guillermo: En realidade, o que queremos transmitir con mens sana in corpore sanoé que se unha persoa está ben fisicamente, isto tamén vai ter repercusións psicolóxicas positivas e, en consecuencia, no ámbito laboral vai ser máis produtiva.
Sofía: Ademais, non debemos esquecer que a actividade física ten un efecto comprobado na mellora psicolóxica, polo que tamén se pode empregar como ferramenta para lles axudar a persoas con depresión.
Credes que as empresas afeitas a traballaren dun xeito tradicional son quen de entender o retorno da inversión nun programa coma o voso?
Guillerm:o Si. Todo o que supoña economía para unha empresa hai que, polo menos, escoitalo. A partir de aí, nós propoñemos diferentes alternativas á hora de facer fronte aos custos do programa e entendemos que depende moito da implicación da empresa. As empresas con xente nova poden amosar un maior interese, xa que pode que entendan mellor que achegamos vantaxes na psicoloxía das persoas traballadoras, así como na súa implicación coa empresa, ao sentiren que a empresa se implica con elas. Este é un punto de partida que se pode ampliar, engadindo cousas novas.
Sofía: Joaquín agora mesmo estase achegando á xente para que coñeza o produto. A xente, polo menos, quere escoitar. Tivo moi boa acollida entre as persoas coas que falou e, como dixemos, hai xente que empezará en febreiro e xa estamos preparando o programa para estas persoas. Por outro lado, viñeron algunhas empresas con longo percorrido na Estrada buscando información sobre o programa.
Fixestes algún estudo de mercado antes de poñerdes en marcha este programa?
Guillermo: Non, en Galicia non hai ningún estudo feito. Hai documentos da Xunta que non teñen en conta o ámbito en que traballamos e, aínda que hai documentos do Estado en que se inclúen estas cuestións, só se fai referencia a estudos americanos de hai 20 anos. Hai grandes empresas en Madrid ou Barcelona que si fixeron estudos de mercado, mais no referente a poboacións máis pequenas, non existen.
Sofía: Se o noso programa funcionase, poderiamos dicir que A Estrada sería pioneira no desenvolvemento deste tipo de programas fóra das grandes cidades.
O servizo vai estar destinado só a empresas da Estrada?
Sofía: Hai que ir pouco a pouco, mais non está limitado só á Estrada.
Guillermo: En principio comezaremos na Estrada. Temos que ver que campo de traballo temos aquí e, despois, dirixirémonos a empresas máis grandes, mais primeiro queremos ver como funciona nun ámbito máis reducido.
Que considerades que é o máis positivo de estardes no Viveiro de Empresas do Concello da Estrada?
Guillermo: A comunicación con outras empresas, sen dúbida ningunha, aínda que de momento sexamos poucas, mais nós esperamos que vaiamos sendo máis. Sabemos a que se dedican os compañeiros e compañeiras do viveiro e levámonos moi ben persoalmente.
Credes que as instalacións que vos ofrece o viveiro se adecúan ás vosas necesidades?
Guillermo: Si, claro.
Sofía: Por suposto.
E que mellorariades do viveiro?
Guillermo: A péga que vemos é que aínda somos moi poucas persoas. Cumpriría buscar a maneira de que viñesen máis empresas.
Sofía: Si, estaría ben que se animasen máis empresas.
Cal é a vosa valoración do tempo que levades no viveiro?
Guillermo: Moi boa. Achegounos moita motivación. Creo que esta proposta do Concello da Estrada é moi boa, mais cómpre buscar o xeito de dala a coñecer para que veñan máis empresas.
Se algunha empresa quere acudir a vós, como o pode facer?
Guillermo En primeira instancia, poden contactar co noso Departamento Comercial, a cargo de Joaquín Barreiro Tato, no teléfono 627 433 641 ou no enderezo de correo electrónico blorenzo@mo-rentals.com. Toda a información sobre moRentals está dispoñible en mo-rentals.es