DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA CONVOCA SUBVENCIÓNS DIRIXIDAS A COOPERATIVAS AGROGANDEIRAS DA PROVINCIA DE PONTEVEDRA PARA INVESTIMENTOS DURANTE O EXERCICIO DE 2026

Constitúe o obxecto xeral destas bases definir o conxunto de condicións e o proceso que se seguirá para a concesión de subvencións ás cooperativas agrogandeiras legalmente constituídas da provincia de Pontevedra que outorgue a Deputación, segundo os principios de obxectividade e concorrencia competitiva.

A porcentaxe máxima subvencionable será do 65 % dos custos subvencionables, sen prexuízo de que sexan compatibles con outras axudas recibidas doutros organismos, e a súa concorrencia en ningún caso poderá superar o custo total do investimento.

Limitacións:

— Importe do orzamento subvencionable de gastos da actividade: máximo de setenta mil euros (70.000 €).

— Importe da subvención: mínimo de seiscentos euros (600 €) e máximo de corenta e cinco mil cincocentos euros (45.500 €).

Poderá solicitar estas axudas calquera cooperativa agrogandeira legalmente constituída da provincia de Pontevedra.

Son actuacións susceptibles de axuda as que apoien as entidades agrogandeiras en investimentos destinados á recuperación e posta en valor dos recursos agrarios endóxenos de carácter agrícola e gandeiro que teñan como obxecto:

a) Investimentos para mellorar os servizos que presta a cooperativa:

— Axudas para adquirir terreos, para maquinaria agrícola, obras, construcións, equipos, instalacións, melloras en edificios e os seus accesos, equipos e sistemas informáticos, mobiliario e outros investimentos que sirvan para mellorar os servizos que prestan estas entidades.

b) A comercialización, a transformación e a valorización das producións.

c) A formación técnica e o asesoramento para desenvolver proxectos de investigación e innovación tecnolóxica.

d) O uso das novas tecnoloxías e das enerxías renovables e o aforro enerxético.

As axudas para maquinaria agrícola non serán compatibles con outras para o mesmo fin outorgadas por outra Administración pública.

As actuacións referidas deben ser rexistradas pola entidade beneficiaria en contas contables do grupo de inmobilizado.

O prazo para presentar as solicitudes será de vinte (20) días hábiles, contados a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria e do seu extracto no BOPPO e na Base de Datos Nacional de Subvencións (BDNS).

https://boppo.depo.gal/web/boppo/detalle/-/boppo/2026/04/01/2026024693