DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA CONVOCA SUBVENCIÓNS, EN CONCORRENCIA COMPETITIVA, PARA ACTIVIDADES DE CARÁCTER TURÍSTICO DURANTE O ANO 2026

SUBVENCIÓNS, EN CONCORRENCIA COMPETITIVA, PARA ACTIVIDADES DE CARÁCTER TURÍSTICO DURANTE O ANO 2026

Constitúe o obxecto destas bases regular a concesión de subvencións públicas destinadas a promover actividades de carácter turístico durante o ano 2026, coa finalidade de colaborar no fomento do turismo da provincia de Pontevedra, segundo os principios de concorrencia competitiva, obxectividade e publicidade.

A Deputación de Pontevedra concederá subvencións para realizar actividades de fomento do turismo con repercusión na provincia durante o período comprendido entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2026.

Poderán ser subvencionables as actividades de fomento do turismo que teñan, entre outros fins, os seguintes:

— Realizar experiencias turísticas singulares: creación, deseño e promoción de rutas, visitas guiadas, circuítos ou produtos turísticos que poñan en valor de forma innovadora o patrimonio cultural, natural ou gastronómico da provincia.

— Organizar eventos de identidade territorial: celebración de eventos ou xornadas que promovan os elementos identitarios da provincia.

— Realizar actividades de sustentabilidade e calidade: elaboración de proxectos que busquen a mellora da calidade turística, a accesibilidade universal ou a implantación de prácticas de xestión sostible (ambiental, social e económica) na prestación de servizos turísticos.

As posibles beneficiarias poderán ser persoas xurídicas que reúnan os seguintes requisitos:

— Non ter a condición de Administración pública.

— Carecer de fins de lucro.

— Ter o domicilio social na provincia de Pontevedra ou, excepcionalmente, fóra desta cando a actividade para a que se solicite a subvención teña interese para a provincia.

— Estar ao corrente das obrigas tributarias coa Axencia Estatal de Administración Tributaria (AEAT) e coa Axencia Tributaria de Galicia (ATRIGA).

— Non ter débedas coa Deputación de Pontevedra nin ter pendentes de xustificación subvencións anteriores pagadas anticipadamente por esta institución.

— Estar ao corrente do pago coa Seguridade Social.

— Non estar incursas en ningún dos supostos de prohibición para a percepción de axudas ou subvencións públicas, consonte o especificado no artigo 13 da LXS.

— Estar inscritas no Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas de Galicia (REAT/RITGA), no momento da solicitude da axuda.

O importe máximo da subvención para cada proxecto non poderá exceder o 70 % do seu orzamento nin superar os cinco mil cincocentos euros (5.500,00€).

O prazo de presentación de solicitudes será dun (1) mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación da convocatoria e do extracto no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra (BOPPO) e na Base de Datos Nacional de Subvencións (BDNS).

https://boppo.depo.gal/web/boppo/detalle/-/boppo/2026/04/06/2026025474