Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda
ORDE do 17 de decembro de 2020 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para paliar os danos producidos polo xabaril nos cultivos agrícolas e se convocan para o ano 2021 (código de procedemento MT809E)
Poderanse acoller a estas axudas:
a) As persoas, físicas ou xurídicas, titulares de explotacións agrarias onde se constaten os danos aos cultivos agrícolas producidos polo xabaril, inscritas no Rexistro de Explotacións Agrarias de Galicia (Reaga).
b) As persoas, físicas ou xurídicas, titulares de explotacións agrarias de autoconsumo onde se constaten os danos aos cultivos agrícolas producidos polo xabaril.
Os cultivos agrícolas afectados, polos que se solicita a axuda, deberán pertencer a unha persoa, física ou xurídica, inscrita en calquera das seccións en que se organiza o Reaga e que veñen recollidas no artigo 5.2 do Decreto 200/2012, do 4 de outubro, polo que se regula o Rexistro de Explotacións Agrarias de Galicia, modificado pola disposición derradeira terceira do Decreto 125/2014, do 4 de setembro, polo que se regula en Galicia a venda directa dos produtos primarios desde as explotacións á persoa consumidora final:
a) Explotacións agrarias prioritarias.
b) Explotacións agrarias de titularidade compartida.
c) Explotacións acollidas ao réxime de venda directa (SEVEDI).
d) Outras explotacións agrarias.
No suposto de cultivos agrícolas afectados destinados ao autoconsumo, a persoa, física ou xurídica, solicitante da axuda deberá acreditar a titularidade da explotación a través de calquera dos medios de proba admitidos en dereito.
Esta orde comprende as axudas para os danos producidos polo xabaril nos cultivos agrícolas que se comuniquen desde o 11 de outubro de 2020 ata o 10 de outubro de 2021.
Prazo de presentación de solicitudes
a) Para os danos comunicados entre o 11 de outubro de 2020 e a entrada en vigor desta orde, o prazo de presentación será dun mes contado a partir da entrada en vigor desta orde.
b) Para os danos comunicados desde a entrada en vigor desta orde, o prazo de presentación da solicitude de axuda será dun mes contado desde o día seguinte ao da comunicación do dano ao teléfono 012, de acordo co establecido no artigo 6 da orde.
https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2021/20210111/AnuncioG0532-181220-0001_gl.pdf
XUNTA DE GALICIA CONVOCA AXUDAS PARA PALIAR OS DANOS PRODUCIDOS POLO LOBO
Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda
ORDE do 16 de decembro de 2020 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para paliar os danos producidos polo lobo e se convocan para o ano 2021 (código de procedemento MT809B).
Poderanse acoller a estas axudas as persoas físicas ou xurídicas titulares de explotacións gandeiras do tipo de gando que se especifica no anexo I e que fose afectado por ataques de lobos dentro da comunidade autónoma.
O gando danado polo que se solicita a axuda deberá cumprir cos seguintes requisitos:
a) Pertencer a unha persoa física ou xurídica titular dunha explotación gandeira inscrita na sección correspondente segundo o tipo de gando no Rexistro Xeral de Explotacións Gandeiras de Galicia.
b) O gando bovino, ovino e cabrún deberá cumprir cos requisitos sanitarios establecidos nos programas de control, vixilancia e erradicación de enfermidades que poden afectar as especies gandeiras de acordo coa normativa aplicable para o efecto.
No caso do gando porcino, deberá pertencer á raza Celta e cumprir cos requisitos sanitarios establecidos no Real decreto 599/2011, do 29 de abril, polo que se establecen as bases do Plan de vixilancia sanitaria do gando porcino, e no Real decreto 360/2009, do 23 de marzo, polo que se establecen as bases do Programa coordinado de loita, control e erradicación da enfermidade de Aujeszky.
c) Estar identificado de acordo coa normativa aplicable para o efecto e, no caso de gando porcino de raza Celta, deberán estar identificados individualmente e estar inscritos no Libro xenealóxico da raza.
Esta orde comprende as axudas para os danos producidos polo lobo que se comuniquen desde o 1 de outubro de 2020 ata o 30 de setembro de 2021.
Prazo de presentación de solicitudes
a) Para os danos comunicados entre o 1 de outubro de 2020 e a entrada en vigor desta orde, o prazo de presentación será de 1 mes contado a partir da entrada en vigor desta orde.
É requisito imprescindible que se comunicase previamente o ataque do xeito e no prazo previsto na Orde do 20 de decembro de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para paliar os danos producidos polo lobo e se convocan para o ano 2020.
b) Para os danos ocasionados a partir da entrada en vigor desta orde, o prazo de presentación será de 1 mes contado desde o día seguinte ao da comunicación do dano.
Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte.
https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2021/20210111/AnuncioG0532-161220-0005_gl.pdf
CONSELLERIA DE POLÍTICA SOCIAL CONVOCA AXUDAS A ENTIDADES PRIVADAS PARA O FOMENTO DA GRATUÍDADE DE ATENCIÓN EDUCATIVA PARA SEGUNDOS/AS FILLOS/AS E SUCESIVOS/AS EN ESCOLAS INFANTÍS DE 0-3
Consellería de Política Social
ORDE do 30 de decembro de 2020 pola que se regulan as bases que rexerán o procedemento de concesión de axudas a entidades privadas para o fomento da gratuidade da atención educativa para segundos fillos ou fillas e sucesivos/as en escolas infantís 0-3, e se procede á súa convocatoria para os anos 2021 e 2022 (código de procedemento BS420C).
Entidades beneficiarias
Poderán optar a estas axudas as entidades privadas que desenvolvan a súa actividade na Comunidade Autónoma de Galicia, apliquen a gratuidade da atención educativa e da matrícula nas escolas infantís 0-3 para segundos e sucesivos fillos e fillas, non accedan á bonificación a través doutras liñas de axuda da Consellería de Política Social e cumpran os seguintes requisitos:
a) Estar debidamente inscrita no Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais (RUEPSS) da Consellería de Política Social, de acordo co disposto no Decreto 254/2011, do 23 de decembro, polo que se regula o réxime de rexistro, autorización, acreditación e a inspección dos servizos sociais en Galicia.
b) Que a escola infantil 0-3 pola que solicita as axudas cumpre os requisitos establecidos no Decreto 254/2011, do 23 de decembro, e mais no Decreto 329/2005, do 28 de xullo, polo que se regulan os centros de menores e os centros de atención á infancia, así como na normativa de desenvolvemento.
c) Que a escola infantil 0-3 pola que solicitan as axudas dispón da documentación que acredita que os nenos e nenas que asisten a ela seguen o calendario de vacinación infantil do Programa galego de vacinación.
d) Que a escola infantil 0-3 pola que solicita as axudas ten as súas tarifas desagregadas por tipo de gasto e actualizadas no Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais (RUEPSS) da Consellería de Política Social e aplica os mesmos prezos á totalidade dos nenos e nenas, con independencia do número de orde que ocupen na unidade familiar.
Contía da axuda
1. As axudas compensarán a aplicación da bonificación do 100 % do prezo da atención educativa relativa a segundos fillos ou fillas e sucesivos/as da unidade familiar na contía do prezo mensual que lle correspondese aboar á familia segundo as tarifas establecidas polas
horas de asistencia do neno ou nena ata un máximo de 260 euros/mes por praza a xornada completa, excluído, en todo caso, o mes de vacacións do neno ou nena.
2. Así mesmo, bonificarase a gratuidade da matrícula dos segundos fillos ou fillas e sucesivos/as da unidade familiar cunha axuda de ata un máximo de 200 euros por matrícula, excluído calquera concepto distinto do de inscrición e referida unicamente aos nenos e nenas que ocupan praza na data da certificación de ocupación para a xustificación.
3. As axudas calcularanse en función das tarifas e do prezo da matrícula da escola infantil no curso 2020/21, sen superar o tope de 260 euros/mes e 200 euros por matrícula respectivamente, e do número de segundos/as e sucesivos/as fillos/as que a entidade declare na solicitude.
O prazo de presentación das solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.
https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2021/20210113/AnuncioG0425-301220-0003_gl.pdf