Sección: Outras axudas e subvencións

  • FUNDACIÓN MAPFRE CONVOCA AXUDAS PARA FOMENTAR A CONTRATACIÓN DE PERSOAS INDEFINIDAS (2)

    A Convocatoria de Axudas ao Emprego ACCEDEMOS é un proxecto impulsado por Fundación Mapfre desde 2013.

    Nesta edición 2026 ofrécense 350 axudas orientadas a fomentar a creación de novos empregos en pequenas e medianas empresas, autónomos e entidades sociais principalmente no ámbito rural, e a facilitar o acceso ao mercado laboral dos colectivos con maiores dificultades para atopar un emprego: menores de 30 anos, maiores de 50 anos e outros colectivos vulnerables.

    Tamén ofrece axudas á contratación para os aprendices dos talleres de oficios promovidos por Fundación Mapfre. Estas axudas constitúen unha iniciativa estratéxica para a Fundación e enmárcanse no seu Proxecto Social de Emprego.

    Poden solicitar estas axudas pequenas e medianas empresas, autónomos e entidades sociais con domicilio fiscal en España e constituídas legalmente ou dadas de alta na Seguridade Social con data anterior ao 31 de decembro do 2024. As axudas concederanse para a creación de novos contratos subscribidos a partir do 1 de xaneiro de 2026.

    CARACTERÍSTICAS DAS AXUDAS:

    515 euros mensuais para a contratación dun novo empregado a xornada completa.

    310 euros mensuais para a contratación a xornada parcial (mínimo 20 horas).

    Que teñen por finalidade reembolsar parte da nómina de traballadores de nova contratación.

    A duración máxima desta axuda é de 9 meses continuados. Debes ter en conta que unicamente se concederá unha axuda por empregador/a e empregado/a, e que os contratos deben ser indefinidos ou de formación en alternancia cunha duración mínima de 12 meses.

    Existen ademais requisitos específicos en función de se o posto de traballo créase en contorna urbana ou rural (poboacións de menos de 30.000 habitantes) .

    BASES: https://www.fundacionmapfre.org/premios-ayudas/convocatorias/contratacion/ayudas-empleo/bases-convocatoria/

    TODA A INFORMACIÓN: https://www.fundacionmapfre.org/premios-ayudas/convocatorias/contratacion/ayudas-empleo/

  • DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA CONVOCA SUBVENCIÓNS DIRIXIDAS A COOPERATIVAS AGROGANDEIRAS DA PROVINCIA DE PONTEVEDRA PARA INVESTIMENTOS DURANTE O EXERCICIO DE 2026

    Constitúe o obxecto xeral destas bases definir o conxunto de condicións e o proceso que se seguirá para a concesión de subvencións ás cooperativas agrogandeiras legalmente constituídas da provincia de Pontevedra que outorgue a Deputación, segundo os principios de obxectividade e concorrencia competitiva.

    A porcentaxe máxima subvencionable será do 65 % dos custos subvencionables, sen prexuízo de que sexan compatibles con outras axudas recibidas doutros organismos, e a súa concorrencia en ningún caso poderá superar o custo total do investimento.

    Limitacións:

    — Importe do orzamento subvencionable de gastos da actividade: máximo de setenta mil euros (70.000 €).

    — Importe da subvención: mínimo de seiscentos euros (600 €) e máximo de corenta e cinco mil cincocentos euros (45.500 €).

    Poderá solicitar estas axudas calquera cooperativa agrogandeira legalmente constituída da provincia de Pontevedra.

    Son actuacións susceptibles de axuda as que apoien as entidades agrogandeiras en investimentos destinados á recuperación e posta en valor dos recursos agrarios endóxenos de carácter agrícola e gandeiro que teñan como obxecto:

    a) Investimentos para mellorar os servizos que presta a cooperativa:

    — Axudas para adquirir terreos, para maquinaria agrícola, obras, construcións, equipos, instalacións, melloras en edificios e os seus accesos, equipos e sistemas informáticos, mobiliario e outros investimentos que sirvan para mellorar os servizos que prestan estas entidades.

    b) A comercialización, a transformación e a valorización das producións.

    c) A formación técnica e o asesoramento para desenvolver proxectos de investigación e innovación tecnolóxica.

    d) O uso das novas tecnoloxías e das enerxías renovables e o aforro enerxético.

    As axudas para maquinaria agrícola non serán compatibles con outras para o mesmo fin outorgadas por outra Administración pública.

    As actuacións referidas deben ser rexistradas pola entidade beneficiaria en contas contables do grupo de inmobilizado.

    O prazo para presentar as solicitudes será de vinte (20) días hábiles, contados a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria e do seu extracto no BOPPO e na Base de Datos Nacional de Subvencións (BDNS).

    https://boppo.depo.gal/web/boppo/detalle/-/boppo/2026/04/01/2026024693

  • DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA CONVOCA SUBVENCIÓNS, EN CONCORRENCIA COMPETITIVA, PARA ACTIVIDADES DE CARÁCTER TURÍSTICO DURANTE O ANO 2026

    SUBVENCIÓNS, EN CONCORRENCIA COMPETITIVA, PARA ACTIVIDADES DE CARÁCTER TURÍSTICO DURANTE O ANO 2026

    Constitúe o obxecto destas bases regular a concesión de subvencións públicas destinadas a promover actividades de carácter turístico durante o ano 2026, coa finalidade de colaborar no fomento do turismo da provincia de Pontevedra, segundo os principios de concorrencia competitiva, obxectividade e publicidade.

    A Deputación de Pontevedra concederá subvencións para realizar actividades de fomento do turismo con repercusión na provincia durante o período comprendido entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2026.

    Poderán ser subvencionables as actividades de fomento do turismo que teñan, entre outros fins, os seguintes:

    — Realizar experiencias turísticas singulares: creación, deseño e promoción de rutas, visitas guiadas, circuítos ou produtos turísticos que poñan en valor de forma innovadora o patrimonio cultural, natural ou gastronómico da provincia.

    — Organizar eventos de identidade territorial: celebración de eventos ou xornadas que promovan os elementos identitarios da provincia.

    — Realizar actividades de sustentabilidade e calidade: elaboración de proxectos que busquen a mellora da calidade turística, a accesibilidade universal ou a implantación de prácticas de xestión sostible (ambiental, social e económica) na prestación de servizos turísticos.

    As posibles beneficiarias poderán ser persoas xurídicas que reúnan os seguintes requisitos:

    — Non ter a condición de Administración pública.

    — Carecer de fins de lucro.

    — Ter o domicilio social na provincia de Pontevedra ou, excepcionalmente, fóra desta cando a actividade para a que se solicite a subvención teña interese para a provincia.

    — Estar ao corrente das obrigas tributarias coa Axencia Estatal de Administración Tributaria (AEAT) e coa Axencia Tributaria de Galicia (ATRIGA).

    — Non ter débedas coa Deputación de Pontevedra nin ter pendentes de xustificación subvencións anteriores pagadas anticipadamente por esta institución.

    — Estar ao corrente do pago coa Seguridade Social.

    — Non estar incursas en ningún dos supostos de prohibición para a percepción de axudas ou subvencións públicas, consonte o especificado no artigo 13 da LXS.

    — Estar inscritas no Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas de Galicia (REAT/RITGA), no momento da solicitude da axuda.

    O importe máximo da subvención para cada proxecto non poderá exceder o 70 % do seu orzamento nin superar os cinco mil cincocentos euros (5.500,00€).

    O prazo de presentación de solicitudes será dun (1) mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación da convocatoria e do extracto no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra (BOPPO) e na Base de Datos Nacional de Subvencións (BDNS).

    https://boppo.depo.gal/web/boppo/detalle/-/boppo/2026/04/06/2026025474

  • XUNTA DE GALICIA CONVOCA AXUDAS DIRIXIDAS A PERSOAS AGRICULTORAS MOZAS (FONDOS FEDER)

    CONSELLERÍA DO MEDIO RURAL

    ORDE do 26 de febreiro de 2026 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas destinadas ás persoas agricultoras mozas, no marco do Plan estratéxico da política agraria común de España 2023-2027, cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), e se convocan para o ano 2026 (códigos de procedemento MR404A e MR405F).

    Persoas beneficiarias

    En función do tipo de axuda que se solicite, as seguintes persoas poderán ser beneficiarias:

    a) MR404A. Establecemento de persoas agricultoras mozas. Subintervención 68611_01 Incorporación agraria: persoa física que teña entre 18 e 40 anos de idade, conte coa capacidade e competencias profesionais adecuadas e se instale nunha explotación agraria por vez primeira como xefe da dita explotación.

    b) MR405F. Axudas a investimentos en modernización e/ou mellora de explotacións. Explotacións agrarias. Subintervención 68412_01 Explotacións: titular de explotación agraria vinculada á solicitude simultánea da axuda de establecemento de persoas agricultoras mozas.

    O importe da axuda será do 30 % dos custos elixibles, que poderá incrementarse ata un máximo do 65 %, cun máximo de 75.000 euros/UTA e un límite de 250.000 euros/beneficiario.

    O prazo de presentación de solicitudes será dun (1) mes, que se contará desde o día seguinte ao da publicación da orde no Diario Oficial de Galicia.

    https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2026/20260309/AnuncioG0426-260226-0003_gl.pdf

  • DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA CONVOCA SUBVENCIÓNS DIRIXIDAS A ENTIDADES SEN FINS DE LUCRO PARA A REALIZACIÓN DE ACTIVIDADES CULTURAIS, ANO 2026

    SUBVENCIÓNS DIRIXIDAS A ENTIDADES SEN FINS DE LUCRO PARA A REALIZACIÓN DE ACTIVIDADES CULTURAIS, ANO 2026

    Poderán solicitar estas subvencións as entidades culturais que reúnan os seguintes requisitos:

    • Carecer de fins de lucro.

    • Ter o domicilio fiscal na provincia de Pontevedra.

    • Non estar incursas en ningún dos supostos de incapacidade ou incompatibilidade para percibir subvencións públicas.

    • Non estar incursas en ningunha das prohibicións para percibir subvencións recollidas na lei.

    • Estar ao corrente das obrigas tributarias coa Axencia Estatal de Administración Tributaria (AEAT), coa Axencia Tributaria de Galicia (ATRIGA), coa Seguridade Social e coa Deputación de Pontevedra.

    Non poderán beneficiarse destas subvencións as ANPA, as comisións de festas, os clubs deportivos nin as asociacións que teñan pendentes de xustificar subvencións para actividades culturais concedidas no exercicio anterior.

    Só se poderá conceder unha subvención por entidade, en cada unha das liñas, no ámbito desta convocatoria.

    Para os efectos destas bases, descríbense a continuación as actividades elixibles:

    Liña 1:

    • As actividades para a posta en valor do patrimonio inmaterial propio das vilas e comarcas da nosa provincia (costumes, tradicións, etnografía, crenzas e mitos).

    • Os certames e as actividades de valorización da pintura, da escultura, da arquitectura e da banda deseñada.

    • Os festivais, as mostras, os encontros e os certames culturais.

    • Festivais ou actividades de relevancia para os intereses provinciais de promoción da nosa cultura e das nosas tradicións fóra da Comunidade Autónoma de Galicia que teñan unha antigüidade de polo menos dúas edicións consecutivas anteriores á data de publicación desta convocatoria.

    Liña 2:

    • Participación en festivais, certames ou concursos nacionais e internacionais.

    • Intercambios culturais para potenciar o patrimonio musical e cultural fóra da Comunidade Autónoma de Galicia.

    Quedan excluídos desta convocatoria, e polo tanto non serán obxecto de subvención, os seguintes conceptos:

    • As actividades subvencionadas no mesmo exercicio a través doutras convocatorias de subvencións ou plans provinciais da Deputación.

    • Os gastos de funcionamento das entidades, os gastos correntes, os gastos bancarios, os gastos de persoal da propia entidade e as actividades xerais que se realicen ao longo de todo o ano.

    • As viaxes de lecer, as excursións, as festas gastronómicas e as festas populares.

    • Os gastos gastronómicos, agás naqueles casos de intercambios culturais fóra da comunidade autónoma.

    • As actividades que utilicen no seu desenvolvemento linguaxe sexista ou a imaxe da muller como reclamo.

    • As actividades educativas, as formativas e os obradoiros.

    • As actividades de carácter deportivo.

    • As actividades que ocasionen ou xustifiquen o maltrato de persoas ou animais.

    • As adquisicións de bens ou os gastos que teñan a consideración de investimentos.

    O prazo de presentación de solicitudes será dun (1) mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación da convocatoria e do extracto no BOPPO e na BDNS.

    https://boppo.depo.gal/web/boppo/detalle/-/boppo/2026/03/09/2026015418

     

  • INSTITUTO GALEGO DA VIVENDA E SOLO CONVOCA AXUDAS ÁS COMUNIDADES DE PROPIETARIOS PARA A REPARACIÓN, REHABILITACIÓN E/OU ADAPTACIÓN DOS EDIFICIOS DE VIVENDAS PROTEXIDAS

    INSTITUTO GALEGO DA VIVENDA E SOLO

    RESOLUCIÓN do 18 de febreiro de 2026 pola que se abre a convocatoria, para o ano 2026, das axudas ás comunidades de propietarios/as para a reparación, rehabilitación e/ou a adaptación dos edificios de vivendas protexidas promovidos por este instituto (código de procedemento VI420A).

    Poderán ter a condición de entidades beneficiarias destas subvencións as comunidades de propietarios/as ou agrupacións de comunidades dos edificios de vivendas que estean recollidos no ámbito de aplicación, sempre que non recibisen outra axuda do IGVS para a realización de obras do mesmo concepto nos dez anos inmediatamente anteriores ao da convocatoria correspondente e, ademais, cumpran cos seguintes requisitos:

    a) Que sexan seleccionadas conforme a prelación realizada en aplicación do baremo de criterios de valoración previstos nesta resolución e conforme a disposición orzamentaria existente.

    b) Que o seu edificio reúna as necesarias condicións de seguridade estrutural. De non ser este o caso, a entidade solicitante deberá acreditar a realización simultánea das obras que garantan que o edificio terá as condicións necesarias de seguridade estrutural.

    c) Que non estean incursas en ningunha das circunstancias previstas no artigo 10.2 da Lei de subvencións de Galicia (LSG).

    ACTUACIÓNS SUBVENCIONABLES:

    a) Adecuación das condicións de seguridade: obras que lle proporcionen ao edificio condicións de seguridade estrutural ou construtiva, de xeito que garantan a súa estabilidade, resistencia e solidez, seguridade contra incendios, así como obras de seguridade fronte a posibles accidentes ou sinistros.

    b) Adecuación das condicións de habitabilidade: obras que lle proporcionen ao edificio estanquidade fronte á choiva e á humidade, illamento térmico e acústico ou mellora das instalacións de calefacción.

    c) Adecuación funcional: obras que lle proporcionen ao edificio mellora dos accesos aos servizos xerais de auga, gas, electricidade, telefonía, saneamento, etc., así como a adecuación destas obras á correspondente normativa.

    d) Adecuación das condicións de accesibilidade: obras de supresión de barreiras arquitectónicas, tales como instalación de ascensores, ramplas ou outros dispositivos de accesibilidade, incluíndo os adaptados ás necesidades de persoas con discapacidade sensorial.

    A intensidade da axuda desta convocatoria será dun importe total correspondente ao 60% do orzamento subvencionable e ata un importe máximo que resulte de multiplicar o número de vivendas existentes no edificio por 6.000 euros.

    https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2026/20260220/AnuncioC3Q2-110226-0002_gl.pdf

  • XUNTA DE GALICIA CONVOCA SUBVENCIÓNS PARA O FOMENTO DO EMPRENDEMENTO EN ECONOMÍA SOCIAL

    CONSELLERÍA DE EMPREGO, COMERCIO E EMIGRACIÓN

    ORDE do 30 de decembro de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, das subvencións para o fomento do emprendemento en economía social (programa AprolEconomía Social) e se convocan para o ano 2026 (códigos de procedemento TR802G e TR802J).

    Entidades beneficiarias

    As cooperativas e sociedades laborais, para o programa I, e as persoas desempregadas, socias ou traballadoras de cooperativas ou sociedades laborais ou doutras empresas que se transformen nestas, para o programa II.

    Programas:

    Programa I: dirixido a fomentar a incorporación, como persoas socias traballadoras ou de traballo de cooperativas ou sociedades laborais, de persoas desempregadas, persoas traballadoras con carácter temporal e de persoas socias a proba.

    Programa II: dirixido a fomentar o acceso á condición de persoas socias traballadoras ou de traballo de cooperativas ou de sociedades laborais, así como o fomento do acceso de persoas emprendedoras por conta propia á condición de socias de cooperativas, a través do financiamento das achegas económicas ao capital social.

    O prazo de presentación de solicitudes comezará a partir do oitavo día hábil seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia, ás 9.00 horas, e finalizará o 16 de setembro de 2026, ás 20.00 horas, agás que se produza o suposto de esgotamento do crédito.

    https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2026/20260218/AnuncioG0767-130126-0012_gl.pdf

  • XUNTA DE GALICIA CONVOCA O PROGRAMA DE AXUDAS PARA IMPLEMENTAR A IGUALDADE LABORAL, A CONCILIACIÓN E A RESPONSABILIDADE SOCIAL EMPRESARIAL

    CONSELLERÍA DE EMPREGO, COMERCIO E EMIGRACIÓN

    ORDE do 29 de decembro de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras do Programa de axudas para implantar a igualdade laboral, a conciliación e a responsabilidade social empresarial (RSE), e se procede á súa convocatoria para o ano 2026 (códigos de procedemento TR357B, TR357C e TR357D)

    Esta orde de convocatoria estrutúrase en tres liñas de axudas:

    Liña I: elaboración e implantación de plans de igualdade (TR357C) nos termos definidos no capítulo III do Real decreto 901/2020, do 13 de outubro, polo que se regulan os plans de igualdade e o seu rexistro e se modifica o Real decreto 713/2010, do 28 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios e acordos colectivos de traballo.

    Liña II: conciliación (TR357D) que, pola súa vez, comprende tres subliñas:

    Subliña II.1. Incentivos para fomento do teletraballo: incentivarase a adopción de acordos laborais de teletraballo.

    Subliña II. 2. Incentivos para o fomento da flexibilidade horaria: incentivarase a adopción de acordos laborais de flexibilidade horaria.

    Subliña II.3. Subvencións para a adquisición de elementos tecnolóxicos que posibiliten o teletraballo.

    Liña III: certificacións de RSE (TR357B). Subvencionarase a obtención dunha certificación ou informe de verificación ou validación de códigos de conduta, normas ou estándares en materia de responsabilidade social empresarial.

    Poderán ser as que se relacionan ou equivalentes: Empresa Familiarmente Responsable-EFR (conciliación); Global Reporting Initiative (GRI); United Nations Global Compact (Pacto Mundial); ISO 37301; SGE 21; Global Accountability 1000 (AA 1000); EMAS, ISO 14000 (ambiente); ISO 16064; UNE-ISO 21401; ISO 50001; SA 8000, IQNet SR10, BEQUAL (discapacidade), ISO 45001 (seguridade e saúde laboral), certificación empresa saudable, así mesmo, selo horarios racionais (SHR) e certificación en benestar laboral.

    O prazo para a presentación de solicitudes será dun mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

    https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2026/20260218/AnuncioG0767-301225-0010_gl.pdf

  • AXENCIA GALEGA DA INDUSTRIA FORESTAL CONVOCA AXUDAS AO INVESTIMENTO EN TECNOLOXÍAS FORESTAIS, PROCESAMENTO, MOBILIZACIÓN E COMERCIALIZACIÓN DE PRODUTOS FORESTAIS

    AXENCIA GALEGA DA INDUSTRIA FORESTAL

    RESOLUCIÓN do 30 de decembro de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras e se convocan, por anticipado de gasto, para o ano 2026 en réxime de concorrencia competitiva as axudas aos investimentos en tecnoloxías forestais, procesamento, mobilización e comercialización de produtos forestais, no marco do Plan estratéxico da política agraria común de España 2023-2027, cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) (código de procedemento IN500A).

     Poderán ser persoas beneficiarias as microempresas, pequenas e medianas empresas (incluídas as persoas autónomas) do sector forestal radicadas en Galicia en relación cos investimentos realizados en zonas rurais de acordo cos criterios de localización establecidos no ámbito territorial do Plan estratéxico da política agraria común de España 2023‑2027 e descritos no anexo XIV, a excepción daquelas solicitantes que, aínda tendo o seu domicilio en áreas definidas como ZDP, soliciten investimentos non fixos para a realización de traballos no ámbito territorial do Plan estratéxico da política agraria común de España 2023-2027.

    Poderán ser subvencionables exclusivamente os seguintes investimentos elixibles:

    Liña 1. Xestión forestal activa.

    a) Procesadoras, cortadoras e outros equipamentos de corta destinados á realización de cortas intermedias (desmestas e rareos), así como as súas adaptacións e implementos, que deberán instalarse en equipamentos propiedade da solicitante. Entendendo por este tipo de maquinaria aquela que reúna as seguintes condicións:

    i) Largura máxima de 2,75 metros e alcance mínimo do guindastre de 8 metros.

    ii) Para maquinaria de rodas de: Peso máximo de 18,5 toneladas e cabezal con diámetro máximo de corte de 600 mm. para máquinas de ata 6 rodas. Peso máximo de 20,5 toneladas e cabezal con diámetro máximo de corte de 600 mm. para máquinas de ata 8 rodas.

    iii) Para maquinaria de cadeas: peso máximo de 21 toneladas, raio de xiro mínimo ou raio de xiro cero, e cabezal con diámetro máximo de corte de 600 mm.

    iv) No caso de cabezais procesadores ou cortadores, estes deberán ser instalados en equipos propiedade da solicitante, e deberá acreditar que a máquina base onde se van instalar, cumpre as características definidas nesta liña de investimentos. Ao igual, que no punto anterior, os cabezais deberán ter un diámetro máximo de corte de 600 mm.

    b) Autocargadores e tractocargadores completos, estes últimos ata 200 Kw de potencia, así como as súas adaptacións e implementos, que deberán instalarse en equipamentos propiedade da solicitante.

    Os autocargadores e tractocargadores, para a realización de carga e de transporte dos produtos obtidos nestas operacións, deberán dispor dunha capacidade máxima de carga de 12 toneladas e unha largura máxima de equipamento de 2,7 metros.

    No caso de tractocargadores, deberán ter as cabinas homologadas para a aplicación forestal conforme as normas de seguridade ROPS (ISO 8082-1 ou 8082-2 segundo corresponda), FOPS (ISO 8083:2006) e OPS (ISO 8084:2003), así como o asento xiratorio homologado para o xiro da persoa operaria sentada, proteccións forestais en cabina, rodas e baixos, e irán dotados de guindastre, cabrestante e remolque forestal de tracción.

    No caso de equipos automotrices que dispoñan dun motor térmico de combustión, tales como procesadoras, cortadoras, autocargadores, tractocargadores, arrastradores, etc. deberán dispor dun sistema automático de detección e extinción de lumes no equipo. O sistema de extinción deberá empregar un elemento de extinción efectivo en lumes de líquidos inflamables, como gasóleo ou aceites hidráulicos, e deberá non ser corrosivo, ser biodegradable, e permitir unha limpeza fácil da máquina tras a súa activación.

    Liña 2. Madeira e biomasa.

    a) Acondicionamento e instalacións en parques intermedios de rolla ou biomasa.

    b) Autocargadores, arrastradores forestais e tractocargadores completos, estes últimos ata 200 Kw de potencia, así como as súas adaptacións e implementos, que deberán instalarse en equipamentos propiedade da solicitante.

    Os tractocargadores deberán ter as cabinas homologadas para aplicación forestal conforme as normas de seguridade ROPS (ISO 8082-1 ou 8082-2 segundo corresponda), FOPS (ISO 8083:2006) e OPS (ISO 8084:2003), así como o asento xiratorio homologado para o xiro da persoa operaria sentada, proteccións forestais en cabina, rodas e baixos, e irán dotados de guindastre, cabrestante e remolque forestal de tracción. Estas adaptacións e estas normas exixiranse tamén aos tractores orientados á recollida ou aproveitamento comercial de biomasa.

    c) Procesadoras, cortadoras e outros equipamentos de corta, así como as súas adaptacións e implementos, que deberán instalarse en equipamentos propiedade da solicitante.

    d) Maquinaria específica, apeiros e implementos que permitan un aproveitamento comercial da biomasa forestal no monte, esteladoras con capacidade de recollida, empacadoras, colleitadoras ou procesadoras de biomasa. Non terán consideración de maquinaria específica nin procesadora de biomasa os tractores con rozadoras ou con trituradoras forestais. No caso de equipos automotrices que dispoñan dun motor térmico de combustión, tales como procesadoras, cortadoras, autocargadores, tractocargadores, arrastradores, astilladores automotrices, etc. deberán dispor dun sistema automático de detección e extinción de lumes no equipo.

    O sistema de extinción deberá empregar un elemento de extinción efectivo en lumes de líquidos inflamables, como gasóleo ou aceites hidráulicos, e deberá non ser corrosivo, ser biodegradable, e permitir unha limpeza fácil da máquina tras a súa activación.

    Liña 3. Castaña e resina.

    a) Maquinaria específica, equipamentos, apeiros e implementos que permitan un aproveitamento comercial da castaña ou da resina no monte.

    b) Acondicionamento e instalacións de parques intermedios de almacenamento e/ou clasificación.

    c) Bens de equipo e instalacións en empresas de recollida, manexo, clasificación, acondicionamento e comercialización de castaña ou resina.

    Liña 4. Valor engadido na primeira transformación da madeira.

    a) Equipos portátiles para a clasificación estrutural da madeira por métodos non destrutivos, sempre que dispoñan de documentación/estudos para a análise das especies empregadas pola empresa. A empresa deberá dispor, ou estar en proceso de obter no prazo máximo dun ano, a implantación do marcado CE para madeira estrutural.

    b) Maquinaria e instalacións de primeira transformación destinadas á clasificación automática da madeira estrutural mediante aspectos visuais ou indirectos. No caso de métodos indirectos deberá dispoñerse de documentación/estudos para a análise das especies empregadas pola empresa. A empresa deberá dispor, ou estar en proceso de obter no prazo máximo dun ano, a implantación do marcado CE para madeira estrutural.

    c) Maquinaria e instalacións de primeira transformación destinadas á clasificación automática por calidade tanto da materia prima (troncos) como de produtos serrados intermedios ou finais, mediante a aplicación de escáneres de imaxe, dimensionais, raios X, e outros tipos. O emprego desta instalación deberá xustificar a obtención dunha clasificación da madeira con un maior valor engadido.

    d) Maquinaria e instalacións de primeira transformación destinadas á obtención de produtos de maior valor engadido baseados na madeira serrada, e que permitan abrir novas liñas de negocio á empresa.

    e) Acondicionamento, maquinaria e instalacións de primeira transformación para o procesamento da biomasa forestal e a transformación da madeira.

    Liña 5. Medición, rastrexabilidade e caracterización da madeira obxecto de aproveitamento.

    a) Equipos de medición de inventario forestal de carácter dixital ou analóxico, sensores lidar terrestre e vehículos aéreos non tripulados e os seus accesorios, como cámaras ou lidar, entre outros.

    b) Básculas sensorizadas para parques ou cargadoiros intermedios de madeira.

    c) Equipos portátiles de ultrasóns (MST, MTG, PLG…etc.), resistógrafos, penetrómetros, lupas binoculares , higrómetros, estufas ou balanzas de laboratorio de precisión.

    Serán elixibles os custos ligados ao funcionamento dos aparellos e equipos descritos, tanto os custos de subscrición a software (admitirase só o gasto do período de subscrición durante o período de execución da axudas) como das licenzas de software para o uso da solución obxecto das actuacións realizadas, excluíndo o software de propósito xeral, por exemplo, sistemas operativos, aplicacións de xestión/monitoraxe de redes/sistemas, paquetes de ofimática, correo electrónico, edición e tratamento de imaxes.

    O prazo de presentación de solicitudes será dun (1) mes, contado a partir do día seguinte á publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

    https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2026/20260219/AnuncioG0520-280126-0003_gl.pdf

  • XUNTA DE GALICIA CONVOCA AXUDAS Á APICULTURA

    CONSELLERÍA DO MEDIO RURAL

    ORDE do 9 de decembro de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas á apicultura e se convocan para o ano 2026 (códigos de procedemento MR506A e MR506B).

    Beneficiarias e requisitos

    1. Poderán optar ás axudas previstas no artigo 3 da orde: a) As persoas físicas ou xurídicas, ou entes sen personalidade xurídica, titulares de explotacións apícolas, incluídas aquelas que sexan integrantes de explotacións de titularidade compartida recollidas na Lei 35/2011, do 4 de outubro, sobre titularidade compartida das explotacións agrarias, con exclusión das administracións ou entidades do sector público. Será requisito para a obtención das axudas:

    1º. Levar realizando a actividade apícola con anterioridade ao 1 de xaneiro do ano de presentación da solicitude de axuda, fóra de quen iniciase a actividade a través dun cambio de titularidade de explotacións en estado de alta con anterioridade a esa data. Ademais, quedará exenta do requisito anterior a creación de figuras asociativas ou persoas xurídicas integradas por apicultores/as que o foran antes do 1 de xaneiro do ano da presentación da solicitude, ou a creación de explotacións de titularidade compartida en que un dos membros fose apicultor ou apicultora con anterioridade a esa data. No caso de fusións de explotacións xa existentes, considerarase a data de inicio da actividade a do titular con maior antigüidade.

    2º. Seren titulares dunha explotación con máis de 15 colmeas para o caso das persoas apicultoras que soliciten a axuda a título individual, e con máis de 50, se solicitan axuda para realizar a transhumancia, sexan ou non persoas traballadoras autónomas.

    3º. Realizaren polo menos un tratamento ao ano fronte á varroose, de acordo co establecido no Real decreto 608/2006, do 19 de maio, polo que se establece e se regula un programa nacional de loita e control das enfermidades das abellas do mel.

    4º. Disporen dun seguro de responsabilidade civil das colmeas.

    5º. Cumpriren as previsións contidas no Real decreto 209/2002, do 22 de febreiro, polo que se establecen normas de ordenación das explotacións apícolas.

    6º. Teren realizada a declaración censual anual obrigatoria referida ao 31 de decembro de 2025 antes do día 1 de marzo de 2026. As alvarizas abandonadas e as colmeas mortas non darán dereito ao cobramento de axudas.

    b) As agrupacións de apicultores/as, na medida en que os seus socios ou asociados beneficiarios das axudas cumpran cos requisitos establecidos na letra a) anterior. Ademais, para seren beneficiarias, a solicitude de axuda deberá incluír, como mínimo, 1.500 colmeas.

    2. Só poderá solicitarse axuda para a execución dunha acción determinada sobre unha mesma colmea, unha única vez por campaña apícola, independentemente de se a persoa solicita esa axuda a título individual ou como integrante dunha cooperativa ou agrupación de produtores. Non obstante, as persoas apicultoras incluídas na solicitude de axuda presentada por unha agrupación de apicultores/as, ben sexa para unha ou varias accións, non poderán solicitar a axuda como integrantes doutra agrupación.

    O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, que comezará a contar a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

    https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2026/20260130/AnuncioG0426-091225-0003_gl.pdf