Sección: Outras axudas e subvencións

  • AXENCIA INSTITUTO ENERXÉTICO DE GALICIA CONVOCA SUBVENCIÓNS PARA PROXECTOS DE ENERXIAS RENOVABLES TÉRMICAS

    Axencia Instituto Enerxético de Galicia
    RESOLUCIÓN do 11 de maio de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras e se anuncia a convocatoria de subvencións para proxectos de
    enerxías renovables térmicas, para o ano 2021, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, no marco do programa operativo
    Feder‑Galicia 2014-2020 (código de procedemento IN421G).

    Poderán acceder á condición de beneficiarias das presentes subvencións:
    a) As entidades locais de Galicia e entidades dela dependentes.
    b) As entidades sen ánimo de lucro.
    c) Empresas legalmente constituídas e autónomos/as.

    As empresas deberán cumprir co criterio de autonomía e demais requisitos que se establecen no anexo I do Regulamento xeral de exención por categorías.

    Os requisitos para obter a condición de beneficiarias deberanse cumprir, como moi tarde, na data límite de remate do prazo de presentación de solicitudes.

    O obxecto destas bases é apoiar proxectos con fins de aforro enerxético e fomento do uso racional das enerxías renovables. Os proxectos limitaranse a instalacións para a xeración de enerxía térmica mediante equipamentos que utilicen biomasa como combustible e outras instalacións de enerxías renovables que utilicen como fonte enerxética a xeotermia, a aerotermia e a solar térmica (código de procedemento IN421G).

    O prazo de presentación de solicitudes será de un (1) mes, contado desde o día seguinte ao de publicación desta resolución no DOG.

    https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2021/20210525/AnuncioG0474-110521-0003_gl.pdf

     

     

  • XUNTA DE GALICIA CONVOCA AXUDAS PARA A ADQUISICIÓN DE LIBROS DE TEXTO E MATERIAL ESCOLAR DESTINADAS AO ALUMNADO MATRICULADO EDUCACIÓN PRIMARIA, EDUCACIÓN SECUNDARIA OBRIGATORIA E EDUCACIÓN ESPECIAL

    Consellería de Cultura, Educación e Universidade
    ORDE do 6 de maio de 2021 pola que se regula a participación no fondo solidario de libros de texto e se convocan axudas para adquirir libros de texto e material escolar destinadas ao alumnado matriculado en educación primaria, educación secundaria obrigatoria e educación especial en centros docentes sostidos con fondos públicos, para o curso escolar 2021/22 (código de procedemento ED330B)

    Esta orde ten por obxecto regular, no ámbito dos centros docentes da Comunidade Autónoma de Galicia sostidos con fondos públicos e para o curso 2021/22, o procedemento administrativo ED330B relativo:
    a) Á participación no fondo solidario de libros de texto do alumnado matriculado en 3º,
    4º, 5º e 6º de educación primaria (en diante, EP) e en 1º, 2º, 3º e 4º de educación secundaria obrigatoria (en diante, ESO), cursos en que, necesariamente, se manterán os libros de texto do curso 2020/2021.
    b) Á convocatoria de axudas para adquirir libros de texto destinadas ao alumnado matriculado en 1º e 2º de EP e en educación especial (en diante, EE), así como as axudas que pode recibir o alumnado incluído nas disposicións adicionais primeira e segunda desta orde.
    c) Á convocatoria de axudas para adquirir material escolar destinadas ao alumnado matriculado en EP, ESO e EE.

    O alumnado matriculado nos centros e cursos incluídos no proxecto educación dixital (E-DIXGAL) no curso 2021/22 está excluído da participación no fondo solidario de libros de texto e das axudas para adquirir libros de texto. Non obstante, terá dereito á axuda para adquirir material escolar, así como ás establecidas nas disposicións adicionais primeira e segunda, se reúne os requisitos establecidos nesta orde.

    Prazo: uniciarase o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia e rematará o día 22 de xuño de 2021. O alumnado que se incorpore ao centro docente fóra deste prazo disporá dun mes contado a partir do día seguinte ao da formalización da matrícula. Non se poderán presentar solicitudes despois do 31 de marzo de 2022.

    https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2021/20210520/AnuncioG0598-070521-0001_gl.pdf

  • SECRETARIA XERAL CONVOCA AXUDAS DE EMERXENCIA SOCIAL

    Vicepresidencia primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo
    RESOLUCIÓN do 6 de maio de 2021, da Secretaría Xeral da Emigración, pola que se convocan axudas de emerxencia social para o ano 2021 (código de
    procedemento PR935A).

    Estas axudas teñen carácter persoal, intransferible e non orixinan ningún dereito subxectivo para as persoas beneficiarias.

    As axudas convocadas por esta resolución serán reguladas polas bases contidas na Resolución do 2 de marzo de 2021, da Secretaría Xeral da Emigración, pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas de emerxencia social (dódigo de procedemento administrativo PR935A), polo que, en todo o non previsto nesta convocatoria, será de aplicación a dita resolución.

    As axudas previstas nesta resolución serán incompatibles con calquera outra das reguladas pola Secretaría Xeral da Emigración ou organismos públicos para os mesmos conceptos.

    Persoas beneficiarias
    Poderán ser persoas beneficiarias destas axudas as persoas emigrantes galegas e os/as seus/súas fillos/as, que posúan a condición de persoas galegas residentes no exterior, de acordo co establecido no artigo 3 das bases reguladoras desta convocatoria.

    O prazo para a presentación de solicitudes estará aberto desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia ata o 15 de novembro de 2021, ambos incluídos.

    https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2021/20210519/AnuncioG0595-060521-0002_gl.pdf

  • CONVOCATORIA DE AXUDAS PARA FACILITAR A MOBILIDADE XEOGRÁFICA DAS MULLERES VÍTIMAS DE VIOLENCIA DE XÉNERO

    Consellería de Emprego e Igualdade
    RESOLUCIÓN do 4 de maio de 2021, da Secretaría Xeral da Igualdade, pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións para facilitar a mobilidade xeográfica das mulleres vítimas de violencia de xénero, no marco do Pacto de Estado contra a violencia de xénero, e se convocan para o ano 2021 (código de procedemento SI451B).

    O obxecto desta resolución é establecer as bases que rexerán a concesión de subvencións destinadas a facilitar a mobilidade xeográfica das mulleres vítimas de violencia de xénero cando, a causa desa situación de violencia, se viran obrigadas a cambiar a súa residencia habitual como consecuencia da súa contratación por conta allea ou establecemento por conta propia.

    A finalidade das axudas é proporcionarlles apoio económico ás mulleres que sufriron violencia machista e apoialas no comezo dunha nova vida ou situación libre de violencia.

    Poderán ser beneficiarias das subvencións previstas nesta resolución as mulleres vítimas de violencia de xénero que cumpran os seguintes requisitos:
    1. Que acrediten a súa situación por calquera dos medios previstos no artigo 5 da Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero.

    En todo caso, a documentación acreditativa da situación de violencia de xénero debe estar emitida no prazo dos 24 meses anteriores ao cambio de residencia.
    Para os efectos desta resolución tamén terán a condición de vítima de violencia de xénero as mulleres que padeceran violencia vicaria ou violencia por interpósita persoa.
    2. Que teñan cesado a relación de convivencia co seu agresor.
    3. Que a media dos ingresos brutos mensuais da solicitante non supere o límite do importe de 3,5 veces o IPREM vixente nos 6 meses anteriores á data de presentación da solicitude.

    Unicamente se terán en conta as rendas ou ingresos de que dispoña ou poida dispoñer a solicitante da axuda, sen que se computen para estes efectos as rendas ou ingresos doutros membros da unidade familiar que convivan coa vítima.

    O prazo para a presentación de solicitudes comezará o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia e rematará o 30 de novembro de 2021.

    https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2021/20210518/AnuncioG0599-050521-0001_gl.pdf

  • CONSELLERIA DE POLITICA SOCIAL CONVOCA AXUDAS ENMARCADAS DENTRO DO PROGRAMA INICIATIVA XOVE

    Consellería de Política Social
    ORDE do 30 de abril de 2021 pola que se establecen as bases que rexen as axudas enmarcadas no programa Iniciativa Xove e se procede á súa convocatoria para o exercicio 2021 (código de procedemento BS306B).

    Obxecto
    O establecemento das bases reguladoras da concesión de axudas enmarcadas no programa Iniciativa Xove para a posta en marcha de iniciativas xuvenís, entendidas estas como proxectos liderados pola mocidade da Comunidade Autónoma de Galicia que se desenvolvan durante o ano 2021 e nas cales as persoas novas participen activamente na planificación e na realización das actividades deseñadas por elas mesmas.

    Persoas beneficiarias
    1. Grupos informais de entre 5 e 8 mozos e mozas, debidamente identificados, con idades comprendidas entre os 18 e 30 anos e empadroados na Comunidade Autónoma de Galicia.
    2. As asociacións xuvenís, as entidades prestadoras de servizos á xuventude e as súas respectivas federacións, sempre que, no caso destas últimas, o proxecto que presenten sexa diferente do que presenten, se for o caso, as asociacións xuvenís ou entidades prestadoras que formen parte da federación. Deberán estar inscritas no censo oficial dependente organicamente da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado.

    O prazo de presentación de solicitudes será dun (1) mes, que se contará a partir do día seguinte ao da publicación da orde de convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

    https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2021/20210514/AnuncioG0425-030521-0001_gl.pdf

     

  • CONVOCATORIA DE AXUDA DESTINADAS A PERSOAS TRABALLADORAS AFECTADAS, CON 55 OU MÁIS ANOS DE IDADE , POLA EXTINCIÓN DOS SEUS CONTRATOS DE TRABALLO POR PROCEDEREN DE EMPRESAS EN CRISE

    Consellería de Emprego e Igualdade
    ORDE do 26 de abril de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras polas que se regulan as axudas destinadas ás persoas traballadoras afectadas,
    con 55 ou máis anos de idade, pola extinción dos seus contratos de traballo por procederen de empresas en crise, e se procede á súa convocatoria para o ano 2021 (código de procedemento TR820E).

    Programa I. Axudas destinadas a financiar as cotas que se van ingresar polo convenio especial que teñan subscrito ou subscriban coa Seguridade Social.

    1. Que a persoa traballadora estea incluída nalgún dos supostos seguintes:
    a) Que se teña extinguido o seu contrato de traballo por despedimento ou conforme os artigos 50, 51 e 52 do Estatuto dos traballadores, por proceder dunha empresa declarada insolvente. A declaración de insolvencia da empresa deberá afectar os créditos laborais da persoa traballadora, recoñecidos como consecuencia de sentenza, auto, acto de conciliación ou resolución administrativa a favor dos solicitantes. Para os efectos destas axudas, tamén se considerará que o contrato se extinguiu nunha empresa insolvente, aínda que non se producise tal declaración de insolvencia, cando a extinción da relación laboral tivese lugar con anterioridade á declaración de concurso de acredores da empresa, sempre que os créditos laborais da persoa traballadora se incorporasen ao procedemento concursal.
    b) Que se teña extinguido o seu contrato de traballo por despedimento ou conforme os artigos 50, 51 e 52 do Estatuto dos traballadores, por proceder dunha empresa declarada en concurso. Neste suposto, a extinción do contrato deberá producirse dentro do período entre o auto que declara o concurso de acredores e a súa conclusión por algunha das causas que recolle o artigo 465 do real decreto lexislativo 1/2020, do 5 de maio, polo que se aproba o texto refundido da Lei concursal.
    c) Que se extinga o seu contrato de traballo por algunha das causas do artigo 49.1.g) do Estatuto dos traballadores, este aspecto debe estar expresamente recollido na carta de despedimento ou na sentencia declarativa.
    d) Que se extinguise o seu contrato de traballo como consecuencia do peche da empresa fundado nalgunha das causas contidas nos artigos 51 e 52.c) do Estatuto dos traballadores, sempre que ambos os aspectos, o peche da empresa e a causa de extinción do contrato, se recollan expresamente na sentenza declarativa do despedimento ou na carta de despedimento, esta última deberá vir acompañada, en todo caso, pola autorización da persoa representante da empresa para consultar os datos do peche ante a Tesouraría Xeral da Seguridade Social.

    Programa II. Axudas de pagamento único dirixidas a compensar as persoas traballadoras da diminución do importe da indemnización recoñecida como consecuencia de sentenza, auto, acto de conciliación xudicial ou resolución administrativa a favor daquelas,
    a causa dos referidos despedimentos ou extincións de contratos, cando esta é aboada polo Fondo de Garantía Salarial (Fogasa), xa que nestes supostos a indemnización está sometida aos límites establecidos no artigo 33.2 e 33.3 do Estatuto dos traballadores.

    2. Que a persoa traballadora cumpra un dos seguintes requisitos:
    a) Que no momento da presentación da solicitude o derradeiro contrato de traballo sexa algún dos sinalados no número 1 deste artigo.
    b) Que no momento da presentación da solicitude non transcorresen máis de 4 anos desde que se producise a extinción do contrato de traballo dos sinalados no número 1 do presente artigo, aínda que con posterioridade teña algún contrato de traballo. Nestes casos, a finalización do derradeiro contrato non debe producirse por dimisión da persoa traballadora prevista no artigo 49.1.a) e d) do Estatuto dos traballadores.
    3. Que o centro de traballo da empresa a que se fai referencia no número 1 do presente artigo estea situado en Galicia.
    4. Que a antigüidade na empresa a que se fai referencia no número 1 do presente artigo sexa dun mínimo de tres anos.
    5. Que conte con 55 ou máis anos de idade.
    6. Ter esgotada a prestación contributiva por desemprego.
    7. Que a base de cotización media por continxencias comúns dos últimos seis meses de ocupación cotizada na empresa a que se fai referencia no número 1 deste artigo non supere o importe de 2.600 €.
    Nos supostos do punto 2.b) deste artigo, para o cálculo da cotización media por continxencias comúns, ademais do anterior, tomaranse tamén as bases de cotización por esa continxencia correspondentes á ocupación cotizada do derradeiro contrato de traballo.
    8. Ter subscrito, ou comprometerse a subscribir no período subvencionable, convenio especial coa Seguridade Social, conforme o disposto na Orde TAS/2865/2003, do 13 de outubro, polo que se regula o convenio especial co sistema da Seguridade Social, nos termos establecidos no artigo 4.2 da presente orde.
    B) No caso do programa II: axudas de pagamento único dirixidas a compensar as persoas traballadoras da diminución do importe da indemnización recoñecida como consecuencia de sentenza, auto, acto de conciliación xudicial ou resolución administrativa a favor daquelas, a causa dos referidos despedimentos ou extincións de contratos, cando esta é aboada polo Fondo de Garantía Salarial (Fogasa), xa que nestes supostos a indemnización está sometida aos límites establecidos no artigo 33.2 e 33.3 do Estatuto dos traballadores.
    a) Que durante o período a que se estende a axuda que figurará na convocatoria se extinguise o seu contrato de traballo por despedimento ou conforme os artigos 50, 51 e 52 do Estatuto dos traballadores, por proceder dunha empresa en crise, ao ter sido declarada insolvente ou en concurso.
    Para os efectos destas axudas tamén se considerará que o contrato se extinguiu nunha empresa insolvente, aínda que non se producise tal declaración de insolvencia, cando a extinción da relación laboral tivese lugar con anterioridade á declaración de concurso de acredores da empresa, sempre que os créditos laborais procedentes da indemnización pendente de cobramento da persoa traballadora se incorporasen ao procedemento concursal.

    Cando se trate de empresas en procedemento concursal, a extinción do contrato deberá producirse dentro do período comprendido entre o auto que declara o concurso de acredores e a súa conclusión por algunhas das causas que recolle o artigo 465 do Real decreto lexislativo 1/2020, do 5 de maio, polo que se aproba o texto refundido da Lei concursal.
    b) Que o importe de indemnización aboada polo Fogasa sexa inferior ao recoñecido en sentenza, auto, acto de conciliación xudicial ou resolución administrativa a favor da persoa solicitante.
    c) Que o centro de traballo da empresa onde prestaba servizos a persoa traballadora estea situado en Galicia.
    d) Ter cumpridos 55 anos ou máis.
    e) Que a antigüidade na empresa da que proceden sexa dun mínimo de tres anos.

    O prazo para a presentación de solicitudes comezará o día seguinte ao da publicación no Diario Oficial de Galicia da presente orde, xunto coa convocatoria do ano 2021, e permanecerá aberto con carácter permanente ata o 31 de outubro de 2021.

    https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2021/20210510/AnuncioG0599-280421-0003_gl.pdf

  • XUNTA DE GALICIA: CONVOCATORIA DE AXUDAS PARA IMPLANTAR A IGUALDADE LABORAL, A CONCILIACIÓN E A RESPONSABILIDADE SOCIAL EMPRESARIAL

    Consellería de Emprego e Igualdade
    ORDE do 26 de abril de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras do Programa de axudas para implantar a igualdade laboral, a conciliación e a
    responsabilidade social empresarial (RSE), e se procede á súa convocatoria para o ano 2021 (códigos de procedemento TR357B, TR357C e TR357D).

    Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras e convocar, para o ano 2021, en réxime de concorrencia competitiva, axudas e incentivos a pemes, a persoas traballadoras autónomas con persoas traballadoras a cargo e para implantar a igualdade laboral, código de procedemento administrativo (TR357C), adoptar medidas de corresponsabilidade e de conciliación da vida familiar, persoal e laboral, código de procedemento administrativo (TR357D), así como implantar sistemas de xestión de responsabilidade social empresarial (RSE), código de procedemento administrativo (TR357B), no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.

    Período
    Poderán ser subvencionables as accións para as cales se concede a axuda ou incentivo que se realicen entre o día 1 de xaneiro de 2021 e ata a data de final do prazo de xustificación das actividades establecido no artigo 35.

    Liñas das axudas
    Esta orde de convocatoria estrutúrase en tres liñas de axudas:
    Liña I. Elaboración e implantación de plans de igualdade (TR357C) nos termos definidos no capítulo III do Real decreto 901/2020, do 13 de outubro, polo que se regulan os plans de igualdade e o seu rexistro e se modifica o Real decreto 713/2010, do 28 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios e acordos colectivos de traballo.
    Liña II. Conciliación (TR357D) que, pola súa vez, comprende tres subliñas:
    Subliña II.1. Incentivos para fomento do teletraballo: incentivarase a adopción de acordos laborais de teletraballo.
    Subliña II. 2. Incentivos para o fomento da flexibilidade horaria. Incentivarase a adopción de acordos laborais de flexibilidade horaria.
    Subliña II.3. Subvencións para a adquisición de elementos tecnolóxicos que posibiliten o teletraballo.
    Liña III. Certificacións de RSE (TR357B). Subvencionarase a obtención dunha certificación ou informe de verificación ou validación de códigos de conduta, normas ou estándares en materia de responsabilidade social empresarial. Poderán ser as que se relacionan ou equivalentes: empresa familiarmente responsable-EFR (conciliación), Global Reporting
    Initiative (GRI); United Nations Globlal Compact (Pacto Mundial); ISO 19600, SGE 21, Global Accountability 1000 (AA 1000); EMAS, ISO 14000 (ambiente), SA 8000, IQNet SR10, BEQUAL (discapacidade), ISO 45001 (seguridade e saúde laboral), certificación empresa saudable, así mesmo selo horarios racionais (SHR).

    O prazo para a presentación de solicitudes será dun mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

    https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2021/20210510/AnuncioG0599-280421-0001_gl.pdf

  • IGAPE APROBA AS BASES REGULADORAS DE PRÉSTAMOS DIRECTOS PARA O FINANCIAMENTO EMPRESARIAL EN GALICIA

    Instituto Galego de Promoción Económica
    RESOLUCIÓN do 23 de abril de 2021 pola que se dá publicidade do Acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras de préstamos directos para o financiamento empresarial en Galicia e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia non competitiva (código de procedemento IG408B).

    O prazo de presentación de solicitudes comezará o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia e finalizará o 30 de decembro de 2021,
    agás que se produza o suposto de esgotamento do crédito.

    Poderán ser beneficiarias dos préstamos regulados nestas bases aquelas empresas que cumpran os seguintes requisitos:
    a) Realicen unha iniciativa empresarial nun centro de traballo, obxecto do proxecto de investimento, localizado na Comunidade Autónoma de Galicia.
    b) Cumpran as condicións establecidas especificamente para a correspondente modalidade de préstamo, conforme os requisitos que se detallan no anexo I.
    c) Acheguen para o proxecto de investimento unha contribución financeira mínima do 25 % do proxecto, exenta de calquera tipo de apoio público.

    Características dos proxectos que se van financiar
    1. O Igape poderá financiar proxectos empresariais, ou outro tipo de actuacións vinculadas a unha actividade económica, viables para implantar na Comunidade Autónoma de Galicia, que cumpran ademais os requisitos específicos establecidos no anexo I para cada modalidade de préstamo.

    Serán financiables os investimentos e gastos que cumpran os requisitos destas bases, realizados e pagados unha vez presentada a solicitude, e dentro do prazo concedido para a execución do proxecto.

    2. Non serán financiables as simples substitucións de bens sen unha mellora produtiva, os traslados de centros produtivos que non supoñan unha mellora na capacidade produtiva ou na competitividade, os gastos de amortización, o saneamento de contas, nin o financiamento ou o refinanciamento de débedas.

    3. Actividades financiables: os proxectos financiables deberán estar vinculados ás actividades establecidas como financiables, que serán as sinaladas no anexo I para cada unha das modalidades de préstamo, independentemente de calquera outra que, ademais, desempeñe o solicitante.

    https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2021/20210506/AnuncioO92-260421-0001_gl.pdf

  • CONVOCATORIA DE AXUDAS DENMOBILIDADE COMPLEMENTARIAS ÁS ACHEGADAS POLA UE NO MARCO DO PROGRAMA COMUNITARIO ERASMUS +

    Consellería de Cultura, Educación e Universidade
    ORDE do 22 de abril de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras e se convocan axudas de mobilidade complementarias ás achegadas pola Unión Europea no marco do programa comunitario Erasmus+, destinadas ao alumnado que cursa ensinanzas artísticas superiores en centros públicos de Galicia no curso 2020/21 (código de procedemento ED322A).

    Poderá solicitar estas axudas o alumnado que cumpra os seguintes requisitos:
    a) Estar matriculado no curso 2020/21 en calquera dos centros públicos que impartan ensinanzas artísticas superiores na Comunidade Autónoma de Galicia.
    b) Ter obtido unha bolsa Erasmus+ de mobilidade no curso 2020/21.
    c) Non ter desfrutado desta axuda complementaria en convocatorias anteriores.

    Queda excluído desta convocatoria o alumnado que, con nacionalidade distinta á española, realice a mobilidade no seu país de orixe.

    O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado desde o día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

    https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2021/20210506/AnuncioG0598-260421-0001_gl.pdf

  • CONVOCATORIA DE AXUDAS PARA A MELLORA DA CAPACIDADE DE INNOVACIÓN DAS EMPRESAS EN GALICIA

    Axencia Galega de Innovación
    RESOLUCIÓN do 22 de abril de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das
    axudas para a mellora da capacidade de innovación das empresas en Galicia, a través do financiamento das actividades integradas en plans de innovación
    enmarcados en prioridades estratéxicas da RIS3, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, e se procede á súa convocatoria para o ano 2021 (código de procedemento IN848D). Programa InnovaPeme.

    Poderán ser beneficiarias destas axudas as microempresas, pequenas e medianas empresas, conforme as definicións contidas no artigo 2, con domicilio social ou un centro de traballo en Galicia, onde deberán desenvolver as actividades para as que se solicitan a axuda.

    Os beneficiarios das axudas deberán contar con capacidade administrativa, financeira e operativa suficiente para a execución da axuda que se lles conceda, cuxas condicións se determinarán no documento que establece as condicións da axuda (DECA), conforme o disposto no artigo 20 da presente resolución.

    Serán actividades subvencionables aquelas incluídas nun plan de innovación que deberá reunir, necesariamente, as seguintes características:
    a) Deberá reunir unha serie de actividades que constitúan un conxunto completo e homoxéneo que permita implementar ou incrementar as capacidades innovadoras da empresa solicitante.
    b) As actividades incluídas no plan de innovación deben implicar unha ou varias destas opcións, desagregadas no catálogo que se achega como anexo I:
    b.1) Actividades de innovación, destinadas principalmente a corrixir deficiencias de mercado relacionadas con externalidades positivas (desbordamento do coñecemento), deficiencias de coordinación e, en menor medida, información asimétrica; estas actividades comprenderán a obtención, validación e defensa de patentes e outros activos inmateriais, o envío en comisión de servizo de persoal altamente cualificado e a adquisición de servizos de asesoramento e apoio á innovación.
    b.2) Innovación en materia de procesos e/ou de organización: a aplicación dun método de produción ou subministración nova ou significativamente mellorada (incluídos cambios significativos en canto a técnicas, equipamentos ou programas informáticos), dun novo método organizativo ás prácticas comerciais, a organización do centro de traballo ou as relacións exteriores dunha empresa.

    O prazo de presentación de solicitudes será de un mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

    https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2021/20210505/AnuncioG0198-230421-0001_gl.pdf