Sección: Outras axudas e subvencións

  • CONSELLERIA DE MEDIO RURAL CONVOCA AXUDAS PARA A CREACIÓN DE EMPRESAS PARA AS PERSOAS AGRICULTORAS MOZAS (FONDOS EUROPEOS)

    CONSELLERÍA DO MEDIO RURAL

    ORDE do 29 de decembro de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para a creación de empresas para as persoas agricultoras mozas, financiadas co instrumento de recuperación da Unión Europea (EURI), para o apoio aos investimentos nas explotacións agrícolas e para a creación de empresas para o desenvolvemento de pequenas explotacións, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do PDR de Galicia 2014-2020, e se convocan para o ano 2023 (códigos de procedemento MR404A, MR405A e MR405B).

    En función do tipo de axuda que se solicite, poderán ser beneficiarias as seguintes persoas:

    a) Medida 4. Investimentos en activos físicos.

    – Submedida 4.1 Apoio aos investimentos nas explotacións agrícolas (plans de mellora nas explotacións agrarias, código de procedemento MR405A). a. Persoas físicas ou xurídicas titulares de explotacións agrarias. b. Persoas agricultoras mozas que se instalen nunha explotación de nova creación. b) Medida 6. Desenvolvemento de explotacións agrícolas e empresariais.

    – Submedida 6.1 Creación de empresas para as persoas agricultoras mozas (código de procedemento MR404A). Calquera persoa física que, no momento de presentar a solicitude, non teña máis de corenta anos, conte coa capacidade e competencias profesionais adecuadas e se instale nunha explotación agraria por vez primeira como xefa da dita explotación.

    Submedida 6.3 Creación de empresas para o desenvolvemento de pequenas explotacións (código de procedemento MR405B).

    Persoas físicas ou xurídicas titulares de explotacións agrarias.

    Esta orde ten por obxecto convocar para o ano 2023 as seguintes liñas de axuda incluídas no Programa de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020, en réxime de concorrencia competitiva:

    a) Medida 4. Investimentos en activos físicos. – Submedida 4.1 Apoio aos investimentos nas explotacións agrícolas.

    b) Medida 6. Desenvolvemento de explotacións agrícolas e empresariais. – Submedida 6.1 Creación de empresas para as persoas agricultoras mozas. – Submedida 6.3 Creación de empresas para o desenvolvemento de pequenas explotacións.

    O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, que se contará desde o día seguinte ao da publicación da orde no Diario Oficial de Galicia.

    https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2023/20230126/AnuncioG0426-200123-4_gl.pdf

  • AUGAS DE GALICIA CONVOCA AXUDAS PARA A MELLORA DO ESTADO DAS INSTALACIÓNS DE TRATAMENTO E ALMACENAMENTO DA AUGA DE COMUNIDADES DE USUARIOS DE ABASTECEMENTO PARA CONSUMO HUMANO

    Augas de Galicia

    RESOLUCIÓN do 30 de decembro de 2022 pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión de axudas, en réxime de concorrencia competitiva, para a mellora do estado das instalacións de tratamento e almacenamento da auga de comunidades de usuarios de abastecemento para consumo humano na Comunidade Autónoma de Galicia, e se convocan para o ano 2023, mediante tramitación anticipada de gasto (código de procedemento AU232A).

    Poderán ser beneficiarias destas axudas as comunidades de usuarios coa finalidade de abastecemento de auga para consumo humano legalmente constituídas na Comunidade Autónoma de Galicia, de acordo coas previsións do Regulamento do dominio público hidráulico, aprobado polo Real decreto 849/1986, do 11 de abril.

    Serán subvencionables os investimentos realizados desde o 1 de xaneiro de 2023 destinados á mellora do estado das instalacións de tratamento e almacenamento da auga nas traídas xestionadas polas comunidades de usuarios solicitantes, a través dalgunha das seguintes intervencións:

    a) No ámbito dos sistemas de tratamento da auga, serán subvencionables as seguintes actuacións: 1º. Obras de mellora nos sistemas de filtración e decantación. 2º. Instalación ou obras de mellora de sistemas de desinfección e de recirculación. 3º. Instalación ou obras de mellora da eficiencia enerxética no tratamento da auga.

    b) No ámbito das infraestruturas de almacenamento da auga antes da súa subministración, serán subvencionables as seguintes actuacións: 1º. Instalacións ou obras de mellora dos respiradoiros 2º. Impermeabilización de depósitos. 3º. Instalación ou obras de mellora na cámara de chaves, válvulas de control de enchido para evitar desbordamentos e sectorización.

    2. En calquera caso, só serán subvencionables as actuacións operativas, é dicir, aquelas que conteñan os elementos necesarios para acadar a finalidade para a cal foron deseñadas.

    O importe das axudas para mellorar o estado das instalacións de tratamento e almacenamento da auga será, como máximo, do 80 % do investimento da actuación proposta, co límite máximo de quince mil euros (15.000,00 €) por solicitude (IVE incluído), ata esgotar o crédito referido no artigo 4

    O 20 % restante do investimento total será financiado directamente pola comunidade de usuarios. Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

    O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación da resolución da convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

    https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2023/20230125/AnuncioO143-110123-0003_gl.pdf

  • CONSELLERIA DO MEDIO RURAL CONVOCA AXUDAS DE COMPENSACIÓN COMPLEMENTARIAS E AXUDAS PARA A REPOSICIÓN DOS ANIMAIS EN EXPLOTACIÓNS DE GANDO BOVINO, OVINO E CABRÚN COMO CONSECUENCIA DO SACRIFICIO OBRIGATORIO

    Consellería do Medio Rural

    ORDE do 30 de decembro de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas de compensacións complementarias e axudas para a reposición dos animais en explotacións de gando bovino, ovino e cabrún, como consecuencia do sacrificio obrigatorio de gando en execución de programas oficiais de erradicación de enfermidades, e se convocan para o ano 2023 (códigos de procedemento MR553A, MR553B e MR550A)

    Persoas e entidades beneficiarias

    1. Poderán ser persoas beneficiarias das axudas de compensacións complementarias por lucro cesante as persoas físicas e xurídicas privadas e as entidades sen personalidade xurídica que sexan titulares de explotacións bovinas, ovinas e cabrúas en que se sacrificase ou destruíse de forma preventiva a totalidade do seu censo, por motivos de sospeita e/ou confirmación da presenza dalgunha enfermidade sometida a un programa ou a unha actuación sanitaria oficial de vixilancia, loita, control ou erradicación.

    2. Poderán ser persoas beneficiarias das axudas para a compra de animais de reposición as persoas físicas e xurídicas privadas e as entidades sen personalidade xurídica que sexan titulares de explotacións bovinas, ovinas e cabrúas en que se ordenase o sacrificio obrigatorio de animais existentes nelas, como consecuencia do diagnóstico dunha enfermidade sometida a un programa ou a unha actuación sanitaria oficial de vixilancia, loita, control ou erradicación, así como as persoas ou entidades titulares daquelas explotacións onde morresen ou se practicase a eutanasia de animais das ditas especies, por mor dunha enfermidade sometida a un programa ou a unha actuación sanitaria oficial de vixilancia, loita, control ou erradicación ou por mor dun programa oficial obrigatorio de vacinación.

    3. As persoas ou entidades solicitantes das axudas establecidas nesta orde, para seren beneficiarias delas, deberán ter a condición de pemes, de acordo co disposto no anexo I do Regulamento (UE) nº 702/2014 da Comisión, do 25 de xuño, polo que se declaran determinadas categorías de axuda nos sectores agrícola e forestal e en zonas rurais compatibles co mercado interior, en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea.

    O prazo para a presentación de solicitudes e, se é o caso, da correspondente documentación complementaria, será desde o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia ata o día 30 de novembro de 2023.

    https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2023/20230125/AnuncioG0426-301222-0005_gl.pdf

  • CONSELLERIA DE MEDIO RURAL CONVOCA INDEMNIZACIÓNS POLO SACRIFICIO OBRIGATORIO DE ANIMAIS EN EXECUCIÓN DE PROGRAMAS E ACTUACIÓNS OFICIAIS DE VIXIANCIA, LOITA, CONTROL E ERRADICACIÓN DAS SÚAS ENFERMIDADES

    Consellería do Medio Rural

    ORDE do 30 de decembro de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de indemnizacións polo sacrificio obrigatorio de animais en execución de programas e actuacións oficiais de vixilancia, loita, control e erradicación das súas enfermidades, e se convocan para o ano 2023 (código de procedemento MR553C).

    Poderán optar ás indemnizacións previstas no artigo 1 as persoas físicas e xurídicas públicas ou privadas e as entidades sen personalidade xurídica que sexan titulares:

    a) De animais que se sacrifiquen ou morran por resultaren reaccionantes ás probas diagnósticas de tuberculose, brucelose, leucose e lingua azul no gando vacún, ovino e cabrún, ou por ter convivido con animais enfermos e que sexan considerados sospeitosos polos veterinarios actuantes.

    b) De animais e os seus produtos de calquera especie, sacrificados/mortos e /ou destruídos por motivos de sospeita e/ou confirmación da presenza dalgunha das encefalopatías esponxiformes transmisibles.

    c) De aves reprodutoras ou poñedoras da especie Gallus gallus e reprodutoras da especie Meleagris gallopavo, sacrificadas por orde da autoridade competente dentro dos programas nacionais de control de salmonela.

    d) De aves sacrificadas/mortas por mor da declaración oficial dun foco de influenza aviaria, de enfermidade de Newcastle ou doutra enfermidade das aves declarada oficialmente.

    e) De porcos sacrificados/mortos por mor da declaración oficial dun foco de peste porcina clásica ou de peste porcina africana, ou doutras enfermidades porcinas declaradas oficialmente ou durante o desenvolvemento de medidas, probas ou controis ordenados pola autoridade competente.

    f) De visóns americanos que se sacrifiquen por resolución da autoridade competente en materia de sanidade animal, ou morran, afectados por enfermidades sometidas a actuacións ou programas sanitarios oficiais.

    g) De animais que morran como consecuencia directa de actuacións, tratamentos e manipulacións preventivas ou con fins de diagnóstico e, en xeral, de animais que morran no contexto de medidas de execución de actuacións sanitarias oficiais impostas pola autoridade competente.

    h) Os demais supostos recollidos na Lei 8/2003, do 24 de abril, de sanidade animal, e na normativa estatal e da Unión Europea de desenvolvemento dos programas e das actuacións sanitarias de vixilancia, loita control e erradicación de cada enfermidade.

    https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2023/20230125/AnuncioG0426-301222-0003_gl.pdf

  • XUNTA DE GALICIA CONVOCA AXUDAS PARA PROXECTOS DE MELLORA ENERXÉTICA DIRIXIDOS A PERSOAS AUTÓNOMAS E PEMES DO SECTOR SERVIZOS

    Axencia Instituto Enerxético de Galicia

    RESOLUCIÓN do 20 de decembro de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras e se anuncia a convocatoria do procedemento de concesión de subvencións para proxectos de mellora enerxética, dirixido a autónomos e pemes do sector servizos (programa Bono enerxía peme), anualidade 2023 (código de procedemento IN417Z).

    Son proxectos subvencionables os investimentos en equipamentos consumidores de enerxía ou elementos que contribúan a unha xestión enerxética eficiente incluídos nas seguintes tipoloxías de actuación:

    a) Bono asesoramento enerxético: Serán subvencionables:

    i) Diagnósticos enerxéticos que inclúan inventario dos principais equipamentos consumidores do centro de traballo, análise de consumo, propostas de optimización do consumo enerxético e de mellora da contratación e facturación da enerxía que evalúe o custo e aforro económico derivado.

    ii) Auditorías enerxéticas que, ademais do contido das diagnoses, deben completar a parte de análise de consumos con medicións (análise de combustión de caldeiras, medición consumo eléctrico dos principais equipamentos consumidores, análise termográfica das instalacións, medicións lumínicas,…) e na parte de proposta de mellora deben analizar actuacións de eficiencia enerxética, de implantación de enerxías renovables, de mellora da contratación e facturación da enerxía e implantación de sistemas de tele-xestión e automatización que permitan reducir o consumo enerxético.

    As empresas que realicen os traballos deben estar dadas de alta na «Listaxe de empresas interesadas en prestar servizos de diagnose/auditoría enerxética no contexto do programa Bono enerxía peme», publicada na páxina web do Inega www.inega.gal. Para solicitar a inclusión na citada listaxe debe remitirse ao Inega, a través da aplicación electrónica accesible desde a páxina web, o anexo V da presente resolución en calquera momento desde a publicación da presente resolución e antes de que remate o prazo de presentación de solicitudes de axuda. A «Listaxe de empresas interesadas en prestar servizos de diagnose/auditoría enerxética no contexto do programa Bono enerxía peme» ten a finalidade de facilitar o contacto entre solicitantes e provedores, en ningún caso debe entenderse como garantía do Inega da calidade dos traballos resultantes, cuxa responsabilidade corresponde ás partes.

    b) Bono envolvente: elementos de control solar (toldos ou láminas de control solar e/ou térmico. Só serán subvencionables toldos de cor branca e/ou negra e variantes destas cores). En ningún caso serán subvencionables os elementos que incorporen publicidade.

    c) Bono iluminación: renovación de equipamentos de iluminación interior e/ou exterior, incluídos rótulos e escaparates, por outros que utilicen tecnoloxía LED e os elementos de control asociados.

    d) Bono instalacións eléctricas: mellora da eficiencia enerxética en instalacións eléctricas que garanta unha subministración con calidade e fiabilidade (renovación de transformadores, incorporación ou renovación de sistemas de alimentación ininterrompida, compensación de enerxía reactiva, instalación de filtros economizadores ou similares).

    e) Bono equipamento: renovación do equipamento consumidor de enerxía como cafeteiras, lavalouzas, lavadoras, secadoras, pasadoras de ferro, vending, mobles frigoríficos, autoservizo e calquera equipamento de consumo enerxético propio do establecemento, sempre que se poida acreditar unha cualificación enerxética B ou superior. Cando non se dispoña dun sistema de etiquetaxe oficial, poderase utilizar como referencia outro sistema, como Eurovent ou similar.

    Aqueles equipamentos para os cales non exista sistema de cualificación enerxética poderán ser subvencionables se acreditan este aspecto e xustifican que o novo equipamento previsto ten unha eficiencia enerxética superior ao substituído.

    Deberá xustificarse a retirada do equipamento existente e a súa entrega a un xestor autorizado.

    f) Bono climatización: equipamentos que permitan reducir o consumo de enerxía das instalacións de climatización, ventilación e auga quente sanitaria. Esta medida refírese exclusivamente ás instalacións fixas, destinadas á climatización e/ou produción e consumo de auga quente sanitaria do establecemento; quedan fóra do seu ámbito os equipamentos móbiles e os non permanentes para a climatización de terrazas e outros espazos abertos ao público.

    Os novos equipamentos deberán ser de potencia térmica nominal superior a 5 kW e ter unha cualificación enerxética B ou superior. Cando non se dispoña dun sistema de etiquetaxe oficial, poderase utilizar como referencia outro sistema, como Eurovent ou similar. Aqueles equipamentos para os cales non exista sistema de cualificación enerxética poderán ser subvencionables se acreditan este aspecto e xustifican que o novo equipamento previsto ten unha eficiencia enerxética superior ao substituído.

    Tamén serán subvencionable a incorporación de recuperadores de calor, de sistemas de arrefriamento gratuíto, a mellora dos illamentos da instalación de climatización, sistemas de movemento de fluídos caloportadores e de regulación e control (sistemas de regulación en función de medicións de CO2 ou da temperatura exterior, billas economizadoras accionadas mediante infravermellos e outros).

    g) Bono inmótica: sistemas domóticos e/ou inmóticos que permitan xestionar a enerxía e o gasto enerxético de forma máis eficiente. No caso de sistemas de telemedida intelixentes que permiten monitorizar as instalacións e detectar consumos anómalos, consideraranse elixibles se incorporan algún tipo de actuador ou automatismo, por exemplo enviando alarmas que advirtan de situacións non desexadas. Se só miden e analizan non se consideran elixibles.

    2. A mellora enerxética debe describirse axeitadamente na memoria técnica a que se fai referencia no artigo 10 destas bases reguladoras. Non se considerarán válidos os proxectos que non detallen axeitadamente os equipamentos que se pretende instalar e o fundamento da mellora enerxética en relación coa situación inicial.

    3. Os proxectos que se presenten deberán ser técnica, xurídica, económica e financeiramente viables.

    Serán subvencionables os gastos e investimentos realizados entre o 1 de xaneiro e o 2 de outubro de 2023, dentro do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia. 

    O investimento mínimo para que as actuacións sexan subvencionables debe ser de 1.000,00 euros por solicitude, sen incluír o IVE. No caso de que a solicitude inclúa exclusivamente o Bono de asesoramento enerxético, o investimento mínimo da solicitude establécese en 200,00 euros por solicitude, sen incluír o IVE.

    Cada solicitante poderá presentar unha única solicitude por cada centro de traballo.

    Cada solicitude poderá incluír unha ou varias actuacións de distinta tipoloxía dentro das recollidas no artigo 2 destas bases reguladoras.

    Excepcionalmente se permitirá a presentación de dúas solicitudes cando unha delas inclúa exclusivamente o Bono de asesoramento enerxético.

    Poderán ser beneficiarios das subvencións, sen prexuízo de reuniren os demais requisitos establecidos nestas bases, as empresas legalmente constituídas e os empresarios autónomos que teñan domicilio social ou centro de traballo en Galicia e cuxa actividade estea incluída entre as seguintes seccións do CNAE 2009

    A contía da subvención será do 80 % do custo elixible da actuación.

    Con carácter xeral, establécese unha axuda máxima de 6.000,00 euros por solicitude.

    O prazo de presentación das solicitudes comeza o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia e rematará o 29 de xuño de 2023.

    https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2023/20230124/AnuncioG0474-201222-0009_gl.pdf

  • XUNTA DE GALICIA CONVOCA O PROGRAMA BONO DAS PERSOAS AUTÓNOMAS 2023

    Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade

    ORDE do 9 de xaneiro de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras do Programa do bono das persoas autónomas e se procede á súa convocatoria para o ano 2023 (código de procedemento TR341Q).

    Poderán ser beneficiarias das axudas reguladas nesta orde:

    1.- As persoas traballadoras autónomas que estean de alta no réxime especial de autónomos ou en mutualidade de colexio profesional, que teñan o domicilio fiscal en Galicia, que na data da solicitude teñan unha antigüidade superior a 42 meses ininterrompidos na realización efectiva dunha actividade empresarial ou profesional e que teñan un rendemento neto reducido dos rendementos de actividades económicas declarados na declaración do IRPF anual inferior a 30.000,00 euros e unha facturación mínima anual de 12.000,00 euros, IVE incluído, na declaración referida ao ano 2021.

    2. As sociedades de calquera clase e comunidades de bens con domicilio fiscal en Galicia e que cumpran os seguintes requisitos:

    a) Que na data da solicitude teñan unha persoa autónoma societaria cunha antigüidade superior a 42 meses ininterrompidos na realización efectiva dunha actividade empresarial ou profesional, que non fose beneficiaria con anterioridade desta axuda (procedemento TR341Q) e que non presentase nesta convocatoria outra solicitude como persoa autónoma individual ou societaria

    b) Que a empresa teña unha facturación mínima anual de 12.000,00 euros, IVE incluído, na declaración referida ao ano 2021.

    c) Que a empresa teña unha base impoñible no imposto de sociedades da declaración realizada referida ao ano 2021 inferior a 30.000,00 euros (segundo o recadro 552 do imposto de sociedades). No caso de entidades que tributen en réxime de atribución de rendas, este importe de 30.000,00 euros referirase ao rendemento neto reducido dos rendementos de actividades económicas declaradas no IRPF da suma de todos os membros da entidade solicitante (modelo 184)

    Subvención do bono das persoas autónomas

    1. Poderase conceder para a mellora da competitividade da actividade empresarial das persoas beneficiarias desta orde unha subvención do 80 % da actividade que se vai subvencionar, cun límite máximo de 3.000,00 euros de axuda polo conxunto de actividades subvencionables e o resto do gasto será por conta da persoa beneficiaria.

    2. Esta axuda terá unha liña de actuación, de mellora da competitividade, a través dos seguintes investimentos:

    • Compra de maquinaria.

    • Compra e/ou instalación para a mellora da eficiencia enerxética.

    • Investimentos para a substitución de combustibles fósiles ou materiais críticos ou escasos.

    Compra de utensilios e ferramentas.

    • Reforma do local do negocio.

    • Equipamento informático.

    • Equipamento de oficina e/ou negocio.

    • Rótulos.

    • Aplicacións informáticas, páxinas web, apps e redes sociais.

    • Deseño de marca.

    No suposto de adquisición, construción, rehabilitación e mellora de bens inventariables, a persoa beneficiaria deberá destinar os bens ao fin concreto para o cal se concedeu a subvención, que non poderá ser inferior a cinco anos en caso de bens inscritibles nun rexistro público, nin a dous anos para o resto de bens.

    No caso de reforma do local do negocio, exclúese da axuda o domicilio habitual da persoa traballadora autónoma, excepto no caso en que quede acreditado que é imprescindible para o desenvolvemento da actividade do negocio.

    As solicitudes presentarase obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede. xunta.gal

    O prazo de presentación de solicitudes iníciase ás 9.00 horas do día 25 de xaneiro de 2023 e remata ás 9.00 horas do día 29 de setembro de 2023.

    https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2023/20230124/AnuncioG0656-040123-0006_gl.pdf

  • XUNTA DE GALICIA CONVOCA AXUDAS PARA SUFRAGAR OS GASTOS DE FUNCIONAMENTO DAS ENTIDADES ASOCIATIVAS DE COOPERATIVAS, SOCIEDADES LABORAIS, CENTROS ESPECIAIS DE EMPREGO E EMPRESAS DE INSERCIÓN

    Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade

    ORDE do 29 de decembro de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras de subvencións para sufragar os gastos de funcionamento das entidades asociativas de cooperativas, de sociedades laborais, de centros especiais de emprego e de empresas de inserción, e se convocan para o ano 2023 (códigos de procedemento TR802H e TR358D).

    Establécense os seguintes programas de axudas:

    Programa I. Fomento e consolidación das asociacións de cooperativas e de sociedades laborais (código de procedemento TR802H).

    Programa II. Fomento e consolidación das asociacións de centros especiais de emprego e de empresas de inserción (código de procedemento TR358D).

    Poderanse acoller ás subvencións recollidas nesta orde, sempre que cumpran as condicións e os requisitos establecidos para cada tipo de axuda:

    a) As asociacións de cooperativas e de sociedades laborais, para as actuacións previstas no programa I.

    b) As asociacións de centros especiais de emprego e de empresas de inserción, para as actuacións previstas no programa II

    O prazo de presentación de solicitudes de axuda é dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia

    https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2023/20230123/AnuncioG0656-301222-0001_gl.pdf

  • DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA CONVOCA AXUDAS PARA ACTIVIDADES DE CARÁCTER TURÍSTICO DURANTE O ANO 2023

    BASES REGULADORAS DAS SUBVENCIÓNS, EN CONCORRENCIA COMPETITIVA, PARA ACTIVIDADES DE CARÁCTER TURÍSTICO DURANTE O ANO 2023

    A Deputación de Pontevedra concederá subvencións para a realización de actividades do fomento do turismo con repercusión turística provincial, durante o período comprendido entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2023.

    Poderán solicitar estas subvencións as persoas xurídicas que reúnan os seguintes requisitos:

    — Non ter a condición de Administración Pública.

    — Carecer de fins de lucro.

    — Ter o domicilio social na provincia de Pontevedra ou, excepcionalmente, fóra desta cando a actividade para a que se solicita a subvención teña interese para a provincia.

    — Estar ao corrente das obrigas tributarias coa Axencia Estatal de Administración Tributaria (AEAT) e coa facenda autonómica da Xunta de Galicia (ATRIGA).

    — Non ter débedas coa Deputación de Pontevedra.

    — Estar ao corrente do pagamento da Seguridade Social.

    — Non estar incursa en ningún dos supostos de prohibición para a percepción de axudas ou subvencións públicas, de acordo co especificado no artigo 13 da Lei 38/2003, de 17 de novembro, Xeral de Subvencións.

    — Non ter pendente de xustificación subvencións anteriores pagadas anticipadamente pola Deputación de Pontevedra.

    Poderán ser obxecto de subvención as actividades de fomento do turismo que teñan como fins, entre outros, os seguintes:

    — Promoción e estímulo dun sector turístico competitivo, de calidade, accesible e sustentable

    — Promoción dos seguintes recursos turísticos da provincia: a natureza, o medio ambiente e a paisaxe; as festas e tradicións populares; o patrimonio cultural e lingüístico; a gastronomía e a enogastronomía; a saúde, o benestar e o termalismo.

    O importe máximo da subvención para cada proxecto non poderá exceder do 70% do seu orzamento e non superará o importe de 5.500,00 euros por proxecto.

    O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación da convocatoria e do extracto no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra (BOPPO) e na Base de Datos Nacional de Subvencións (BDNS).

    https://boppo.depo.gal/web/boppo/detalle/-/boppo/2023/01/23/2023004598

  • XUNTA DE GALICIA CONVOCA AXUDAS PARA ACTUACIÓNS DE CORRECCIÓN DE IMPACTOS PAISAXÍSTICOS

    Instituto de Estudos do Territorio

    RESOLUCIÓN do 21 de novembro de 2022 pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, das axudas para actuacións de corrección de impactos paisaxísticos destinadas a persoas físicas, e se establece a súa convocatoria para o ano 2023, tramitado como expediente anticipado de gasto (código de procedemento MT402A).

    Poderán ser obxecto de subvención as seguintes actuacións:

    a) Actuacións de restauración e/ou revestimento de elementos de fachada. Poderanse subvencionar actuacións correctoras consistentes no revestimento de paramentos que actualmente están rematados con materiais ou solucións construtivas que poidan resultar inadecuadas para quedar vistas, como podería ser a fábrica de ladrillo, de bloques de formigón, o formigón ou morteiro de cemento.

    Poderán incluírse, igualmente, aqueloutras actuacións consistentes na renovación do acabamento dos paramentos cegos de fachadas, carpintarías ou cerrallarías exteriores, que supoñan un impacto paisaxístico como consecuencia do deficiente estado de conservación ou da tonalidade e/ou da intensidade da actual cor de acabamento.

    Considérase deficiente estado de conservación aquel en que se atopen os elementos de fachada como consecuencia de patoloxías construtivas tales como descascados, humidades ou manchas permanentes; quedan excluídas de forma expresa as deficiencias estéticas que se resolvan con labores de limpeza. Considérase que a tonalidade ou a intensidade da cor produce un impacto paisaxístico cando non se adecúa aos criterios establecidos na Guía de cor e materiais de Galicia.

    Poderán ser subvencionables as actuacións sobre fachadas de cachotaría ou cantaría que precisen a aplicación ou renovación dos morteiros de rexuntado. En ningún caso se subvencionarán chapados de pedra en cerramentos total ou parcialmente executados con muros de cachotaría ou cantería vista.

    Os materiais e as cores que se empreguen deberán adaptarse en todo caso aos criterios da Guía de cor e materiais de Galicia.

    Queda expresamente excluída de subvención, con carácter xeral, a substitución de carpintarías e cerrallarías exteriores, así como o picado de recebos existentes en fachadas de cachotaría para deixar vista a pedra, sen prexuízo de que poidan ser obxecto de actuacións de renovación de acabamento.

    Considerarase unha única excepción en relación coa substitución de carpintarías e elementos de cerrallaría: poderá considerarse a subvención da actuación cando se trate de actuacións sobre arquitecturas tradicionais, en que se propoña a renovación de elementos orixinais de inviable reparación ou a substitución de elementos instalados posteriormente e pouco adecuados aos valores arquitectónicos da edificación ou construción.

    En todo caso, admitiríase exclusivamente a instalación de carpintarías tradicionais de madeira ou elementos de cerrallaría de fundición de idénticas características ás orixinais.

    b) Remate, renovación e/o substitución do acabamento exterior de cubertas. Poderanse subvencionar actuacións correctoras de impactos paisaxísticos derivados de situacións en que as cubertas das edificacións se atopan en deficiente estado de conservación ou presentan solucións construtivas ou materiais de acabamento que poderían ser considerados como inadecuados.

    Poderá ser subvencionable a substitución de cubertas de placas de fibrocemento e/ou doutros materiais discordantes cos valores paisaxísticos da contorna onde se sitúa a edificación. Considéranse incluídas entre as actuacións subvencionables as unidades de obra imprescindibles para o soporte (non estrutural), remate ou renovación das cubertas.

    Queda excluída de forma expresa a renovación de elementos estruturais (soportes, vigas, pontóns,…), así como as deficiencias estéticas que se resolvan con labores de limpeza.

    Para o novo acabamento exterior das cubertas daquelas edificacións situadas en contornas rurais empregarase preferentemente tella cerámica ou lousados de lousa ou cuarcita (en función do material tradicional da comarca), aínda que poden empregarse outros materiais e solucións acordes coas características arquitectónicas da edificación, autorizables de acordo coa normativa de aplicación vixente e que ofrezan un adecuado resultado estético.

    Para tal fin deberanse aplicar os criterios da Guía de cor e materiais de Galicia.

    Queda expresamente excluída de subvención a substitución de cubertas de tella cerámica ou lousa por outras solucións con outros materiais de acabamento.

    As novas cubertas executadas con tella cerámica ou lousa deberán respectar as características formais da cuberta orixinal, tanto en xeometría como en dimensión das pezas de cubrición.

    c) Recuperación, restauración e/ou revestimento de muros de peche de terreos. Poderán ser obxecto de subvención as actuacións consistentes no revestimento de muros de peche executados con fábrica de ladrillo ou bloques de formigón, sen revestir.

    O novo revestimento poderá realizarse con pintura (con ou sen recebado previo) ou con morteiros indicados en todo caso para quedar vistos; aplicaranse preferentemente tonalidades brancas ou grises/pardas moi claras. Tamén poderán realizarse chapados de pedra acorde coas características da zona.

    En todos os casos as actuacións deberán axustarse aos criterios da Guía de cor e materiais de Galicia e da Guía de caracterización e integración paisaxística de valados.

    Tamén poderá ser obxecto de subvención a redución da altura dos citados muros, mediante a supresión de fileiras de bloques ou de elementos prefabricados de formigón como celosías ou balaustradas.

    Nestes casos deberán executarse as solucións que garantan o adecuado acabamento e remate construtivo do elemento. Así mesmo, poderá ser obxecto de axuda o pintado das portas, portais ou cerrallarías exteriores integradas nos peches de parcelas que supoñan un impacto paisaxístico como consecuencia do deficiente estado de conservación ou da tonalidade e/ou a intensidade da actual cor de acabamento. As cores que se empreguen deberán adaptarse aos criterios da Guía de cor e materiais de Galicia.

    Queda expresamente excluída de subvención a substitución destas carpintarías e cerrallarías. Serán igualmente subvencionables as actuacións destinadas á recuperación, restauración ou arranxo de muros de pedra tradicionais, co obxecto de evitar o potencial impacto paisaxístico que produciría a súa perda e/ou o seu mal estado de conservación.

    As actuacións deberán respectar a tipoloxía e morfoloxía orixinal do muro en cada caso, e deberanse empregar os mesmos materiais e técnicas con que foron construídos.

    En todo caso, non será subvencionable, para completar os paramentos destes muros de cachotaría ou cantaría tradicional vistas, a execución de chapados de pedra ou outros revestimentos, agás os recebos de morteiro tradicionais acordes coas características cromáticas do resto do elemento e cos criterios da Guía de cor e materiais de Galicia e cos da Guía de caracterización e integración paisaxística de valados.

    Todas as actuacións deberán aplicar os criterios e recomendacións da Guía de cor e materiais de Galicia das doce grandes áreas paisaxísticas de Galicia, así como no caso dos muros de cerramento, a Guía de caracterización e integración paisaxística de valados (publicadas na páxina web da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda), ademais de axustarse ás condicións que veñan impostas pola normativa municipal e sectorial aplicable.

    GUÍA DE COR E MATERIAIS DE GALICIA: https://cmatv.xunta.gal/seccion-organizacion/c/CMAOT_Instituto_Estudos_Territorio?content=Direccion_Xeral_Sostibilidade_Paisaxe/Paisaxe/seccion.html&std=guia_cor.html&sub=guias-metodoloxicas/

    GUÍA DE CARECTIZACIÓN E INTEGRACIÓN PAISAXÍSTICA DE VALADOS: https://cmatv.xunta.gal/seccion-organizacion/c/CMAOT_Instituto_Estudos_Territorio?content=Direccion_Xeral_Sostibilidade_Paisaxe/Paisaxe/seccion.html&std=guia_valados.html&sub=guias-metodoloxicas/

    Serán gastos subvencionables os seguintes:

    a) Gastos necesarios para a axeitada execución das actuacións subvencionadas, tales como, entre outros, os materiais e a man de obra.

    b) Gastos correspondentes a honorarios facultativos devindicados pola redacción dos proxectos técnicos precisos para a execución das actuacións, así como pola dirección facultativa das obras e o custo dos estudos necesarios para a súa realización. Estes custos xerais asociados aos investimentos que se efectúen non poderán superar o 10 % do investimento subvencionable.

    c) Os tributos serán gasto subvencionable cando a persoa beneficiaria da subvención os aboe efectivamente. En ningún caso se subvencionarán os impostos indirectos cando sexan susceptibles de recuperación ou compensación nin os impostos persoais sobre a renda.

    O importe da subvención será do 70 % do orzamento do investimento subvencionable (orzamento aceptado polo Instituto de Estudos do Territorio tendo en conta o valor de mercado), co límite máximo de 3.000 € por solicitante e ben.

    O prazo de presentación de solicitudes será dun (1) mes contado a partir do día seguinte ao da publicación do anuncio desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

    https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2023/20230117/AnuncioG0192-121222-0003_gl.pdf

    As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por vía electrónica.

    Se precisas axuda para a tramitación, desde o departamento de emprego do Concello da Estrada botámosche unha man; chámanos ao 986 677 740 ou pásate directamente polas nosas oficinas sen necesidade de cita previa en horario de 9.00 a 14.00 horas.

  • XUNTA DE GALICIA CONVOCA AXUDAS ÁS ASOCIACIÓNS VECIÑAIS, CONFEDERACIÓNS, FEDERACIÓNS OU UNIÓNS DE ASOCIACIÓNS DE VECIÑOS, COMUNIDADES DE USUARIOS DE AUGAS E ASOCIACIÓNS DE MULLERES RURAIS DE GALICIA

    Vicepresidencia Segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes

    ORDE do 29 de decembro de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria de subvencións para o ano 2023, en réxime de concorrencia competitiva, dentro do Plan específico de acción comunitaria destinado a asociacións veciñais, confederacións, federacións ou unións de asociacións de veciños, comunidades de usuarios de augas e asociacións de mulleres rurais de Galicia (código de procedemento PR487A).

    As subvencións reguladas por estas bases teñen por obxecto o outorgamento de axudas específicas para investimentos destinadas ás entidades a que se refire o número 3 deste artigo, coa finalidade de contribuír a mellorar a calidade da vida local e fomentar e dinamizar o asociacionismo veciñal (código de procedemento PR487A).

    Poderán ser beneficiarias das subvencións convocadas as asociacións de veciños, confederacións, federacións ou unións de asociacións de veciños, comunidades de usuarios de augas debidamente inscritas no rexistro público correspondente e asociacións de mulleres rurais de Galicia (en diante, entidades), para realizar investimentos, tanto de obra como de equipamentos, en inmobles da súa titularidade ou dos cales lles corresponda o dereito de uso, e traídas de auga veciñais, coa finalidade de mellorar a calidade de vida local e fomentar e dinamizar a participación veciñal e a cohesión social, contribuíndo deste xeito a satisfacer as necesidades e aspiracións da veciñanza.

    A axuda económica que se conceda poderá abranguer a totalidade do investimento realizado cun límite máximo por entidade de 12.000 euros para a realización de obras (liña 1) e de 5.000 euros para a dotación de equipamentos (liña 2).

    Para os efectos desta orde, considéranse subvencionables os seguintes proxectos:

    a. Liña 1: as obras de acondicionamento, reforma e ampliación dos locais en que a entidade veciñal ou de mulleres rurais desenvolve a súa actividade e as obras de mellora, reforma e reparación das infraestruturas e instalacións das traídas de auga comunitarias, promovidas por comunidades de usuarios de augas.

    b. Liña 2: a adquisición de equipamentos básicos dos locais, necesarios para o funcionamento ordinario da entidade, integrado por mobiliario, equipamentos de oficina, equipamento informático ou equipamento acústico e audiovisual; e a adquisición doutro equipamento ou mobiliario para actividades específicas, que non terá carácter básico.

    En calquera caso, só serán subvencionables os proxectos operativos, é dicir, aqueles que conteñen os elementos necesarios para acadar a finalidade para a cal foron solicitados.

    As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede. xunta.gal

    O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

    https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2023/20230117/AnuncioV0654-291222-0007_gl.pdf