Sección: Outras axudas e subvencións

  • XUNTA DE GALICIA CONVOCA AXUDAS DE INDEMINZACIÓN ECONÓMICA DIRIXIDAS ÁS FILLAS E FILLOS MENORES DE 30 ANOS DAS VÍTIMAS MORTAIS DE VIOLENCIA DE XÉNERO , ASI COMO A MULLERES QUE RESULTASEN GRAVEMENTE FERIDAS COMO CONSECUENCIA DUNHA AGRESIÓN MACHISTA

    Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade

    RESOLUCIÓN do 19 de decembro de 2022, da Secretaría Xeral da Igualdade, pola que se regulan as bases para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva das axudas de indemnización económica, dirixidas ás fillas e fillos menores de 30 anos das vítimas mortais por violencia de xénero, así como a mulleres que resultasen gravemente feridas como consecuencia dunha agresión por violencia de xénero, no marco do Pacto de Estado contra a violencia de xénero, e se procede á súa convocatoria para o ano 2023 (código de procedemento SI460A).

    As axudas a que se refire esta resolución fan referencia ás seguintes modalidades:

    1. Axudas de indemnización económica dirixidas ás fillas e fillos menores de 30 anos das vítimas mortais por violencia de xénero, e que dependesen economicamente da súa nai e/ou do seu pai agresor.

    2. Axudas de indemnización dirixidas ás mulleres que resultasen gravemente feridas, con lesións que requiran hospitalización, como consecuencia dunha agresión por violencia de xénero.

    Requisitos:

    a) Ser menores de idade e convivir coa nai, independentemente da renda familiar.

    b) Ser maiores de idade ata 30 anos inclusive, e depender economicamente da nai e/ou do pai agresor. Entenderase que existe dependencia económica cando na data do falecemento, as persoas beneficiarias non percibisen rendas, de calquera natureza, que en cómputo anual, superasen 12 mensualidades do indicador público de renda de efectos múltiples (IPREM) vixente.

    Poderán ser persoas beneficiarias da indemnización prevista no punto 2 do artigo 2 desta resolución as mulleres feridas gravemente, con lesións que requiran hospitalización, como consecuencia dunha agresión de violencia de xénero, sempre que na data en que se producisen os feitos se cumprisen os seguintes requisitos:

    a) Ser muller, maior de idade ou emancipada.

    b) Estar empadroada e ter residencia efectiva en calquera dos concellos da Comunidade Autónoma de Galicia. No caso das mulleres estranxeiras, tamén será necesario ter permiso de residencia e de traballo.

    c) Atoparse nunha situación de precariedade económica. Entenderase que se produce unha situación de precariedade económica cando os ingresos da unidade familiar de convivencia a que pertenza a beneficiaria divididos polo número de membros que a compoñen, non superen o importe do IPREM vixente, durante os 12 meses anteriores. Artigo 4.

    O prazo para a presentación de solicitudes comezará o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia e rematará o 30 de novembro de 2023.

    https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2023/20230110/AnuncioG0656-201222-0001_gl.pdf

  • XUNTA DE GALICIA CONVOCA AXUDAS AOS CUSTOS DERIVADOS DA INSTALACIÓN DE VALADOS FIXOS COMO MEDIDA DE PREVENCIÓN DOS DANOS QUE POIDA OCASIONAR O LOBO

    Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

    ORDE do 13 de decembro de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas aos custos derivados da instalación de valados fixos como medida de prevención dos danos que poida ocasionar o lobo e se convocan para o ano 2023 (código de procedemento MT809F).

    Ao abeiro desta orde, subvencionarase a adquisición e instalación de valados fixos, cuxa adquisición se faga, en todos os casos, con posterioridade á publicación desta orde.

    Poderanse acoller a estas axudas as persoas físicas ou xurídicas titulares de explotacións gandeiras do tipo de gando bovino, ovino, cabrún, porcino da raza Celta e equino que figuren incluídas no Rexistro Xeral de Explotacións Gandeiras (Rega) de Galicia.

    Adquisición e instalación de valados fixos

    a) Valados fixos electrificados. Os valados fixos electrificados terán que cumprir as especificacións que figuran no anexo I de especificacións técnicas desta orde. Subvencionarase un cercado por cada rabaño de ata 30 reses de gando menor ou 10 reses de gando maior e un máximo de 2 cercados por explotación cando se supere o número das ditas reses.

    O importe máximo da axuda será de 3,5 € por metro lineal ata un máximo de 1.750 € por valado, IVE excluído.

    b) Valados fixos con malla gandeira ou cinexética metálica. Os valados fixos con malla gandeira ou cinexética terán que cumprir as especificacións que figuran no anexo I de especificacións técnicas desta orde. Subvencionarase un cercado por cada rabaño de ata 50 reses de gando menor ou 20 reses de gando maior e un máximo de 2 cercados por explotación cando se supere o número das ditas reses.

    O importe máximo da axuda será de 4,5 € por metro lineal ata un máximo de 4.500 € por valado, IVE excluído.

    https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2023/20230105/AnuncioG0532-131222-0003_gl.pdf

    O prazo de presentación das solicitudes de axuda será dun mes a partir do día seguinte ao da publicación da orde no DOG.

  • XUNTA DE GALICIA CONVOCA AS PRESTACIÓNS PERIÓDICAS DIRIXIDAS ÁS MULLERES VÍTIMAS DE VIOLENCIA DE XÉNERO

    Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade

    RESOLUCIÓN do 15 de decembro de 2022, da Secretaría Xeral da Igualdade, pola que se convoca para o ano 2023 a prestación periódica para mulleres que sofren violencia de xénero prevista no artigo 39 da Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero, modificada pola Lei 12/2016, do 22 de xullo (código de procedemento SI434A).

    A finalidade destas axudas é proporcionarlles apoio económico ás mulleres que sofren violencia de xénero para tentar garantirlles unhas condicións suficientes de independencia económica respecto do agresor, ou da persoa que mantiver sobre ela unha relación de dominación para os casos das mulleres vítimas de trata con fin de explotación sexual, e mais a tentar axudalas a romper coa situación de violencia, que lles posibilite dar o primeiro paso ou consolidar a ruptura dunha situación en que corren perigo.

    Persoas beneficiarias

    1. Poderán ser beneficiarias destas axudas as mulleres maiores de idade ou emancipadas, vítimas de violencia de xénero nunha relación de convivencia e de dependencia económica do seu agresor ou, no caso de vítimas de trata con fins de explotación sexual, de dependencia da persoa que mantiver sobre ela unha relación de dominación.

    2. Ademais, entre outros, deberán cumprir os seguintes requisitos ou condicións: ter cesado a convivencia co agresor no intervalo temporal que comprende os doce (12) meses inmediatamente anteriores á data de presentación da solicitude; estar empadroada e ter residencia efectiva na Comunidade Autónoma de Galicia e, no caso das mulleres estranxeiras, cando así se exixa pola lexislación vixente, ter permiso de residencia, no caso de vítimas de trata con fins de explotación sexual será suficiente acreditar que posúen autorización de residencia por circunstancias excepcionais; carecer de dispoñibilidade de recursos económicos ou ser de contía insuficiente para afrontar unha independencia inmediata do seu agresor e/ou dispoñer dunhas rendas ou ingresos brutos mensuais iguais ou inferiores ao dobre do IPREM vixente, excluída a parte proporcional das pagas extraordinarias.

    A contía das axudas establécese en función das rendas e ingresos da solicitante da axuda en relación co indicador público de renda de efectos múltiples (IPREM) vixente, e en atención ao número de fillas e fillos menores ou menores en acollida a cargo, así como o grao de discapacidade da solicitante e/ou dos menores a cargo, de ser o caso, nun abano que vai desde 200 euros/mes ata 800 euros/mes, e ata un máximo de doce mensualidades.

    O prazo está permanentemente aberto a partir do día seguinte ao da publicación das bases reguladoras no Diario Oficial de Galicia.

    https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2023/20230103/AnuncioG0656-161222-0006_gl.pdf

  • CONSELLERIA DO MEDIO RURAL CONVOCA AXUDAS PARA O FOMENTO DA CONTRATACIÓN DE SEGUROS AGRARIOS (AXUDA ESTATAL)

    Consellería do Medio Rural

    ORDE do 13 de decembro de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para o fomento da contratación dos seguros agrarios na Comunidade Autónoma de Galicia e se convocan para o ano 2023 (código de procedemento MR443A).

    A Consellería do Medio Rural concederá estas axudas en forma directa aos agricultores e poderán ser beneficiarios delas os asegurados titulares de explotacións agrarias situadas no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, sempre que subscriban pólizas de seguros de liñas agrícolas do Plan 2023 e liñas gandeiras dos plans 2022 e 2023, formalizadas en 2023, incluíndo as regularizacións destas liñas de plans anteriores, sempre que cumpran o establecido no Decreto 332/1995 e nesta orde, segundo se desprende do artigo 20.1 do Real decreto 425/2016, así como do punto décimo do 44º Plan de seguros agrarios combinados aprobado polo Acordo do Consello de Ministros do 29 de novembro de 2022 (BOE do 9 de decembro de 2022), e da disposición adicional primeira da orde. Tamén poderán ser beneficiarios das axudas outorgadas nesta orde os titulares de explotacións de acuicultura continental.

    A subscrición do seguro realizarase exclusivamente a través das entidades aseguradoras autorizadas polo Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital e incluídas na Agrupación Española de Entidades Aseguradoras dos Seguros Agrarios Combinados, S.A. (Agroseguro), ou a través dos axentes de seguros autorizados, de conformidade co previsto na Lei 87/1978, do 28 de decembro, de seguros agrarios combinados, e demais normativa de desenvolvemento.

    A contratación con estas entidades poderase realizar de forma individual ou ben de forma colectiva por medio de tomadores de seguros. Non obstante, soamente aqueles tomadores que se inscriban no Rexistro de Tomadores da Entidade Estatal de Seguros Agrarios (Enesa) poderán percibir as subvencións públicas adicionais que por contratación colectiva se establezan.

    Porcentaxes de subvención base aplicables

    1. Seguros de producións agrícolas. Establécese unha subvención do 22 % sobre a prima comercial base, incluídas bonificacións e recargas, aplicable ás pólizas das liñas de seguro de explotacións agrícolas, agás para a liña de seguro de «uva de vinificación» de viticultores con parcelas inscritas no Rexistro de Viñas correspondente de cada unha das 5 denominacións de orixe de Galicia, caso en que a subvención será do 50 %.

    2. Seguros de producións gandeiras: seguros de explotación. Establécese unha subvención do 16 % sobre a prima comercial base, incluídas bonificacións e recargas

    https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2023/20230104/AnuncioG0426-141222-0001_gl.pdf

  • XUNTA DE GALICIA CONVOCA O PROGRAMA IMPACTO AUTÓNOMO 2023

    Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade

    ORDE do 28 de decembro de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras do programa Impacto Autónomo e se procede á súa convocatoria para o ano 2023 (código de procedemento TR890A).

    Poderán ser beneficiarias das axudas reguladas nesta orde todas as persoas traballadoras autónomas de alta no RETA ou no réxime de traballadores do mar como traballadores e traballadoras por conta propia, así como as persoas mutualistas, con domicilio fiscal en Galicia e que tivesen uns rendementos netos mínimos de actividades económicas realizadas de 10.000 € e un máximo de 30.000 €, no ano 2021. 

    Así mesmo, poderán ser beneficiarias as persoas traballadoras autónomas de tempada que acrediten estar de alta ou situación asimilada no momento da presentación da solicitude, e que estivesen de alta un mínimo de 4 meses e un máximo de 9 meses no ano 2021 e no ano 2022.

    Tamén poden ser beneficiarias as microempresas, sociedades, incluídas as de economía social, comunidades de bens ou sociedades civís, con domicilio fiscal en Galicia e cun mínimo de facturación no ano 2021 de 50.000 € e un máximo de 750.000 euros no mesmo ano 2021.

    A contía das axudas establécese en función dos rendementos netos das persoas ou entidades solicitantes conforme a seguinte escala:

    a) Para as persoas autónomas que tributen en réxime de estimación obxectiva (módulos), o importe da axuda será de 800 €

    b) Para persoas autónomas que tributen en réxime de estimación directa ou atribución de rendas, e outros réximes:

    – Con rendementos netos no ano 2021 de ata 20.000 €, o importe da axuda será de 1.500 €.

    – Con rendementos netos no ano 2021 de ata 30.000 €, o importe da axuda será de 1.200 €. c) Para microempresas, sociedades, incluídas as de economía social, comunidades de bens ou sociedades civís:

    – Cun mínimo de facturación no ano 2021 de entre 50.000 € e un máximo de 250.000 €, o importe da axuda será de 1.500 €.

    – Cunha facturación superior a 250.000 € no ano 2021 e ata un máximo de 750.000 €, o importe da axuda será de 1.200 €.

    Os importes previstos no punto 1 deste artigo reduciranse ao 50 % no caso de persoas autónomas, microempresas, sociedades, incluídas as de economía social, comunidades de bens ou sociedades civís que se desen de alta ao longo do ano 2021 e non acrediten 12 meses completos de actividade.

    Igualmente, o importe reducirase ao 50 % no caso de persoas autónomas de tempada.

    O prazo de presentación de solicitudes iníciase o 9 de xaneiro de 2023 e remata o 9 de febreiro de 2023.

    https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2023/20230104/AnuncioG0656-231222-0003_gl.pdf

  • CONVOCANSE AXUDAS Á MODERNIZACIÓN DO COMERCIO GALEGO AO ABEIRO DOS FONDOS DE RECUPERACIÓN EUROPEOS

    VICEPRESIDENCIA PRIMEIRA E CONSELLERÍA DE ECONOMÍA, INDUSTRIA E INNOVACIÓN

    ORDE do 23 de decembro de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, de subvencións para o Programa de modernización do comercio: Fondo Tecnolóxico, no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, e se procede á súa convocatoria para o ano 2023 (código de procedemento CO300G).

    O prazo para a presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

    Establécense dúas liñas de axudas:

    Liña destinada a persoas autónomas e pequenas e medianas empresas comerciais.

    Liña destinada a asociacións de comerciantes sen ánimo de lucro.

    Os proxectos subvencionables no marco do PRTR son os seguintes:

    – Proxectos de novas tecnoloxías dirixidas a mellorar diferentes áreas da estratexia comercial en liña e en comunicación, do modelo de negocio e da experiencia de compra (gastos referidos á transformación dixital).

    – Proxectos de novas tecnoloxías para a adaptación do espazo físico de venda, tanto ás novas necesidades e hábitos dos/das consumidores/as como aos novos modelos de xestión (gastos referidos á transformación do punto de venda).

    – Proxectos de solucións tecnolóxicas para mellorar a eficiencia e sustentabilidade da entrega da última milla (gastos relativos á cadea de subministración e rastrexabilidade).

    – Proxectos de aplicación de solucións tecnolóxicas para mellorar a eficiencia no consumo enerxético e dos recursos (gastos relativos á sustentabilidade e economía circular)

    Poderán ser beneficiarias das subvencións, sen prexuízo de reunir os demais requisitos establecidos nestas bases e sempre que nas persoas solicitantes non concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia:

    1.1. Liña de axudas destinada a persoas autónomas e pequenas e medianas empresas comerciais.

    As persoas físicas ou xurídicas, comunidades de bens ou calquera outro tipo de unidade económica ou patrimonio separado sen personalidade xurídica, legalmente constituídas, que cumpran os seguintes requisitos:

    a) Que o establecemento comercial para o cal se solicita a axuda teña carácter físico e permanente e estea localizado na Comunidade Autónoma de Galicia. No caso de comerciantes que realicen a actividade comercial en liña ou comerciantes retallistas fóra dun establecemento comercial permanente, deberán ter o domicilio fiscal na Comunidade Autónoma de Galicia.

    b) Que teña a condición de peme conforme o establecido no Regulamento (UE) nº 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño de 2014, polo que se declaran determinadas categorías de axudas compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado (DOUE 187, do 26 de xuño).

    c) Que a actividade principal do negocio se corresponda con algunha das actividades incluídas nos códigos 46 ou 47 da Clasificación nacional de actividades económicas 2009 (CNAE-2009), aprobada polo Real decreto 475/2007, do 13 de abril, polo que se aproba a Clasificación nacional de actividades económicas 2009 (CNAE-2009). En todo caso, requirirase que a actividade principal estea dada de alta nalgunha epígrafe do imposto de actividades económicas que se corresponda coas actividades incluídas nos CNAE 46 ou 47, agás as epígrafes 616, 654 e 655, así como calquera outra actividade económica que non se considere subvencionable de acordo co disposto nestas bases reguladoras.

    No caso de que no establecemento se exerzan de maneira simultánea actividades subvencionables con outras non subvencionables, a persoa solicitante deberá acreditar mediante declaración responsable que a actividade comercial subvencionable é a principal (anexo III).

    Consideraranse actuacións subvencionables a implantación e posta en marcha de:

    1.1. Liña de axudas destinada a persoas autónomas e pequenas e medianas empresas comerciais.

    1.1.1. Programa smart retail dirixido á transformación dixital do punto de venda e modelo de negocio, a través das seguintes actuacións:

    a) Software de xestión de experiencia da clientela (aplicacións big data e análise de datos).

    b) Etiquetaxe electrónica para lineais de venda.

    c) Tecnoloxía de control de stocks e tecnoloxía RFID.

    d) Xestor de colas automatizado.

    e) Sistemas de click and collect e locker dixitais.

    f) Probadores interactivos.

    g) Software para a xestión loxística do e-commerce.

    h) Solucións de ciberseguridade. i) Asistentes virtuais e sistemas dixitais interactivos (chatbots).

    j) Aplicacións para dispositivos móbiles (m-commerce).

    k) Terminais de autopagamento.

    1.1.2. Programa visual merchandising dirixido á mellora da experiencia de compra, a través das seguintes actuacións:

    a) Escaparates virtuais con ou sen interacción coa clientela.

    b) Andeis virtuais.

    c) Pantallas e mesas interactivas.

    d) Totems publicitarios.

    e) Encerados dixitais.

    f) Aplicacións de realidade virtual e aumentada.

    En todo caso, as actuacións comprendidas nas letras a), b), c), d) e e) deberán incluír o software para a programación e emisión de contidos dixitais.

    Consideraranse subvencionables os gastos relativos á elaboración destes contidos.

    1.1.3. Programa Green Store dirixido á mellora da eficiencia enerxética e dos recursos, a través das seguintes actuacións:

    a) Portas automáticas con sensores de proximidade que redunden nunha mellora da eficiencia enerxética no ámbito térmico do local.

    b) Sistemas de iluminación enerxeticamente eficientes e sensores de presenza para a regulación automática de luces que melloren e optimicen o consumo de enerxía eléctrica.

    c) Sistemas de climatización do local enerxeticamente eficientes.

    Investimentos máximos subvencionables (IVE excluído):

    2.1. Liña de axudas destinada a persoas autónomas e pequenas e medianas empresas comerciais. Persoas beneficiarias Investimento máximo subvencionable

    Persoas autónomas e pemes de 0 a 10 persoas traballadoras 50.000,00 €

    Persoas autónomas e pemes de 11 a 50 persoas traballadoras 100.000,00 €

    Persoas autónomas e pemes de 51 a 250 persoas traballadoras 200.000,00 €

    A porcentaxe da subvención será do 90 % dos investimentos máximos subvencionables

    https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2022/20221230/AnuncioV0653-151222-0011_gl.pdf

  • IGAPE APROBA AS BASES REGULADORAS DAS NOVACIÓNS PARA O REFINANCIAMENTO DE DÉBEDAS

    Instituto Galego de Promoción Económica

    RESOLUCIÓN do 13 de decembro de 2022 pola que se dá publicidade do Acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras das novacións para o refinanciamento de débedas, e se procede á súa convocatoria para o ano 2023 en réxime de concorrencia non competitiva (código de procedemento IG534D).

    O prazo de presentación de solicitudes comezará ás 8.00 horas do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, e rematará cando se produza a primeira das seguintes circunstancias:

    a) Que, conforme as solicitudes recibidas, se esgote o crédito orzamentario, o que será obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia e na páxina web do Igape, co fin de pechar anticipadamente o prazo de presentación de solicitudes.

    b) O 30 de decembro de 2023, ás 14.00 horas.

    Poderán ser titulares das operacións de novación reguladas nestas bases as persoas físicas e/ou xurídicas que cumpran algún dos seguintes requisitos:

    a) Sexan titulares de débedas vivas co Igape por préstamos en vigor, que presenten dificultades de liquidez que non lles permiten afrontar as obrigas de pagamento co calendario actual do préstamo.

    b) Sexan titulares de débedas co Igape derivadas da falta de pagamento de préstamos xa vencidos.

    c) Sexan fiadores de préstamos do Igape con débedas vencidas.

    d) Sexan titulares de bens que garantan débedas vencidas co Igape, derivadas da falta de pagamento de préstamos, e pretendan facer fronte ao reembolso das débedas para evitar a perda do ben.

    https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2023/20230102/AnuncioO92-151222-0001_gl.pdf

  • CONVOCAN AXUDAS AO SECTOR VITIVINÍCOLA (FONDO EUROPEO AGRÍCOLA DE GARANTÍA)

    Consellería do Medio Rural

    ORDE do 21 de decembro de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para os investimentos para a elaboración e comercialización de produtos vitivinícolas, financiadas polo Fondo Europeo Agrícola de Garantía (Feaga), e se convocan para o exercicio orzamentario de 2023 (código de procedemento MR361A).

    Poderán ser beneficiarios/as destas axudas:

    a) As empresas vitivinícolas que no momento da solicitude produzan ou comercialicen os produtos contemplados no anexo VII parte II do Regulamento (UE) 1308/2013 do Parlamento Europeo e do Consello do 17 de decembro de 2013, ou que, como consecuencia da execución da operación obxecto da solicitude de axuda, comecen esa produción ou comercialización. As empresas deberán estar constituídas con anterioridade á data de presentación da solicitude.

    b) As organizacións de produtores vitivinícolas recoñecidas conforme ao artigo 152 do Regulamento (UE) 1308/2013 do Parlamento Europeo e do Consello do 17 de decembro de 2013, e as súas asociacións.

    c) As asociacións de dous ou máis produtores, con personalidade xurídica, dos produtos mencionados no anexo VII parte II do Regulamento (UE) 1308/2013 do Parlamento Europeo e do Consello do 17 de decembro de 2013. As asociacións deberán estar constituídas con anterioridade á data de presentación da solicitude.

    d) As organizacións interprofesionais.

    e) As organizacións profesionais.

    Serán subvencionables os custos das seguintes accións:

    a) Construción, adquisición ou mellora de bens inmobles.

    b) Compra de nova maquinaria e equipamentos ata o valor de mercado do produto. Dentro destes gastos quedan incluídos os investimentos en activos materiais consistentes en sistemas que xeren enerxía, sempre que a cantidade de enerxía anual xerada non supere a cantidade de enerxía consumida anualmente nas instalacións obxecto do investimento no desenvolvemento das actividades habituais do beneficiario.

    c) Gastos administrativos vinculados aos gastos contemplados nas letras a e b, tales como honorarios de arquitectura, enxeñería e asesoría, así como estudos de viabilidade, co límite do 4 % dos custos subvencionables totais da operación.

    d) Adquisición ou desenvolvemento de soportes lóxicos de ordenador e adquisición de patentes, licenzas, dereitos de autor e o rexistro de marcas colectivas.

    O prazo de presentación de solicitudes para esta convocatoria comenza o día seguinte ao de publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia e remata o 31 de xaneiro de 2023.

    https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2022/20221227/AnuncioG0426-211222-0004_gl.pdf

  • XUNTA DE GALICIA CONVOCA AXUDAS PARA ACTUACIÓNS DE EFICIENCIA ENERXÉTICA EN EMPRESAS TURÍSTICAS (FONDOS NEXTGENERATION)

    Axencia Turismo de Galicia

    RESOLUCIÓN do 25 de novembro de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, de subvencións para actuacións de eficiencia enerxética en empresas turísticas, incluídas no Plan de modernización e competitividade do sector turístico do Plan de recuperación, transformación e resiliencia financiado pola Unión EuropeaNextGenerationEU, e se procede á súa convocatoria por anticipado de gasto para o ano 2023 (código de procedemento TU986B).

    Poderán ser beneficiarias destas axudas as pequenas e medianas empresas (pemes), sempre que teñan residencia fiscal en España, e se encadren nalgún dos seguintes colectivos:

    a) As persoas físicas ou xurídicas de natureza privada que sexan propietarias de edificios existentes destinados a aloxamento turístico.

    b) As empresas explotadoras, arrendatarias ou concesionarias de edificios destinados a aloxamento turístico, que acrediten a dita condición mediante contrato vixente que lles outorgue facultade expresa para acometer as obras de reforma obxecto do Acordo do 29 de marzo de 2022.

    As entidades solicitantes deberán estar inscritas no Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas da Xunta de Galicia (en diante, REAT), con base nos artigos 50 e 51 da Lei 7/2011, do 27 de outubro, do turismo de Galicia.

    As actuacións subvencionables deben cumprir cos requisitos específicos que se establecen para cada unha delas no anexo III da resolución e encadrarse nunha ou varias das seguintes tipoloxías:

    a) Mellora da eficiencia enerxética da envolvente térmica (tipoloxía 1).

    b) Mellora da eficiencia enerxética e uso de enerxías renovables nas instalacións térmicas de calefacción, climatización, refrixeración, ventilación e auga quente sanitaria; incluída a instalación de redes de calor e frío alimentadas por fontes de enerxía renovable e/ou calor residual para complexos turísticos de varios edificios (tipoloxía 2).

    c) Mellora da eficiencia enerxética das instalacións de iluminación (tipoloxía 3).

    Estas actuacións deberán alcanzar as dúas condicións seguintes:

    – Unha redución do consumo de enerxía primaria non renovable do 30 % respecto á situación de partida.

    – A mellora da cualificación enerxética total do edificio en, polo menos, unha letra medida na escala de emisións de dióxido de carbono (kg CO2 /m2 ano). Este último criterio non será de aplicación cando o edificio acredite ter unha cualificación enerxética A. Para a obtención das condicións anteriores poderanse combinar as actuacións que se vaian realizar, e non é necesario o seu cumprimento por cada actuación individualmente.

    A contía das axudas para cada unha das tipoloxías de actuacións subvencionables está establecida no anexos II e III desta resolución, cun límite de 150.000 euros (IVE excluído) por proxecto subvencionable.

    En todo caso, a persoa beneficiaria deberá realizar un gasto efectivo, que deberá xustificar, de polo menos 5.000 euros (IVE excluído) no proxecto subvencionable.

    As axudas previstas nesta convocatoria poderanse solicitar a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia (DOG) ata o día 30 de marzo de 2023, salvo que con anterioridade se esgote o crédito orzamentario, o que será obxecto de publicación no DOG e na páxina web da Axencia Turismo de Galicia mediante resolución ditada pola persoa titular da Dirección da axencia.

    https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2022/20221202/AnuncioG0256-251122-0002_gl.pdf

  • AXENCIA PARA A MODERNIZACIÓN TECNOLÓXICA DE GALICIA CONVOCA O PROGRAMA ÚNICO-BONO SOCIAL PARA A EMISIÓN DE BONOS DIXITAIS DIRIXIDA A COLECTIVOS VULNERABLES (FONDOS EUROPEOS)

    Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia

    RESOLUCIÓN do 28 de xullo de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións, en réxime de concorrencia non competitiva, así como a inscrición de entidades colaboradoras que participarán na súa xestión, do Programa de emisión de bonos dixitais para colectivos vulnerables (Programa UNICO-Bono social), enmarcado no investimento C15. I3 do compoñente 15 do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, e se convocan para o período 2022-2023 (códigos de procedemento AP400A e AP400B)

    Poderán ser beneficiarias do bono dixital as persoas que xa sexan beneficiarias das prestacións públicas da renda de inclusión social de Galicia (Risga) da Xunta de Galicia ou do ingreso mínimo vital (IMV) do Goberno de España.

    Así mesmo, tamén poderá ser beneficiaria calquera outra persoa física maior de idade con ausencia ou déficit grave de recursos económicos ou que se atope en situación ou risco de exclusión social.

    O prazo inicial para que as entidades interesadas presenten as solicitudes de inscrición como entidades colaboradoras é dun (1) mes contado desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG, sen prexuízo do disposto no artigo 7.6.b) das bases reguladoras recollidas no anexo I. O prazo rematará o mesmo día en que se producise a publicación no mes de vencemento. Se no mes de vencemento non houbese día equivalente a aquel en que se inicie o cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes. Se o último día do prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ata ao primeiro día hábil seguinte.

    O prazo para presentar as solicitudes dos bonos dixitais comezará o día seguinte ao da publicación no DOG da relación de entidades colaboradoras adheridas e rematará o 16 de decembro de 2022.

    O bono dixital contribuirá a financiar a contratación de novos servizos de conexión a banda larga ou o incremento da velocidade dos xa contratados desde unha localización fixa e irá destinado a persoas físicas de unidades familiares que fosen identificadas como vulnerables.

    O bono dixital permitiralle ao solicitante a contratación do servizo indicado no punto anterior, tendo dereito a unha minoración mensual de ata 20 euros na factura emitida pola entidade colaboradora elixida durante un período de ata 12 meses, chegando a acadar como máximo os 240 euros.

     O recoñecemento do dereito a recibir o bono dixital a unha unidade familiar e a contía do dito bono é independente do número de membros integrantes dela. 

    O servizo de acceso que ofertarán as entidades colaboradoras terá como mínimo as seguintes características:

    a) O servizo de conexión terá asociada unha velocidade de transferencia de datos de, como mínimo, 30 Mbps en sentido da rede ao usuario (DL) en condicións de hora punta, entendida esta como a velocidade alcanzada polos usuarios finais durante un período dunha hora no momento de ocupación máxima da rede.

    b) O servizo de acceso á banda larga realizarase a través da tecnoloxía máis adecuada en cada caso co fin de respectar o principio de neutralidade tecnolóxica.

    c) Modalidade de acceso: non existirá limitación horaria para o acceso ao servizo nin limitación ao volume mensual dos datos descargados

    Procedemento de inscrición de entidades colaboradoras (código de procedemento AP400B)

    1. Alcance das actuacións que desenvolverán as entidades colaboradoras. As entidades colaboradoras terán como labor:

    a) A promoción da contratación.

    b) A instalación do servizo da internet contratado polo beneficiario do bono dixital.

    c) Achegar a documentación precisa para a verificación e control da adecuada execución dos bonos xestionados, descrita nas presentes bases reguladoras.

    2. Requisitos das entidades colaboradoras:

    Poderán obter a condición de entidades colaboradoras, nos termos previstos no artigo 9 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, as empresas privadas con personalidade xurídica propia, validamente constituídas e empresarios individuais. En ambos os casos, deben ter a condición de operador debidamente habilitado, conforme o establecido nos artigos 6 e 7 da Lei 11/2022, do 28 de xuño, xeral de telecomunicacións, e ofertar servizos da internet na Comunidade Autónoma de Galicia coas características técnicas especificadas no artigo 5 das presentes bases, acreditando os seguintes requisitos:

    1º. Ser operador de telecomunicacións e estar dado de alta no Rexistro de operadores da Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia (CNMC).

    2º. Ofrecer servizos de conexión á internet de banda larga de, cando menos, 30 Mbps ao público en xeral.

    ENTIDADES COLABORADORAS COAS QUE TE PODES ACOLLER AO BONO: https://amtega.xunta.gal/rexistro-operadores-bono-social

    https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2022/20220817/AnuncioG0177-290722-0001_gl.pdf