Sección: Outras axudas e subvencións

  • XUNTA DE GALICIA CONVOCA AXUDAS PARA IMPLANTAR A IGUALDADE LABORAL, A CONCILIACIÓN E A RESPONSABILIDADE SOCIAL EMPRESARIAL (RSE)

    Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade

    ORDE do 31 de decembro de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras do Programa de axudas para implantar a igualdade laboral, a conciliación e a responsabilidade social empresarial (RSE), e se procede á súa convocatoria para o ano 2023 (códigos de procedemento TR357B, TR357C e TR357D).

    Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras e convocar, para o ano 2023, en réxime de concorrencia competitiva, axudas e incentivos a pemes, a persoas traballadoras autónomas con persoas traballadoras a cargo e para implantar a igualdade laboral, código de procedemento administrativo (TR357C); adoptar medidas de corresponsabilidade e de conciliación da vida familiar, persoal e laboral, código de procedemento administrativo (TR357D), así como implantar sistemas de xestión de responsabilidade social empresarial (RSE), código de procedemento administrativo (TR357B), no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.

    Beneficiarias

    As empresas solicitantes poderán ser pemes ou persoas traballadoras autónomas, que teñan subscritos contratos con persoas traballadoras por conta allea con domicilio social e centro de traballo en Galicia, calquera que sexa a súa forma xurídica, e que estean validamente constituídas no momento de presentar a solicitude de axudas.

    Para as liñas II e III tamén poderán presentar solicitude as empresas con centros de traballo en Galicia. No caso da liña I, as empresas deberán contar como mínimo con dez persoas traballadoras e cun máximo de 49.

    Para a liña II, se a solicitude é para as subliñas 1 e 3 as empresas deberán contar cun mínimo dunha persoa traballadora e se a solicitude é para a subliña 2, as empresas deberán contar cun mínimo de cinco persoas traballadoras.

    Para a liña III, as empresas deberán contar cun mínimo de 5 persoas traballadoras

    Esta orde de convocatoria estrutúrase en tres liñas de axudas:

    Liña I: elaboración e implantación de plans de igualdade (TR357C) nos termos definidos no capítulo III do Real decreto 901/2020, do 13 de outubro, polo que se regulan os plans de igualdade e o seu rexistro e se modifica o Real decreto 713/2010, do 28 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios e acordos colectivos de traballo.

    Liña II: conciliación (TR357D) que, pola súa vez, comprende tres subliñas:

    Subliña II.1. Incentivos para fomento do teletraballo: incentivarase a adopción de acordos laborais de teletraballo.

    Subliña II.2. Incentivos para o fomento da flexibilidade horaria: incentivarase a adopción de acordos laborais de flexibilidade horaria.

    Subliña II.3. Subvencións para a adquisición de elementos tecnolóxicos que posibiliten o teletraballo. Liña III: certificacións de RSE (TR357B). Subvencionarase a obtención dunha certificación ou informe de verificación ou validación de códigos de conduta, normas ou estándares en materia de responsabilidade social empresarial.

    Poderán ser as que se relacionan ou equivalentes: empresa familiarmente responsable-EFR (conciliación), global reporting initiative (GRI); united nations global compact (Pacto mundial); ISO 19600, SGE 21, global accountability 1000 (AA 1000); EMAS, ISO 14000 (ambiente), SA 8000, IQNet SR10, Bequal (discapacidade), ISO 45001 (seguridade e saúde laboral), certificación empresa saudable e, así mesmo, selo de horarios racionais (SHR).

    O prazo para a presentación de solicitudes será dun mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

    https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2023/20230210/AnuncioG0656-130123-0004_gl.pdf

  • DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA CONVOCA AXUDAS A COOPERATIVAS AGROGANDEIRAS

    BASES REGULADORAS DE SUBVENCIÓNS DIRIXIDAS A COOPERATIVAS AGROGANDEIRAS DA PROVINCIA DE PONTEVEDRA PARA INVESTIMENTOS DURANTE O EXERCICIO 2023

    Poderá solicitar estas axudas calquera cooperativa agrogandeira legalmente constituída da provincia de Pontevedra.

    Son actuacións susceptibles de axuda as que apoien as entidades agrogandeiras en investimentos, proxectos e actuacións destinados á recuperación e posta en valor dos recursos agrarios endóxenos de carácter agrícola e gandeiro que teñan como obxecto:

    a) A comercialización, a transformación e a valorización das producións

    b) A formación técnica e o asesoramento para desenvolver proxectos de investigación e innovación tecnolóxica

    c) O uso das novas tecnoloxías e das enerxías renovables e o aforro enerxético

    d) Investimentos para mellorar os servizos que presta a cooperativa:

    – Axudas para a adquisición de terreos, para maquinaria agrícola, obras, construcións, equipos, instalacións, melloras en edificios e os seus accesos, equipamentos e sistemas informáticos, mobiliario e outros investimentos que sirvan para mellorar os servizos que prestan estas entidades

    As axudas para maquinaria agrícola non serán compatibles con outras para o mesmo fin.

    No caso de solicitudes para adquirir licenzas de software, estas só serán subvencionables cando as entidades beneficiarias as contabilicen como investimentos.

    O prazo para presentar as solicitudes será de vinte (20) días hábiles, contados a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria e do seu extracto no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra (BOPPO) e na Base Nacional de Subvencións.

    https://boppo.depo.gal/web/boppo/detalle/-/boppo/2023/02/10/2023008538

  • XUNTA DE GALICIA CONVOCA AXUDAS PARA A MELLORA DA CAPACIDADE DE INNOVACIÓN DAS EMPRESAS EN GALICIA A TRAVÉS DO FINANCIAMENTO DE BONOS PARA PEQUENAS E MEDIANAS EMPRESAS

    Axencia Galega de Innovación

    RESOLUCIÓN do 18 de xaneiro de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas para a mellora da capacidade de innovación das empresas en Galicia, a través do financiamento de bonos de innovación para pequenas e medianas empresas cuxa actividade se enmarca nas prioridades estratéxicas da RIS3, e seprocede á súa convocatoria para o ano 2023 (código de procedemento IN848F).

    Nesas axudas diferéncianse tres tipos de bonos que se agrupan nas seguintes liñas:

    Liña 1. Bonos para servizos de apoio á innovación, para o financiamento das actividades destinadas á protección da innovación, xestión da innovación e vixilancia tecnolóxica, así como accións estratéxicas para desenvolver novos produtos, procesos e servizos.

    Liña 2. Bonos para xestión do financiamento da innovación, para a subvención dos custos de actividades de xestión contratadas cos axentes da innovación, encamiñadas a: Tipo A.Tramitación de incentivos fiscais á I+D+i e bonificacións na Seguridade Social de persoal investigador. Tipo B. Tramitación de novas solicitudes de financiamento a propostas de I+D+i en convocatorias de axudas estatais, europeas ou internacionais.

    Poderán ser beneficiarias desta axuda as microempresas, pequenas e medianas empresas, así como as entidades do terceiro sector de acción social, conforme as definicións contidas no artigo 2, validamente constituídas no momento da presentación da solicitude, con domicilio social ou un centro de traballo en Galicia, onde deberán desenvolver as actividades para as cales solicitan a axuda.

    Os beneficiarios das axudas deberán contar con capacidade administrativa, financeira e operativa suficiente para a execución da axuda que se lles conceda, cuxas condicións se determinarán no documento que establece as condicións da axuda (DECA), conforme ao disposto no artigo 20 desta convocatoria.

    O prazo de presentación de solicitudes será de dous meses contados a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

    https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2023/20230209/AnuncioG0198-190123-0001_gl.pdf

  • IGVS CONVOCA AXUDAS PARA A ADQUISICIÓN DE VIVENDA EN CONCELLOS CON POBOACIÓN IGUAL OU INFERIOR A 10.000 HABITANTES (PLAN ESTATAL DA VIVENDA)

    Instituto Galego da Vivenda e Solo

    RESOLUCIÓN do 26 de decembro de 2022 pola que se procede á convocatoria das axudas para a adquisición de vivenda en concellos con poboación residente igual ou inferior a 10.000 habitantes do Plan estatal para o acceso á vivenda 2022-2025 para o ano 2023 (código de procedemento VI435A).

    Poderán beneficiarse destas axudas as persoas físicas maiores de idade que reúnan os seguintes requisitos:

    a) Posuír a nacionalidade española ou a dalgún dos Estados membros da Unión Europea ou do Espazo Económico Europeo, Suíza ou o parentesco determinado pola normativa que sexa de aplicación. No caso de persoas estranxeiras non comunitarias deberán contar con autorización de estancia ou residencia en España.

    b) Ter menos de 35 anos, incluída a idade de 35 anos, no momento de solicitar a axuda ou no momento da subscrición do contrato privado ou da escritura pública de compravenda, cando esta se realice antes da publicación da correspondente convocatoria.

    c) Ter subscrito con posterioridade ao 15 de novembro de 2022 un contrato privado ou, de ser o caso, unha escritura pública de adquisición dunha vivenda que reúna os seguintes requisitos:

    – Que a vivenda estea localizada nun municipio pertencente ao territorio da Comunidade Autónoma de Galicia cunha poboación residente igual ou inferior a 10.000 habitantes. Para estes efectos, tomaranse como referencia as últimas cifras oficiais do padrón municipal de habitantes publicadas polo Instituto Galego de Estatística na data de entrada en vigor do Real decreto 42/2022, do 18 de xaneiro.

    – Que o prezo de adquisición da vivenda, incluídos os seus anexos, sen os gastos e tributos inherentes a ela, sexa igual ou inferior a 120.000 €.

    – Que se trate dunha vivenda xa construída. Para estes efectos, admitiranse tanto as vivendas novas como as usadas.

    d) Que a persoa solicitante e as demais persoas integrantes da súa unidade de convivencia estean empadroadas na vivenda adquirida no momento de presentación da correspondente solicitude, para o caso de dispoñer de escritura pública de compravenda formalizada con anterioridade á referida data.

    e) Que as rendas anuais das persoas que compoñen a unidade de convivencia sexan iguais ou inferiores a 3 veces o IPREM.

    f) Que a persoa solicitante e as demais persoas integrantes da súa unidade de convivencia se atopen ao día nas súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e coa Seguridade Social e non teñan pendente ningunha outra débeda, por ningún outro concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

    g) Que nin a persoa solicitante nin as demais persoas integrantes da súa unidade de convivencia estean incursas nalgunha das circunstancias previstas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de decembro, e no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, así como que non se lles teña revogado, ou fosen obxecto dunha resolución de reintegro dunha axuda prevista neste ou no anterior plan estatal de vivenda, por incumprimento ou causa imputable a aquelas.

    h) Que nin a persoa solicitante nin ningunha das persoas integrantes da súa unidade de convivencia sexan propietarias ou usufrutuarias dalgunha vivenda en territorio español. Para estes efectos, non se considerará que se posúe a propiedade ou o usufruto dunha vivenda se o dereito recae unicamente sobre unha parte alícuota desta e foi obtido por herdanza ou transmisión mortis causa sen testamento. Exceptuaranse deste requisito aquelas persoas que, sendo titulares dunha vivenda, acrediten non ter a súa dispoñibilidade por causa de separación ou divorcio, non poidan habitala por calquera outra causa allea á súa vontade ou cando a vivenda resulte inaccesible por razón de discapacidade da persoa solicitante ou de calquera membro da súa unidade de convivencia. 

    No suposto de adquisición da propiedade da vivenda por máis dunha persoa, cada unha das persoas propietarias deberá cumprir os requisitos sinalados no parágrafo anterior para poder ser beneficiaria da axuda.

    Contía das axudas

    1. A contía da axuda para a adquisición será de ata 10.800 € por vivenda, co límite do 20 % do prezo de venda, sen incluír os gastos e tributos inherentes a esa adquisición.

    2. No suposto de adquisición da propiedade da vivenda por máis dunha persoa propietaria, o importe da axuda que puidese recibir un/unha beneficiario/a que adquira unha parte dela determinarase aplicando ao importe da axuda que correspondería da adquisición do 100 % da vivenda a porcentaxe de cota adquirida. 

    O prazo de presentación de solicitudes comezará o primeiro día hábil seguinte ao da publicación da resolución no DOG e rematará o 31 de outubro de 2023 e, en todo caso, no momento do esgotamento do crédito orzamentario, o que será publicado no DOG mediante resolución ditada pola persoa titular da Dirección Xeral do IGVS.

    https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2023/20230207/AnuncioC3Q2-160123-0004_gl.pdf

  • XUNTA DE GALICIA CONVOCA AXUDAS A PERSOAS TRABALLADORAS AUTÓNOMAS POLA CONTRATACIÓN INDEFINIDA E A FORMACIÓN DE PERSOAS ASALARIADAS

    Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade

    ORDE do 10 de xaneiro de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras para a promoción e consolidación do emprego autónomo a través do Programa de axudas a persoas traballadoras autónomas pola contratación indefinida e a formación de persoas asalariadas, e se realiza a súa convocatoria para o ano 2023 (código de procedemento TR349F).

    Este programa inclúe dous tipos de axudas compatibles entre si:

    1. Bono de contratación, cuxas particularidades se recollen no capítulo II desta orde e por medio do cal se proporcionará unha subvención para a contratación indefinida inicial de persoas desempregadas realizada por persoas traballadoras autónomas ou persoas profesionais con domicilio social e fiscal en Galicia.

    2. Bono de formación (opcional), cuxas particularidades se recollen no capítulo III desta orde e por medio do cal se proporcionará unha subvención ás persoas traballadoras autónomas ou persoas profesionais con domicilio social e fiscal en Galicia, para que leven a cabo accións formativas dirixidas ás persoas traballadoras cuxos contratos se subvencionan por medio desta orde, co obxecto de mellorar os seus coñecementos e as habilidades relacionadas co posto de traballo.

    Poderán ser beneficiarias das axudas previstas nesta orde as persoas traballadoras autónomas ou as persoas profesionais con domicilio social e fiscal en Galicia, pola primeira, segunda e terceira contratación que realicen con carácter indefinido .

    O prazo xeral para presentar as solicitudes das axudas establecidas nesta orde comezará o día seguinte ao da súa publicación e rematará o 29 de setembro de 2023.

    https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2023/20230203/AnuncioG0656-120123-0003_gl.pdf

  • IGAPE CONVOCA AXUDAS Á IMPLANTACIÓN DE SOLUCIÓNS AVANZADAS PARA O DESENVOLVEMENTO DA ECONOMÍA CIRCULAR (FONDOS FEDER)

    Instituto Galego de Promoción Económica

    RESOLUCIÓN do 29 de decembro de 2022 pola que se dá publicidade do Acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras das axudas á implantación de solucións avanzadas para o desenvolvemento da economía circular para o ano 2023, susceptibles de seren cofinanciadas no marco do programa operativo Feder Galicia 2021-2027, e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia competitiva (código de procedemento IG300F).

    As axudas concédense en réxime de concorrencia competitiva e van destinadas á posta en marcha de proxectos para o desenvolvemento da economía circular cuxa finalidade sexa o desenvolvemento e a implantación de solucións avanzadas para a produción, transporte e distribución de materias primas, compoñentes, semielaborados e produtos finais, que acaden reducións e aforros na utilización de recursos naturais, auga e enerxía,e diminucións na xeración de refugallos, subprodutos ou desperdicios, coa tendencia de converter os refugallos en recursos de uso noutros procesos produtivos.

    Os proxectos poderán ser de dúas modalidades:

    a) Proxectos colectivos de simbiose industrial nos cales un grupo de empresas (cun mínimo de tres empresas independentes, opcionalmente coordinadas por un organismo intermedio colaborador) aborda un proxecto de economía circular para mellorar o uso dos recursos e reducir os impactos ambientais de maneira conxunta. A simbiose industrial facilita o intercambio de enerxía, materiais, auga e subprodutos para pechar os ciclos de materiais e enerxía, maximizar o uso de residuos e minimizar o uso de materia prima.

    b) Proxectos individuais nos cales unha peme aborda a implantación dun sistema de economía circular, parcial ou integral, especificamente deseñado ou desenvolvido para o seu ámbito de actividade.

    Poderán ser beneficiarias destas axudas as pequenas e medianas empresas (pemes), segundo a definición establecida pola Comisión Europea no anexo I do Regulamento (UE) nº 651/2014 polo que se declaran determinadas categorías de axuda compatibles co mercado común en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado (Regulamento xeral de exención por categorías), calquera que sexa a súa forma xurídica, incluíndo os empresarios autónomos, e que teñan un centro de traballo en Galicia no cal se vaia realizar o proxecto. As pemes poderán solicitar axudas á tipoloxía de proxectos individuais descritos no artigo 1.b) das bases reguladoras. Para poderen solicitar as axudas á tipoloxía de proxectos colectivos descritos no artigo 1.a), os interesados deberán previamente constituír unha agrupación das previstas no artigo 8.3 da Lei 9/2007, que terá que estar constituída, polo menos, por tres pemes con centro de traballo en Galicia.

    O prazo de presentación de solicitudes iniciarase o día seguinte ao da publicación da resolución de convocatoria no Diario Oficial de Galicia e será dun mes, contado desde as 8.00 horas do día de inicio do prazo e ata as 14.00 horas do día en que se cumpra o dito prazo dun mes.

  • XUNTA DE GALICIA CONVOCA O PLAN: GALICIA EMPREGA DE INCENTIVOS Á CONTRATACIÓN E Á FORMACIÓN NA EMPRESA ORDINARIA PARA O ANO 2023

    Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade

    ORDE do 10 de xaneiro de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras do Plan Galicia emprega de incentivos á contratación e á formación na empresa ordinaria, e se procede á súa convocatoria para o ano 2023 (código de procedemento TR342C).

    Esta orde ten por obxecto fixar as bases reguladoras e convocar para o ano 2023, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, as axudas establecidas pola Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade que favorezan a contratación de persoas desempregadas na empresa ordinaria (e entidades sen ánimo de lucro), especialmente daquelas que teñen maiores dificultades de inserción laboral, coa finalidade de seguir paliando os prexuízos económicos sobre o mercado de traballo, derivados dos efectos da pandemia provocada pola COVID-19 e agravados pola invasión de Ucraína por parte de Rusia

    Dúas liñas de axudas:

    1. A liña de incentivos á contratación por conta allea cuxas particularidades se recollen no capítulo II desta orde, e que inclúe catro modalidades de axudas:

    a) Incentivos á contratación indefinida inicial de persoas desempregadas.

    b) Incentivos ao incremento de xornada das contratacións indefinidas, de tempo parcial a tempo completo.

    c) Incentivos ao incremento da duración anual dos contratos fixos-descontinuos a un mínimo de 9 meses. d) Axudas para a adaptación de postos de traballo de persoas con discapacidade.

    2. A liña de incentivos ás accións formativas no centro de traballo, de carácter opcional, cuxas particularidades se recollen no capítulo III desta orde, vai dirixida ás persoas contratadas mediante contratación indefinida inicial por medio desta orde, para levar a cabo accións formativas que melloren os seus coñecementos e habilidades relacionados co posto de traballo.

    Poderán ser persoas ou entidades beneficiarias dos incentivos previstos nesta orde as persoas empregadoras e as empresas, calquera que sexa a forma xurídica que adopten, incluídas as persoas autónomas que contraten persoas traballadoras por conta allea para prestaren servizos en centros de traballo radicados na Comunidade Autónoma de Galicia, de acordo cos requisitos e condicións que se establecen nesta orde.

    Tamén poden ser beneficiarios dos incentivos os centros especiais de emprego, excepto para facer contratos con persoas con discapacidade e as empresas de inserción laboral excepto para facer contratos con persoas en situación ou risco de exclusión social.

    As empresas que teñan cincuenta ou máis persoas traballadoras deberán cumprir a cota de reserva para persoas con discapacidade, conforme se dea ocupación, polo menos, ao 2 % de traballadores e traballadoras con discapacidade sobre o total das persoas traballadoras ou, na súa falta, as medidas de carácter excepcional establecidas no artigo 42 do texto refundido da Lei xeral de dereitos das persoas con discapacidade e da súa inclusión social, aprobado polo Real decreto lexislativo 1/2013, do 29 de novembro, e reguladas no Real decreto 364/2005, do 8 de abril (BOE núm. 94, do 20 de abril). Para o cómputo do número de persoas traballadoras da empresa teranse en conta as regras previstas na disposición adicional primeira do devandito real decreto.

    O prazo xeral para a presentación das solicitudes das axudas establecidas nesta orde comezará o día seguinte ao da súa publicación e rematará o 29 de setembro de 2023.

    https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2023/20230131/AnuncioG0656-100123-0006_gl.pdf

  • AXENCIA GALEGA DE DESENVOLVEMENTO RURAL CONVOCA AXUDAS PARA PROXECTOS DE INVESTIMENTOS EN ACTIVIDADES NON AGRÍCOLAS (FONDOS EUROPEOS)

    Axencia Galega de Desenvolvemento Rural

    RESOLUCIÓN do 29 de decembro de 2022 pola que se aproban as bases reguladoras das subvencións para proxectos de investimento en actividades non agrícolas, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural no marco do Plan de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020, e se anuncia a convocatoria para o ano 2023, mediante tramitación anticipada de gasto (código de procedemento MR708A)

    O obxecto destas bases reguladoras é establecer o réxime das axudas que xestiona a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural no marco da medida 6.4 do PDR de Galicia 2014-2020, destinadas a reforzar o tecido produtivo empresarial nas zonas rurais de Galicia mediante o apoio á:

    – Adquisición de bens de equipamento inherentes á actividade empresarial que están desenvolvendo as empresas existentes, co fin de mellorar, ampliar ou modernizar as súas estruturas de produción e/ou servizos.

    – Posta en marcha de novas actividades empresariais non agrícolas en aldeas modelo declaradas con anterioridade á publicación destas bases reguladoras. Para estes efectos, o día da publicación no DOG da correspondente convocatoria de axudas estará dispoñible no enderezo da páxina web da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (https://agader.xunta.gal/gl/linas-de-axuda) a relación de aldeas modelo declaradas polos correspondentes acordos do Consello de Dirección da Axencia, ao abeiro da Lei 6/2011, do 13 de outubro, de mobilidade de terras, ou ben ao abeiro da Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia

    Persoas e entidades beneficiarias

    a) Microempresas e pequenas empresas situadas en zonas rurais. Para estes efectos, a definición de pequena empresa é a que resulta do Regulamento (UE) nº 651/2014, do 17 de xuño, polo que se declaran determinadas categorías de axudas compatibles co mercado interior, en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea (TFUE).

    b) Persoas físicas que residan nunha zona rural.

    c) Titulares dunha explotación agraria ou membros da súa unidade familiar, que diversifiquen as súas actividades en ámbitos non agrícolas e que desenvolvan o seu proxecto na propia explotación.

    Nos termos desta resolución, serán subvencionables os proxectos destinados á:

    a) Adquisición de bens de equipamento co obxectivo de mellorar, ampliar e/ou modernizar pequenas empresas que desenvolven actividades produtivas non agrarias nos seguintes sectores e ámbitos de actividade: 1º. Industrias, fábricas e locais destinados á produción de bens e materiais. Non obstante o anterior, os investimentos relacionados coa utilización da madeira como materia prima ou fonte de enerxía limitaranse ás operacións de segunda transformación. 2º. Transformación e/ou comercialización de produtos agrarios, cando o produto final do proceso de transformación e/ou comercialización derivado dos investimentos non estea incluído no anexo I do Tratado de funcionamento da Unión Europea (TFUE). Non obstante o anterior, para este sector de actividade excluiranse aqueles proxectos cun orzamento elixible superior a 60.000 €. 3º. Prestación de servizos en calquera sector económico, con exclusión das empresas de servizos de maquinaria agrícola e forestal e das empresas de servizos enerxéticos. 4º. Prestación de servizos sociais (gardarías, coidado de anciáns, de persoas con discapacidade, granxas escola…). 5º. Actividades de lecer, recreativas e deportivas. 6º. Artesanía e actividades artesanais. 7º. Actividades baseadas na innovación tecnolóxica e no comercio electrónico. 8º. Actividades nos sectores da enxeñaría, arquitectura, servizos técnicos, limpeza industrial e veterinaria. 9º. Comercio polo miúdo de produtos non incluídos no anexo I do TFUE.

    b) Posta en marcha de novas actividades empresariais non agrícolas nas aldeas modelo declaradas con anterioridade á publicación da correspondente convocatoria destas axudas, nos mesmos sectores e ámbitos de actividade sinalados na letra a) do número 1 deste artigo.

    O prazo para presentar as solicitudes será dun (1) mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación da resolución da convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

    https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2023/20230130/AnuncioO90-301222-0003_gl.pdf

  • CONSELLERIA DE MEDIO RURAL CONVOCA AXUDAS PARA INVESTIMENTOS EN TRANSFORMACIÓN E COMERCIALIZACIÓN DE PRODUTOS AGRARIOS (FONDOS FEDER)

    Consellería do Medio Rural

    ORDE do 30 de decembro de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para os investimentos en transformación e comercialización de produtos agrarios cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), e se convocan para o exercicio orzamentario de 2023 (código de procedemento MR340A).

    Poderán acollerse a estas axudas os/as empresarios/as individuais ou as sociedades que sexan ou vaian ser titulares de instalacións obxecto da axuda dedicadas á transformación e/ou comercialización de produtos do anexo I do Tratado constitutivo da Comunidade Europea, e sobre as cales recaia a carga financeira dos investimentos e gastos que se consideren incentivables.

    Os tipos de gasto incentivables son os seguintes:

    a) A construción, adquisición e mellora de bens inmobles. A compra de terreos ata un valor do 10 % do total dos gastos subvencionables.

    b) A compra de maquinaria e equipamentos novos, ata o seu valor de mercado.

    c) Os seguintes investimentos intanxibles: adquisición ou desenvolvemento de programas informáticos, así como adquisicións de patentes, licenzas, dereitos de autor e marcas rexistradas relacionadas cos procesos produtivos.

    d) Os custos xerais vinculados ás alíneas a) e b) anteriores consistentes en honorarios de proxecto e dirección de obra, así como en estudos de viabilidade. En todo caso, o importe admisible nestes custos non poderá superar o 12 % do importe total dos investimentos subvencionables das alíneas a), b) e c) anteriores.

    Estas axudas consistirán en garantías do 80 % do risco inherente a cada préstamo formalizado destinado a financiar os proxectos de investimento, determinado conforme as condicións establecidas.

    O prazo de presentación de solicitudes para subvencións desta convocatoria será de un mes contado a partir do día seguinte ao de publicación desta orde. O prazo de presentación de solicitudes de préstamos garantidos desta convocatoria finalizará o día 30 de marzo de 2023.

    https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2023/20230127/AnuncioG0426-301222-0007_gl.pdf

     

  • XUNTA DE GALICIA CONVOCA AXUDAS PARA A IMPLANTACIÓN DE MEDIDAS DE PROTECCIÓN INTEGRAL CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO (FONDOS ESTATAIS)

    Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade

    RESOLUCIÓN do 30 de decembro de 2022, da Secretaría Xeral da Igualdade, pola que se regulan as bases para a concesión das axudas establecidas no artigo 27 da Lei orgánica 1/2004, do 28 de decembro, de medidas de protección integral contra a violencia de xénero, e no artigo 43 da Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero, e se procede á súa convocatoria para o ano 2023 (código de procedemento SI434B)

    As axudas a que se refire esta resolución fan referencia ás seguintes modalidades:

    1. Axudas dirixidas a mulleres vítimas de violencia de xénero que residan na Comunidade Autónoma de Galicia e acrediten insuficiencia de recursos e unhas especiais dificultades para obter un emprego-axuda establecida no artigo 27 da Lei orgánica 1/2004, do 28 de decembro, de medidas de protección integral contra a violencia de xénero.

    2. Axudas de indemnización dirixidas ás mulleres que sofren violencia de xénero e/ou as e os menores ou persoas dependentes delas polos danos e perdas ocasionados como consecuencia da situación de violencia, fixadas mediante sentenza xudicial, no caso de incumprimento, por insolvencia, por parte do obrigado a satisfacelas –indemnización establecida no artigo 43 da Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero.

    O importe desta axuda será, con carácter xeral, equivalente ao de seis meses do subsidio por desemprego vixente.

    1.2. O importe desta axuda será equivalente a doce meses de subsidio por desemprego nos seguintes casos: a) Cando a vítima teña a cargo un familiar ou menor acollido/a. b) Cando a vítima, sen responsabilidades familiares, teña unha discapacidade igual ou superior ao 33 %.

    1.3. O importe desta axuda será equivalente a dezaoito meses de subsidio por desemprego nos seguintes casos: a) Cando a vítima teña ao seu cargo dous ou máis familiares ou menores acollidos/as, ou un familiar e un menor acollido/a. b) Cando a vítima teña ao seu cargo un familiar ou menor acollido/a e unha discapacidade igual ou superior ao 33 % ela ou a persoa dependente.

    1.4. O importe desta axuda será equivalente a vinte e catro meses de subsidio por desemprego nos seguintes casos: a) Cando a vítima teña ao seu cargo dous ou máis familiares ou menores acollidos/as, ou un familiar e un menor acollido/a e unha discapacidade igual ou superior ao 33 % ela ou algunha das persoas dependentes. b) Cando a vítima de violencia de xénero con responsabilidades familiares ou o familiar ou menor acollido/a con quen conviva teña recoñecido oficialmente un grao de discapacidade igual ou superior ao 65 %. c) Cando a vítima de violencia de xénero e o familiar ou menor acollido/a con quen conviva teña recoñecido oficialmente un grao de discapacidade igual ou superior ao 33 %.

    O prazo para a presentación de solicitudes comezará o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia e rematará o 30 de novembro de 2023

    https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2023/20230127/AnuncioG0656-020123-0003_gl.pdf

    No caso da Estrada se tes algunha dúbida podes poñerte en contacto co Centro de Información á MUller (CIM) chamando ao teléfono 986 677 719