Sección: Outras axudas e subvencións

  • INSTITUTO GALEGO DA VIVENDA E SOLO CONVOCA PROGRAMA DE PRESTAMOS CUALIFICADOS PARA A REHABILITACIÓN DE EDIFICIOS E VIVENDAS

    Instituto Galego da Vivenda e Solo

    RESOLUCIÓN do 11 de maio de 2022 pola que se convocan, para a anualidade 2022, as axudas financeiras do programa de préstamos cualificados para a rehabilitación de edificios e vivendas, con financiamento plurianual (código de procedemento VI406B).

    Esta resolución ten por obxecto convocar para a anualidade 2022 as axudas financeiras do programa de préstamos cualificados para a rehabilitación de edificios e vivendas (código de procedemento VI406B), que poderán consistir en:

    a) Préstamos cualificados para a rehabilitación de edificios e vivendas concedidos polas entidades de crédito, no ámbito dos convenios asinados para estes efectos co Instituto Galego da Vivenda e Solo (en diante, IGVS).

    b) Axudas económicas directas, consistentes na subsidiación dos xuros do préstamo cualificado outorgado pola entidade financeira.

    Actuacións protexibles polo programa de préstamos cualificados

    Serán actuacións susceptibles de acollerse ao programa de préstamos cualificados as previstas no anexo II das bases reguladoras deste programa.

    No caso de obras consistentes no remate en edificios ou vivendas cuxos paramentos de fachada e/ou cubertas non estivesen rematados, deberanse cumprir as seguintes condicións para acceder ao programa:

    a) Incluír o remate de todas as fachadas e/ou cubertas da edificación. b) Xustificar que a edificación ten unha antigüidade mínima de dez anos e que foi habitada durante un mínimo de cinco anos.

    As obras de rehabilitación non poderán estar iniciadas no momento de presentar a solicitude da axuda.

    Nas actuacións de reparación, rehabilitación ou conservación de fachadas, carpintaría exterior e/ou cuberta das edificacións seguiranse os criterios fixados na Guía de cor e materiais elaborada pola Xunta de Galicia.

    Poderán ser beneficiarias destas axudas as persoas físicas que promovan as actuacións de rehabilitación, xa sexan propietarias ou teñan calquera outro título que acredite a posesión do inmoble, así como as persoas membros de comunidades de propietarios/as partícipes nas actuacións promovidas pola correspondente comunidade en función da súa porcentaxe de participación. Así mesmo, as comunidades de propietarios/as poderán ser beneficiarias dos préstamos cualificados para a rehabilitación de edificios, ben que non poderán obter axudas de subsidiación dos xuros dos citados préstamos.

    O prazo de presentación de solicitudes comezará o día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG e rematará o 1 de setembro de 2022 aínda que, respecto ás axudas económicas directas de subsidiación, rematará en todo caso no momento do esgotamento do crédito orzamentario, que será publicado no DOG mediante resolución da persoa titular da Dirección Xeral do IGVS.

    https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2022/20220527/AnuncioC3Q2-120522-0001_gl.pdf

  • AXENCIA TURISMO DE GALICIA CONVOCA SUBVENCIÓNS ÁS AXENCIAS DE VIAXES (FONDOS EUROPEOS)

    Axencia Turismo de Galicia

    RESOLUCIÓN do 12 maio de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, de subvencións ás axencias de viaxe, financiadas ao 100 % no marco do eixe REACT-UE do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, como parte da resposta da UE á pandemia da COVID-19, e se anuncia a súa convocatoria para o ano 2022 (código de procedemento TU983C).

    Poderán ser beneficiarias das subvencións as axencias de viaxes, entendendo por tales as empresas turísticas descritas no artigo 83 da Lei 7/2011, do 27 de outubro, do turismo de Galicia, tanto na súa categoría de grosistas, retallistas e grosistas-retallistas, que teñan un centro de traballo na Comunidade Autónoma de Galicia.

    As entidades solicitantes deberán estar inscritas no Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas da Xunta de Galicia (en adiante, REAT), con base nos artigos 50 e 51 da Lei 7/2011, do 27 de outubro, do turismo de Galicia.

    O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación.

    O importe máximo de subvención será do 100 % do gasto subvencionable cos límites que a continuación se expresan:

    – Para empresas de ata 2 traballadores: 5.200,00 €.

    – Para empresas de 3 a 6 traballadores: 11.200,00 €.

    – Para empresas de 7 a 19 traballadores: 16.200,00 €.

    – Para empresas de 20 ou máis traballadores: 21.200,00 €

    https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2022/20220530/AnuncioG0256-130522-0004_gl.pdf

  • AXUDAS PARA A TRANSFORMACIÓN DIXITAL E MODERNIZACIÓN DO SECTOR COMERCIAL E ARTESANAL PARA O ANO 2022

    Poderán ser beneficiarias das subvencións, sen prexuízo de reunir os demais requisitos establecidos nestas bases e sempre que nas persoas solicitantes non concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as persoas físicas ou xurídicas, comunidades de bens ou calquera outro tipo de unidade económica ou patrimonio separado sen personalidade xurídica, legalmente constituídas que, en todo caso, cumpran ademais os seguintes requisitos:

    1. Comerciantes retallistas:

    a) Que desenvolvan a súa actividade comercial en Galicia, que o domicilio social radique na Comunidade Autónoma, que non teñan a consideración de grande establecemento comercial segundo a normativa aplicable e que cumpran os requisitos establecidos legalmente para exercer a actividade. No caso de comerciantes que realicen a actividade comercial en liña, deberán ter o domicilio social na Comunidade Autónoma de Galicia.

    b) Que, tendo a condición de peme conforme os requisitos establecidos pola Comisión Europea no Regulamento da Unión Europea 651/2014 (DOUE 187, do 26 de xuño), teñan un número de empregados/as igual ou inferior a vinte (20), incluídas as persoas en situación de autoemprego.

    c) Que estean dados de alta nalgunhas das epígrafes do IAE que se relacionan no anexo II e III e que esta constitúa a actividade principal da persoa solicitante. No caso de que a actividade principal sexa unha actividade das epígrafes relacionadas no anexo III, deberá estar dado de alta nalgunha actividade comercial relacionada no anexo II.

    d) Que desenvolvan a actividade comercial nun establecemento comercial cunha superficie de exposición e venda igual ou inferior a 300 metros cadrados, agás que a actividade comercial se encadre na epígrafe 653.1 do IAE.

    2. Obradoiros artesáns:

    Que estean inscritos no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia. En caso de novos obradoiros, poderán solicitar a inscrición no dito rexistro ata o último día do prazo establecido para a presentación de solicitudes.

    Non poderán ser beneficiarias destas axudas: as empresas en crise, conforme a definición prevista no artigo 2 número 18 do Regulamento (CE) nº 651/2014, do 17 de xuño de 2014, polo que se declaran determinadas categorías de axudas compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado (DOUE 26.6.2014, L 187/1), nin aquelas persoas que, tendo sido beneficiarias do procedemento CO300C, renunciasen ou perdesen o dereito ao cobramento da subvención no ano 2021.

    Ligazón: https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2022/20220523/AnuncioG0596-020522-0008_gl.html

  • AXENCIA GALEGA DE INNOVACIÓN CONVOCA AXUDAS DO PROGRAMA CONSOLIDA BIO PARA O APOIO Á CONSOLIDACIÓN DO SECTOR BIOTECNOLOXICO

    Axencia Galega de Innovación

    RESOLUCIÓN do 4 de maio de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas do programa Consolida Bio para o apoio á consolidación do sector biotecnolóxico a través de plans de investimento e innovación, financiados no marco do eixe REACT-UE do programa operativo do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) de Galicia 2014-2020 como parte da resposta da UE á pandemia da COVID-19, e se procede á súa convocatoria para o ano 2022 (código de procedemento IN861A).

    Poderán ser beneficiarias destas axudas as empresas micro, pequenas e medianas (pemes), segundo as definicións contidas no anexo I do Regulamento (UE) núm. 651/2014, que cumpran os seguintes requisitos:

    • Deberán cumprir ter domicilio social ou un centro de traballo en Galicia, onde deberán desenvolver as actividades para as cales se solicita a axuda. En caso de non ter este centro de traballo no momento de presentar a súa solicitude, deberán achegar unha declaración da entidade solicitante que acredite o seu compromiso de establecerse en Galicia nun prazo máximo dun mes desde a resolución.

    • Estaren constituídas, como máximo, nos 8 anos anteriores á data de peche do prazo de presentación de solicitudes de axuda á presente convocatoria, para o cal se terá en conta a data de outorgamento da escritura de constitución da empresa.

    • Contaren con ingresos por facturación nos dous últimos anos.

    • Terán produtos innovadores con posibilidades de levar ao mercado a curto prazo, para o cal terán que presentar produtos/servizos innovadores nun nivel mínimo de TRL 5-8.

    • Contaren cun número total de empregados ou socios traballadores non inferior a 3.

    • Teren as contas anuais correspondentes aos dous últimos exercicios pechadas, depositadas no Rexistro Mercantil ou rexistro oficial correspondente. No caso de empresas de nova creación, a previsión do balance e a conta de resultados do primeiro ano de funcionamento.

    2. Deberán contar con capacidade administrativa, financeira e operativa suficiente para a execución da axuda que se lles conceda, cuxas condicións se determinarán no documento que establece as condicións da axuda (DECA), conforme o disposto no artigo 23.4 da presente resolución.

    3. Achegarán ao plan de investimento unha contribución financeira exenta de calquera tipo de apoio público de polo menos un 25 % do seu importe, sexa mediante recursos propios ou mediante financiamento externo. Para estes efectos, a Gain poderá exixir nas resolucións de concesión un determinado nivel de fondos propios que deberá acreditar o beneficiario.

    4. A Axencia Galega de Innovación poderá realizar as comprobacións documentais necesarias para garantir que as empresas beneficiarias que así o declaren teñen a condición de peme, segundo a definición establecida pola Comisión Europea no anexo I do referido Regulamento (UE) núm. 651/2014, e que non son empresas en crise.

    O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

    https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2022/20220519/AnuncioG0198-040522-0001_gl.pdf

  • AXENCIA GALEGA DAS INDUSTRIAS CULTURAIS CONVOCA AXUDAS PARA A PROMOCIÓN DE VIDEOXOGOS AOABEIRO DO PROGRAMA HUB DA INDUSTRIA CREATIVA GALEGA (FONDOS EUROPEOS)

    Axencia Galega das Industrias Culturais

    RESOLUCIÓN do 21 de abril de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas para a promoción de videoxogos ao abeiro do programa Hub da industria creativa galega, financiadas ao 100 % polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) dentro do eixe REACT-UE do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, como parte da resposta da Unión Europea á pandemia da COVID-19, e se procede á súa convocatoria para a anualidade 2022 (código de procedemento CT207K)

    Persoas e entidades beneficiarias

    1. Poderán optar a estas subvencións as empresas e persoas traballadoras autónomas do sector dos videoxogos que conten cunha oficina ou sucursal permanente na Comunidade Autónoma de Galicia ou nun Estado membro da UE ou que forme parte do acordo que establece a Área Económica Europea e que desenvolvan a súa actividade habitual en Galicia, polo menos durante un ano previo a esta convocatoria.

    2. Así mesmo, as persoas beneficiarias deben estar comprendidas na definición de pequena e mediana empresa (peme), segundo a definición contida no Regulamento (UE) núm. 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño de 2014, sobre a definición de microempresas, pequenas e medianas empresas (DOUE-L-2014-187/1), en función dos seus efectivos, do seu volume de negocio e do seu balance anual.

    O prazo para a presentación das solicitudes será dun mes contado desde o día seguinte ao da publicación da correspondente convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo remata o último día do mes

    https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2022/20220519/AnuncioG1097-040522-0001_gl.pdf

  • XUNTA DE GALICIA OFERTA PRAZAS XUVENÍS DENTRO DO PROGRAMA CAMPAÑA DE VERÁN 2022

    Consellería de Política Social

    ORDE do 9 de maio de 2022 pola que se regula a oferta de prazas xuvenís dentro do programa Campaña de verán 2022 e se procede á súa convocatoria (códigos de procedemento BS303A, BS303F, BS303G e BS303H).

    Para facilitar que a mocidade galega poida participar en actividades de tempo libre de calidade, a Consellería de Política Social oferta a programación de actividades para o ano 2022, que se detalla no anexo I (códigos de procedemento BS303A, BS303F, BS303G e BS303H).

    As diferentes actividades que integran esta programación levaranse a cabo en diferentes quendas durante os meses de xullo, agosto e setembro. 

    A información sobre a convocatoria desta campaña atoparase detallada na páxina web http://xuventude.xunta.es/

    As persoas participantes disporán dos seguintes servizos:

    a) Un programa de actividades de carácter sociocultural, recreativo, formativo e convivencial, que posibilite a participación da persoa moza.

    b) O aloxamento en albergue xuvenil, residencia xuvenil ou campamento xuvenil.

    c) A manutención en réxime de pensión completa.

    d) O material necesario para o desenvolvemento da actividade.

    e) Un equipo técnico de persoal especializado en animación sociocultural e actividades de tempo libre e actividades náuticas, de ser o caso. Así mesmo, e para o caso das persoas con necesidades especiais que por razón da súa discapacidade precisen apoio, disporase de persoal que conte con formación e experiencia para atender as súas necesidades.

    f) A atención sanitaria de primeiros auxilios e seguro de accidentes.

    g) O transporte desde Santiago de Compostela, ou lugar que se sinale como punto de saída, ata o lugar de destino, así como o retorno ata Santiago de Compostela, no caso de intercambios noutras comunidades autónomas.

    Poderán solicitar a súa participación nas actividades ofertadas nesta convocatoria as persoas mozas residentes en Galicia, nacidas no ano sinalado no anexo I para cada actividade.

    En canto ás idades mínima e máxima para participar na Campaña de verán 2022, as persoas nacidas no ano 2013 deberán ter feitos os 9 anos ao inicio do campamento e as persoas nacidas no ano 2004 non poderán facer os 18 anos antes da finalización do campamento.

    Para ser admitido/a no campamento será necesario non padecer enfermidade transmisible con risco de contaxio.

    Para os campamentos que inclúan na súa programación actividades acuáticas, é requisito saber nadar, sen prexuízo do sinalado para as persoas con discapacidade no número 5

    https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2022/20220516/AnuncioG0425-090522-0001_gl.pdf

  • XUNTA DE GALICIA CONVOCA AXUDAS PARA O FINANCIAMENTO DAS ACCIÓNS FORMATIVAS CON COMPROMISO DE CONTRATACIÓN EN UNIDADES FORMATIVAS DE EMPRESAS

    Consellería de Emprego e Igualdade

    ORDE do 6 de maio de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras para o período 2022-2024 e se procede á primeira convocatoria das subvencións para o financiamento das accións formativas con compromiso de contratación en unidades formativas das empresas, para o exercicio 2022-2023 (código de procedemento TR301P).

    Enténdese por unidade formativa da empresa, a formación con compromiso de contratación impartida con medios propios da beneficiaria, ou a través dunha entidade contratada nos termos desta orde, que teña por obxecto a realización das accións formativas solicitadas e relacionadas coa súa actividade empresarial.

    Poderán ser entidades beneficiarias as empresas, calquera que sexa a forma xurídica que adopten, e as agrupacións temporais de empresas que presenten solicitude conxunta, mediante un convenio que acredite a correspondente agrupación.

    Así mesmo, poderán obter a condición de beneficiarias das subvencións a que se refiren estas bases reguladoras as empresas que sexan entidades de formación e que sexan titulares de centros ou entidades de formación inscritos para impartir formación profesional para o emprego no ámbito laboral da Comunidade Autónoma de Galicia naquelas especialidades formativas para as cales soliciten subvención.

    Establécese unha dobre tipoloxía de accións formativas subvencionables en función das seguintes características:

    Liña formativa I, de carácter xeral: destinada a impartir accións formativas para o emprego con compromiso de contratación en unidades formativas das empresas dirixidas a persoas traballadoras desempregadas.

    Liña formativa II, de infrarrepresentación feminina: destinada a impartir accións formativas para o emprego con compromiso de contratación en unidades formativas das empresas, dirixidas a mulleres traballadoras desempregadas, correspondentes a aquelas ocupacións laborais e profesionais en que exista infrarrepresentación feminina. 2. As empresas poderán solicitar impartir accións formativas de ambas as liñas, pero deberán presentar solicitudes diferenciadas para cada unha das liñas descritas en que incluirán todas as accións formativas desa liña para a que solicita subvención.

    O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado desde o día da entrada en vigor da orde.

    https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2022/20220518/AnuncioG0599-060522-0003_gl.pdf

  • XUNTA DE GALICIA ABRE PROCESO DE PARTICIPACIÓN NO FONDO SOLIDARIO QUE REGULA AS AXUDAS PARA A ADQUISICIÓN DE LIBROS DE TEXTO E MATERIAL ESCOLAR DESTINADO AO ALUMNADO MATRICULADO EN EDUCACIÓN PRIMARIA, EDUCACIÓN SECUNDARIA OBRIGATORIA E EDUCACIÓN ESPECIAL

    Consellería de Cultura, Educación e Universidade

    ORDE do 29 de abril de 2022 pola que se regula a participación no fondo solidario de libros de texto e se convocan axudas para adquirir libros de texto e material escolar destinadas ao alumnado matriculado en educación primaria, educación secundaria obrigatoria e educación especial en centros docentes sostidos con fondos públicos para o curso escolar 2022/23 (códigos de procedemento ED330B, ED330G e ED330H).

    Esta orde ten por obxecto regular, no ámbito dos centros docentes da Comunidade Autónoma de Galicia sostidos con fondos públicos e para o curso 2022/23, os procedementos:

    − ED330B. Participación no fondo solidario de libros de texto e axudas para adquirir libros de texto e material escolar.

    – ED330G. Aceptación da participación como entidade colaboradora no fondo solidario de libros de textos e axudas para adquirir libros de texto e material escolar

    − ED330H. Rexistro de librarías. Axudas para adquirir libros de texto e material escolar

    O procedemento administrativo ED330B comprende:

    a) A participación no fondo solidario de libros de texto do alumnado matriculado en 3º, 4º, 5º e 6º de educación primaria (en diante, EP) e en 1º, 2º, 3º e 4º de educación secundaria obrigatoria (en diante, ESO). En 3º e 5º de EP e 1º e 3º da ESO permitirase a substitución dos libros de texto para a adaptación aos currículos que establece a Lei orgánica 3/2020, do 29 de decembro, de modificación da Lei orgánica de educación (LOMLOE). En 4º e 6º de EP e 2º e 4º da ESO manteranse os libros de texto do curso 2021/22

    b) A convocatoria de axudas para adquirir libros de texto destinadas ao alumnado matriculado en 1º e 2º de EP e en educación especial (en diante, EE); así como as axudas que pode recibir o alumnado incluído nas disposicións adicionais primeira e segunda desta orde.

    c) A convocatoria de axudas para adquirir material escolar destinadas ao alumnado matriculado en EP, ESO e EE.

    Poderán presentar solicitudes de participación do fondo solidario de libros de texto e axudas para adquirir libros de texto e material escolar (ED330B) os pais, as nais, os titores ou representantes legais do alumnado incluído no artigo 1.2. No caso de alumnado en situación de garda ou tutela da Xunta de Galicia, presentará a solicitude a persoa titular da dirección do centro de menores ou a persoa coa que conviva en acollemento familiar. 

    A solicitude será única para todos os fillos e, de ser o caso, tutelados, que estean admitidos no mesmo centro docente para o curso 2022/23, e nela especificarase o nivel de estudos que espera realizar cada un deles no citado curso. Se estivesen admitidos en centros docentes distintos, presentarase unha solicitude en cada un dos centros, na que se incluirán os admitidos nese centro para o curso 2022/23. No caso de que a solicitude se tramite por vía electrónica empregando a aplicación fondolibros, será necesaria a presentación dunha solicitude por cada alumno aínda que estean no mesmo centro.

    O formulario de solicitude tamén estará dispoñible nos centros educativos e na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

    O prazo para presentar solicitudes iniciarase o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia e rematará o día 22 de xuño de 2022 (este incluído).

    https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2022/20220518/AnuncioG0598-020522-0001_gl.pdf

  • XUNTA DE GALICIA CONVOCA SUBVENCIÓNS PARA O FOMENTO DA COMERCIALIZACIÓN DA ARTESANÍA GALEGA

    Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación

    ORDE do 26 de abril de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das subvencións para o fomento da comercialización da artesanía galega e se convocan para o ano 2022 (código de procedemento IN201G).

    Poderán ser persoas beneficiarias das subvencións, sen prexuízo de reuniren os demais requisitos establecidos nestas bases e sempre que nas persoas solicitantes non concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, as persoas físicas ou xurídicas, comunidades de bens ou calquera outro tipo de unidade económica ou patrimonio separado sen personalidade xurídica, legalmente constituídas e que, en todo caso, cumpran ademais os seguintes requisitos:

    1. Titulares de obradoiros artesanais, xa sexan persoas físicas ou xurídicas e comunidades de bens, inscritos no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia. No caso de novos obradoiros, poderán solicitar a inscrición no dito rexistro ata o último día de prazo establecido para a presentación da solicitude de subvención.

    2. Asociacións profesionais e empresariais de artesás/áns de Galicia legalmente constituídas das cales cando menos o 90 % dos seus membros, cun mínimo de 10, figuren inscritos na sección segunda (obradoiros artesáns) do Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia.

    3. Concellos da Comunidade Autónoma de Galicia. Os concellos deberán cumprir co deber de remisión das contas xerais de cada exercicio ao Consello de Contas, nos termos previstos no artigo 4 do Decreto 139/2011, do 6 de outubro, polo que se regulan especialidades nas subvencións ás entidades locais galegas. Primaranse aqueles concellos que coordinen as súas solicitudes e compartan ou mancomunen obras ou servizos, dando cumprimento así ao Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 28 de febreiro de 2013, polo que se aproban os criterios aplicables ás axudas e subvencións destinadas ás entidades locais da Comunidade Autónoma de Galicia para primar proxectos de xestión compartida e incentivar procesos de fusión municipal.

    Considéranse actuacións subvencionables a participación como expositora/or en feiras ou eventos de interese artesanal, nacionais ou internacionais:

    a) Feiras profesionais de artesanía.

    b) Feiras non profesionais.

    c) Feiras profesionais e non profesionais do período do Nadal 2021/22.

    • A axuda consistirá en tíckets de impulso á comercialización se non dispoñen da documentación acreditativa da actividade realizada, que terán as seguintes modalidades:

    a) Tícket de feira profesional cun importe máximo de axuda cada un de: 500,00 €, 1.000,00 €, 1.500,00 €, 2.000,00 € e 3.000,00 € (IVE excluído), cun máximo de 6 tíckets por obradoiro. Os tíckets concederanse unicamente para a participación en feiras cuxo investimento subvencionable (sen IVE) sexa igual ou superior ás anteditas cantidades. A porcentaxe subvencionable por cada feira acadará o 80 % do investimento subvencionable (IVE excluído).

    b) Tícket de feira non profesional cun importe máximo de axuda cada un de: 400,00 € e 750,00 € euros (IVE excluído), cun máximo de 6 tíckets por obradoiro. Os tíckets concederanse unicamente para a asistencia a feiras cuxo investimento subvencionable (sen IVE) sexa igual ou superior ás anteditas cantidades. Quedan excluídas de solicitar por tícket as feiras do período de Nadal 2021/22. A porcentaxe subvencionable por cada feira acadará o 80 % do investimento subvencionable (IVE excluído).

    c) Feiras de Nadal 2021/22. Dado que a asistencia a feiras do período de Nadal 2021/22 para as que se solicite subvención xa se realizou no momento da presentación da solicitude, deberá achegarse a documentación sinalada no artigo 5, alínea 1.1, xunto a esta solicitude. Quedan excluídas as feiras de Nadal 2022/23.

    O importe máximo de axuda para estas feiras de Nadal será do 80 % do investimento subvencionable (IVE excluído) cun máximo de 1.500,00 € por feira e cun límite de 3 feiras para este período.

    O prazo para presentar as solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

    https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2022/20220513/AnuncioG0596-020522-0010_gl.pdf

  • XUNTA DE GALICIA CONVOCA O PROGRAMA INICIATIVA XOVE

    Consellería de Política Social

    ORDE do 28 de abril de 2022 pola que se establecen as bases que rexen as axudas enmarcadas no programa Iniciativa Xove e se procede á súa convocatoria para o exercicio 2022 (código de procedemento BS306B).

    Para os efectos desta orde, considéranse áreas de atención prioritaria as seguintes:

    a) Iniciativa Xove Emprendedora: proxectos que lle permitan á mocidade poñer en marcha as súas ideas no ámbito do emprendemento e da empregabilidade.

    b) Promoción de hábitos saudables e prevención de condutas de risco ou violentas entre a poboación xuvenil, así como sensibilización e loita contra calquera forma de discriminación, en especial contra a violencia de xénero.

    c) Posta en valor e promoción do Camiño de Santiago e do fenómeno xacobeo.

    d) Fomento de actitudes creativas e innovadoras da mocidade na súa comunidade e na súa contorna.

    e) Fomento da inclusión social e laboral e da accesibilidade das persoas mozas pertencentes a colectivos con dificultades de integración ou especialmente vulnerables.

    f) Promoción de sectores emerxentes vinculados ao sector das tecnoloxías da información e da comunicación (TIC).

    g) Fomento da participación e do apoderamento das mulleres novas galegas.

    h) Promoción de actitudes e hábitos sustentables e de concienciación sobre o cambio climático, así como de posta en valor do patrimonio cultural e natural.

    i) Desenvolvemento e dinamización do medio rural. j) Dinamización da lingua galega entre a mocidade.

    Poderán solicitar a axuda, ao abeiro destas bases reguladoras:

    a) Os grupos informais de persoas mozas que desexen realizar unha iniciativa xuvenil e que reúnan os requisitos establecidos no artigo 5.

    b) As asociacións xuvenís, as entidades prestadoras de servizos á mocidade e as súas respectivas federacións, sempre que, no caso destas últimas, o proxecto que presenten sexa diferente do que presenten, se é o caso, as asociacións xuvenís ou entidades prestadoras que formen parte da federación.

    Proxectos subvencionables

    1. O orzamento total do proxecto que presenten as persoas solicitantes mencionadas no artigo 4 non poderá ser superior a 5.000 euros.

    2. O proxecto deberá levarse a cabo no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia.

    3. No caso daqueles proxectos que, para o seu desenvolvemento, indiquen que precisan formación, acreditarase suficientemente que as persoas docentes son competentes para impartir a dita formación, para o que se xuntará o seu currículo e mais a documentación acreditativa correspondente. Especificaranse os contidos e xuntarase o programa de formación que se vai impartir. A formación será sempre de carácter gratuíto para as persoas destinatarias dela. A variación nas persoas que vaian impartir a formación, de ser o caso, comunicarase con anterioridade ao inicio desta á Consellería de Política Social, a través da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, para o que se debe enviar a nova documentación acreditativa. As novas persoas que vaian impartir a formación deberán ter o nivel de capacitación axustado á citada finalidade.

    4. Calquera das actividades desenvolvidas serán de carácter gratuíto para as persoas destinatarias do proxecto e non poderán xerarse ingresos por pagamento de cotas, entradas ou outros de similar natureza.

    5. As actividades que constitúen o obxecto do proxecto deberá realizalas de forma directa a entidade ou grupo beneficiario e non poderán ser subcontratadas.

    O período subvencionable abrangue desde o 1 de xaneiro ata o 15 de outubro de 2022. Coa presentación da solicitude achegarase o proxecto de iniciativas xuvenís seguindo o modelo publicado na convocatoria. Todas as entidades e grupos aos cales se lles conceda a axuda e o soliciten recibirán un anticipo do 80 % sobre o total da cantidade concedida.

    A concesión da axuda tramítase en réxime de concorrencia competitiva. Requírese unha puntuación mínima de 50 puntos na avaliación dos proxectos e a concesión efectuarase por orde de puntuación ata esgotar o crédito orzamentario.

    A publicación no Diario Oficial de Galicia dos actos administrativos e as correspondentes resolucións deste procedemento producirá os efectos de notificación.

    https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2022/20220512/AnuncioG0425-020522-0001_gl.pdf