Sección: Outras axudas e subvencións

  • AXENCIA GALEGA DAS INDUSTRIAS CULTURAIS ABRE PROCESO DE SELECCIÓN DE EMPRESAS E PROXECTOS QUE PARTICIPARÁN NO PROGRAMA DO POLO DE DE ACELARACIÓN DO SECTOR DOS VIDEOXOGOS

    Axencia Galega das Industrias Culturais

    RESOLUCIÓN do 5 de abril de 2022 pola que se aproban as bases reguladoras para a selección de empresas e proxectos, en réxime de concorrencia competitiva, que participarán no programa do Polo de aceleración do sector dos videoxogos, financiado ao 100 % no marco do eixe REACT-UE do programa operativo Feder Galicia 2014-2020 como resposta da Unión Europea á pandemia da COVID-19, e se procede á súa convocatoria para o ano 2022 (código de procedemento CT207J).

    O programa está dirixido a proxectos emprendedores polo que as beneficiarias deberán ser novas empresas, físicas ou xurídicas, con menos de 10 meses de existencia, desde o seu inicio de actividade en calquera dos ámbitos da cadea de valor da industria dos videoxogos e contidos interactivos, con sucursal ou oficina permanente na Comunidade Autónoma de Galicia ou nun Estado membro da UE ou que forme parte do acordo que establece a Área Económica Europea e que desenvolvan a súa actividade habitual en Galicia.

    O obxectivo principal do Polo de aceleración dos videoxogos é iniciar un proceso de vertebración sectorial, desenvolvendo o talento de toda a cadea de valor do sector dos videoxogos e contidos interactivos para:

    – Aumentar a base de empresas do sector dos videoxogos.

    – Fomentar e consolidar a presenza de empresas galegas nos mercados nacionais e internacionais.

    – Conseguir unha maior especialización empresarial e unha maior distribución xeográfica destas empresas.

    O prazo para a presentación das solicitudes será dun mes desde o día seguinte ao da publicación da correspondente convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

    https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2022/20220511/AnuncioG1097-280422-0001_gl.pdf

  • CONVOCATORIA DE AXUDAS DO PROGRAMA DO BONO ALUGUEIRO SOCIAL PARA AS VÍTIMAS DE VIOLENCIA DE XÉNERO

    Instituto Galego da Vivenda e Solo

    RESOLUCIÓN do 2 de maio de 2022 pola que se convoca a prórroga para o ano 2022 das subvencións do Programa do bono de alugueiro social destinado ao alugamento de vivendas para as vítimas de violencia de xénero con financiamento do Pacto de Estado contra a violencia de xénero (código de procedemento VI482D).

    Poderán ser beneficiarias desta prórroga aquelas persoas que, resultando beneficiarias desta axuda e non tendo perdido o dereito mediante a oportuna resolución nin esgotado o período máximo da súa duración, finalicen o seu período de desfrute durante o ano 2022 e cumpran os requisitos previstos no ordinal quinto desta resolución.

    A prórroga da axuda concederase polo período comprendido desde o mes seguinte ao de finalización da percepción da concesión inicial ou da prórroga que se viñera desfrutando ata o mes de decembro de 2022, ambos meses incluídos, e comprenderá tantos bonos mensuais consecutivos como meses existan no citado período.

    O prazo para a presentación de solicitudes desta convocatoria comezará o día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG e terminará o día 21 de novembro de 2022, nos seguintes termos:

    – Naqueles supostos en que xa tivera rematado durante este ano 2022 o período de percepción da concesión inicial ou da prórroga do bono de alugueiro, a persoa beneficiaria disporá dun mes, contado a partir do día seguinte ao de publicación desta resolución, para solicitar a prórroga da axuda.

    – No suposto de que a concesión inicial ou a prórroga da axuda concedida non rematara na data de publicación desta resolución, a solicitude deberá presentarse dentro dos dous meses anteriores á data de remate da concesión inicial ou da prórroga que se estea desfrutando.

    https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2022/20220510/AnuncioC3Q2-030522-0003_gl.pdf

  • AXENCIA TURISMO DE GALICIA CONVOCA SUBVENCIÓNS A ESTABLECEMENTOS E SERVIZOS TURÍSTICOS NOS PROCESOS DE CERTIFICACIÓN, SEGUIMENTO E RENOVACIÓN NAS CORRESPONDENTES NORMAS UNE, CO OBXECTO DA OBTENCIÓN E/OU MANTEMENTO DA MARCA Q DE CALIDADE TURÍSTICA

    Axencia Turismo de Galicia

    RESOLUCIÓN do 26 de abril de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das subvencións a establecementos e servizos turísticos de xestión pública e/ou privada, nos procesos de certificación, seguimento e renovación das correspondentes normas UNE, co obxecto da obtención e/ou mantemento da marca Q de Calidade Turística do Instituto para a Calidade Turística Española, e se procede á súa convocatoria para o ano 2022 (código de procedemento TU970A).

    Poderán ser persoas beneficiarias destas subvencións:

    Categoría 1ª: os concellos e as súas entidades instrumentais que xestionen os servizos públicos de competencia local recollidas no artigo 85.2.A da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local.

    Categoría 2ª: as persoas físicas ou xurídicas privadas titulares de establecementos ou servizos turísticos.

    As persoas solicitantes da categoría 2ª deberán reunir os requisitos establecidos nestas bases e ter inscrita a actividade turística para a que se solicita a axuda no Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas da Xunta de Galicia (en diante, REAT), de conformidade cos artigos 50 e 51 da Lei 7/2011, do 27 de outubro, do turismo de Galicia.

    O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación.

    https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2022/20220510/AnuncioG0256-260422-0001_gl.pdf

  • SECRETARIA XERAL DE IGUALDADE CONVOCA AXUDAS DESTINADAS A FOMENTAR O ASOCIACIONISMO E PARTICIPACIÓN DAS MULLERES

    Consellería de Emprego e Igualdade

    RESOLUCIÓN do 21 de abril de 2022, da Secretaría Xeral da Igualdade, pola que se establecen as bases reguladoras das axudas destinadas a fomentar o asociacionismo e a participación das mulleres, e se convocan para o ano 2022 (código de procedemento SI437A).

    Esta resolución ten por obxecto establecer as bases reguladoras e a convocatoria, para o ano 2022, das axudas dirixidas ás asociacións de mulleres e ás federacións constituídas por estas, coa finalidade de fortalecer e consolidar o movemento asociativo e potenciar a participación social e a calidade de vida das mulleres galegas a través das seguintes liñas:

    a) Liña 1: consolidación do movemento asociativo, destinada a compensar os gastos correntes que orixine o mantemento e funcionamento das asociacións de mulleres e das súas federacións.

    b) Liña 2: promoción de actuacións e actividades singularizadas en materia de igualdade, de prevención da violencia de xénero e de acompañamento das vítimas, con especial incidencia nas mulleres rurais, mulleres maiores e/ou mulleres en situación de vulnerabilidade, no marco do Pacto de Estado contra a violencia de xénero.

    Accións subvencionables e contía da axuda 1.

    Liña 1: consolidación do movemento asociativo.

    a) Poderán ser obxecto de subvención na liña 1 os gastos correntes derivados do mantemento e funcionamento ordinario da entidade solicitante, xerados no período comprendido entre o 1 de outubro de 2021 e o 30 de setembro de 2022, ambos os dous incluídos.

    b) A contía máxima da axuda que se pode conceder na liña 1 ao abeiro desta convocatoria é de 4.000 euros. 2. Liña 2: promoción de actuacións e actividades singularizadas en materia de igualdade, de prevención da violencia de xénero e de acompañamento das vítimas, con especial incidencia nas mulleres rurais, mulleres maiores e/ou mulleres en situación de vulnerabilidade, no marco do Pacto de Estado contra a violencia de xénero, realizadas entre o 1 de decembro de 2021 e o 30 de novembro de 2022, ambos os dous incluídos, e que respondan a algunha das seguintes tipoloxías: a) Actuacións de sensibilización e concienciación social en materia de igualdade e prevención da violencia de xénero: actividades de divulgación, sensibilización e visibilización do papel das mulleres (estudos, campañas, obras de teatro, exposicións e outras actividades análogas) dirixidas a promover o cambio de valores e a corresponsabilidade, na sociedade en xeral, coa finalidade de potenciar a igualdade de oportunidades entre mulleres e homes, así como para previr e erradicar a violencia de xénero.

    b) Actuacións para o apoderamento e participación activa: actividades de información e formativas destinadas a impulsar e promover a motivación, o apoderamento e o liderado das mulleres, así como a participación das mulleres no ámbito público, social, económico e cultural, en postos de responsabilidade públicos e privados, e no movemento asociativo, tendo sempre en conta o traballo de prevención da violencia de xénero e a ruptura do silencio.

    c) Actuacións dirixidas a facilitar a adquisición de competencias e habilidades básicas para unha maior autonomía das mulleres: de carácter formativo (cursos ou obradoiros para a adquisición de coñecementos, por exemplo, alfabetización dixital ou do uso de novas tecnoloxías da información e comunicación), tendo sempre en conta o traballo de prevención da violencia de xénero e a ruptura do silencio.

    d) Actuacións específicas dirixidas á prevención da violencia contra as mulleres e ao acompañamento das vítimas: actividades e actuacións de difusión, campañas de sensibilización e de prevención e acompañamento das vítimas da violencia de xénero, estudos sobre a incidencia da violencia contra as mulleres, en especial nas mulleres rurais, mulleres maiores e/ou mulleres en situación de vulnerabilidade.

    GASTOS SUBVENCIONABLES:

    a) Gastos de alugamento do local destinado a sede social da asociación ou federación.

    b) Gastos de administración xeral e material funxible de oficina, material informático non inventariable, gastos de correo e outros análogos.

    c) Gastos de persoal administrativo contratado pola asociación ou federación (retribucións salariais, incluídas as pagas extraordinarias e as cotas á Seguridade Social a cargo da entidade beneficiaria).

    d) Gastos ocasionados por obras de conservación e mantemento e pequenas reparacións que non teñan o carácter de inventariables, por non implicar incremento do valor patrimonial da sede social.

    e) Asesoramento xurídico, fiscal e contable da asociación ou federación.

    f) Gastos derivados do mantemento do local da sede social: luz, auga, calefacción, teléfono, limpeza e seguridade.

    g) Gastos de seguros de responsabilidade civil e de seguros multirrisco.

    h) Gastos de instalación e mantemento de liñas de acceso á internet, mantemento de equipamentos informáticos e creación ou mantemento da páxina web da asociación ou federación.

    A contía máxima da axuda que se pode conceder ao abeiro desta convocatoria é:

    a) Na liña 1: 4.000 euros.

    b) Na liña 2: 6.000 euros.

    O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación da resolución no Diario Oficial de Galicia.

    https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2022/20220509/AnuncioG0599-250422-0002_gl.pdf

  • AXENCIA GALEGA DAS INDUSTRIAS CULTURAIS CONVOCA AXUDAS PARA A PROMOCIÓN E DIFUSIÓN DE PROXECTOS MUSICAIS PROFESIONAIS (FONDOS FEDER)

    Axencia Galega das Industrias Culturais

    RESOLUCIÓN do 21 de abril de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, para a promoción e difusión de proxectos musicais profesionais ao abeiro do Programa Hub da industria creativa galega, financiadas ao 100 % polo Feder, dentro do eixe REACT-UE do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, como parte da resposta da Unión Europea á pandemia da COVID-19, e se procede á súa convocatoria para o ano 2022 (código de procedemento CT207L).

    Poderán optar a estas subvencións todas as empresas e as persoas traballadoras autónomas con sucursal, ou oficina permanente de, polo menos, un ano previo a esta convocatoria, na Comunidade Autónoma de Galicia ou nun Estado membro da UE ou que forme parte do acordo que establece a Área Económica Europea e que desenvolvan a súa actividade habitual en Galicia, debendo acreditar que están dadas de alta nalgún das epígrafes do imposto sobre actividades económicas relacionados nas bases reguladoras, cunha antigüidade, cando menos, 5 anos consecutivos.

    As actuacións subvencionables con cargo a estas axudas estarán financiadas ao 100 % a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder), polo que deberán cumprirse as obrigas específicas e demais disposicións que se establecen ao respecto nestas bases reguladoras.

    Poderán ser obxecto desta subvención as seguintes modalidades de proxectos:

    Modalidade A: proxectos musicais unitarios. Enténdese por proxectos musicais unitarios os proxectos que se desenvolven arredor dun só artista que desenvolva a súa actividade habitualmente en Galicia, sexa solista, grupo ou banda.

    • Modalidade B: proxectos musicais colectivos. Enténdese por proxectos musicais colectivos, os proxectos que se desenvolven arredor de, cando menos, 4 artistas que desenvolvan a súa actividade habitualmente en Galicia, sexan solistas, grupos ou bandas.

    As solicitudes serán tramitadas de acordo co procedemento de concorrencia competitiva que non poderá exceder cinco meses contados a partir do día seguinte á publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

    https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2022/20220506/AnuncioG1097-220422-0003_gl.pdf

  • CONSELLERÍA DE CULTURA, EDUCACIÓN E UNIVERSIDADE CONVOCA OS PREMIOS FIN DE CARREIRA

    Consellería de Cultura, Educación e Universidade

    ORDE do 18 de abril de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras e se convocan os premios fin de carreira da Comunidade Autónoma de Galicia para o alumnado que rematou os seus estudos universitarios no ano 2021 nas universidades do Sistema universitario de Galicia (código de procedemento ED415A).

    As persoas premiadas recibirán unha dotación económica dun máximo de 3.500 euros e un diploma acreditativo desta distinción.

    O importe do premio estará suxeito ás retencións fiscais que legalmente correspondan.

    Só se poderá recibir un premio por persoa. Na simultaneidade de graos, no caso de que unha persoa resulte seleccionada en máis dun grao, deberá escoller en que grao desexa recibir o premio.

    O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado desde o día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

    https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2022/20220505/AnuncioG0598-220422-0005_gl.pdf

  • XUNTA DE GALICIA CONVOCA O PROGRAMA EXTRAORDINARIO DAS PERSOAS TRABALLADORAS AUTÓNOMAS E MICROEMPRESAS CON ACTIVIDADES ESPECIALMENTE PARALIZADAS POLA CRISE DA COVID (FONDOS EUROPEOS)

    Consellería de Emprego e Igualdade

    ORDE do 28 de abril de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras do Programa extraordinario das persoas traballadoras autónomas e microempresas con actividades especialmente paralizadas pola crise da COVID-19, financiadas parcialmente con fondos REACT-UE no marco do programa operativo FSE Galicia 2014-2020, como parte da resposta da Unión á pandemia da COVID-19, e se procede á súa convocatoria para o ano 2022 (código de procedemento TR760A).

    A finalidade deste programa é a concesión dunha axuda económica ás persoas traballadoras autónomas e microempresas, especialmente paralizadas, para facer fronte á situación económica motivada pola pandemia da COVID-19, que contribúa ao mantemento da actividade económica e do emprego.

    Poderán ser beneficiarias das axudas reguladas nesta orde todas as persoas traballadoras autónomas de alta no RETA como persoas traballadoras por conta propia, as comunidades de bens ou sociedades civís, as microempresas e os mutualistas, sempre que estean de alta ou en situación asimilada, que teñan o seu domicilio fiscal en Galicia, que tivesen unha alta anterior ao 1 de xaneiro de 2019 e que acrediten unha baixada de facturación de, polo menos, o 65 % nos termos establecidos no artigo 9. Considerarase microempresa para efectos desta orde a que vén recollida no anexo I do Regulamento (UE) núm. 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño, en que se define a microempresa como aquela empresa que ocupa menos de dez traballadores e cun balance xeral anual inferior a dous millóns de euros.

    Tamén poderán ser beneficiarias as persoas traballadoras autónomas de tempada que estean de alta no momento da presentación da súa solicitude e estivesen de alta un mínimo de catro (4) meses e un máximo de nove (9) meses no ano 2019.

    O importe das axudas está en función da facturación que se acredite no ano 2019 e conforme a seguinte táboa:

    – Facturación superior a 30.000 €: 12.000 €.

    – Facturación superior a 20.000 € e ata 30.000 €: 8.000 €.

    – Facturación superior a 12.000 € e ata 20.000 €: 6.000 €.

    – Facturación superior a 8.000 € e ata 12.000 €: 4.000 €.

    – Facturación superior a 5.000 € e ata 8.000 €: 2.000 €.

    – Facturación igual ou superior a 4.000 € e ata 5.000 €: 1.000 €.

    Para os autónomos de tempada, os importes reduciranse ao 50 %

    O prazo de presentación de solicitudes será dun mes desde o día seguinte ao da data de publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia, en cumprimento do disposto no artigo 29 do Decreto 11/2009, do Regulamento da Lei de subvencións de Galicia, que establece un período mínimo dun mes.

    Máis información no teléfono gratuíto 900 815 600

    Tes información máis completa aquí: https://oficinadoautonomo.gal/gl/programa-extraordinario-das-persoas-traballadoras-autonomas-e-microempresas-con-actividades

    https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2022/20220503/AnuncioG0599-290422-0001_gl.pdf

  • AXENCIA GALEGA DE INNOVACIÓN CONVOCA A III EDICIÓN DOS PREMIOS GALICIA DE INNOVACIÓN E DESEÑO

    Axencia Galega de Innovación

    RESOLUCIÓN do 6 de abril de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras da III edición dos Premios Galicia de Innovación e Deseño e se procede á súa convocatoria para o ano 2022 (código de procedemento IN822E).

    A finalidade dos premios é recoñecer o labor de profesionais e empresas galegas pola súa excelente contribución á innovación como un elemento indispensable no desenvolvemento da súa estratexia profesional e o seu crecemento empresarial, acadando con iso altas cotas de competitividade nos mercados, tanto galegos como nacionais e internacionais.

    Así mesmo, trátase de recoñecer os profesionais e as empresas que contribúen significativamente á mellora do prestixio do deseño galego e á súa internacionalización, así como as empresas que, ao incorporalo á súa estratexia empresarial, demostran que o deseño actúa como como motor de innovación, sustentabilidade e competitividade empresarial.

    Categorías dos Premios Galicia de Innovación e Deseño

    1. Dentro dos premios de innovación recóllense as seguintes categorías:

    a) Traxectoria Innovadora.

    b) Grande Empresa.

    c) Pequena e Mediana Empresa.

    2. Dentro dos premios de deseño inclúense as seguintes categorías:

    a) Profesionais.

    b) Empresa.

    c) Talento Emerxente.

    O prazo de presentación de solicitudes será de dous meses contados a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

    https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2022/20220502/AnuncioG0198-210422-0001_gl.pdf

  • CONSELLERIA DE MEDIO RURAL CONVOCA AXUDAS AOS INVESTIMENTOS EN SISTEMAS DE XESTIÓN DE ESTERCOS EN GANDARÍA, Á TRANSFORMACIÓN DIXITAL E MODERNIZACIÓN DE INVERNADOIROS, AOS INVESTIMENTOS EN EFICIENCIA ENERXÉTICA E ENERXÍAS RENOVABLES E Á APLICACIÓN DE AGRIC

    Consellería do Medio Rural

    ORDE do 28 de abril de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras de concesión das axudas aos investimentos en sistemas de xestión de estercos en gandaría, á transformación integral e modernización de invernadoiros, aos investimentos en eficiencia enerxética e enerxías renovables e á aplicación de agricultura de precisión e tecnoloxías 4.0 no sector agrícola e gandeiro, e se convocan para o ano 2022 (códigos de procedemento MR406D, MR406E, MR406F e MR406G), no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU.

    En función do tipo de axuda solicitada, as seguintes persoas poderán ser beneficiarias:

    a) Axudas a investimentos nos sistemas de xestión de estercos en gandaría (código de procedemento MR406D).

    i. Persoas físicas ou xurídicas, de natureza privada ou pública, que sexan titulares de explotacións gandeiras sempre que teñan a consideración de pemes.

    ii. Cando se trate de investimentos colectivos, agrupacións de persoas físicas ou xurídicas, de natureza privada ou pública, ou sen personalidade propia de acordo cos termos previstos no artigo 67.2 do Real decreto lei 36/2020, do 30 de decembro, e calquera organización ou asociación de produtores recoñecida pola autoridade competente, que integren un mínimo de cinco titulares de explotación sempre que teñan a consideración de pemes.

    iii. Consorcios ou outra forma de colaboración público-privada, sempre que as actuacións se destinen a un uso en común e redunden en beneficio de explotacións gandeiras concretas que teñan a consideración de pemes, cuxos titulares darían o seu consentimento para que os devanditos entes soliciten a axuda.

    iv. Centros xestores de estercos sempre que teñan a consideración de pemes.

    b) Axudas destinadas a investimentos en transformación integral e modernización de invernadoiros (código de procedemento MR406F).

    i. Persoas físicas ou xurídicas de natureza privada, produtoras de hortalizas ou flor cortada ou planta ornamental baixo invernadoiro, que sexan titulares dunha explotación agrícola.

    ii. Cando se trate de investimentos colectivos, persoas físicas ou xurídicas, de natureza privada, ou sen personalidade propia de acordo cos termos previstos no artigo 67.2 do Real decreto lei 36/2020, do 30 de decembro, que integren un mínimo de cinco titulares de explotación e calquera organización de produtores de froitas e hortalizas, cooperativa ou sociedade agraria de transformación recoñecida pola autoridade competente cuxos membros son titulares dunha explotación agraria de produción de hortalizas ou flor cortada ou planta ornamental baixo invernadoiro.

    c) Axudas destinadas a investimentos en eficiencia enerxética e enerxías renovables (biogás e biomasa agrícola) (código de procedemento MR406G).

    i. Persoas físicas ou xurídicas, de natureza privada ou pública, que sexan titulares dunha explotación agrícola ou gandeira.

    ii. Cando se trate de investimentos colectivos, agrupacións de persoas físicas ou xurídicas, de natureza privada ou pública, ou sen personalidade propia de acordo cos termos previstos no artigo 67.2 do Real decreto lei 36/2020, do 30 de decembro, que integren un mínimo de cinco titulares de explotación e calquera organización ou asociación de produtores recoñecida pola autoridade competente, cuxos membros sexan titulares dunha explotación agrícola ou gandeira.

    iii. Consorcios ou outra forma de colaboración público-privada, sempre que as actuacións se destinen a un uso en común e redunden en beneficio de explotacións agrícolas e gandeiras concretas, que darían o seu consentimento para que os devanditos entes soliciten a axuda.

    d) Axudas destinadas a agricultura de precisión e tecnoloxías 4.0 no sector agrícola e gandeiro (código de procedemento MR406E).

    i. Persoas físicas ou xurídicas, de natureza privada ou pública, que sexan titulares de explotacións gandeiras e/ou agrícolas sempre que teñan a consideración de pemes.

    ii. Persoas físicas ou xurídicas que presten servizos agrarios, entendendo por tales quen desenvolva actividades económicas rexistradas na epígrafe 911, no 912 ou no 851 no imposto de actividades económicas sempre que teña a consideración de pemes.

    iii. Cando se trate de investimentos colectivos, agrupacións de persoas físicas ou xurídicas, de natureza privada ou pública, ou sen personalidade propia de acordo cos termos previstos no artigo 67.2 do Real decreto lei 36/2020, do 30 de decembro, que integren un mínimo de cinco titulares de explotación sempre que teñan a consideración de pemes, e calquera organización ou asociación de produtores recoñecida pola autoridade competente cuxos membros sexan titulares dunha explotación agrícola e/ou gandeira.

    iv. Consorcios ou outra forma de colaboración público-privada, sempre que os proxectos de investimento se destinen a un uso en común e redunden en beneficio de explotacións concretas que teñan a consideración de pemes, cuxos titulares darían o seu consentimento para que os devanditos entes soliciten a axuda.

    https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2022/20220502/AnuncioG0426-280422-0004_gl.pdf