Sección: Outras axudas e subvencións

  • CONSELLERIA DE EMPREGO E IGUALDADE CONVOCA AXUDAS PARA A PROMOCIÓN E CONSOLIDACIÓN DO EMPREGO AUTÓNOMO POLA CONTRATACIÓN INDEFINIDA E A FORMACIÓN DE PERSOAS ASALARIADAS

    Consellería de Emprego e Igualdade

    ORDE do 29 de decembro de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras para a promoción e consolidación do emprego autónomo a través do Programa de axudas a persoas traballadoras autónomas pola contratación indefinida e a formación de persoas asalariadas, e se procede á súa convocatoria para o ano 2022 (código de procedemento TR349F).

    Esta orde ten por obxecto fixar as bases reguladoras e proceder á convocatoria das subvencións establecidas pola Consellería de Emprego e Igualdade para o ano 2022 coa finalidade de promover a consolidación do emprego autónomo mediante incentivos á contratación indefinida inicial e á formación de persoas desempregadas realizadas polas persoas traballadoras autónomas ou persoas profesionais con domicilio fiscal na Comunidade Autónoma de Galicia.

    Inclúense dous tipos de axuda compatibles:

    a) Bono de contratación, por medio do cal se proporcionará unha subvención para a contratación indefinida inicial de persoas desempregadas realizadas por persoas traballadoras autónomas ou persoas profesionais con domicilio social e fiscal en Galicia.

    b) Bono de formación (opcional), dirixido ás persoas contratadas por medio desta orde, para levar a cabo accións formativas que melloren os seus coñecementos e habilidades relacionados co posto de traballo.

    Persoas beneficiarias

    1. Poderán ser beneficiarias das axudas previstas nesta orde as persoas traballadoras autónomas ou as persoas profesionais pola primeira, segunda e terceira contratación que realicen con carácter indefinido.

    2. Non poderán ser beneficiarias as persoas que desenvolvesen como persoas traballadoras autónomas a mesma ou similar actividade, nos tres meses inmediatamente anteriores á data do inicio da nova situación de alta na Seguridade Social. Para estes efectos, entenderase por mesma actividade a coincidencia ao nivel de 3 díxitos da Clasificación nacional de actividades económicas (CNAE).

    As contratacións indefinidas iniciais incentivaranse coas seguintes axudas:

    i. Primeira persoa traballadora indefinida. A axuda consistirá nunha contía de 4.000 euros cando se trate dunha persoa desempregada.

    Esta axuda será de 6.500 euros cando a persoa desempregada se atope nalgún dos seguintes colectivos, non acumulables:

    • Persoas desempregadas de longa duración.

    • Persoas con discapacidade.

    • Persoas en situación ou risco de exclusión social.

    ii. Segunda e terceira persoa traballadora indefinida. A axuda consistirá nunha contía de 6.500 euros cando se trate dunha persoa desempregada. Esta axuda será de 9.000 euros cando a persoa desempregada se atope nalgún dos seguintes colectivos, non acumulables:

    • Persoas desempregadas de longa duración.

    • Persoas con discapacidade.

    • Persoas en situación ou risco de exclusión social.

    Estas contías resultantes incrementaranse nun 25 % nos seguintes casos, que son acumulables entre si:

    a) Se a persoa incorporada é unha muller.

    b) No caso de que o centro de traballo (ou domicilio fiscal, no caso de carecer deste) da persoa autónoma estea situado nun concello rural.

    c) Persoas maiores de 45 anos.

    d) Se a persoa incorporada é unha persoa emigrante retornada.

    e) Persoas trans.

    f) Profesións e oficios en que a muller estea subrepresentada, segundo informe do Observatorio do Emprego, tal e como figuran no anexo V desta orde.

    Deste xeito as contías máximas posibles, de aplicarse todos os incrementos, serían:

    – Para a primeira persoa traballadora indefinida 16.250 euros.

    – Para a segunda e terceira persoa traballadora indefinida 22.500 euros.

    Aplicarase a subvención polo colectivo e os incrementos indicados pola persoa solicitante.

    En caso de non exercer a opción, entenderase solicitada pola contía superior que quede acreditada coa documentación achegada coa solicitude. Se non queda acreditada a pertenza a ningún colectivo, entenderase que solicita pola contía base mínima.

    2. Cando se trate de contratacións indefinidas cunha xornada a tempo parcial, as contías dos incentivos serán proporcionais ao tempo efectivo de traballo en función da xornada a tempo completo establecida no convenio colectivo de aplicación ou, na súa falta, da xornada ordinaria máxima legal.

    3. No caso de contratacións indefinidas iniciais na modalidade de fixos-descontinuos, a contía do incentivo será proporcional ao tempo de traballo (período de actividade do contrato fixo-descontinuo)

    https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2022/20220128/AnuncioG0599-030122-0008_gl.pdf

  • CONSELLERÍA DE EMPREGO E IGUALDADE CONVOCA O PLAN GALICIA EMPREGA DE INCENTIVOS Á CONTRATACIÓN E A FORMACIÓN NA EMPRESA ORDINARIA

    Consellería de Emprego e Igualdade

    ORDE do 29 de decembro de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras do Plan Galicia emprega de incentivos á contratación e á formación na empresa ordinaria, e se procede á súa convocatoria para o ano 2022 (códigos de procedemento TR342C e TR342A).

    A orde regula o Plan Galicia emprega de incentivos á contratación por conta allea, á formación e ao emprego con apoio a través de dous programas:

    a) Programa I: incentivos á contratación por conta allea e á formación (código de procedemento TR342C).

    Este programa ten, pola súa vez, dúas liñas: unha de incentivos á contratación por conta allea e outra de incentivos ás accións formativas no centro de traballo:

    – Liña de incentivos á contratación por conta allea. Inclúe catro tipos de axudas compatibles entre si, sempre que a persoa traballadora pola que se solicitan os incentivos non sexa a mesma:

    1. Incentivos á contratación indefinida inicial, por medio do cal se proporcionará unha subvención para a contratación indefinida inicial de persoas desempregadas mozas, persoas desempregadas de longa duración, mulleres desempregadas e persoas desempregadas con discapacidade ou en situación ou risco de exclusión social.

    2. Incentivos á contratación temporal, por medio do cal se proporcionará unha subvención para a contratación temporal de persoas desempregadas mozas, persoas desempre gadas de longa duración, mulleres desempregadas e persoas desempregadas con discapacidade ou en situación ou risco de exclusión social.

    3. Incentivos á transformación de contratos temporais en indefinidos só no caso das persoas mozas, mulleres e persoas con discapacidade ou en situación ou risco de exclusión social.

    4. Incentivos ao incremento de xornada das contratacións indefinidas iniciais a tempo parcial só no caso das persoas mozas, mulleres e persoas con discapacidade ou en situación ou risco de exclusión social.

    – Liña de incentivos ás accións formativas no cento de traballo (opcional).

    Está dirixida ás persoas contratadas mediante contratación indefinida inicial e temporal por medio desta orde de convocatoria, para levar a cabo accións formativas que melloren os seus coñecementos e habilidades relacionados co posto de traballo.

    b) Programa II: emprego con apoio (código de procedemento TR342A).

    Consiste nun conxunto de actividades de orientación e acompañamento individualizado que prestan, no propio posto de traballo, persoas preparadoras laborais especializadas ás persoas traballadoras con discapacidade ou en situación ou risco de exclusión social, con especiais dificultades de inserción laboral e que realizan a súa actividade en empresas do mercado ordinario de traballo, en condicións similares ao resto dos traballadores e traballadoras que desempeñan postos de iguais características.

    Poderán ser entidades beneficiarias dos incentivos previstos nesta orde as persoas empregadoras e as empresas, calquera que sexa a forma xurídica que adopten, incluídas as persoas autónomas que contraten persoas traballadoras por conta allea para prestaren servizos en centros de traballo radicados na Comunidade Autónoma de Galicia, de acordo cos requisitos e condicións que se establecen nesta orde.

    Tamén poden ser beneficiarios dos incentivos os centros especiais de emprego, excepto para facer contratos con persoas con discapacidade e as empresas de inserción laboral excepto para facer contratos con persoas con discapacidade.

    As empresas que teñan cincuenta ou máis persoas traballadoras deberán cumprir a cota de reserva para persoas con discapacidade, conforme se dea ocupación, polo menos, ao 2 % de traballadores e traballadoras con discapacidade sobre o total das persoas traballadoras ou, no seu defecto, as medidas de carácter excepcional establecidas no artigo 42 do texto refundido da Lei xeral de dereitos das persoas con discapacidade e da súa inclusión social, aprobado polo Real decreto lexislativo 1/2013, do 29 de novembro, e reguladas no Real decreto 364/2005, do 8 de abril (BOE núm. 94, do 20 de abril). Para o cómputo do número de persoas traballadoras da empresa teranse en conta as regras previstas na disposición adicional primeira do devandito real decreto.

    Toda a información: https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2022/20220128/AnuncioG0599-030122-0010_gl.pdf

  • AXENCIA GALEGA DA CALIDADE ALIMENTARIA CONVOCA AXUDAS PARA O APOIO DE PROXECTOS PILOTO, DESENVOLVEMENTO DE NOVOS PRODUTOS, PRÁCTICAS, PROCESOS E TECNOLOXÍAS NO ÁMBITO AGROFORESTAL

    Axencia Galega da Calidade Alimentaria

    RESOLUCIÓN do 30 de decembro de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras da concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas para o apoio de proxectos piloto, desenvolvemento de novos produtos, prácticas, procesos e tecnoloxías no ámbito agroforestal, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020, e se convocan para o ano 2022 (código de procedemento MR331A).

    Poderán acceder á condición de beneficiario/a das subvencións obxecto da presente resolución:

    a) Persoas físicas ou xurídicas e organizacións ou entidades directamente vinculadas á produción primaria en agricultura, gandaría e/ou silvicultura.

    b) Persoas físicas ou xurídicas primeiras transformadoras do sector agrario, alimentario e forestal ou da área de enerxías renovables de orixe agrícola e forestal.

    As áreas prioritarias de actuación das iniciativas de cooperación serán as seguintes:

    a) Xestión sustentable dos recursos naturais.

    • Sistemas de produción agrosilvopastorais con alto grao de diversidade, con manexos ecolóxicos ou integrados, centrados nas áreas específicas para recursos xenéticos animais e vexetais importantes para Galicia (gandaría de vacún, ovino e cabrún; pasteiros, forraxes, cereais, froitas, hortalizas, viñedo, plantas industriais e outras).

    • Programas específicos dirixidos ás áreas de sanidade animal e vexetal e uso sustentable de produtos fitosanitarios. As iniciativas terán en conta as orientacións e achegas ao impulso dos sistemas agrarios que contribúan á mitigación dos impactos negativos da agricultura sobre o medio, en concreto, no relativo á calidade das augas e á emisión de gases de efecto invernadoiro, con especial énfase na xestión dos efluentes procedentes da actividade agraria nas explotacións e a súa valorización como fertilizantes.

    • Xestión de recursos hídricos agrícolas, en particular nas tecnoloxías de xestión e utilización de augas superficiais para a súa utilización sustentable e eficiente na rega de cultivos, control de canais e prevención de inundacións.

    • Estudo da eficiencia de uso e do impacto no medio natural dos recursos internos e externos das explotacións (terra, auga, enerxía e nutrientes), co obxectivo de mellorar a produción de alimentos de alta calidade de forma compatible coa prestación de servizos ambientais pola agricultura galega.

    • Xestión de fertilizantes nas explotacións agrarias.

    • Mitigación do cambio climático nas explotacións agrarias para fomentar o paso a unha economía baixa en carbono, lograr mellorar a eficiencia do uso da auga e da enerxía e facilitar o uso de fontes renovables de enerxía.

    • Desenvolvemento de tecnoloxías para a preservación e a mellora xenética dos recursos animais e vexetais orientadas á produción de alimentos de calidade, en sistemas sustentables e con reducido impacto ambiental.

    b) Sistemas agrarios de produción.

    • Aumento da sustentabilidade e competitividade dos sistemas de produción agrícola, gandeira e forestal orientado á salvagarda da saúde dos consumidores, á mitigación dos impactos ambientais e á loita contra o cambio climático. Inclúense o desenvolvemento e a obtención de novas tecnoloxías, equipamentos e instalacións, maquinaria, sistemas de produción, manexo e recolección de cultivos, así como a mellora xenética, a protección vexetal e animal, o desenvolvemento de axentes de control biolóxicos e o mantemento de especies e ecosistemas autóctonos.

    • Tecnoloxías de produción de baixo input de pesticidas e fertilizantes sintéticos e de produción ecolóxica, que teñan en conta a mellora do manexo dos recursos vexetais con respecto á súa composición, resistencia á tensión por axentes bióticos e abióticos, en particular á seca, malas herbas e axentes patóxenos.

    • Estudo da ecoloxía e bioloxía de pragas e enfermidades, malas herbas e outros axentes patóxenos co obxectivo de desenvolver técnicas e ferramentas de manexo sustentable en sanidade vexetal.

    • Mellora dos métodos de monitorización, preservación e mellora da fertilidade do solo.

    • Mellora da competitividade e sustentabilidade dos cultivos de cereais e leguminosas (gran e forraxe) para alimentación humana e animal. Mellora xenética varietal do rendemento, plasticidade, resistencia e calidade das proteínas, a partir da explotación dos recursos xenéticos autóctonos

     • Desenvolvemento e explotación dos bancos de xenes para a mellora da competitividade e sustentabilidade dos sistemas de produción agraria.

    • Mellora e extensión dos métodos de seguimento e control de patoloxías parasitarias e infecciosas nas producións animais extensivas e ecolóxicas e outras ameazas á sustentabilidade e seguridade da produción alimentaria.

    c) Industria agroalimentaria.

    • Tecnoloxías de creación de valor no marco dun sector agroindustrial sustentable e competitivo, orientado á obtención de produtos seguros e saudables.

    • Tecnoloxías para asegurar a calidade e autenticidade alimentaria.

    • Mecanismos e procedementos para a redución do consumo de enerxía e a optimización dos procesos de control para lograr un procesamento de alimentos máis sustentable e competitivo.

    • Produción de alimentos tradicionais en pequenas e medianas empresas (en diante, pemes) alimentarias, relacionadas cos beneficios da dieta atlántica galega.

    • Biodispoñibilidade de constituíntes funcionais de alimentos en produtos vexetais e animais e a súa relación cos sistemas de produción extensivos e ecolóxicos.

    • Mantemento da actividade biolóxica de ingredientes funcionais durante o procesamento e a conservación de alimentos.

    • Busca de novas fontes de ingredientes funcionais adaptadas á realidade produtiva galega, incluíndo o aproveitamento de subprodutos da industria alimentaria.

    • Explotación da diversidade bioquímica das plantas a través do desenvolvemento do concepto de biorrefinaría.

    d) Cadea agroalimentaria.

    • Tecnoloxías para asegurar a seguridade e a autenticidade na cadea alimentaria.

    • Medida da pegada de carbono ao longo dos procesos da cadea alimentaria.

    • Uso de marcadores para confirmar a calidade e/ou autenticidade dos alimentos.

    e) Bioeconomía.

    • Custos de produción dos sistemas de produción agrícola, gandeira e forestal aplicados a situacións con limitacións naturais ou outras limitacións específicas, incluídas as situadas en zonas menos favorecidas e de montaña.

    • Ferramentas e técnicas de investigación socioeconómica e de soporte á toma de decisións en políticas agrarias dirixidas á solución das necesidades da poboación rural e ao seu desenvolvemento sustentable.

    • Tecnoloxías para a medición do impacto da investigación agraria en desenvolvemento, sustentabilidade e competitividade da agricultura galega.

    • Estudo de métodos e ferramentas para facilitar a transferencia e aplicabilidade dos resultados de proxectos de investigación en innovacións reais dentro do sector agroindustrial galego, dirixidas especialmente tanto a explotacións e cooperativas agrarias como a pemes agroindustriais, demostrando o potencial de explotación das innovacións e os beneficios económicos e competitivos que se obteñen das innovacións.

    f) Aplicación das tecnoloxías da información e a comunicación (en diante, TIC) ao sector. 

    A duración da iniciativa de cooperación será de tres anualidades.

    Toda a información: https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2022/20220127/AnuncioG0528-301221-0001_gl.pdf

  • AXENCIA GALEGA DE DESENVOLVEMENTO RURAL CONVOCA AXUDAS PARA PROXECTOS DE INVESTIMENTOS EN ACTIVIDADES NON AGRÍCOLAS COFINANCIADAS CON FONDOS EUROPEOS

    Axencia Galega de Desenvolvemento Rural

    RESOLUCIÓN do 29 de decembro de 2021 pola que se aproban as bases reguladoras das subvencións para proxectos de investimento en actvidades non agrícolas, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural no marco do Programa de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020, e se anuncia a convocatoria para o ano 2022 (código de procedemento MR708A)

    O obxecto destas bases reguladoras é establecer o réxime das axudas que xestiona a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural no marco da medida 6.4 do PDR de Galicia 2014-2020, destinadas a:

    a) Adquirir maquinaria e equipamento co fin de mellorar, ampliar e/ou modernizar as empresas existentes que desenvolven actividades non agrícolas en zonas rurais, co fin de reforzar o tecido empresarial no territorio rural galego e mellorar a súa competitividade, inducir á xeración de novos empregos, consolidar os existentes e, en última instancia, dinamizar a economía dos territorios rurais.

    b) Pór en marcha novas actividades empresariais de carácter non agrícola nas aldeas modelo declaradas con anterioridade á publicación destas bases reguladoras.

    Poderán ser beneficiarias das axudas concedidas ao abeiro destas bases reguladoras, sempre que cumpran os demais requisitos previstos nelas:

    a) As microempresas e as pequenas empresas situadas en zonas rurais e constituídas con anterioridade ao 1 de setembro de 2021.

    No caso de proxectos para a posta en marcha de novas actividades empresariais en aldeas modelo, admitiranse empresas en constitución ou constituídas con posterioridade á data anteriormente sinalada. Segundo a definición que resulta do anexo I do Regulamento (UE) nº 651/2014, do 17 de xuño, polo que se declaran determinadas categorías de axudas compatibles co mercado interior, en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea, ten a consideración de pequena empresa aquela que ocupa menos de 50 persoas e cuxo volume de negocios anual ou cuxo balance xeral anual non supera os 10 millóns de euros. De ser o caso, a cualificación de pequena empresa tomará en consideración os datos das empresas asociadas e vinculadas para o cálculo de efectivos e importes financeiros, nos termos previstos no artigo 3 do citado anexo I do Regulamento (UE) nº 651/2014. Non poderán ser beneficiarias as agrupacións de persoas xurídicas, as comunidades de bens ou calquera outro tipo de unidade que careza de personalidade xurídica propia, así como as persoas xurídicas que non teñan ánimo de lucro, aínda que realicen actividade económica. As empresas deberán ter a súa razón social ou ben un centro de traballo no territorio elixible, nos termos establecidos no artigo 3.2.b) destas bases reguladoras.

    b) Persoas físicas que residan nunha zona rural. As persoas solicitantes deberán estar suxeitas ao réxime especial de traballadores por conta propia ou autónomos con anterioridade ao 1 de setembro de 2021. No caso de proxectos de implantación de actividades empresariais en aldeas modelo, admitiranse novas altas no réxime especial de traballadores autónomos con posterioridade á data antes sinalada.

    Para estes efectos, considerarase zona rural todo o territorio de Galicia, con excepción das parroquias galegas clasificadas como zonas densamente poboadas (ZDP), atendendo á clasificación para as parroquias galegas segundo o grao de urbanización denominada GU 2016 (IGE, 2016). No enderezo da páxina web da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural https://agader.xunta.gal/gl/linas-de-axuda estará dispoñible a relación de zonas densamente poboadas (ZDP).

    c) Titulares dunha explotación agraria, ou membros da súa unidade familiar, que diversifiquen as súas actividades en ámbitos non agrícolas e que desenvolvan o seu proxecto na propia explotación. No caso de persoas físicas, deberán estar suxeitas ao réxime especial de traballadores por conta propia ou autónomos con anterioridade ao 1 de setembro de 2021. No caso de persoas xurídicas, deberán estar constituídas antes da citada data.

    Nos termos desta resolución, serán subvencionables os proxectos destinados á:

    a) Adquisición de maquinaria e equipamento co obxectivo de mellorar, ampliar e/ou modernizar pequenas empresas que desenvolven actividades produtivas non agrarias nos seguintes sectores e ámbitos de actividade:

    1º) Industrias, fábricas e locais destinados á produción de bens e materiais. Non obstante o anterior, os investimentos relacionados coa utilización da madeira como materia prima ou fonte de enerxía limitaranse ás operacións de segunda transformación.

    2º) Transformación e/ou comercialización de produtos agrarios, cando o produto final do proceso de transformación e/ou comercialización derivado dos investimentos non estea incluído no anexo I do Tratado de funcionamento da Unión Europea (TFUE). Non obstante o anterior, para este sector de actividade excluiranse aqueles proxectos cun orzamento elixible superior a 60.000 €.

    3º) Prestación de servizos en calquera sector económico, con exclusión das empresas de servizos de maquinaria agrícola e forestal e das empresas de servizos enerxéticos.

    4º) Prestación de servizos sociais (garderías, coidado de anciáns, de persoas con discapacidade, granxas-escola…).

    5º) Actividades de ocio, recreativas e deportivas.

    6º) Artesanía e actividades artesanais.

    7º) Actividades baseadas na innovación tecnolóxica e no comercio electrónico.

    8º) Actividades nos sectores da enxeñaría, arquitectura, servizos técnicos, limpeza industrial e veterinaria.

    9º) Comercio polo miúdo de produtos non incluídos no anexo I do TFUE.

    b) Posta en marcha de novas actividades empresariais non agrícolas nas aldeas modelo declaradas con anterioridade á publicación da correspondente convocatoria destas axudas, nos mesmos sectores e ámbitos de actividade sinalados na letra a) do punto 1 deste artigo.

    A axuda será do 45 % dos gastos subvencionables

    Para as dúas tipoloxías de proxectos subvencionables, o prazo límite para executar e xustificar os investimentos correspondentes á anualidade 2022 será o 30 de setembro de 2022.

    O prazo para presentar as solicitudes de axuda será dun (1) mes contado desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG.

    https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2022/20220125/AnuncioO90-301221-0001_gl.pdf

  • IGAPE APROBA AS BASES REGULADORAS DAS NOVACIÓNS PARA O REFINANCIAMENTO DE DÉBEDAS CON ESTE INSTITUTO

    Instituto Galego de Promoción Económica

    RESOLUCIÓN do 12 de xaneiro de 2022 pola que se dá publicidade do Acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras das novacións para o refinanciamento de débedas con este instituto, e se procede á súa convocatoria para o ano 2022 en réxime de concorrencia non competitiva (código de procedemento IG534D).

    O prazo de presentación de solicitudes comezará o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, e rematará cando se produza a primeira das seguintes circunstancias:

    a) Que conforme as solicitudes recibidas, se esgote o crédito orzamentario, o que será obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia e na páxina web do Igape, co fin de pechar anticipadamente o prazo de presentación de solicitudes.

    b) O 30.12.2022.

    Beneficiarios/as

    Poderán ser titulares das operacións de novación reguladas nestas bases as persoas físicas e/ou xurídicas que cumpran algún dos seguintes requisitos:

    a) Sexan titulares de débedas vivas co Igape por préstamos en vigor, que presenten dificultades de liquidez que non lles permiten afrontar as obrigas de pagamento co calendario actual do préstamo.

    b) Sexan titulares de débedas co Igape derivadas da falta de pagamento de préstamos xa vencidos.

    c) Sexan fiadores de préstamos do Igape con débedas vencidas.

    d) Sexan titulares de bens que garantan débedas vencidas co Igape, derivadas da falta de pagamento de préstamos, e pretendan facer fronte ao reembolso das débedas para evitar a perda do ben.

     

    https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2022/20220124/AnuncioO92-130122-0001_gl.pdf

  • CONSELLERÍA DE MEDIO RURAL CONVOCA AXUDAS PARA AS ACCIÓNS SILVÍCOLAS DE PREVENCIÓN DOS DANOS CAUSADOS NAS MASAS DE CONÍFERAS POR ENFERMIDADES FÚNXICAS DEFOLIADORAS (FONDOS FEADER)

    Consellería do Medio Rural

    ORDE do 30 de decembro de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para as accións silvícolas de prevención dos danos causados nas masas de coníferas por enfermidades fúnxicas defoliadoras, cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020, e se convocan para o ano 2022 (código de procedemento MR605B).

    Esta orde ten por obxecto establecer as bases que regulan as axudas para accións silvícolas de prevención dos danos causados nas masas de coníferas por enfermidades fúnxicas defoliadoras, e especificamente en piñeirais de piñeiro do país (Pinus pinaster), piñeiro insigne (Pinus radiata) e piñeiro negral (Pinus nigra) nas provincias da Coruña e Lugo, en réxime de concorrencia competitiva (código de procedemento administrativo MR605B), e convocalas para o ano 2022.

    Serán beneficiarias as persoas que sexan titulares dos terreos obxecto de axuda, entendendo por titulares tanto propietarios como arrendatarios ou xestores, non admitíndose a cesión por parte do arrendatario do terreo a un terceiro.

    O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

    https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2022/20220124/AnuncioG0426-100122-0001_gl.pdf

  • INSTITUTO GALEGO DA VIVENDA CONVOCA AXUDAS PARA A ADQUISICIÓN DE VIVENDAS PROTEXIDAS

    Instituto Galego da Vivenda e Solo

    RESOLUCIÓN do 11 de xaneiro de 2022 pola que se convocan para o ano 2022 as axudas para a adquisición de vivendas protexidas (código de procedemento VI420C).

    Este programa de axudas ten por finalidade facilitar o acceso á propiedade das vivendas de protección autonómica de réxime xeral e especial, así como dinamizar o sector da construción, propiciando a saída ao mercado de vivenda protexida, que poderá ser de nova construción ou procedente da rehabilitación.

    1. Poderán beneficiarse destas axudas as persoas físicas maiores de idade que reúnan os seguintes requisitos:

    a) Posuír a nacionalidade española ou, no caso de seren estranxeiras, ter a residencia legal en España.

    b) Ser adquirente ou adxudicataria, en primeira transmisión, dunha vivenda de protección autonómica de réxime xeral ou especial de nova construción ou procedente da rehabilitación cualificada definitivamente na data de publicación desta resolución.

    c) Ter subscrito con posterioridade ao 1 de xaneiro de 2022 un contrato privado de compravenda visado pola área provincial do IGVS onde estea situada a vivenda ou, de ser o caso, unha escritura pública de compravenda que conteña as cláusulas obrigatorias derivadas da cualificación definitiva da vivenda.

    d) Que a persoa solicitante e as demais persoas integrantes da súa unidade de convivencia estean ao día das súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e coa Seguridade Social e non teñan pendente ningunha outra débeda, por ningún outro concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

    e) Que nin a persoa solicitante nin as demais persoas integrantes da súa unidade de convivencia estean incursas nalgunha das circunstancias previstas no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

    2. Tamén poderán ser persoas beneficiarias destas axudas aquelas persoas que presentasen unha solicitude de subvención para a adquisición de vivenda protexida ao abeiro da Resolución do 5 de xullo de 2021 e lles fose denegada por esgotamento do crédito previsto na convocatoria. Neste caso, deberán cumprir todos os requisitos sinalados neste ordinal, agás o relativo á data prevista no punto 1.c). 3. No suposto de adquisición da propiedade da vivenda por máis dunha persoa, cada unha das persoas propietarias deberá cumprir os requisitos sinalados no primeiro parágrafo para poder ser beneficiaria da axuda.

    O prazo de presentación de solicitudes comezará o día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG e rematará o 30 de setembro de 2022 e, en todo caso, no momento do esgotamento do crédito orzamentario, o que será publicado no DOG mediante resolución ditada pola persoa titular da Dirección Xeral do IGVS.

    Tes toda a información: https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2022/20220121/AnuncioC3Q2-130122-0002_gl.pdf

    Se queres máis información chama aos teléfonos: 981 957 887 ou 981 957 887

  • CONSELLERÍA DE EMPREGO E IGUALDADE PON EN MARCHA O PROGRAMA APROL- ECONOMIA SOCIAL ,DE SUBVENCIÓNS PARA O FOMENTO DO EMPREDEMENTO EN ECONOMÍA SOCIAL

    Consellería de Emprego e Igualdade

    ORDE do 23 de decembro de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, das subvencións para o fomento do emprendemento en economía social (programa AprolEconomía social) e se convocan para o ano 2022 (códigos de procedemento TR802G e TR802J).

    Establécense os seguintes programas de axudas:

    a) Programa I: fomento do emprego en cooperativas e sociedades laborais (procedemento TR802G).

    b) Programa II: fomento do acceso á condición de persoa socia (procedemento TR802J)

    Poderanse acoller ás subvencións recollidas nesta orde, sempre que cumpran as condicións e os requisitos establecidos no correspondente programa de axudas:

    a) As cooperativas e sociedades laborais para as actuacións previstas no programa I.

    b) As persoas desempregadas, socias ou traballadoras de cooperativas ou sociedades laborais ou doutras empresas que se transformen nestas, para as actuacións previstas no programa II.

    Programa I. Fomento do emprego en cooperativas e sociedades laborais (procedementoTR802G)

    Este programa ten por obxecto establecer incentivos para o fomento da incorporación de persoas socias traballadoras ou de traballo en cooperativas ou sociedades laborais, con carácter indefinido ou a proba.

    Contía dos incentivos 

    1. Por cada persoa que se incorpore con carácter indefinido e a xornada completa, a subvención ascenderá a 6.000,00 € con carácter xeral.

    Esta contía incrementarase nas porcentaxes que se sinalan a seguir, que son acumulables entre si:

    a) Un 25 % se a persoa incorporada é unha muller.

    b) Un 25 % se a persoa incorporada ten discapacidade ou se encontra en situación ou risco de exclusión social.

    c) Un 25 % se a persoa incorporada ten unha discapacidade con especiais dificultades para a súa inserción laboral que cumpra as condicións definidas no artigo 5.d) desta orde.

    d) Un 25 % se a persoa incorporada ten máis de 45 anos.

    e) Un 25 % se a persoa incorporada ten a condición de emigrante retornada.

    f) Un 25 % se a persoa ten a condición de trans. g) Un 25 % no caso de que o centro de traballo a que se incorpora a persoa socia estea situado nun concello rural. h) Un 25 % se se trata dunha cooperativa xuvenil.

    2.- Por cada mozo ou moza incorporado/a como persoa socia traballadora ou de traballo a proba a subvención ascenderá a 600,00 € ao mes, por un período de entre 6 e 12 meses.

    3. Cando a dedicación sexa a tempo parcial ou en condición de fixo descontinuo, nos termos previstos no artigo 22.3, a contía dos incentivos previstos nos números anteriores reducirase ao 50 %.

    4. A contía máxima que poderá ser concedida a unha entidade beneficiaria por subvencións con cargo a este programa será de 67.500,00 €.

    Programa II. Fomento do acceso á condición de persoa socia (procedemento TR802J)

    Este programa de subvencións está dirixido ao fomento do acceso á condición de persoas socias traballadoras ou de traballo, de cooperativas ou de sociedades laborais, así como ao fomento do acceso de persoas emprendedoras por conta propia á condición de socias de cooperativas.

    Este acceso facilítase mediante o financiamento das achegas económicas ao capital social que debe desembolsarse para a incorporación como socio ou socia. 

    Persoas beneficiarias e condicións para a obtención da subvención

    1. Poderán ser persoas beneficiarias deste programa de subvencións as persoas que accedan á condición de persoa socia traballadora ou de traballo dunha cooperativa ou sociedade laboral con carácter indefinido, que desenvolvan a súa actividade nun centro de traballo situado na Comunidade Autónoma de Galicia e que no momento da súa incorporación cumpran algunha das condicións seguintes:

    a) Ser persoas desempregadas inscritas como demandantes de emprego.

    b) Ser persoas socias a proba da cooperativa á cal se incorporan.

    c) Ser persoas asalariadas da cooperativa ou sociedade laboral á cal se incorporan.

    d) Ser persoas asalariadas dunha empresa que se transforme nunha cooperativa ou sociedade laboral, sempre que non teñan a condición de socias da empresa transformada.

    e) Ser persoas socias traballadoras ou de traballo dunha cooperativa ou sociedade laboral a tempo parcial que accedan á mesma condición a tempo completo.

    2. Tamén poderán ser beneficiarias as persoas que, sendo desempregadas e inscritas como demandantes de emprego, emprendan unha actividade por conta propia e se incorporen nunha cooperativa como persoas socias con carácter indefinido, con compromiso de exclusividade, para comercializaren os seus produtos, obter subministracións, servizos e a asistencia técnica que precisen, sempre que teñan o seu domicilio social e fiscal en Galicia. A incorporación como persoa socia na cooperativa deberá producirse dentro do período de execución establecido no artigo 35 desta orde. Entre o inicio da actividade por conta propia e a dita incorporación non poden ter transcorrido máis de dous anos.

    As subvencións previstas neste programa poderán ascender ás contías seguintes:

    a) Para as persoas beneficiarias previstas no artigo 28.1, alíneas a), b) c) e d), e no artigo 28.2, ata 6.000,00 €.

    b) Para as persoas beneficiarias previstas no artigo 28.1, alínea e), ata 3.000,00 €.

    As contías sinaladas no punto anterior incrementaranse nas porcentaxes que se sinalan a seguir, que son acumulables entre si:

    a) Un 25 % se a persoa beneficiaria é unha muller.

    b) Un 25 % se a persoa beneficiaria ten discapacidade ou se encontra en situación ou risco de exclusión social.

    c) Un 25 % se a persoa incorporada ten unha discapacidade con especiais dificultades para a súa inserción laboral que cumpra as condicións definidas no artigo 5.d) desta orde.

    d) Un 25 % se a persoa beneficiaria ten máis de 45 anos.

    e) Un 25 % se a persoa beneficiaria ten a condición de emigrante retornada.

    f) Un 25 % se a persoa ten a condición de trans. g) Un 25 % no caso de que o centro de traballo a que se incorpora a persoa socia estea situado nun concello rural. h) Un 25 % se se trata dunha cooperativa xuvenil.

    O prazo de presentación de solicitudes comezará a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia e finalizará o 30 de setembro de 2022, agás que se produza o suposto de esgotamento do crédito. Non obstante, se o período de presentación resultase inferior a un mes, as solicitudes poderán presentarse no prazo dun mes a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

    https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2022/20220121/AnuncioG0599-271221-0018_gl.pdf

  • CONSELLERÍA DO MEDIO RURAL CONVOCA AXUDAS PARA A CONCESIÓN DE INDEMIZACIÓNS POLO SACRIFICIO OBRIGATORIO DE ANIMAIS EN EXECUCIÓN DE PROGRAMAS E ACTUACIÓNS OFICIAIS DE VIXILIANCIA, LOITA , CONTROL E ERRADICACIÓN DAS SÚAS ENFERMIDADES

    Consellería do Medio Rural

    ORDE do 23 de decembro de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de indemnizacións polo sacrificio obrigatorio de animais en execución de programas e actuacións oficiais de vixilancia, loita, control e erradicación das súas enfermidades, e se convocan para o ano 2022 (código de procedemento MR553C).

    Poderán optar ás indemnizacións previstas no artigo 1 as persoas físicas e xurídicas e as entidades sen personalidade xurídica que sexan titulares:

    a) De animais que se sacrifiquen ou morran por resultaren reaccionantes ás probas diagnósticas de tuberculose, brucelose, leucose e lingua azul no gando vacún, ovino ecabrún, ou por ter convivido con animais enfermos e que sexan considerados sospeitosos polos veterinarios actuantes.

    b) De animais e os seus produtos de calquera especie, sacrificados/mortos e/ou destruídos por motivos de sospeita e/ou confirmación da presenza dalgunha das encefalopatías esponxiformes transmisibles.

    c) De aves reprodutoras ou poñedoras da especie Gallus gallus e reprodutoras da especie Meleagris gallopavo, sacrificadas por orde da autoridade competente dentro dos programas nacionais de control de salmonela.

    d) De aves sacrificadas/mortas por mor da declaración oficial dun foco de influenza aviaria, de enfermidade de Newcastle ou doutra enfermidade das aves declarada oficialmente.

    e) De porcos sacrificados/mortos por mor da declaración oficial dun foco de peste porcina clásica ou de peste porcina africana, ou doutras enfermidades porcinas declaradas oficialmente ou durante o desenvolvemento de medidas, probas ou controis ordenados pola autoridade competente.

    f) De visóns americanos que se sacrifiquen/morran por resolución da autoridade competente en materia de sanidade animal, afectados por enfermidades distintas das sometidas a programas sanitarios oficiais.

    g) De animais que morran como consecuencia directa de actuacións, tratamentos e manipulacións preventivas ou con fins de diagnóstico e, en xeral, de animais que morran no contexto de medidas de execución de actuacións sanitarias oficiais impostas pola autoridade competente.

    h) Os demais supostos recollidos na Lei 8/2003, do 24 de abril, de sanidade animal, e na normativa estatal e da Unión Europea de desenvolvemento dos programas e das actuacións sanitarias de vixilancia, loita, control e erradicación de cada enfermidade.

    O prazo para a presentación das solicitudes e, se é o caso, da correspondente documentación complementaria será desde o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia ata o día 30 de novembro de 2022.

    https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2022/20220117/AnuncioG0426-271221-0001_gl.pdf

  • XUNTA DE GALICIA CONVOCA AXUDAS A EMPRESAS QUE REALICEN PUBLICACIÓN PERIÓDICAS EN GALEGO

    Vicepresidencia primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo

    RESOLUCIÓN do 28 de decembro de 2021, da Secretaría Xeral de Medios, pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión de axudas económicas, en réxime de concorrencia non competitiva, dirixidas a empresas que realicen publicacións periódicas escritas integramente en galego e se convocan para o ano 2022, mediante tramitación anticipada de gasto (código de procedemento PR858A).

    As entidades beneficiarias destas axudas serán as empresas xornalísticas inscritas no Rexistro Mercantil que realizasen publicacións periódicas escritas integramente en galego durante o ano natural anterior ao da correspondente convocatoria.

    Quedan excluídas da concesión de axudas:

    a) Os boletíns de información interior ou de institucións.

    b) As publicacións de organizacións políticas, empresariais, profesionais, sindicais ou de entidades públicas.

    c) As publicacións que se distribúan como suplemento ou de forma conxunta con outra publicación.

    d) As publicacións que, estando sometidas ao control da Oficina de Xustificación da Difusión (OXD), non presenten o certificado acreditativo da difusión expedido polo dito organismo.

    e) As publicacións que durante o ano natural anterior ao da correspondente convocatoria non se publicasen en galego normativizado.

    O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

    https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2022/20220117/AnuncioG0595-281221-0002_gl.pdf