Sección: Outras axudas e subvencións

  • MINISTERIO DE AGRICULTURA, PESCA E ALIMENTACIÓN CONVOCA SUBVENCIÓNS ÁS ASOCIACIÓNS DE CRIADORES/AS PARA A CONSERVACIÓN, MELLORA E FOMENTO DAS RAZAS GANDEIRAS E SE CONVOCA A SELECCIÓN DA ENTIDADES COLABORADORAS

    MINISTERIO DE AGRICULTURA, PESCA E ALIMENTACIÓN

    Real Decreto 794/2021, do 14 de setembro, polo que se establecen as bases reguladoras das subvencións ás asociacións de criadores oficialmente recoñecidas polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación para a conservación, mellora e fomento das razas gandeiras, e convócase a selección de entidade colaboradora para os exercicios 2022 a 2025.

    https://www.boe.es/boe/dias/2021/09/15/pdfs/BOE-A-2021-14977.pdf

  • CONVOCATORIA AXUDAS Á PROMOCIÓN E CONSOLIDACIÓN DO EMPREGO AUTÓNOMO

    Consellería de Emprego e Igualdade

    ORDE do 20 de xullo de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras para a promoción e consolidación do emprego autónomo a través do Programa I, de axudas á promoción de emprego autónomo, cofinanciado polo programa operativo FSE Galicia 2014-2020, e do Programa II, de axudas a persoas traballadoras autónomas pola contratación indefinida de persoas asalariadas, e se procede á súa convocatoria para o ano 2021 (códigos de procedemento TR341D e TR349F).

    Persoas beneficiarias

    Serán beneficiarias aquelas persoas que causen alta no réxime especial de autónomos ou en calquera outro réxime especial por conta propia da Seguridade Social ou en mutualidade de colexio profesional entre o 1 de outubro de 2020 e o 30 de setembro de 2021, ambos inclusive, como titulares ou cotitulares do negocio ou explotación.

    A finalidade deste programa é a concesión dunha axuda económica a aquelas persoas desempregadas que pretendan desenvolver a súa actividade empresarial ou profesional en Galicia como traballadoras autónomas ou por conta propia, para facer fronte aos distintos gastos xerados no comezo da súa actividade laboral.

    Serán beneficiarias aquelas persoas que causen alta no réxime especial de autónomos ou en calquera outro réxime especial por conta propia da Seguridade Social ou en mutualidade de colexio profesional entre o 1 de outubro de 2020 e o 30 de setembro de 2021, ambos inclusive, como titulares ou cotitulares do negocio ou explotación, sempre que cumpran as seguintes condicións:

    a) Estar inscrito/a como demandante de emprego nos servizos públicos de emprego, carecendo de ocupación efectiva segundo informe de vida laboral da Tesouraría Xeral da Seguridade Social e atoparse en tal situación na data de inicio da actividade laboral.

    b) Ter iniciada a actividade segundo a definición do artigo 5.2 con anterioridade á presentación da solicitude da subvención.

    c) Que desenvolvan fundamentalmente a súa actividade empresarial ou profesional en Galicia (segundo a alta no imposto de actividades económicas ou no censo de obrigados tributarios da Axencia Estatal de Administración Tributaria, modelo 036 ou 037).

    d) Que non percibisen subvencións ao abeiro dos distintos programas de emprego autónomo nos tres anos anteriores á data do inicio da nova actividade. Este prazo computarase desde a data de notificación da resolución de concesión da anterior subvención.

    e) Que non desenvolvesen como persoas traballadoras autónomas a mesma ou similar actividade, nos seis meses inmediatamente anteriores á data do inicio da nova actividade, nin estivesen de alta como persoas traballadoras autónomas en calquera réxime da Seguridade Social ou en mutualidade de colexio profesional, sempre que a dita situación de alta presupoña actividade, nos tres meses inmediatamente anteriores. Para estes efectos, entenderase por mesma actividade a coincidencia ao nivel de 3 díxitos da Clasificación nacional de actividades económicas (CNAE). Este requisito non se aplicará cando a actividade desenvolvida fose realizada por persoas autónomas colaboradoras.

    O prazo xeral de presentación de solicitudes para o Programa I regulado nesta orde finalizará o 30 de setembro de 2021.

    Contía da subvención:

    Co obxecto de axudar ás persoas desempregadas ao inicio e ao mantemento do emprego como persoa traballadora autónoma e deste xeito facilitarlle ingresos durante o inicio da súa actividade laboral, establécese para todas aquelas persoas que teñan a condición de beneficiarias de acordo co establecido no artigo 20, segundo a súa situación no momento de inicio da actividade laboral, unha subvención segundo o método de custos simplificados asociado á operación coas seguintes contías:

    a) 2.000 € para persoas desempregadas en xeral.

    b) 4.000 € para o caso de persoas desempregadas que se atopen nalgún dos seguintes colectivos, que non serán acumulables:

    – Persoas menores de 30 anos.

    – Persoas desempregadas de longa duración.

    – Persoas desempregadas con discapacidade.

    – Persoas desempregadas que se atopen en situación ou risco de exclusión social. A contía base correspondente incrementarase nun 25 % nos seguintes casos: a) Se a persoa incorporada é unha muller.

    b) No caso de que o centro de traballo (ou domicilio fiscal, no caso de carecer deste) da persoa autónoma estea situado nun concello rural.

    c) Persoas maiores de 45 anos.

    d) Se a persoa incorporada é unha persoa emigrante retornada.

    e) Persoas trans.

    f) Profesións e oficios nos cales a muller estea subrepresentada, segundo informe do Instituto Galego das Cualificacións, que se reflicte na lista que figura no anexo III. Estes seis incrementos son acumulables e deste xeito a contía máxima posible, de aplicárense todos os incrementos, sería de 10.000 €.

    https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2021/20210804/AnuncioG0599-220721-0002_gl.pdf

  • XUNTA DE GALICIA CONVOCA AXUDAS A PERSOAS TRABALLADORAS AUTÓNOMAS PARA A CONTRATACIÓN INDEFINIDAS ASALARIADAS

    Consellería de Emprego e Igualdade

    ORDE do 20 de xullo de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras para a promoción e consolidación do emprego autónomo a través do Programa I, de axudas á promoción de emprego autónomo, cofinanciado polo programa operativo FSE Galicia 2014-2020, e do Programa II, de axudas a persoas traballadoras autónomas pola contratación indefinida de persoas asalariadas, e se procede á súa convocatoria para o ano 2021 (códigos de procedemento TR341D e TR349F).

    Por medio destes bonos as empresas que soliciten a subvención terán a posibilidade de obter axudas para a contratación indefinida inicial e para a formación (código de procedemento TR349F). Inclúense dous tipos de axuda compatibles:

    a) Bono de contratación, por medio do cal se proporcionará unha subvención para a contratación indefinida inicial de persoas desempregadas realizadas por persoas traballadoras autónomas ou persoas profesionais con domicilio social e fiscal en Galicia.

    b) Bono de formación (opcional) dirixido ás persoas contratadas por medio desta orde, para levar a cabo accións formativas que melloren os seus coñecementos e habilidades relacionados co posto de traballo.

    Persoas beneficiarias

    1. Poderán ser beneficiarias das axudas previstas nesta orde as persoas traballadoras autónomas ou as persoas profesionais pola primeira, segunda e terceira contratación que realicen con carácter indefinido.

    2. Non poderán ser beneficiarias as persoas que desenvolvesen como persoas traballadoras autónomas a mesma ou similar actividade, nos tres meses inmediatamente anteriores á data do inicio da nova situación de alta na Seguridade Social. Para estes efectos, entenderase por mesma actividade a coincidencia ao nivel de 3 díxitos da Clasificación nacional de actividades económicas (CNAE).

    3. Non poderán ser beneficiarias nin as sociedades civís nin as comunidades de bens, así como as persoas socias ou comuneiras que as integran nin os autónomos colaboradores.

    As solicitudes de axudas polas contratacións subvencionables realizadas entre o 1 de outubro de 2020 e a data da publicación desta orde deberán presentarse no prazo de dous meses contado desde o día seguinte ao da publicación da orde. Entenderase como último día de prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación e se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo entenderase que o prazo expira o último día do mes.

    As axudas previstas polas contratacións subvencionables realizadas desde a entrada en vigor desta orde deberán solicitarse ata o último día do segundo mes seguinte á data en que se inicie a relación laboral indefinida pola que se solicita subvención. Se o último día de prazo é inhábil entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte.

    O prazo para a presentación das solicitudes de axudas rematará o 30 de setembro de 2021, aínda que nesa data non transcorrese o prazo sinalado no parágrafo anterior.

    https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2021/20210804/AnuncioG0599-220721-0002_gl.pdf

  • APERTURA DE PRAZO PARA SOLICITAR AS BOLSAS DE ESTUDOS PARA O CURSO 2021-2022

    O orzamento desta convocatoria sobe case un 40% respecto ao de 2018.

    Chegarán a 850.000 estudantes, un 24,5% máis que en 2018.

    Datas límite:

    BOLSAS NON UNIVERSITARIAS: 30 de setembro
    BOLSAS UNIVERSITARIAS: 14 de outubro
    AXUDAS DE APOIO EDUCATIVO: 30 de setembro

    Toda a información: https://www.becaseducacion.gob.es/becas-y-ayudas.html

    Acceso solicitude BOLSAS FP, BACHARELATO E OUTROS ESTUDOS NON UNIVERSITARIOS: https://sede.educacion.gob.es/sede/login/inicio.jjsp?idConvocatoria=1556

    Acceso solicitude BOLSAS ESTUDOS UNIVERSITARIOS (GRAO E MASTER): https://sede.educacion.gob.es/sede/login/inicio.jjsp?idConvocatoria=1557

    Acceso solicitude BOLSAS DE APOIO EDUCATIVO: https://sede.educacion.gob.es/sede/login/inicio.jjsp?idConvocatoria=1554

    E como cada ano, desde o departamento de emprego do Concello da Estrada botámosche unha man para a súa solicitude, pásate polo noso departamento sen necesidade de cita previa en horario de 9.00h a 14.00 h.

     

     

  • XUNTA DE GALICIA CONVOCA AXUDAS DIRIXIDAS ÁS AXENCIAS DE VIAXES

    Axencia Turismo de Galicia

    RESOLUCIÓN do 2 de setembro de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, de subvencións ás axencias de viaxe para mantemento do establecemento, e se anuncia a súa segunda convocatoria para o ano 2021 (código de procedemento TU983F).

    As subvencións reguladas por estas bases teñen por obxecto contribuír ao desenvolvemento da normal actividade das axencias de viaxe para o ano 2021.

    En concreto serán subvencionables:

    – Os gastos derivados do alugueiro dos locais nos que se desenvolve a actividade da empresa.

    – Os gastos derivados dos préstamos hipotecarios sobre os locais nos que se desenvolve a actividade da empresa.

    O importe da subvención será do 90 % para un gasto subvencionable de ata 10.000,00 euros. Cando o gasto subvencionable supere esta cantidade, o importe da subvención será do 80 %.

    Poderán ser beneficiarios das subvencións, as axencias de viaxes, entendendo por tales as empresas turísticas descritas no artigo 83 da Lei 7/2011, do 27 de outubro, do turismo de Galicia, tanto na súa categoría de grosistas, retallistas e grosistas-retallistas, que teñan o seu domicilio social e fiscal na Comunidade Autónoma de Galicia.

    As entidades solicitantes deberán estar inscritas no Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas da Xunta de Galicia (en diante, REAT), con base nos artigos 50 e 51 da Lei 7/2011, do 27 de outubro, do turismo de Galicia.

    As entidades solicitantes deberán manter a súa operatividade durante todo o exercicio do ano 2021 na modalidade de atención ao público correspondente á súa clasificación. Esta atención poderá ser de carácter presencial, telefónica ou telemática. A Administración autonómica poderá requirir a documentación que considere pertinente que acredite esta circunstancia.

    O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

    https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2021/20210910/AnuncioG0256-030921-0001_gl.pdf

  • XUNTA DE GALICIA CONVOCA PARA A SELECCIÓN DE PEQUENAS E MEDIANAS EMPRESAS E PERSOAS TRABALLDORAS AUTÓNOMAS ÁS CALES SE PRESTARÁN SERVIZOS DO PROGRAMA RESPONSABILÍZATE

    Consellería de Emprego e Igualdade

    RESOLUCIÓN do 30 de xullo de 2021 pola que se dá publicidade das bases reguladoras e da convocatoria para a selección de pequenas e medianas empresas e persoas traballadoras autónomas ás cales se prestarán servizos do programa Responsabilízate (terceira edición) (código de procedemento TR320B).

    Beneficiarias

    a) Poderán ser beneficiarias do programa Responsabilízate as pequenas e medianas empresas (pemes), así como as persoas traballadoras autónomas, que teñan radicado o seu domicilio social ou que conten con algún centro de traballo en Galicia.

    b) Ademais do especificado no punto anterior, deberán cumprir os seguintes requisitos:

    1. Ter, cando menos, unha persoa traballadora por conta allea.

    2. Non superar os 50 millóns de euros de volume de negocio anual ou ter un balance anual inferior a 43 millóns de euros.

    3. Non ser entidades sen ánimo de lucro.

    Servizos a que optarán as empresas beneficiarias do Programa:

    1º. Análise do estado, potencial competitivo e situación da responsabilidade social empresarial (RSE).

    Trátase de avaliar o estado inicial da empresa exercendo un estudo completo nos diferentes ámbitos da empresa.

    2º. Asesoramento e formación. As pemes participantes recibirán un módulo formativo para afondar no coñecemento e nas ferramentas da RSE. Asemade, as empresas recibirán un asesoramento individualizado para a construción dun plan de acción RSE.

    3º. Plan de acción, implantación e seguimento das accións de RSE: a partir do informe de resultados da diagnose e da formación impartida, definirase a metodoloxía para a elaboración dun plan de acción individualizado para a implantación dun mínimo do 20 % das accións previstas no Plan de acción en RSE.

    O prazo estará aberto desde o día seguinte ao da publicación destas bases no Diario Oficial de Galicia e ata que se acade o número de prazas máximo segundo a dispoñibilidade orzamentaria, que virá determinada pola contía de adxudicación do contrato de servizos do programa Responsabilizate.

    https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2021/20210906/AnuncioG0599-300821-0001_gl.pdf

  • XUNTA DE GALICIA CONVOCA AXUDAS PARA A CREACIÓN E LANZAMENTO DE PLATAFORMAS DE MARKTPLACE PARA PRODUTOS AGROALIMENTARIOS NO MEDIO RURAL

    Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación

    ORDE do 9 de agosto de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, de subvencións para a creación e lanzamento de plataformas de marketplace para produtos agroalimentarios no medio rural, e se procede á súa convocatoria para o ano 2021 (código de procedemento CO300H).

    O importe da subvención regulada nesta orde en ningún caso poderá ser de tal contía que, illada ou en concorrencia con outras axudas das distintas administracións ou calquera dos seus entes públicos e privados, nacionais ou internacionais, supere o 100 % do investimento subvencionable.

    Poderán ser entidades beneficiarias das subvencións, sen prexuízo de reuniren os demais requisitos establecidos nestas bases e sempre que non concorra ningunha das circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007:

    a) Concellos da Comunidade Autónoma de Galicia situados en zonas rurais e cunha poboación inferior a 10.000 habitantes.

    Os concellos deberán cumprir co deber de remisión ao Consello de Contas das contas xerais de cada exercicio nos termos previstos no artigo 4 do Decreto 193/2011, do 6 de outubro, polo que se regulan especialidades nas subvencións ás entidades locais galegas.

    b) Federacións de asociacións de comerciantes, legalmente constituídas, de ámbito superior ao municipal.

    c) Grupos de desenvolvemento rural (GDR) recoñecidos polo Acordo do Consello de Dirección da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader), do 16 de novembro de 2016, polo que se resolve a convocatoria sobre a selección de estratexias de desenvolvemento local e de grupos de desenvolvemento rural como entidades colaboradoras na xestión da medida Leader de Galicia.

    A actuación subvencionable é a creación e lanzamento de plataformas de marketplace para produtos agroalimentarios no medio rural.

    O investimento máximo subvencionable é de 60.000,00 € e a porcentaxe da subvención acadará o 80 % do dito investimento máximo subvencionable.

    O prazo de presentación das solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

    https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2021/20210830/AnuncioG0596-170821-0012_gl.pdf

  • XUNTA DE GALICIA CONVOCA AXUDAS DESTINADAS AO COFINANCIAMENTO DOS SERVIZOS DE COMEDOR ESCOLAR XESTIONADOS POLAS ASOCIACIÓNS DE NAIS E PAIS DO ALUMNADO DE CENTROS PÚBLICOS

    CONSELLERÍA DE CULTURA, EDUCACIÓN E UNIVERSIDADE

    ORDE do 13 de xullo de 2021 pola que se establecen as bases e se convocan as axudas destinadas ao cofinanciamento dos servizos de comedor escolar xestionados polas asociacións de nais e pais do alumnado dos centros públicos non universitarios dependentes desta consellería, para o curso académico 2020/21 (código de procedemento ED601A).

    As axudas económicas irán destinadas a sufragar as seguintes actuacións:

    Actuación 1. Axudas destinadas á xestión do servizo de comedor escolar.

    Esta actuación abarca os seguintes conceptos subvencionables:

    a) O custo diario do menú por comensal e polos días da súa asistencia ao comedor entendido como o servizo de comida ao mediodía, así como, se é o caso, a vixilancia e coidado do alumnado durante o uso do servizo do comedor, así como todos aqueles gastos que deriven da prestación do servizo de xantar aos usuarios/as, incluídos os gastos de mantemento, persoal e limpeza. En ningún caso se subvencionarán os almorzos ou merendas que se ofrezan nos servizos de comedor.

    b) Os gastos ocasionados pola contratación por parte das asociacións, federacións ou confederacións de nais e pais do alumnado de pólizas de seguros vinculadas directamente á prestación do servizo de comedor escolar.

    Actuación 2. Axudas destinadas a sufragar os gastos relacionados coa COVID-19.

    Esta actuación abarca os gastos dirixidos á protección das persoas usuarias do comedor escolar xestionado pola ANPA con motivo da COVID-19: máscaras, anteparos, material de desinfección, xel hidroalcólico e similares.

    O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte a aquel en que se publique esta orde no Diario Oficial de Galicia.

    https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2021/20210826/AnuncioG0598-130721-0002_gl.html

  • XUNTA DE GALICIA CONVOCA SUBVENCIÓNS PARA O APOIO Á CONSOLIDACIÓN DAS ENTIDADES DE ECONOMÍA SOCIAL DE GALICIA BONO CONSOLIDA ECONOMÍA SOCIAL

    Consellería de Emprego e Igualdade

    ORDE do 4 de agosto de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións para o apoio á consolidación das entidades da economía social de Galicia Bono consolida economía social, e se procede á súa convocatoria para as anualidades 2021-2022 (código de procedemento TR802L).

    Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras do Programa de apoio á consolidación das entidades da economía social de Galicia Bono consolida economía social e proceder á súa convocatoria para as anualidades 2021-2022 (código de procedemento TR802L).

    Este programa ten como finalidade apoiar a consolidación das entidades da economía social de Galicia co fin de remediar a grave perturbación que na economía galega provocou o brote da COVID-19, facilitándolles acceso á liquidez e protección fronte a outros prexuízos económicos significativos que xurdisen por mor da COVID-19 mediante liñas de axudas que, con especial incidencia na transformación dixital, melloren a súa actividade económica, incrementen a súa competitividade e, en definitiva, manteñan empregos de calidade.

    Entidades beneficiarias e condicións para a obtención do incentivo

    1. Poderanse acoller ás subvencións recollidas nesta orde as sociedades cooperativas, sociedades laborais, empresas de inserción e centros especiais de emprego previstas no artigo 6 da Lei 6/2016, do 4 de maio, da economía social de Galicia, que cumpran os seguintes requisitos: a) Figurar inscritas como tales nos correspondentes rexistros administrativos da Comunidade Autónoma de Galicia

    b) Ter presentadas as contas anuais do último ano no Rexistro Mercantil, no Rexistro de Cooperativas ou no Rexistro de Fundacións, segundo corresponda á súa forma xurídica. No caso de centros especiais de emprego que teñan forma xurídica de asociación, deberán ter aprobado o balance e conta de resultados pola súa asemblea xeral.

    c) Acreditar unha antigüidade de 42 meses na data de solicitude.

    d) Ter a capacidade administrativa, financeira e operativa para cumprir as condicións da axuda.

    e) Estar ao día no pagamento das súas obrigas tributarias e da Seguridade Social.

    f) Non ter sido sancionadas mediante resolución firme coa perda da posibilidade de obter subvencións.

    Establécense as seguintes liñas de axuda:

    a) Liña 1. Transformación dixital da entidade. Esta liña comprende as subvencións orientadas aos seguintes conceptos:

    a.1) Plan de uso das novas tecnoloxías no negocio e/ou de optimización da produción.

    a.2) Equipamento informático.

    a.3) Adquisición e desenvolvemento de software e páxinas web.

    b) Liña 2: Profesionalización e desenvolvemento estratéxico co apoio de servizos externos especializados, que impliquen novos métodos de organización, melloras nas rutinas e procedementos de xestión do traballo.

    Esta liña comprende subvencións para a contratación dos seguintes servizos externos:

    b.1) Investigacións de mercado e análise de potencial competitivo.

    b.2) Plan de márketing, de comunicación ou de relanzamento comercial.

    b.3) Plan de futuro e de mellora do negocio.

    b.4) Plan de mellora da xestión financeira

    b.5) Plan de integración empresarial ou de actuación conxunta

    b.6) Análise de cumprimento normativo e riscos legais.

    b.7) Obtención de certificacións de calidade

    b.8) Creación e desenvolvemento da imaxe corporativa da entidade

    c) Liña 3: Mellora da competitividade empresarial a través de investimentos comúns.

    Esta liña comprende as subvencións para os investimentos consistentes en:

    c.1) Adquisición de equipamento.

    c.2) Reforma do local do negocio.

    c.3) Mobiliario

    A contía da axuda será equivalente ao 80 % do custo total dos gastos subvencionables, cos límites seguintes:

    • 10.000 € para os gastos incluídos na liña 1 (transformación dixital).

    • 5.000 € para os gastos incluídos na liña 2 (profesionalización e desenvolvemento estratéxico).

    • 5.000 € para os gastos incluídos na liña 3 (investimentos comúns). O límite máximo das axudas establécese en 20.000 € por cada solicitante.

    O prazo de presentación de solicitudes comezará a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia e finalizará o 30 de setembro de 2021, agás que se produza o suposto de esgotamento do crédito.

    https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2021/20210818/AnuncioG0599-050821-0006_gl.pdf