Sección: Outras axudas e subvencións

  • XUNTA DE GALICIA CONVOCA AXUDAS PARA A ADQUISICIÓN DE BICICLETAS CON PEDALEO ASISTIDO E BICICLETAS DE MAN HÍBRIDAS OU ELÉCTRICAS PARA CADEIRAS DE RODAS E ABRE PROCESO PARA QUE SE ADHIRAN AS ENTIDADES COLABORADORAS

    Consellería de Infraestruturas e Mobilidade

    ORDE do 27 de abril de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións para a adquisición de bicicletas con pedaleo asistido e bicicletas de man híbridas ou eléctricas para cadeiras de rodas, en réxime de concorrencia non competitiva, así como para a selección de entidades colaboradoras que participarán na súa xestión, e se convocan para as anualidades 2023 e 2024 (códigos de procedemento IF319A e IF319B).

    Actuacións que se subvencionan

    1. As actuacións que se subvencionan son a adquisición de bicicletas novas con pedaleo asistido e bicicletas de man híbridas ou eléctricas para cadeiras de rodas (bicicletas de man, en diante) en establecementos comerciais situados na Comunidade Autónoma de Galicia que cumpran os seguintes requisitos técnicos e de equipamento:

    a) Bicicletas novas con pedaleo asistido: i. Bicicleta con pedaleo asistido, nova, equipada cun motor eléctrico auxiliar, de potencia nominal continua máxima inferior ou igual a 250 W, cuxa potencia diminúa progresivamente e que finalmente se interrompa antes de que a velocidade do vehículo alcance os 25 km/h ou se o ciclista deixa de pedalear (pregables incluídas). ii. Batería de litio, con capacidade igual ou superior a 248 Wh (vatios/hora). iii. Cadro ríxido (sen dobre suspensión). iv. Luz traseira e dianteira. v. Gardalamas dianteiro e traseiro completo. vi. Pata de cabra ou cabalete. vii. Cumprimento de norma UNE-EN 15194:2018. Ciclos con asistencia eléctrica. Bicicletas EPAC.

    b) Bicicletas de man: i. Bicicleta de man nova, equipada cun motor con potencia máxima de 400 W, desmontable e con enganche automático nas rodas dianteiras da cadeira de rodas. ii. Guiador conectado á roda e ao motor. iii. Empuñadura ergonómica. iv. Freo de disco ou equivalente. v. Apoio de pé. vi. Timbre ou sistema de advertencia. vii. Sistema de iluminación dianteiro e traseiro. viii. Rango de dimensión das rodas: 8,5”-20”. ix. Velocidade máxima: 25 km/h. x. Batería de litio, con capacidade igual ou superior a 248 Wh (vatios/hora). xi. Cumprimento coa normativa de fabricación da UE, EN12184 (Cadeiras de rodas con motor eléctrico, scooters e os seus cargadores. Requisitos e métodos de ensaio).

    O prazo de presentación de solicitudes da axuda comezará o 1 de xuño de 2023, ás 10.00 horas, e finalizará o 15 de novembro de 2024 ou cando se esgoten os fondos.

    https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2023/20230505/AnuncioG0533-270423-0002_gl.pdf

  • IGAPE CONVOCA AXUDAS PARA A CONTRATACIÓN DE XESTORES/AS DE INERNACIONALIZACIÓN

    Instituto Galego de Promoción Económica

    RESOLUCIÓN do 19 de abril de 2023 pola que se dá publicidade do Acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras das axudas para a contratación de xestores de internacionalización, e se procede á súa convocatoria plurianual para os anos 2023, 2024 e 2025 en réxime de concorrencia non competitiva (código de procedemento IG638A).

    Poderán ser beneficiarias destas axudas as empresas que cumpran os seguintes requisitos:

    a) Empresas que teñan o seu domicilio social na Comunidade Autónoma de Galicia, que cumpran a definición de peme segundo o anexo I do Regulamento núm. 651/2014, da Comisión, incluídas as pemes con obxecto social destinado á prestación de servizos técnicos, comerciais ou loxísticos, e que teñan como proxecto iniciar ou consolidar o seu proceso de internacionalización. As empresas terán que dispor do informe de alta en programas avanzados do Igape de apoio á internacionalización realizado a través de programas de Igape a partir de 2013. De non dispor do citado Informe de alta, debe solicitalo a través da oficina virtual do Igape (procedemento IG192) dentro do prazo de presentación de solicitudes.

    b) As persoas solicitantes deberán ter, polo menos, un centro de traballo radicado na Comunidade Autónoma de Galicia.

    c) As persoas solicitantes acreditarán ter un proxecto de internacionalización para o que se require contratar profesionais en comercio exterior.

    d) As persoas solicitantes deberán estar ao día das súas obrigas coa Facenda pública, coa Comunidade Autónoma de Galicia e coa Seguridade Social, e non ser consideradas empresas en crise. Para os efectos de empresa en crise, convén ter en conta a definición de empresa en crise que para as pemes aparece no número 18 do artigo 2 do Regulamento núm. 651/2014, da Comisión. Tamén deberán cumprir os requisitos establecidos no artigo 10 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, para ser beneficiario da axuda, e cumprir as obrigas do artigo 11 da citada Lei de subvencións.

    A contía da axuda calcúlase aplicando as seguintes porcentaxes sobre o custo subvencionable indicado no punto 5 do artigo anterior:

    a) 85 % no caso de mozos/as profesionais nacidos/as a partir do 1 de xaneiro de 1988.

    b) 90 % no caso de mulleres ou mocidade de calquera xénero inscritos no Sistema nacional de garantía xuvenil.

    c) 80 % no caso de profesionais nacidos despois do 1 de xaneiro de 1978 e antes do 1 de xaneiro de 1988.

    d) 90 % no caso de profesionais sénior en paro de difícil reinserción laboral de idade igual ou superior a 45 anos (nacidos antes do 1 de xaneiro de 1978).

    O prazo de presentación de solicitudes iniciarase o día seguinte ao da publicación da resolución de convocatoria no Diario Oficial de Galicia e será de un mes contado desde as 8.00 horas do día de inicio do prazo e ata as 14.00 horas do día no que se cumpra o devandito prazo dun mes.

    https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2023/20230503/AnuncioO92-210423-0002_gl.pdf

  • APERTURA DO PRAZO DE SOLICITUDE EN GALICIA DAS AXUDAS DESTINADAS ÁS EMPRESAS DE TRANSPORTE DE VIAXEIROS E EMPRESAS DE TRANSPORTE DE MERCADORIAS (FONDOS NEXTGENERATION)

    Consellería de Infraestruturas e Mobilidade

    ORDE do 17 de abril de 2023 pola que se convocan subvencións para a modernización de empresas privadas de transporte de viaxeiros prestadoras de servizos de transporte por estrada e de empresas privadas que interveñen no transporte de mercadorías por estrada, na Comunidade Autónoma de Galicia, no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, xestionado polo Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana para os anos 2023 e 2024 (códigos de procedemento IF325A, IF325B, IF325C, IF325D, IF325E, IF325F, IF325G, IF325H, IF325I e IF325J).

    Serán destinatarios últimos das axudas, sempre que teñan a súa residencia fiscal en España, tanto as persoas xurídicas privadas incluídas na definición de peme de acordo co establecido no anexo I do Regulamento (UE) 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño de 2014, como as persoas físicas, cando, en ambos os casos, cumpran algunha das seguintes condicións: a) Que sexan titulares dalgunha das seguintes autorizacións en vigor na data da solicitude das axudas:

    1º. Unha autorización de transporte público de mercadorías habilitante para facer transporte con vehículos ou conxuntos de vehículos de máis de 3,5 t de masa máxima, identificada coa clave MDPE.

    2º. Unha autorización de transporte público discrecional de viaxeiros en autobús, identificada coa clave VDE.

    3º. Unha autorización de transporte público de mercadorías, habilitante para facer transporte con vehículos de ata 3,5 t de masa máxima, identificada coa clave MDLE.

    4º. Unha autorización de operador de transporte habilitante para intermediar na contratación de transportes públicos de mercadorías, identificadas rexistralmente coa clave OT. b) Que na data da solicitude da axuda presten servizo público de transporte urbano en autobús e estean exentas da obtención dalgunha das autorizacións incluídas na letra a) deste punto. c) Que interveñan no proceso de transporte de mercadorías como cargador/descargador ou expedidor/receptor, tal e como se reflicte na Lei 16/1987, do 30 de xullo, no documento de control e no ADR

    Serán actuacións subvencionables as categorías de solucións de modernización que se enumeran no artigo 19 do Real decreto 902/2022, do 25 de outubro:

    Categoría 1. Xestión de documentos de control electrónicos (anexo I, IF325A).

    Categoría 2. Sistema de tacógrafo intelixente de segunda xeración (anexo II, IF325B).

    Categoría 3. Integración de documentos de control electrónicos nos sistemas de xestión (anexo III, IF325C).

    Categoría 4. Implantación de sistemas TMS/ERP (anexo IV, IF325D).

    Categoría 5. Implantación de sistemas SAE (anexo V, IF325E).

    Categoría 6. Actualización de sistemas SAE (anexo VI, IF325F).

    Categoría 7. Axudas aos servizos de transporte de viaxeiros (anexo VII, IF325G).

    Categoría 8. Implantación de aplicacións para reclamacións por medios electrónicos (anexo VIII, IF325H).

    Categoría 9. Mellora de sistemas de ticketing (anexo IX, IF325I).

    Só serán subvencionables as actuacións realizadas con posterioridade á presentación da solicitude de axuda.

    O prazo para a presentación de solicitudes de axudas contarase a partir do día seguinte da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia e estará vixente ata o 30 de xuño de 2024.

    https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2023/20230428/AnuncioG0533-190423-0001_gl.pdf

  • PROGRAMA KIT DIIXTAL: DIRIXIDO A PEMES E AUTÓNOMOS/AS (2)

    É unha iniciativa do Goberno para subvencionar a implantación de solucións dixitais dispoñibles no mercado que cubran as necesidades das pequenas empresas, microempresas e traballadores/as autónomos/as. Están dirixidas a calquera sector ou tipo de negocio.

    Ten como obxectivos modernizar o tecido produtivo español, favorecer o seu crecemento e a súa presenza en novos mercados.

  • AXENCIA GALEGA DA CALIDADE ALIMENTARIA CONVOCA AXUDAS Á NOVA PARTICIPACIÓN DE AGRICULTORES/AS EN RÉXIMES DE CALIDADE PARA O ANO 2023

    Axencia Galega da Calidade Alimentaria

    RESOLUCIÓN do 4 de abril de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas á nova participación de agricultores en réximes de calidade, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020, e se convocan para o ano 2023 (código de procedemento MR36.

    Poderán ser beneficiarias destas axudas as persoas físicas ou xurídicas, titulares de explotacións agrarias, que cumpran a condición de agricultor activo conforme o establecido no artigo 9 do Regulamento (UE) nº 1307/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, e no capítulo I do título II do Real decreto 1075/2014, do 19 de decembro, e que participen por primeira vez nalgún dos réximes de calidade dos produtos agroalimentarios definidos na letra b) do artigo 2 e recollidos no PDR de Galicia 2014-2020.

    En todo caso, a data da alta no réxime de calidade ten que ser posterior ao 18 de novembro de 2015, data de aprobación do PDR de Galicia 2014-2020, e anterior á data límite do período subvencionable que se defina en cada convocatoria. No caso do programa de calidade relativo á produción ecolóxica, tamén terá a consideración de nova participación aquela que se refira a agricultores/as que, tendo previamente actividade no dito programa, inicien a actividade de produción ecolóxica con destino ao mercado en relación con algunha nova orientación produtiva. En todo caso, esta nova orientación produtiva debe ter unha dimensión económica suficiente para superar a consideración de actividade de autoconsumo.

    Para estes efectos, no anexo III recóllense, para distintas orientacións produtivas, os valores que se deben superar para considerar que a actividade ten vocación comercial e, polo tanto, está por riba dos valores do mero autoconsumo.

    A contía da axuda será do 100 % dos gastos subvencionables realizados, sen superar os 3.000 euros anuais por explotación, durante un período máximo de cinco anos.

    Non se tramitarán expedientes cuxa contía non supere os 50 €.

    O prazo para a presentación de solicitudes comezará a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia e rematará o 26 de maio de 2023

    https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2023/20230417/AnuncioG0528-040423-0001_gl.pdf

  • XUNTA DE GALICIA CONVOCA AXUDAS ECONÓMICAS ÁS FAMILIAS CON PERSOAS EN SITUACIÓN DE DEPENDENCIA OU CON DISCAPACIDADE A TRAVÉS DO PROGRAMA RESPIRO FAMILIAR PARA PERSOAS COIDADORAS

    Consellería de Política Social e Xuventude

    ORDE do 3 de abril de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras da concesión de axudas económicas ás familias con persoas en situación de dependencia ou con discapacidade a través do programa Respiro familiar para persoas coidadoras e se procede á súa convocatoria para o ano 2023 (código de procedemento BS614B).

    Para facilitar a conciliación da vida persoal, familiar e laboral das persoas coidadoras, defínense as actuacións subvencionables a través das seguintes modalidades do citado programa:

    a) Modalidade de respiro no fogar, nas condicións detalladas no artigo 5.1, para financiar os gastos da atención puntual, integral e directa no propio fogar da persoa dependente ou con discapacidade ou en situación de necesidade de terceiros para as actividades da vida diaria, acreditada mediante informe médico e social.

    b) Modalidade de respiro en centro de día, nas condicións detalladas no artigo 5.2 para financiar os gastos da atención puntual, integral e directa en centros de día da Comunidade Autónoma de Galicia.

    c) Modalidade de respiro en residencia, nas condicións detalladas no artigo 5.3, para financiar o gasto nas estadías temporais en centros residenciais da Comunidade Autónoma de Galicia.

    Poderán ser beneficiarias das axudas deste programa aquelas persoas coidadoras habituais non profesionais que atendan de forma continuada unha ou máis persoas dependentes ou con discapacidade ou en situación de necesidade de terceiros para as actividades da vida diaria, acreditada mediante informe médico e social.

    Requisitos para acceder á subvención

    1. Para que a persoa coidadora sexa beneficiaria da subvención é necesario que concorran os seguintes requisitos:

    a) Que a persoa coidadora solicitante da subvención, ou a persoa ou persoas que ela atenda, sexan residentes na Comunidade Autónoma de Galicia.

    b) Que a persoa que se atende se encontre nalgunha das seguintes situacións:

    1º. Discapacidade física, psíquica ou mental con necesidade de axuda de terceiras persoas para as actividades da vida diaria, e ter recoñecida polo organismo competente unha discapacidade en grao igual ou superior ao 75 %.

    2º. Ter recoñecida a situación de dependencia polo organismo competente no grao II ou III.

    3º. Que a persoa que se atende, no caso de non encontrarse nas situacións enumeradas nos ordinais anteriores, presente unha situación de necesidade de terceiros para as actividades da vida diaria, acreditada mediante informe médico e social. 

    Ademais, as persoas coidadoras para seren beneficiarias da subvención teñen que cumprir os requisitos establecidos no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

    O prazo para a presentación de solicitudes comezará a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia e finalizará o 30 de outubro de 2023.

    https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2023/20230418/AnuncioG0657-050423-0001_gl.pdf

  • INEGA TEN ABERTO DESDE 2021 PROCEDEMENTO DE SOLICITUDE DE AXUDAS DIRIXIDAS A PARTICULARES PARA A INSTALACIÓN DE ENERXIAS RENOVABLES (PLAN ESTATAL)

    AXENCIA INSTITUTO ENERXÉTICO DE GALICIA

    RESOLUCIÓN do 28 de outubro de 2021 pola que se aproba a convocatoria do procedemento de concesión de axudas correspondentes ao Programa de incentivos 6 vencellado á realización de instalacións de enerxías renovables térmicas no sector residencial, no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia europeo, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU (códigos de procedemento IN422L e IN422M).

    As axudas desta convocatoria teñen como obxectivo o desenvolvemento de enerxías renovables, concretamente o desenvolvemento de enerxías renovables térmicas no sector residencial.

     Serán subvencionables os proxectos executados con posterioridade á publicación das bases reguladoras destas axudas no BOE núm. 155, do 30 de xuño de 2021; tanto as facturas como os xustificantes de pagamento deberán levar data posterior á da súa publicación.

    BENEFICIARIAS:

    a) Persoas físicas que non realicen ningunha actividade económica pola que ofrezan bens e/ou servizos no mercado.

    b) Entidades ou organizacións públicas ou privadas, sen ánimo de lucro, ou persoas xurídicas que non realicen ningunha actividade económica pola que ofrezan bens e/ou servizos no mercado, que acrediten a posta á disposición de colectivos vulnerables de vivendas sociais, sen que tal actividade, no caso de xerar algún rendemento económico, se poida considerar actividade económica para os efectos da aplicación da normativa europea de axudas de Estado, sen prexuízo da aplicación do resto de disposicións tanto de dereito nacional como da Unión Europea, particularmente as que se aproben no ámbito da execución e xestión tanto do Mecanismo de recuperación e resiliencia como do Plan de recuperación, transformación e resiliencia.

    c) As persoas físicas que realicen algunha actividade económica, pola que ofrezan bens e/ou servizos no mercado, caso en que deberán estar dados de alta no Censo de empresarios, profesionais e retedores da Axencia Estatal de Administración Tributaria, e as axudas que perciban estarán sometidas aos requisitos e límites establecidos no Regulamento (UE) nº 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis.

    d) Comunidades de propietarios, reguladas pola Lei 49/1960, do 21 de xullo, sobre propiedade horizontal, que terán que cumprir co previsto na Lei 38/2003, do 17 de novembro.

    e) As entidades locais e do sector público institucional de calquera Administración pública a que se refire o artigo 2.2 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, cando se poida excluír a existencia de axuda de estado. Considerarase que se pode excluír a existencia de axuda de Estado cando estas non realicen ningunha actividade económica pola que ofrezan bens e/ou servizos no mercado, estean considerados servizos de interese económico xeral, ou cando as medidas carezan de impacto sobre o comercio entre Estados membros ao ter un impacto puramente local. Nestes casos, só poderán recibir axudas destinadas á realización de instalacións de xeración de enerxía térmica con fontes renovables en vivendas que sexan de propiedade pública. A dita propiedade pública deberá manterse inalterada durante, polo menos, cinco anos desde a resolución de concesión de axuda correspondente.

    ENERXIAS SUBVENCIONABLES:

    BIOMASA

    XEOTERMIA E HIDROTERMIA

    AEROTERMIA

    SOLAR TÉRMICA

    A solicitude presentaraa directamente o solicitante, salvo cando este sexa unha persoa física que non realice actividade económica ou unha comunidade de propietarios, que o fará a través dunha entidade colaboradora.

    O prazo de presentación de solicitudes de axuda finalizará o 31 de decembro de 2023; ao ser inhábil prorrógase ata o 2 de xaneiro do 2024 para todas as tipoloxías de proxectos.

    Información completa: https://www.inega.gal/subvencions/subvencions/Energiasrenovables/2021/ficha_renovables2021_0008.html

    DOG: https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2021/20211109/AnuncioG0474-281021-0004_gl.html

    Real Decreto o 477/2021: https://boe.es/boe/dias/2021/06/30/pdfs/BOE-A-2021-10824.pdf

     

    ENTIDADES COLABORADORAS NA ESTRADA: 

    Listaxe de entidades que coinciden ca búsqueda
    Cod. Exp. ENTIDADE COLABORADORA Dirección Concello Provincia Teléfono
    IN422L-275 BLANCO Y NODAR S.L. AVDA. DE SANTIAGO Nº 92 ESTRADA (A) PONTEVEDRA 986571943
    IN422L-655 BREA E BARCALA, S.L. LUGAR VILABOA- CODESEDA Nº 12 ESTRADA (A) PONTEVEDRA 630921586
    IN422L-114 BUBELA GALICIA, S.L. PANADERÍA, STA CRISTINA DE VEA Nº 15 ESTRADA (A) PONTEVEDRA 652906728
    IN422L-604 ESTRADENSE DE CALEFACCON, SL RUA BAIUCA Nº 4 ESTRADA (A) PONTEVEDRA 986573654
    IN422L-158 GEINSELEC, S.L. AVENIDA BENITO VIGO Nº 78 ESTRADA (A) PONTEVEDRA 986573474
    IN422L-290 INSTALACIONES FUENTES LOPEZ SL LG – A BREA Nº 17 ESTRADA (A) PONTEVEDRA 677680548
    IN422L-47 JOSE MANUEL DACAL JUIZ LUGAR OCA DE ARRIBA Nº S/N ESTRADA (A) PONTEVEDRA 620487379
    IN422L-449 MARTIN CAMPOS CANABAL AVDA. FERNANDO CONDE Nº 80 ESTRADA (A) PONTEVEDRA 625445060

     

  • XUNTA DE GALICIA CONVOCA OS PREMIOS EXTRAORDINARIOS DE EDUCACIÓN SECUNDARIA OBRIGATORIA

    Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades

    ORDE do 31 de marzo de 2023 pola que se convocan os premios extraordinarios de educación secundaria obrigatoria ao rendemento académico correspondentes ao curso 2022/23 (código de procedemento ED311D).

    Poderanse conceder ata un máximo de 20 premios extraordinarios.

    O prazo de presentación de solicitudes será dun mes; comezará o día 31 de maio de 2023 e rematará o día 30 de xuño de 2023.

    https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2023/20230414/AnuncioG0655-030423-0003_gl.pdf

     

  • XUNTA DE GALICIA CONVOCA AXUDAS PARA PROMOVER O AUTOEMPREGO E A ACTIVIDADE EMPRENDEDORA DAS PERSOAS GALEGAS RETORNADAS

    Presidencia da Xunta de Galicia

    RESOLUCIÓN do 22 de marzo de 2023, da Secretaría Xeral da Emigración, pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, de subvencións para promover o autoemprego e a actividade emprendedora na Comunidade Autónoma galega das persoas emigrantes galegas retornadas, e se procede á súa convocatoria para o ano 2023 (código de procedemento PR937A).

    Poderán ser beneficiarias destas subvencións as seguintes persoas que, residindo fóra de España, se establezan na Comunidade Autónoma galega:

    1. As persoas galegas e nacidas en Galicia.

    2. Os/as cónxuxes ou persoas con unión análoga á conxugal e os/as descendentes por consanguinidade das persoas galegas e nacidas en Galicia.

    Para promover a creación e o desenvolvemento do autoemprego das persoas galegas retornadas e da súa descendencia que se establezan na Comunidade Autónoma galega, establécese unha contía da subvención de 6.000 euros.*

    O prazo de presentación de solicitudes comezará a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia e rematará o 29 de setembro de 2023.

    https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2023/20230413/AnuncioC3B0-220323-0003_gl.pdf

  • XUNTA DE GALICIA CONVOCA AS AXUDAS XEMPRE AUTÓNOMO PARA A PROMOCIÓN DO EMPREGO AUTÓNOMO 2023 (FONDOS EUROPEOS)

    Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade

    ORDE do 9 de xaneiro de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas Xempre autónomo para a promoción do emprego autónomo, cofinanciadas polo Fondo Social Europeo Plus no marco do Programa FSE+ Galicia 2021-2027, e se realiza a súa convocatoria para o ano 2023 (código de procedemento TR341D).

    Persoas beneficiarias e requisitos

    1. Serán beneficiarias aquelas persoas que causen alta definitiva no réxime especial de autónomos ou en calquera outro réxime especial por conta propia da Seguridade Social ou en mutualidade de colexio profesional entre o 1 de outubro de 2022 e o 29 de setembro de 2023, ambos inclusive, como titulares ou cotitulares do negocio ou explotación, sempre que cumpran as seguintes condicións:

    a) Estaren inscritas como demandantes de emprego nos servizos públicos de emprego, no momento da alta en vida laboral como persoas autónomas ou, no caso de mutualistas, mediante certificado da mutua, carecer de ocupación efectiva segundo informe de vida laboral da Tesouraría Xeral da Seguridade Social e encontrarse en tal situación na data de inicio da actividade laboral.

    b) Teren iniciada a actividade segundo definición do artigo 6.3 con anterioridade á presentación da solicitude da subvención.

    c) Estaren de alta no imposto de actividades económicas.

    d) Desenvolveren a súa actividade empresarial ou profesional en Galicia (segundo a alta no imposto de actividades económicas ou no censo de obrigados tributarios da Axencia Estatal de Administración Tributaria, modelo 036 ou 037).

    e) Teren o domicilio fiscal en Galicia.

    f) Non teren percibido subvencións ao abeiro dos distintos programas de emprego autónomo nos tres anos anteriores á data de inicio da nova actividade. Este prazo computarase desde a data de notificación da resolución de concesión da anterior subvención.

    g) Non teren desenvolvido como persoas traballadoras autónomas a mesma ou similar actividade nos seis meses inmediatamente anteriores á data de inicio da nova actividade, nin que estivesen de alta como persoas traballadoras autónomas en calquera réxime da Seguridade Social ou en mutualidade de colexio profesional, sempre que a dita situación de alta presupoña actividade nos tres meses inmediatamente anteriores. Para estes efectos, entenderase por mesma actividade a coincidencia ao nivel de 3 díxitos da Clasificación nacional de actividades económicas (CNAE). Este requisito non se aplicará cando a actividade desenvolvida fose realizada por persoas autónomas colaboradoras.

    2. As persoas traballadoras autónomas ou por conta propia poderán ser beneficiarias das axudas deste programa cando formen parte de comunidades de bens, sociedades civís ou outras entidades sen personalidade xurídica de nova creación, sempre que as soliciten a título persoal.

    Neste caso, a entidade deberá estar constituída previamente á presentación da solicitude de subvención.

    3. Quedan excluídas deste programa as persoas socias de sociedades mercantís, sociedades laborais e os autónomos colaboradores.

    Contía da subvención

    1.1. 2.000 € para persoas desempregadas en xeral.

    1.2. 4.000 € para o caso de persoas desempregadas que se inclúan nalgún dos seguintes colectivos, que non serán acumulables:

    a) Persoas menores de 30 anos.

    b) Persoas desempregadas de longa duración.

    c) Persoas desempregadas con discapacidade o en situación de dependencia.

    d) Persoas desempregadas que estean en situación ou risco de exclusión social.

    e) Persoas maiores de 55 anos.

    1.3. A contía base correspondente incrementarase nun 25 % nos seguintes casos:

    a) Se a persoa incorporada é unha muller.

    b) No caso de que o centro de traballo (ou domicilio fiscal, no caso de carecer deste) da persoa autónoma estea situado nun concello rural.

    c) Persoas maiores de 45 anos (incremento non aplicable á letra e) do punto 1.2 deste artigo).

    d) Se a persoa incorporada é unha persoa emigrante retornada ou estranxeira.

    e) Persoas trans.

    f) Profesións e oficios en que a muller estea subrepresentada, segundo informe do Instituto Galego das Cualificacións, que se reflicte na lista que figura no anexo III.

    Estes seis incrementos son acumulables e deste xeito a contía máxima posible, de aplicárense todos os incrementos, sería de 10.000 €.

    As solicitudes deberanse presentar obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede. xunta.gal

    O prazo para presentar solicitudes de axudas do programa para a promoción do emprego autónomo contará a partir do día seguinte á data de publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia ata o 29 de setembro de 2023.

    https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2023/20230124/AnuncioG0656-040123-0008_gl.pdf