Sección: Outras axudas e subvencións

  • XUNTA DE GALICIA CONVOCA AXUDAS PARA A CONTRATACIÓN DE PERSOAL ASALARIADO (SEGUNDA PERSOA CONDUTORA) E PARA O PAGAMENTO DAS PÓLIZAS DE SEGURO NO SECTOR DOS TAXIS

    CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, XUSTIZA E DEPORTES

    ORDE do 15 de maio de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas para a contratación de persoal asalariado (segunda persoa condutora) e para o pagamento das pólizas de seguros no sector dos taxis e se convocan para o exercicio 2025 (código de procedemento IF401A).

    O obxecto desta orde é fixar as bases reguladoras para a concesión de axudas ás persoas titulares de autorizacións de transporte da serie VT-N para o pagamento da póliza do seguro do vehículo e a contratación dunha segunda persoa condutora.

    Liña 1: axudas para a contratación da póliza de seguro do vehículo.

    Liña 2: contratación dunha segunda persoa condutora.

    a) Para a liña 1, poderán ser obxecto de subvención as persoas titulares de autorizacións de transporte da serie VT-N domiciliadas en Galicia e que estean vixentes e activas na data de presentación da solicitude e na data da resolución de concesión da axuda.

    b) Para a liña 2, poderá ser obxecto de subvención a contratación dunha segunda persoa condutora, a xornada completa e con dedicación exclusiva, realizadas dentro do período subvencionable, que comprende desde o 1 de outubro de 2024 ata o 30 de setembro de 2025, ambas as datas incluídas, polas persoas titulares de autorizacións VT-N domiciliadas en Galicia e que estean vixentes e activas na data da presentación da solicitude e na data da resolución de concesión da axuda.

    Actuacións subvencionables

    1. Con cargo á liña 1 desta orde, será subvencionable o pagamento dunha parte da póliza do seguro que reúna as seguintes condicións:

    a) A póliza do seguro terá que ser pagada no período subvencionable, que comprende desde o 1 de outubro de 2024 ata o 30 de setembro de 2025, ambas as datas incluídas, salvo nos supostos en que o pagamento se realice de xeito periódico ou fraccionado, suposto en que terá que ter pagado, como mínimo, o importe a que ascende a axuda da liña 1 con anterioridade á resolución de concesión.

    2. Con cargo á liña 2 será subvencionable a contratación dunha segunda persoa condutora que reúna as seguintes condicións:

    a) Contratacións dunha segunda persoa condutora , a xornada completa e con dedicación exclusiva, realizada no período subvencionable, que comprende desde o 1 de outubro de 2024 ata o 30 de setembro de 2025, ambas as datas incluídas.

    b) Pagamento da póliza do seguro, tras a contratación da persoa condutora adicional. No suposto de que o pagamento se realice de xeito periódico ou fraccionado, terá que ter pagado, como mínimo, o importe a que ascende a axuda da liña 2 con anterioridade á resolución de concesión.

    c) A contratación do seguro debe ter unha vixencia mínima de 6 meses.

    d) Engadir a segunda persoa condutora nos títulos habilitantes para a prestación da actividade de taxi.

    A contía da axuda, por cada autorización VT-N, será a seguinte:

    Liña 1: 240 €

    Liña 2: 2.000 €

    Persoas beneficiarias

    1. Poderán ser persoas beneficiarias das axudas, sen prexuízo de reuniren os demais requisitos establecidos nestas bases, as persoas físicas titulares de autorizacións administrativas de transporte vixentes, documentadas en tarxetas da serie VT-N, expedidas pola Dirección Xeral de Mobilidade ou polos servizos de Mobilidade competentes.

    2. Para xeraren dereito á axuda, as autorizacións indicadas no punto anterior deberán axustarse ás seguintes regras:

    a) Terán que estar domiciliadas en Galicia.

    b) Deberán estar vixentes e activas no momento da presentación da solicitude.

    O prazo de presentación de solicitudes comezará a contar a partir do sétimo día hábil seguinte ao da publicación no Diario Oficial de Galicia e rematará o 30 de setembro de 2025,

    https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2025/20250527/AnuncioG0759-150525-0001_gl.pdf

     

  • CONSELLERÍA DE EMPREGO, COMERCIO E EMIGRACIÓN APROBA AS BASES REGULADORAS PARA PROMOVER A PRIMEIRA EXPERIENCIA PROFESIONAL DAS PERSOAS MOZAS MENORES DE 30 ANOS MEDIANTE CONTRATOS FORMATIVOS

    CONSELLERÍA DE EMPREGO, COMERCIO E EMIGRACIÓN

    ORDE do 5 de maio de 2025 pola que se aproban as bases reguladoras para promover a primeira experiencia profesional das persoas mozas menores de 30 anos mediante contratos formativos, e se procede á súa convocatoria para o ano 2025 (código de procedemento TR353C)

    Por medio desta convocatoria, as empresas terán a posibilidade de obter axudas para a contratación de menores de 30 anos a través das seguintes liñas:

    a) Liña 1: programa de prácticas, mediante contratos para a obtención de práctica profesional, subscritos con persoas traballadoras menores de 30 anos que estean en posesión de título universitario (grao, máster ou doutoramento), ou título de grao medio ou superior, especialista, máster profesional ou certificado do sistema de formación profesional, consonte o establecido na Lei orgánica 3/2022, do 31 de marzo, de ordenación e integración da formación profesional, así como daquelas persoas que posúan un título equivalente de ensinanzas artísticas ou deportivas do sistema educativo que habiliten ou capaciten para o exercicio da actividade laboral, segundo o establecido no artigo 11 do texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, aprobado polo Real decreto lexislativo 2/2015, do 23 de outubro, para esta tipoloxía de contratos.

    b) Liña 2: programa de formación en alternancia, mediante contratos de formación en alternancia que se realicen con persoas traballadoras menores de 30 anos, e que poderán levar a cabo con persoas que carezan da cualificación profesional recoñecida polas titulacións ou certificados requiridos para concertar un contrato formativo para a obtención de práctica profesional regulada no punto 3.a). Sen prexuízo do anterior, poderanse realizar contratos vinculados a estudos de formación profesional con persoas que posúan outra titulación sempre que non tivesen outro contrato formativo previo nunha formación do mesmo nivel formativo e do mesmo sector produtivo, segundo o establecido no artigo 11 do texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, aprobado polo Real decreto lexislativo 2/2015, do 23 de outubro, para esta tipoloxía de contratos.

    Poderán ser persoas destinatarias finais destas axudas aquelas persoas mozas que cumpran os seguintes requisitos no momento da contratación para as dúas modalidades contractuais previstas:

    a) Que teñan 16 anos e non fixesen os 30 anos no momento da contratación.

    b) Que estean desempregadas (desocupadas no día inmediatamente anterior ao da data de inicio do contrato), preferentemente persoas paradas de longa duración, e que se encontren inscritas como demandantes de emprego no Servizo Público de Emprego de Galicia no momento da súa contratación. Non obstante, non se requirirá a inscrición no Servizo Público de Emprego de Galicia no caso de persoas que se encontren nalgún dos casos recollidos no artigo 4.1.a) do Real decreto lei 1/2023, do 10 de xaneiro, de medidas urxentes en materia de incentivos á contratación laboral e mellora da protección social das persoas artistas.

    c) Que non teñan unha experiencia profesional superior a un ano (365 días) no mesmo grupo de cotización en que van ser contratadas.

    Serán subvencionables ao abeiro deste programa:

    – As contratacións por conta allea de persoas mozas mediante a subscrición de contratos para a obtención da práctica profesional.

    – As contratacións por conta allea de persoas mozas mediante a subscrición de contratos de formación en alternancia.

    Os contratos terán unha duración mínima de doce (12) meses e deberán ser a xornada completa.

    Serán subvencionables nas modalidades de contrato para a obtención de práctica profesional e de contrato de formación en alternancia tanto as novas contratacións como as contratacións realizadas con anterioridade á solicitude destas axudas, sempre que se cumpran todos os requisitos recollidos nesta orde. O período durante o cal se teñen que realizar os contratos formativos para seren subvencionables será desde o 16 de outubro de 2024 ata o 15 de outubro de 2025.

    No caso de novas contratacións, o período máximo para realizalas rematará aos vinte e cinco (25) días hábiles seguintes ao da recepción da notificación da concesión da axuda e, en todo caso, o 15 de outubro de 2025.

    No caso de que o prazo de vinte cinco (25) días hábiles para a realización dos contratos for máis alá do 15 de outubro de 2025, esa será en todo caso a data límite (15.10.2025).

    O número máximo de contratos subvencionables establécese en tres (3)

    As contías máximas do incentivo á contratación por doce (12) meses a xornada completa que se concederán con carácter xeral serán as seguintes:

    a) Incentivo á contratación para as persoas mozas contratadas nos grupos de cotización 1 e 2: 16.625 €.

    b) Incentivo á contratación para as persoas mozas contratadas nos grupos de cotización 3 a 7: 13.300 €.

    c) Incentivo á contratación para as persoas mozas contratadas nos grupos de cotización 8 a 11: 9.975 €.

    O prazo xeral para a presentación das solicitudes das axudas establecidas nesta orde comezará o sétimo día natural despois da súa publicación no Diario Oficial de Galicia e rematará o 30 de setembro de 2025.

    https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2025/20250520/AnuncioG0767-060525-0001_gl.pdf

  • XUNTA DE GALICIA CONVOCA AXUDAS PARA APOIAR INICIATIVAS DE EMPRENDEMENTO (ANUALIDADE 2025)

    CONSELLERÍA DE EMPREGO, COMERCIO E EMIGRACIÓN

    ORDE do 28 de abril de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións para apoiar iniciativas de emprendemento e se procede á súa convocatoria para a anualidade de 2025 (código de procedemento TR880A)

    Esta orde ten por obxecto aprobar as bases reguladoras polas cales se rexerá a convocatoria pública de subvencións de apoio ao emprendemento para as persoas traballadoras autónomas e pequenas e medianas empresas, incluídas as cooperativas e sociedades laborais, que se atopen de alta e iniciaran a súa actividade económica desde o 1 de xaneiro de 2023 no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, e se procede á súa convocatoria para a anualidade de 2025 (código de procedemento TR880A).

    Serán subvencionables os investimentos que correspondan de xeito indubidable ao proxecto empresarial constituído ou dado de alta, segundo a natureza xurídica da entidade de que se trate, e que teña iniciado a súa actividade económica desde o 1 de xaneiro de 2023.

    En concreto:

    1º. Equipamento informático.

    2º. Activos intanxibles: activos que non teñen unha materialización física ou financeira.

    3º. Investimentos en eficiencia enerxética.

    4º. Adquisición de bens de equipamento e mobiliario

    5º. Reforma e habilitación das instalacións do local de negocio.

    6º. Gastos notariais e/ou rexistrais (gasto corrente).

    7º. Gastos de alugamento de inmobles para a realización da actividade para a que se solicita a subvención (gasto corrente).

    8º. A adquisición de activos pertencentes a un establecemento ou de bens de equipo de segunda man serán subvencionables sempre que cumpran os  requisitos establecidos nas bases.

    Os investimentos terán que estar realizados e pagados dentro do prazo de execución, que abrangue desde o 1 de xullo de 2024 ata a data da presentación da solicitude.

    A contía da axuda terá as seguintes porcentaxes de intensidade en función do rango de investimento total realizado:

    a) Con investimentos de 5.000 € ou máis ata un límite de 20.000 €, a contía da axuda será do 55 % do investimento.

    b) Con investimentos de 20.001 € ou máis ata un límite de 30.000 €, a contía da axuda será do 50 % do investimento.

    c) Con investimentos de 30.001 € ou máis ata un límite de 60.000 €, a contía da axuda será do 45 % do investimento.

    As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo I) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal).

    O prazo de presentación de solicitudes comezará o oitavo día natural seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia ata o 30 de xuño de 2025, agás no caso de que se produza o esgotamento do crédito.

    https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2025/20250513/AnuncioG0767-290425-0001_gl.pdf

  • AXENCIA DE TURISMO DE GALICIA CONVOCA AXUDAS A PROXECTOS TRACTORES DE HOTEIS BALNEARIO E HOTEIS TALASO DE GALICIA

    AXENCIA DE TURISMO DE GALICIA

    RESOLUCIÓN do 25 de abril de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, das subvencións a proxectos tractores de hoteis balneario e hoteis talaso de Galicia, no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, e se procede á súa convocatoria con carácter plurianual (2025-2026) (código de procedemento TU985G).

    Poderán ser beneficiarias destas axudas as pequenas e medianas empresas (en diante, pemes) e as grandes empresas que proxecten levar a cabo un investimento para a posta en marcha dun novo establecemento turístico localizado na Comunidade Autónoma de Galicia, considerado subvencionable ao abeiro do regulado nas presentes bases. Para estes efectos, as persoas solicitantes deberán acreditar a categoría da empresa de que se trate, pequena, mediana ou grande, no momento de presentar a solicitude da axuda.

    Será requisito da actuación subvencionable que o proxecto achegado teña como finalidade a creación dun novo establecemento de aloxamento turístico con servizo de balneario ou talaso, segundo os artigos 55, 60 e 61 da Lei 7/2011, do 27 de outubro, do turismo de Galicia, de acordo con algunha das seguintes tipoloxías:

    – Hoteis balneario.

    – Hoteis talaso.

    Pódense diferenciar como gasto subvencionable:

    a) Liña 1: construción, reforma ou rehabilitación sustentable de edificios e adaptación de infraestruturas ou instalacións para a posta en marcha dun novo establecemento turístico de aloxamento vinculado a un balneario ou talaso. Trátase de proxectos de construción, reforma ou rehabilitación sustentable de edificacións para a posta en marcha de novos establecementos turísticos de aloxamento na categoría de hoteis balneario e hoteis talaso.

    b) Liña 2: sistemas de enerxías renovables e economía circular no novo establecemento turístico vinculado a un balneario ou talaso. Trátase de medidas que contribúan á mitigación do cambio climático: mellora da eficiencia enerxética nas instalacións termais. 

     

    A contía da axuda, no caso de actuacións da liña 1, será o resultado de multiplicar o investimento subvencionable polas seguintes intensidades de axuda, segundo a categoría de empresa:

    – 35 %, no caso das pequenas empresas.

    – 25 %, no caso das medianas empresas.

    – 15 %, no caso de grandes empresas.

    A contía da axuda, no caso de actuacións da liña 2, será o resultado de multiplicar o investimento subvencionable polas seguintes intensidades de axuda, segundo a categoría de empresa:

    – 55 %, no caso das pequenas empresas.

    – 45 %, no caso das medianas empresas.

    – 35 %, no caso de grandes empresas.

    O límite máximo de axuda pública será de 1.000.000,00 euros por proxecto.

    Para estes efectos, enténdese por proxecto a posta en marcha dun novo establecemento turístico de aloxamento.

    O prazo de presentación de solicitudes será de dous (2) meses. O dito prazo comezará a contar unha vez que transcorran oito días naturais desde o seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

    https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2025/20250509/AnuncioG0256-290425-0003_gl.pdf

  • INSTITUTO GALEGO DA VIVENDA E SOLO CONVOCA AXUDAS ÁS COMUNIDADES DE PROPIETARIOS/AS PARA A REPARACIÓN, A REHABILITACIÓN E/OU ADAPTACIÓN DOS EDIFICIOS DE VIVENDAS PROTEXIDAS PROMOVIDAS POR ESTE INSTITUTO

    INSTITUTO GALEGO DA VIVENDA E SOLO

    RESOLUCIÓN do 22 de abril de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas ás comunidades de propietarios/as para a reparación, a rehabilitación e/ou a adaptación dos edificios de vivendas protexidas promovidos por este instituto, e se convocan para o ano 2025 (código de procedemento VI420A).

    Poderán ter a condición de entidades beneficiarias destas subvencións as comunidades de propietarios/as ou agrupacións de comunidades dos edificios de vivendas que estean recollidos no ámbito de aplicación, sempre que non recibisen outra axuda do IGVS para a realización de obras do mesmo concepto nos dez anos inmediatamente anteriores ao da convocatoria correspondente e, ademais, cumpran cos seguintes requisitos:

    a) Que sexan seleccionadas conforme a prelación realizada en aplicación do baremo de criterios de valoración previstos nesta resolución e conforme a disposición orzamentaria existente.

    b) Que o seu edificio reúna as necesarias condicións de seguridade estrutural. De non ser o caso, a entidade solicitante deberá acreditar a realización simultánea das obras que garantan que o edificio terá as condicións necesarias de seguridade estrutural.

    c) Que non estean incursas en ningunha das circunstancias previstas no artigo 10.2 da LSG.

    Consideraranse actuacións subvencionables todas aquelas obras destinadas á reparación, rehabilitación e/ou adaptación dos edificios incluídos no ámbito de aplicación desta resolución que comprendan todas ou algunhas das seguintes actuacións:

    a) Adecuación das condicións de seguridade: obras que proporcionen ao edificio condicións de seguridade estrutural ou construtiva, de xeito que garantan a súa estabilidade, resistencia e solidez, seguridade contra incendios, así como obras de seguridade fronte a posibles accidentes ou sinistros.

    b) Adecuación das condicións de habitabilidade: obras que proporcionen ao edificio estanquidade fronte á choiva e á humidade, illamento térmico e acústico, ou mellora das instalacións de calefacción.

    c) Adecuación funcional: obras que proporcionen ao edificio mellora dos accesos aos servizos xerais de auga, gas, electricidade, telefonía, saneamento, etc., así como a adecuación destas obras á correspondente normativa.

    d) Adecuación das condicións de accesibilidade: obras de supresión de barreiras arquitectónicas, tales como instalación de ascensores, ramplas, ou outros dispositivos de accesibilidade, incluíndo os adaptados ás necesidades de persoas con discapacidade sensorial

    O orzamento subvencionable virá definido polo custo total das actuacións subvencionadas solicitadas, que estará integrado polo custo das obras, o custo dos honorarios facultativos, o IVE correspondente, así como o custo das licenzas e tributos satisfeitos que fosen precisos por razón das actuacións.

    O prazo de presentación das solicitudes desta convocatoria será de dous meses, contados desde o día seguinte á publicación desta resolución no DOG. Se o último día for inhábil, entenderase prorrogado o prazo ao primeiro día hábil seguinte.

    https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2025/20250508/AnuncioC3Q2-240425-0005_gl.pdf

  • XUNTA DE GALICIA CONVOCA PROCEDEMENTO DE ADXUDICACIÓN DE ESTADÍAS E SERVIZOS NAS RESIDENCIAS DE TEMPO LIBRE ADSCRITAS Á CONSELLERIA

    CONSELLERÍA DE POLÍTICA SOCIAL E IGUALDADE

    ORDE do 25 de abril de 2025 pola que se convoca o procedemento de adxudicación de estadías e servizos nas residencias de tempo libre adscritas a esta consellería no ano 2025 (código de procedemento BS419A).

    Esta orde ten por obxecto convocar o procedemento de adxudicación de estadías e servizos para o ano 2025 nas residencias de tempo libre de Panxón e do Carballiño, sitas nas localidades de Panxón-Nigrán (Pontevedra) e O Carballiño (Ourense), respectivamente, e adscritas á Consellería de Política Social e Igualdade.

    Poderán ser beneficiarias todas as persoas integrantes dunha unidade familiar que teñan a súa residencia en territorio español.

    Igualmente, poderán acollerse a esta orde os galegos e galegas residentes no exterior. Non se valorarán as solicitudes que inclúan persoas que gozasen dalgunha quenda na mesma residencia nalgunha das dúas convocatorias anteriores, salvo que existan prazas vacantes na quenda solicitada.

    Os servizos que se prestan nestas residencias no ano 2025 comprenderán o aloxamento e o mantemento en réxime de pensión completa durante a quenda adxudicada ás persoas beneficiarias residentes, como se indica:

    a) Servizo de aloxamento que inclúe a limpeza diaria.

    b) Servizo de comedor en réxime de pensión completa que comprende o almorzo, o xantar e a cea.

    O servizo de comedor ofrece un menú único, sen prexuízo da atención de solicitudes de dietas individualizadas derivadas de prescrición médica, alerxias ou intolerancias alimentarias.

    Cada unidade familiar poderá solicitar, a través da persoa maior de idade que a represente, as estadías e servizos para calquera das dúas residencias de tempo libre adscritas á Consellería de Política Social e Igualdade e para unha ou varias das quendas que se detallan no anexo III, para o que debe achegar a solicitude segundo o modelo normalizado que figura como anexo I.

    O prazo de presentación de solicitudes será de dez (10) días hábiles. Este prazo comezará a computar desde o día seguinte á publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Se o último día de prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo finaliza o último día do mes.

    https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2025/20250507/AnuncioG0762-280425-0002_gl.pdf

  • XUNTA DE GALICIA CONVOCA AXUDAS ÁS ACTUACIÓNS DE MELLORA DE EFICIENCIA ENERXETICA EN VIVENDAS (PLAN ESTATAL- FONDOS EUROPEOS) (2)

    INSTITUTO GALEGO DA VIVENDA E SOLO

    RESOLUCIÓN do 22 de abril de 2025 pola que se convoca o Programa de axudas ás actuacións de mellora da eficiencia enerxética en vivendas no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, para o ano 2025, con carácter plurianual (código de procedemento VI406E).

    Persoas beneficiarias

    1. Ao abeiro dos artigos 41 e 42 do Real decreto 853/2021, do 5 de outubro, poderán ser beneficiarias das axudas as persoas físicas propietarias, usufrutuarias ou arrendatarias de vivendas, sempre que constitúan o seu domicilio habitual e permanente no momento de solicitar a axuda. Esta circunstancia acreditarase mediante certificación ou volante de empadroamento.

    2. As persoas beneficiarias das axudas poderán facultar e autorizar, mediante o correspondente acordo, que un axente ou xestor da rehabilitación actúe por conta delas. O axente ou xestor da rehabilitación é aquela persoa física ou xurídica, ou entidade pública ou privada, que poida realizar actuacións de impulso, seguimento, xestión e percepción de axudas públicas, mediante mecanismos de cesión do dereito de cobramento ou similares, acceso ao financiamento, elaboración de documentación ou proxectos técnicos ou outras actuacións necesarias para o desenvolvemento das actuacións subvencionables, ao abeiro do artigo 8 do Real decreto 853/2021, do 5 de outubro.

    Actuacións subvencionables

    1. De conformidade co establecido no artigo 43 do Real decreto 853/2021, do 5 de outubro, son actuacións subvencionables aquelas que se realicen en vivendas individuais, xa sexan unifamiliares ou pertencentes a edificios plurifamiliares, nas cales se consiga unha redución da demanda enerxética anual global de calefacción e refrixeración de, polo menos, o 7 % ou unha redución do consumo de enerxía primaria non renovable de, polo menos, un 30 %. Tamén se considerarán subvencionables as actuacións de modificación ou substitución de elementos construtivos da envolvente térmica para adecuar as súas características aos valores límite de transmitancia térmica e de permeabilidade ao aire, cando proceda, establecidos nas táboas 3.1.1.a–HE1 e 3.1.3.a–HE1, do Documento básico DB HE de aforro de enerxía do Código técnico da edificación.

    Así mesmo, as vivendas deberán contar cun certificado de eficiencia enerxética da vivenda existente no seu estado actual elaborado e asinado pola persoa competente, co contido requirido no Real decreto 390/2021, do 1 de xuño, polo que se aproba o procedemento básico para a certificación da eficiencia enerxética dos edificios, inscrito no Rexistro de Certificados de Eficiencia Enerxética de Edificios de Galicia (en diante, RGEEE) no momento da presentación da solicitude, e ter unha referencia catastral diferenciada, de xeito que non se poderá conceder máis dunha axuda por vivenda a unha mesma referencia catastral en cada convocatoria.

    O importe da subvención será do 40 % do custo das actuacións, cun límite de 3.000 euros por vivenda.

    O custo mínimo da actuación terá que ser igual ou superior a 1.000 euros por vivenda.

    As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede. xunta.gal, que se incorpora na presente resolución como anexo I.

    No modelo de solicitude constan como de obrigada consignación os seguintes campos: os datos da vivenda onde se realizan as actuacións de mellora de eficiencia enerxética, a referencia catastral, os datos dos certificados de eficiencia enerxética no seu estado actual e o previsto tras a realización das actuacións, o investimento total, o custo subvencionable, a contía da axuda solicitada, así como a anualidade prevista de finalización da execución.

    Entre a documentación a enviar DESTACAN:

    ) Proxecto da actuación que se vai realizar, subscrito por persoa técnica titulada competente ou, de ser o caso, memoria xustificativa da actuación, que deberán contar coa conformidade da persoa beneficiaria. A documentación mínima desta memoria será a descrición e a xustificación do cumprimento dos requisitos, orzamento desagregado e planos que definan completamente a actuación. Así mesmo, incluirá a contía da actuación subvencionada e da axuda solicitada.

    Certificado de eficiencia enerxética da vivenda do seu estado final, considerando executadas as actuacións previstas, realizado co mesmo programa recoñecido de certificación que o utilizado para o Certificado de eficiencia enerxética do seu estado actual ou previo á intervención, subscrito por técnico/a competente, en que se acredite o cumprimento dos requisitos establecidos para a obtención da axuda. Con este certificado xuntaranse os arquivos de cálculo (.xml, .cee ou .hee, etc.) xerados polo programa utilizado para a súa elaboración.

    *O RESTO DE DOCUMENTACIÓN PODES CONSULTALO NA ORDE: https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2025/20250429/AnuncioC3Q2-150425-0001_gl.pdf

    O prazo de presentación de solicitudes será de dous meses, o cal comeza a contar unha vez transcorridos cinco días hábiles desde o seguinte ao da publicación desta resolución no DOG. APERTURA DE PRAZO, XOVES 8 DE MAIO

    Desde o Concello da Estrada facilitamos unha listaxe de despachos de arquitectura e aparelladores/as que che poden facilitar a tramitación: LISTAXE PERSOAL TÉCNICO

    CONTACTO PARA A RESOLUCIÓN DE DÚBIDAS: 

    Teléfono: 881 045 897

    Email: Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo.

    Para a realización dos trámites administrativos de presentación da subvención desde o departamento de emprego do Concello da Estrada botámosche unha man; podes chamarnos ao teléfono 986 677 740 ou pasarte directamente polas nosas oficinas sen necesidade de cita previa en horario de 9.00 a 14.00 horas. 

    Orde da convocatoria: https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2025/20250430/AnuncioG0766-110425-0003_gl.pdf 

  • XUNTA DE GALICIA CONVOCA AXUDAS PARA A ADQUISICIÓN DE BICICLETAS CON PEDALO ASISTIDO E BICICLETAS DE MAN HÍBRIDA OU ELÉCTRICAS PARA CADEIRAS DE RODAS

    CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, XUSTIZA E DEPORTES

    ORDE do 21 de abril de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións para a adquisición de bicicletas con pedaleo asistido e bicicletas de man híbridas ou eléctricas para cadeiras de rodas, en réxime de concorrencia non competitiva, así como para a selección de entidades colaboradoras que participarán na súa xestión, e se convocan para as anualidades de 2025 e 2026 (códigos de procedemento IF319A e IF319B).

    Poderán ser beneficiarias das subvencións as persoas físicas maiores de idade que realicen a actuación subvencionable establecida no artigo 3 desta orde e estean empadroadas nun municipio da Comunidade Autónoma de Galicia, e que non obtivesen axuda para a mesma clase de obxecto subvencionado con cargo á Orde da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade do 12 de xullo de 2022 nin do 27 de abril de 2023. Adicionalmente, no caso de axudas para a adquisición de bicicletas de man, a persoa solicitante deberá xustificar un grao de discapacidade igual ou superior ao 33 %.

    O importe máximo da axuda por bicicleta de pedais nova con pedaleo asistido, que cumpra os requisitos técnicos e de equipamento establecidos no artigo 3 desta orde, será de 500 euros por bicicleta e persoa beneficiaria; non obstante, no caso de persoas beneficiarias integrantes dunha familia numerosa, o dito importe será de 600 euros, e de 700 euros no caso de que a familia numerosa sexa de categoría especial; no caso das bicicletas de man híbridas ou eléctricas, o importe máximo da axuda será, en todo caso, de 700 euros.

    O prazo de presentación de solicitudes de axuda comezará o 16 de maio de 2025, ás 10.00 horas, e finalizará o 13 de novembro de 2026 ou cando se esgoten os fondos.

    https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2025/20250430/AnuncioG0759-160425-0001_gl.pdf

  • XUNTA DE GALICIA CONVOCA AS AXUDAS REGA

    CONSELLERÍA DE CULTURA, LINGUA E XUVENTUDE

    Orde do 2 de abril de 2025 pola que se autoriza a Fundación Cidade da Cultura de Galicia para outorgar subvencións, se aproban as bases reguladoras relativas ás axudas Rega e se convocan para o ano 2025 (código de procedemento CT898A).

    Obxecto

    Ofrecer seis axudas para o desenvolvemento de proxectos artísticos con acompañamento de mentor a través de residencias. Para iso realizarase unha selección dun máximo de seis proxectos vinculados ás artes visuais, escénicas, musicais, deseño e artes dixitais valorando positivamente o enlace con outras disciplinas non recollidas nestas bases e tendo en conta o carácter híbrido da cultura actual. No caso das artes escénicas, concederanse un máximo de dúas axudas. A escolma será realizada en réxime de publicidade, obxectividade e concorrencia competitiva.

    Poderá participar nesta convocatoria calquera persoa física, estea ou non dada de alta no réxime especial de persoas autónomas, que desenvolva un proxecto artístico vencellado ás artes visuais, escénicas, musicais, dixitais ou de deseño.

    Estas persoas deberán desenvolver as residencias de traballo nos espazos dispoñibles para este cometido na Cidade da Cultura de Galicia en Santiago de Compostela, sempre que cumpran cos seguintes requisitos:

    1. Cada proxecto pode ser presentado por unha persoa física individual, estea ou non dada de alta no réxime especial de persoas autónomas. Cada participante poderá presentar unha única solicitude e non se poderá optar a máis dunha axuda por solicitude. Os proxectos serán de creación específica, orixinais e inéditos.

    2. De non cumprir con algún dos requisitos ou non poder executarse dentro do prazo determinado pola convocatoria, o proxecto quedará automaticamente excluído, e procederá a devolución das cantidades xa desembolsadas da axuda.

    Cada proxecto seleccionado recibirá unha axuda de oito mil euros (8.000 €). Nesta cantidade inclúense o seu desenvolvemento, os gastos de transporte, estancia, manutención e posibles gastos de presentación pública do proxecto.

    O prazo de presentación de solicitudes e da documentación será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

    https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2025/20250423/AnuncioG0766-040425-0001_gl.pdf

  • XUNTA DE GALICIA CONVOCA O PROGRAMA DE INCENTIVOS ÁS EMPRESAS CUALIFICADAS COMO INICIATIVAS DE EMPREGO DE BASE TECNOLÓXICA

    CONSELLERÍA DE EMPREGO, COMERCIO E EMIGRACIÓN

    ORDE do 2 de abril de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras do Programa de incentivos ás empresas cualificadas como iniciativas de emprego de base tecnolóxica (IEBT) e se procede á súa convocatoria para o ano 2025 (código de procedemento TR340E)

    1. Esta orde ten por obxecto fixar as bases reguladoras e proceder á convocatoria para o ano 2025 dos incentivos ás empresas previamente cualificadas e inscritas como iniciativas de emprego de base tecnolóxica, coa finalidade de impulsar a creación de novas iniciativas empresariais de base tecnolóxica na Comunidade Autónoma de Galicia.

    2. As axudas destínanse a sufragar as accións e os gastos establecidos en cada modalidade, que se produzan e realicen entre o 1 de outubro de 2024 e o 30 de setembro de 2025, dentro do período dun ano desde o inicio da actividade da empresa, coas particularidades que se establezan nesta orde para cada modalidade de axuda.

    Poderán ser persoas ou entidades beneficiarias dos incentivos previstos nesta orde as empresas privadas, incluídas as persoas autónomas, con domicilio social, fiscal e centro de traballo na Comunidade Autónoma de Galicia, que se constitúan e inicien a súa actividade nun prazo non superior a un ano desde que o proxecto empresarial foi cualificado como IEBT, sempre que a maioría da titularidade da empresa lles corresponda ás persoas físicas promotoras do proxecto empresarial cualificado como IEBT e se cumpran os requisitos e as condicións establecidos nesta orde para cada modalidade de axuda.

    As empresas cualificadas como IEBT poderán solicitar as seguintes modalidades de axudas dentro do primeiro ano de actividade:

    a) Subvención á creación directa de emprego estable.

    b) Axuda para o inicio e posta en marcha da actividade.

    c) Subvención para a conciliación da vida persoal, laboral e familiar das persoas promotoras.

    d) Apoio á función xerencial.

    O prazo xeral para a presentación das solicitudes das axudas establecidas nesta orde comezará aos sete días naturais contados desde o día da súa publicación e rematará o 30 de setembro de 2025.

    https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2025/20250415/AnuncioG0767-030425-0001_gl.pdf