Sección: Outras axudas e subvencións

  • CONSELLERIA DE MEDIO RURAL CONVOCA AXUDAS Á REESTRUTURACIÓN E RECONVERSIÓN DA VIÑA

    CONSELLERÍA DO MEDIO RURAL

    ORDE do 8 de abril de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas á reestruturación e reconversión da viña en Galicia e se convocan para o ano 2025 (código de procedemento MR446A).

    A axuda á reestruturación e reconversión de viñedos só poderá concederse para unha ou varias das operacións seguintes:

    a. Replantación con ou sen sistema de condución.

    b. Reconversión de viñedos por cambios de variedade: sobreenxertía.

    c. Mellora de técnicas de xestión.

    d. Replantación de viñedos cando sexa necesario tras a arrinca obrigatoria por motivos sanitarios ou fitosanitarios por orde da autoridade competente.

    Persoas beneficiarias

    1. Poderán ser beneficiarias destas axudas as persoas viticultoras e futuras viticultoras cuxos viñedos se destinen á produción de uva para vinificación e que cumpran coa normativa vixente en materia de plantacións de viñedo, para todas as superficies de viñedo da súa explotación e coas disposicións relativas ás declaracións obrigatorias do sector vitivinícola.

    2. As persoas viticultoras cuxas solicitudes de axuda fosen aprobadas en convocatorias anteriores do Programa de apoio ao sector vitivinícola (PASVE 2019-2023) ou da Intervención sectorial vitivinícola (ISV 2024-2027), segundo corresponda, non poderán acceder á axuda nas dúas convocatorias seguintes, se:

    a) Renunciaron á axuda dunha operación solicitada, unha vez aprobada, agás que comunicasen a súa renuncia no prazo de 10 días desde a súa notificación.

    b) Non solicitaron o pagamento dunha operación aprobada, unha vez finalizado o prazo para presentar a solicitude de pagamento dentro do segundo exercicio financeiro posterior a aquel en que se solicitou a axuda.

    c) Non executaron unha operación aprobada para a cal solicitaron o pagamento.

    O prazo para presentar as solicitudes será ata o 25 de abril de 2025, desde o día seguinte ao de publicación da orde no Diario Oficial de Galicia.

    https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2025/20250410/AnuncioG0426-020425-0006_gl.pdf

  • CONSELLERIA DE MEDIO RURAL CONVOCA AXUDAS Á COLLEITA EN VERDE DA VIÑA EN GALICIA

    CONSELLERÍA DO MEDIO RURAL

    ORDE do 4 de abril de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas á colleita en verde da viña en Galicia e se convocan para o ano 2025 (código de procedemento MR446C).

    A axuda á colleita en verde concederase para a acción de vendima manual e consistirá na destrución ou eliminación total dos acios de uvas de viñedos que se destinen á produción de uva para vinificación e que cumpran coa normativa vixente de plantacións de viñedo, cando aínda están inmaturos, de maneira que se reduza a cero o rendemento da parcela, sen que poidan existir uvas sen vendimar na parcela de viñedo obxecto da axuda.

    Poderán ser beneficiarias destas axudas as persoas viticultoras cuxos viñedos se destinen á produción de uva para vinificación e que cumpran coa normativa vixente en materia de plantacións de viñedo, para todas as superficies de viñedo da súa explotación e coas disposicións relativas ás declaracións obrigatorias do sector vitivinícola.

    A axuda consistirá nunha compensación ás persoas viticultoras pola perda de ingresos debida á execución da operación e nunha contribución aos custos incorridos na devandita operación.

    A compensación pola perda de ingresos consistirá nunha compensación económica do 50 % ao resultado do produto do:

    a) Rendemento medio da parcela obxecto da axuda considerando para o seu cálculo a media aritmética das tres últimas campañas vitícolas. No caso de que este rendemento medio supere o rendemento medio obtido do informe da vendima da denominación de orixe, o rendemento medio que se aplicará estará limitado polo informe da vendima.

    b) Valor medio da uva. O valor medio da uva para esta convocatoria é de 1,17 €/kg, proveniente do prezo medio da uva das últimas tres campañas de que se dispón de datos (2021, 2022 e 2023).

    A contribución polos custos incorridos será o resultado de aplicar a porcentaxe do 50 % ao custo unitario correspondente.

    O prazo de presentación iníciase o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia e finaliza o 25 de abril 2025.

    https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2025/20250409/AnuncioG0426-310325-0004_gl.pdf

  • XUNTA DE GALICIA CONVOCA O PROGRAMA CONECTA CON GALICIA NO CAMIÑO

    CONSELLERÍA DE EMPREGO, COMERCIO E EMIGRACIÓN

    RESOLUCIÓN do 3 de marzo de 2025, da Secretaría Xeral da Emigración, pola que se regulan as bases que rexerán o procedemento de concesión de axudas para a participación no programa Conecta con Galicia no Camiño, dirixido a mozos e mozas de orixe galega ou descendentes de persoas emigrantes galegas e que residan no exterior, e se procede á súa convocatoria para o ano 2025 (código de procedemento PR930D).

    Poderán participar no programa Conecta con Galicia no Camiño, que se desenvolverá entre os días 19 e 31 de xullo do ano en curso, ata un total de 120 mozas e mozos galegos con idades comprendidas entre os 18 e os 21 anos na data do inicio. Destas prazas, 96 resérvanse para residentes no estranxeiro e 24 para aqueles que residan en Galicia.

    Con carácter xeral, poderán optar a unha praza para participar neste programa os mozos e as mozas con residencia habitual no estranxeiro que cumpran os seguintes requisitos:

    a) Ter unha idade comprendida entre os 18 e os 21 anos o día 19 de xullo de 2025.

    b) Ter nacido en Galicia ou ser descendentes de persoa emigrante galega residente no exterior.

    c) Ter a nacionalidade española.

    d) Encontrarse vinculadas con calquera concello galego no Padrón de españois residentes no estranxeiro (PERE) cunha antigüidade mínima de tres (3) meses contados desde o día da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

    e) Carecer de discapacidades e outros impedimentos que lles impidan realizar a viaxe e participar con normalidade nas actividades do programa.

    Gastos subvencionables: viaxes, estadía e actividades do programa.

    A Secretaría Xeral da Emigración faise cargo da organización da viaxe, dos traslados en avión das persoas participantes residentes no estranxeiro, mediante o financiamento total ou parcial do custo dos voos de ida e volta, así como tamén, no caso de persoas que residan a máis de 400 km dos aeroportos internacionais, dos voos internos dentro do país ata o aeroporto de saída. As viaxes en avión desde o país de residencia e de volta a este serán, en todo caso, con destino e orixe nun aeroporto de Galicia. Así mesmo, inclúese o transporte daquelas beneficiarias que realicen un retorno inmediato desde a residencia ata o aeroporto de saída. Todos os gastos das persoas que opten por regresar quince (15) días despois do remate das actividades do programa serán pola súa conta (aloxamento, manutención e traslados, incluíndo o transporte ata o aeroporto de retorno). A Secretaría Xeral da Emigración faise cargo tamén dos gastos derivados do desenvolvemento das actividades do programa e da manutención de todas as persoas participantes durante os días festivos e fins de semana.

    A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude colabora na execución deste programa poñendo á disposición das persoas beneficiarias os servizos de manutención, en réxime de pensión completa, durante os días laborables, e do aloxamento nas residencias xuvenís de Altamar (situada en Vigo), e na residencia Florentino López Cuevillas (situada en Ourense), durante toda a estadía.

    O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, que empezará a contar a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

    https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2025/20250321/AnuncioG0767-030325-0001_gl.pdf

  • CONVOCATORIA EN GALICIA DO PROGRAMA DE MELLORA DA ACCESIBILIDADE EN VIVENDAS (2)

    INSTITUTO GALEGO DA VIVENDA E SOLO

    RESOLUCIÓN do 17 de marzo de 2025 pola que se procede á convocatoria das axudas do Programa de mellora da accesibilidade en e ás vivendas para o ano 2025, con carácter plurianual (código de procedemento VI435B)

    Poderán ser beneficiarias das axudas deste programa, sempre que se trate de persoas físicas ou xurídicas de natureza privada:

    a) As persoas propietarias ou usufrutuarias de vivendas unifamiliares illadas ou agrupadas en fila.

    b) As persoas propietarias ou usufrutuarias de edificios de tipoloxía residencial de vivenda colectiva.

    c) As persoas propietarias ou usufrutuarias de vivendas incluídas nun edificio de tipoloxía residencial de vivenda colectiva.

    d) As comunidades de persoas propietarias ou as súas agrupacións, constituídas conforme o disposto polo artigo 5 da Lei 49/1960, do 21 de xullo, de propiedade horizontal.

    e) As sociedades cooperativas de vivendas integradas por socios cooperativistas que precisen aloxamento para si ou os seus familiares, as sociedades cooperativas compostas de forma agrupada por persoas propietarias de vivendas ou edificios que reúnan os requisitos establecidos no artigo 396 do Código civil, así como polas persoas propietarias que conforman comunidades de persoas propietarias ou agrupacións de comunidades de persoas propietarias, constituídas conforme o disposto no artigo 5 da Lei 49/1960, do 21 de xullo.

    f) As persoas propietarias que, de forma agrupada, sexan propietarias de edificios, que reúnan os requisitos establecidos polo artigo 396 do Código civil e non tivesen outorgado o título constitutivo de propiedade horizontal.

    g) As empresas construtoras, arrendatarias ou concesionarias dos edificios, así como cooperativas, que acrediten a dita condición mediante contrato vixente a suficiente prazo coa propiedade, que lles outorgue a facultade expresa para acometer as obras de rehabilitación obxecto do programa.

    h) As persoas arrendatarias de vivendas, no suposto de que as obras ou actuacións non sexan de obrigada execución pola persoa propietaria e ambas as partes acorden que a arrendataria custee pola súa conta as actuacións de mellora da accesibilidade, con cargo a parte ou á totalidade da renda arrendaticia.

    O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, o cal comezará a contarse unha vez transcorridos 5 días hábiles desde o seguinte ao da publicación desta resolución no DOG.

    Actuacións subvencionables

    1. Consideraranse subvencionables as actuacións para a mellora da accesibilidade.

    En particular, as seguintes:

    a) A instalación de ascensores, salvaescaleiras, ramplas, automatismos para a apertura de portas, incorporando mecanismos motorizados ou outros dispositivos de accesibilidade, así como calquera medida de accesibilidade que facilite a autonomía e a vida independente de persoas con mobilidade reducida, tanto en edificios como en vivendas unifamiliares, incluíndo os dispositivos adaptados ás necesidades de persoas con discapacidade sensorial ou intelectual, así como a súa adaptación, unha vez instalados, á normativa sectorial correspondente. Inclúese a integración mediante un único mecanismo de identificación (teléfono intelixente, cámaras, pantallas ou outros dispositivos tecnolóxicos equivalentes en canto á súa funcionalidade) dos sistemas de apertura e control de accesos e doutros sistemas que necesiten control persoal e a adaptación, cando existan, á altura non superior a 1,40 m dos dispositivos xa instalados.

    b) A instalación ou dotación de produtos de apoio, tales como guindastres ou artefactos análogos, así como sistemas tecnolóxicos de guiado que permitan a localización, ou o acceso e uso por parte das persoas con discapacidade a elementos comúns do edificio, de ser o caso, tales como xardíns, zonas deportivas, piscinas e outros similares.

    c) A instalación de elementos de información, de comunicación ou de aviso, tales como sinais luminosos e visuais, vibrotáctiles ou sonoros que permitan a orientación no uso de escaleiras, ascensores e do interior das vivendas. En particular, a instalación de elementos que melloren a accesibilidade e seguridade no uso dos ascensores, como a comunicación bidireccional en cabina.

    d) A instalación de produtos de apoio á audición para a accesibilidade no contorno, como os bucles magnéticos.

    e) A instalación de elementos ou dispositivos electrónicos de comunicación entre as vivendas e o exterior, tales como videoporteiros que proporcionan información visual e auditiva e análogos.

    f) A instalación de dispositivos de alarma no ascensor que garantan un sistema de comunicación visual, auditiva e bidireccional co exterior para os casos de emerxencia ou atrapamento, así como a instalación de bucle magnético nos devanditos dispositivos.

    g) A instalación domótica e doutros avances tecnolóxicos para favorecer a autonomía persoal de persoas maiores ou con discapacidade.

    h) Calquera intervención que facilite a accesibilidade universal nos espazos do interior das vivendas (unifamiliares, agrupadas en fila ou en edificios de tipoloxía residencial colectiva) ou nos propios edificios de tipoloxía residencial colectiva obxecto deste programa, así como nas súas vías de evacuación. Inclúense obras dirixidas á ampliación de espazos de circulación dentro da vivenda que cumpran coas condicións do Código técnico da edificación no referido a vivenda accesible, así como para mellorar as condicións de accesibilidade en baños e cociñas, as modificacións e adaptacións necesarias e adecuadas ás circunstancias específicas das persoas con discapacidade que habitan as vivendas. Inclúense, así mesmo, as obras necesarias e complementarias sobre elementos directamente relacionados coa actuación de mellora de accesibilidade universal e cuxo mal estado de conservación aconselle a intervención.

    i) Calquera intervención que mellore o cumprimento dos parámetros establecidos no Documento básico do Código técnico da edificación DB-SUA, Seguridade de utilización e accesibilidade.

    En particular, a instalación de elementos que melloren a accesibilidade e seguridade de utilización nos ascensores, como a mellora da nivelación da cabina. 2. As actuacións non poderán estar iniciadas con anterioridade ao 1 de xaneiro de 2022 nin estar finalizadas con carácter previo á publicación desta resolución no DOG.

     A contía máxima das axudas non poderá superar os seguintes límites:

    a) 12.500 euros por vivenda, cando se solicite para actuacións correspondentes a vivendas unifamiliares illadas ou agrupadas en fila. Esta axuda poderá incrementarse ata 15.000 euros por vivenda se reside unha persoa con discapacidade e ata 18.000 euros por vivenda se esta acredita un grao de discapacidade recoñecido igual ou superior ao 33 %.

    b) 9.000 euros por vivenda e 90 euros por metro cadrado de superficie construída de local comercial ou outros usos compatibles, cando se solicite para actuacións correspondentes a edificios de vivendas de tipoloxía residencial colectiva. Para poder computar a contía establecida por cada metro cadrado de superficie construída de uso comercial ou outros usos será necesario que os predios correspondentes participen nos custos de execución da actuación. Esta axuda poderá incrementarse ata 15.000 euros por vivenda se reside unha persoa con discapacidade e ata 18.000 euros por vivenda se esta acredita un grao de discapacidade recoñecido igual ou superior ao 33 %.

    c) 6.000 euros por vivenda, cando se solicita para actuacións correspondentes a vivendas situadas en edificios de tipoloxía residencial colectiva. Esta axuda poderá incrementarse ata 15.000 euros por vivenda se reside unha persoa con discapacidade e ata 18.000 euros por vivenda se esta acredita un grao de discapacidade recoñecido igual ou superior ao 33 %

    d) O 60 % do custo da actuación. Esta porcentaxe poderá incrementarse ata o 80 %, se na vivenda ou unha das persoas que resida no edificio sexa unha persoa con discapacidade ou maior de 65 anos.

    2. O límite unitario das axudas establecido nas letras a), b) e c) poderá ser incrementado en 3.000 euros máis por vivenda en edificios ou vivendas declaradas ben de interese cultural (en diante, BIC), catalogados ou que conten con algún nivel de protección no instrumento de ordenación urbanística correspondente.

    3. O custo das actuacións subvencionables poderá incluír os honorarios dos profesionais intervenientes, o custo da redacción dos proxectos, de ser o caso, os informes técnicos e certificados necesarios, os gastos derivados da tramitación administrativa e tributos, sempre que todos eles estean debidamente xustificados. 4. Para a determinación da contía da axuda cada vivenda debe contar coa súa referencia catastral propia. Noutro caso, computarase, para os efectos da axuda, un edificio como unha única vivenda.

    https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2025/20250319/AnuncioC3Q2-130325-0002_gl.pdf

    Desde o departamento de emprego do Concello da Estrada botámosche unha man para a súa tramitación. Podes pasarte polas nosas oficinas sen necesidade de cita previa ou chamarnos ao teléfono 986 677 740 en horario de 9.00 a 14.00 horas.

     

  • XUNTA DE GALICIA CONVOCA O PROGRAMA DE AVAIS PARA A ADQUISICIÓN DE VIVENDAS

    INSTITUTO GALEGO DA VIVENDA E SOLO

    RESOLUCIÓN do 17 de marzo de 2025 pola que se aproban as bases reguladoras do Programa de avais para a adquisición de vivenda, se dá publicidade ao convenio que asinarán entre este instituto e as entidades financeiras para a súa concesión e se procede á convocatoria do programa para o ano 2025 (código de procedemento VI402B).

    O Programa de avais ten por obxecto prestar unha cobertura temporal e financeira, de carácter persoal, para a adquisición da primeira vivenda por aquelas persoas que, na data de presentar a correspondente solicitude, teñan menos de trinta e seis anos. O límite de idade non será de aplicación no caso de tratarse da adquisición dunha vivenda cualificada definitivamente como vivenda de protección autonómica de réxime xeral, especial ou concertado.

    Requisitos para poder ser persoa beneficiaria do programa

    1. Para poder ser beneficiaria do programa é preciso que na data da presentación da solicitude se cumpran os seguintes requisitos:

    a) Que a persoa solicitante, que deberá ser quen vaia adquirir a vivenda, posúa a nacionalidade española ou a dalgún dos Estados membros da Unión Europea. En caso de persoas estranxeiras provenientes de países terceiros, estes deberán contar con autorización de estadía ou residencia en España. No suposto de que a vivenda sexa adquirida por máis dunha persoa, todas elas deberán cumprir este requisito.

    b) Que a persoa solicitante sexa maior de idade e teña menos de trinta e seis anos no momento da presentación da solicitude. No suposto de que a vivenda se adquira por máis dunha persoa, todas elas deberán cumprir este requisito. O límite dos trinta e seis anos non será de aplicación cando se trate da adquisición dunha vivenda protexida.

    c) No suposto de que se trate da adquisición dunha vivenda protexida, ser adquirente ou adxudicataria, en primeira ou sucesivas transmisións, e ter acreditado no correspondente expediente o cumprimento dos requisitos de acceso a unha vivenda protexida exixidos pola normativa reguladora destas vivendas.

    d) Que a persoa solicitante estea empadroada en Galicia. No suposto de que a vivenda sexa adquirida por máis dunha persoa, todas elas deberán cumprir este requisito.

    e) Que a persoa solicitante dispoña duns ingresos mínimos de 2 veces o IPREM e uns ingresos máximos de 5,5 veces o IPREM. A devandita porcentaxe máxima será do 6,5 veces o IPREM, se a vivenda é adquirida por máis dunha persoa. Nestes casos, os límites de ingresos mínimos e máximos sinalados aplicaranse tendo en conta a suma dos ingresos de todas as persoas adquirentes da vivenda.

    2. Así mesmo, para a obtención do aval é preciso que concorran os seguintes requisitos:

    a) Que a vivenda para a cal se outorga a garantía estea situada na Comunidade Autónoma de Galicia e vaia ser destinada a residencia habitual e permanente da/das persoa/s adquirente/s durante, cando menos, todo o período en que estea vixente a garantía.

    b) No suposto de adquisición dunha vivenda protexida, a vivenda debe ter sido cualificada definitivamente como vivenda protexida de protección autonómica de réxime xeral, especial ou concertado na data de publicación da correspondente convocatoria.

    c) Que o prezo de adquisición da vivenda, sen os gastos e tributos correspondentes, non supere os prezos indicados a continuación, segundo a zona territorial do concello en que se localice a vivenda, de conformidade co anexo II:

    – Concellos correspondentes ao ámbito territorial de prezo máximo superior: 260.000 euros.

    – Concellos correspondentes á zona territorial 1: 210.000 euros.

    – Concellos correspondentes á zona territorial 2: 180.000 euros.

    O importe máximo dos avais que poderán contar coa garantía do IGVS con cargo á anualidade 2025 será de cinco millóns de euros (5.000.000,00 €).

    Poderán acollerse a este programa todas as operacións de financiamento de adquisición de vivenda, con garantía hipotecaria sobre a vivenda cuxa adquisición se está financiando, coa condición de que as ditas operacións de financiamento queden dentro dos parámetros e límites fixados no Programa de avais para adquisición de vivenda.

    En virtude do previsto neste convenio e para cada operación de financiamento cuberta por el, o IGVS avalará fronte á entidade financeira, como máximo, o 20 % do prezo da compravenda, ou do valor de taxación, se este fose inferior, salvo que o importe da operación de financiamento sexa inferior, suposto en que a garantía prestarase ata un 20 % do importe da operación de financiamento con garantía hipotecaria.

    https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2025/20250319/AnuncioC3Q2-130325-0001_gl.pdf

  • CONVOCASE EN GALICIA O BONO ALUGUEIRO Á MOCIDADE (2)

     INSTITUTO GALEGO DA VIVENDA E SOLO

    RESOLUCIÓN do 18 de febreiro de 2025 pola que se procede á convocatoria do programa de Bono alugueiro mocidade para o ano 2025, con financiamento plurianual (código de procedemento VI482E).

    Esta resolución ten por obxecto convocar para a anualidade 2025, con carácter plurianual, o programa Bono alugueiro mocidade para facilitar o desfrute dunha vivenda ou habitación en réxime de alugamento ou de cesión de uso á mocidade con escasos medios económicos, mediante o outorgamento de axudas directas ás persoas arrendatarias ou cesionarias (código de procedemento VI482E).

    Requisitos das persoas beneficiarias 

    a) Ter menos de 36 anos no momento de solicitar a axuda.

    b) Posuír a nacionalidade española ou a dalgún dos Estados membros da Unión Europea ou do Espazo Económico Europeo, Suíza, ou o parentesco determinado pola normativa que sexa de aplicación. No caso das persoas estranxeiras non comunitarias deberán acharse en situación de estadía ou residencia regular en España.

    c) Ser titular ou estar en condicións de subscribir na Comunidade Autónoma de Galicia, en calidade de persoa arrendataria, un contrato de alugamento de vivenda formalizado nos termos da Lei 29/1994, do 24 de novembro, de arrendamentos urbanos, ou, en calidade de persoa cesionaria, dun contrato de cesión de uso. No caso de alugamento de habitación non é exixible que a formalización sexa nos termos da Lei 29/1994, do 24 de novembro.

    d) Dispoñer de, polo menos, unha fonte regular de ingresos.

    f) Que a vivenda ou habitación arrendada ou cedida constitúa, no momento da solicitude, a súa residencia habitual e permanente, no caso de que teña contrato. A dita circunstancia deberá ser acreditada mediante certificado ou volante de empadroamento, nos termos previstos nesta resolución.

    Concederaselles ás persoas beneficiarias unha axuda de 250 euros mensuais, co límite da renda mensual, do prezo da cesión ou, de convivir con outras persoas, do importe que lle corresponda satisfacer á persoa beneficiaria

    A axuda concederase ás persoas beneficiarias polo prazo de dous anos.

    O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, o cal comezará a contarse unha vez transcorridos cinco días hábiles desde o seguinte ao da publicación desta resolución no DOG.

    APERTURA PRAZO SOLICITUDE: XOVES 27 DE FEBREIRO

    As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal, e que se incorpora nesta resolución como anexo I.

    Documentación complementaria

    a) Documentación acreditativa da representación da persoa que actúe no nome da persoa solicitante, de ser o caso. A representación deberá acreditarse a través do modelo normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia ou por calquera outro medio válido en dereito. O modelo normalizado pódese descargar na seguinte ligazón: https://sede.xunta.gal/modelos-normalizados

    b) Contrato de alugamento de vivenda formalizado nos termos da Lei 29/1994, do 24 de novembro, ou, se é o caso, contrato de alugamento de habitación ou contrato de cesión de uso.

    c) Referencia catastral da vivenda, no caso de que non figure no contrato.

    d) Documento asinado pola persoa arrendadora en que conste o importe da renda ou prezo de cesión individualizado, no caso de que estean incluídos os gastos de comunidade e/ou anexos, como garaxes ou rochos, cuxo importe non estivese desagregado.

    e) Compromiso asinado pola persoa arrendadora e arrendataria/s da formalización dun contrato de alugamento ou cesión de uso, no caso de non dispoñer de contrato, en que consten os seguintes datos:

    – O importe da renda ou prezo da cesión individualizado, sen incluír os anexos da vivenda e gastos de comunidade.

    – O concello onde se localice a vivenda.

    – A referencia catastral da vivenda.

    – As persoas arrendatarias que subscribirán o dito contrato

    – A data de efectos económicos do contrato.

    f) Certificado ou volante de empadroamento colectivo, en que conste a data da solicitude, as persoas que teñen o seu domicilio habitual e permanente na vivenda obxecto de alugamento ou cesión ou en que se localice a habitación obxecto de alugamento ou cesión, no caso de que teña contrato. Para estes efectos, recoñeceranse os certificados expedidos nos tres meses anteriores á data de presentación da solicitude. No caso de que na vivenda resida unicamente a persoa solicitante, o certificado deberá facer constar expresamente esta circunstancia.

    g) Documentación xustificativa da fonte regular de ingresos da persoa solicitante. Para estes efectos, poderán achegarse:

    – Contrato de traballo por conta allea, de ser o caso

    – Contrato de persoal investigador en formación, de ser o caso.

    – Certificado acreditativo da percepción dunha prestación social pública de carácter periódico, contributiva ou asistencial, de ser o caso.

    – Calquera outra documentación que xustifique algunha das fontes regulares de ingresos nos termos das bases reguladoras e da convocatoria.

    Acceso á orde de convocatoria: https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2025/20250220/AnuncioC3Q2-070225-0001_gl.pdf

    ACCESO Á SOLICITUDE: https://sede.xunta.gal/detalle-procedemento?codtram=VI482E&ano=2025&numpub=1&lang=gl

    No caso da Estrada, botarémosche unha man para a súa tramitación desde o departamento de EMPREGO E XUVENTUDE. Podes chamarnos ao teléfono 986 677 740 ou pasarte poloas nosas oficinas sen necesidade de cita previa en horario de 9.00 a 14.00 horas.

  • AXENCIA DE TURISMO DE GALICIA CONVOCA AXUDAS PARA ACTUACIÓNS DE MELLORA DAS INFRAESTRUTURAS DOS ESTABLECEMENTOS TURÍSTICOS DE ALOXAMENTO E RESTAURACIÓN EN GALICIA

    AXENCIA DE TURISMO DE GALICIA

    RESOLUCIÓN do 26 de decembro de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións para actuacións de mellora das infraestruturas dos establecementos turísticos de aloxamento e de restauración da Comunidade Autónoma de Galicia, e a súa convocatoria por anticipado de gasto para o ano 2025 (código de procedemento TU503A).

    Poderán ser persoas beneficiarias das subvencións as persoas físicas e xurídicas titulares de establecementos turísticos de aloxamento e de restauración que reúnan os requisitos establecidos nestas bases e que teñan autorizado ou clasificado, conforme estableza a normativa turística, no Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas da Xunta de Galicia (en adiante, REAT), o establecemento turístico para o cal se solicita a axuda, con base nos artigos 50 e 51 da Lei 7/2011, do 27 de outubro, do turismo de Galicia.

    Gastos subvencionables

    1. Considéranse gastos subvencionables os investimentos netos nos que incorrese a entidade solicitante como consecuencia da realización de proxectos acordes cos requisitos e criterios indicados.

    2. Ademais dos gastos de obra vencellados coa execución do proxecto, serán gastos subvencionables os servizos profesionais vinculados ao proxecto, como honorarios técnicos de redacción do proxecto e de dirección de obra.

    Os honorarios técnicos non serán superiores ao 6 % do investimento neto admitido.

    3. Non son gastos subvencionables aqueles conceptos que non estean directamente relacionados coa actuación subvencionable e, en ningún caso, os seguintes:

    a) Adquisición de terreos, edificacións, locais e elementos de transporte.

    b) Gastos correntes da empresa e a adquisición de material non inventariable, así como enxoval de cociña e comedor, enxoval das habitacións e baños, e adquisición de bens de embelecemento e decoración de estancias.

    c) Obras de mantemento do establecemento, entendendo por tales as que se realizan periodicamente para manter a edificación en perfecto uso (limpeza de canlóns, pintura, arranxos de carpintaría,…).

    d) Seguros, taxas por autorizacións administrativas, licenzas ou similares.

    e) Gastos de conectividade.

    f) Activos adquiridos mediante leasing ou renting nin os que fosen fabricados, realizados ou desenvolvidos pola entidade solicitante.

    O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación.

    https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2025/20250211/AnuncioG0256-270125-0001_gl.pdf

  • XUNTA DE GALICIA CONVOCA PARA O APOIO Á CONSOLIDACIÓN DAS ENTIDADES DE ECONOMÍA SOCIAL (BONO CONSOLIDA ECONOMÍA SOCIAL)

    CONSELLERÍA DE EMPREGO, COMERCIO E EMIGRACIÓN

    ORDE do 27 de decembro de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións para o apoio á consolidación das entidades da economía social de Galicia Bono consolida economía social e se procede á súa convocatoria para a anualidade 2025 (código de procedemento TR802L).

    Entidades beneficiarias 

    As sociedades cooperativas, sociedades laborais, empresas de inserción e centros especiais de emprego previstas no artigo 6 da Lei 6/2016, do 4 de maio, da economía social de Galicia que cumpran os seguintes requisitos:

    a) Figurar inscritas como tales nos correspondentes rexistros administrativos da Comunidade Autónoma de Galicia.

    b) Ter presentadas as contas anuais do último ano no Rexistro Mercantil, no Rexistro de Cooperativas ou no Rexistro de Fundacións, segundo corresponda á súa forma xurídica. No caso de centros especiais de emprego que teñan forma xurídica de asociación, deberán ter aprobado o balance e conta de resultados pola súa asemblea xeral.

    c) Acreditar unha antigüidade de 42 meses na data de solicitude.

    d) Ter a capacidade administrativa, financeira e operativa para cumprir as condicións da axuda.

    A contía da axuda será equivalente ao 80 % do custo total dos gastos subvencionables, cos límites seguintes:

    – 5.000 € para cada un dos gastos incluídos nos conceptos 3, 8, 9, e 10 do artigo 6.

    – 600 € para cada actividade formativa, das incluídas no concepto 12 do artigo 6, que realice cada persoa socia da entidade que estea de alta no réxime especial de traballadores autónomos.

    O límite máximo das axudas establécese en 30.000 € por cada entidade solicitante.

    No caso de que se solicite unha contía superior, concederase de acordo coa orde de prelación establecida no artigo 6 desta orde.

    O prazo de presentación de solicitudes será de dous meses, que comezará a contar a partir do oitavo día hábil seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia, agás que se produza o suposto de esgotamento do crédito

  • XUNTA DE GALICIA CONVOCA AXUDAS PARA PROMOVER AUTOEMPREGO E A ACTIVIDADE EMPRENDEDORA DAS PERSOAS GALEGAS EMIGRANTES RETORNADAS

    CONSELLERÍA DE EMPREGO, COMERCIO E EMIGRACIÓN

    RESOLUCIÓN do 3 de xaneiro de 2025, da Secretaría Xeral da Emigración, pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, de subvencións para promover o autoemprego e a actividade emprendedora na Comunidade Autónoma galega das persoas emigrantes galegas retornadas, e se procede á súa convocatoria para o ano 2025 (código de procedemento PR937A)

    Poderán ser beneficiarias destas subvencións as seguintes persoas que, residindo fóra de España, se establezan na Comunidade Autónoma galega:

    1. As persoas galegas e nacidas en Galicia.

    2. Os/as cónxuxes ou persoas con unión análoga á conxugal e os/as descendentes por consanguinidade das persoas galegas e nacidas en Galicia.

    Todas as persoas solicitantes deberán cumprir os seguintes requisitos na data de presentación da solicitude:

    a) Acreditar a condición de persoa beneficiaria de acordo co disposto no artigo 3.

    b) Estar en posesión da nacionalidade española antes do retorno a España.

    c) Ter residido no estranxeiro e que a data do retorno a España sexa a partir do 1 de xaneiro de 2023, incluído.

    d) Estar de alta no réxime especial de autónomos ou en calquera outro réxime especial por conta propia da Seguridade Social ou en mutualidade do colexio profesional, en todo caso, con anterioridade á presentación da solicitude.

    e) Residir nun concello da Comunidade Autónoma de Galicia. 

    f) Exercer a actividade empresarial ou profesional na Comunidade Autónoma de Galicia (segundo a alta no imposto de actividades económicas ou no censo de obrigados tributarios da Axencia Estatal de Administración Tributaria, modelo 036 ou 037).

    g) Ter o domicilio fiscal en Galicia.

    No caso de que a actividade se realice a través dunha empresa, este requisito referirase ao domicilio fiscal desta.

    h) Non ter sido beneficiaria desta axuda ao abeiro de anteriores convocatorias.

    i) Non incorrer en ningunha das circunstancias e prohibicións para obter a condición de persoa beneficiaria de subvencións enumeradas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia

    Para promover a creación e o desenvolvemento do autoemprego das persoas galegas retornadas e da súa descendencia que se establezan na Comunidade Autónoma galega, establécese unha contía da subvención de 6.000 euros. O importe da subvención incrementarase no caso de concorreren as seguintes situacións e nos seguintes importes, que serán acumulables:

    a) No caso de que a persoa solicitante sexa muller: 1.000 euros.

    b) No caso de que o centro de traballo (ou domicilio fiscal, no caso de carecer deste) estea situado nun concello rural: 3.000 euros. CASO DA ESTRADA

    O prazo de presentación de solicitudes comezará a partir do oitavo día natural seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia e rematará o 30 de setembro de 2025.

    https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2025/20250130/AnuncioG0767-030125-0002_gl.pdf